martes, 24 de febreiro de 2026

O SEIXEDO NO PASADO E NO PRESENTE

  Nas Crónicas de Arteixo desta semana facemos unha viaxe no tempo, unha viaxe na que podemos ver varios puntos do lugar do Seixedo, na parroquia de Oseiro, en épocas distintas.

  Á parte da orixe pétrea do topónimo (seixo=pedra/rocha/zona de moita pedra), o nome do Seixedo tamén vén do río que nace cerca da estación de Bregua (Culleredo), discorre por Canzobre (Morás) e entra na parroquia de Oseiro por Ponte, pasando logo polo Seixedo antes de verter as súas augas no encoro do Roxedoiro e desembocar na praia de Sabón.

  Antigamente, O Seixedo tamén era coñecido co nome de As Casillas, xa que alí estaba (e segue estando) a casa, a casilla, dos legoeiros ou peóns camiñeiros, que eran as persoas encargadas do coidado das estradas e camiños públicos.

  O cometido destes peóns era arranxar unha legua (de aí o nome de legoeiros), antiga medida de lonxitude que equivale aproximadamente a cinco quilómetros.

  A casa dos legoeiros do Seixedo, que era coñecida como a “do Capataz”, era a segunda que había na estrada A Coruña-Fisterra. A primeira estaba en San Xosé, xusto na entrada da actual refinería. A terceira estaba en Lañas, e as seguintes en Fofelle (Lestón, A Laracha) e Proame (Lemaio, A Laracha).

  O Seixedo de antano eran unhas 20 ou 25 casas, situadas todas elas na confluencia das estradas C-552 e C-410. Algunhas destas vivendas desapareceron nos anos 60 a raíz das expropiacións para a construción do Polígono Industrial de Sabón.

  O Seixedo de hogano é coñecido, principalmente, por varios locais de hostalaría situados no lugar, algunha que outra industria que xa leva anos asentada na zona, pola súa Área Recreativa, e tamén pola rotonda, a rotonda do Seixedo, pola cal pasan a diario miles de vehículos que circulan polo noso municipio.

  Deseguido, aí van cinco imaxes do Seixedo de antano e outras cinco do Seixedo de hogano, unhas e outras tomadas aproximadamente no mesmo punto.









Ningún comentario:

Publicar un comentario