martes, 13 de outubro de 2015

ETNOGRAFÍA

O MILLO

     O millo é un cereal que procede de América, donde ao longo dos séculos fora a alimentación básica de civilizacións como a dos maias, dos aztecas ou a dos incas. Trala conquista do continente americano, chegaria á Península e, según as primeiras referencias escritas, na Galiza empezaríase a cultivar en 1610 na zona do Barbanza.

     Sementábase nas nabeiras e donde se repetía cultivo non se abonaba. Destinábase para o consumo humano, para manter ao gando e ás galiñas, e o que sobraba vendíase. O cereal cultivábase nas variedades amarelo, reino, pego, etc. , mais o que facía mellor pan era o branco.

     Os traballos empezaban en abril ou maio coa sementeira. Tradicionalmente un home dirixía o arado tirado polo gando para remover e airear a terra, mentres que unha muller espallaba tras del a semente, arroxándoa ao chou mentres outras persoas ían detrás cubrindo o gran con aixadas. Mais había outros xeitos de facer a sementeira: trazando os sucos, para logo, cun cordel, marcar as distancias ás que había que botar a semente. Esta sementábase á man ou, nalgúns lugares, con bastón de madeira para facer o burato. Co tempo aparecerían as sementadoras, que falicitarían, e de que xeito!, o traballo.
Traballando a terra no lugar que hoxe ocupa a refinería de Meicende
     
     Ao remate da sementeira pasábase a grade para desfacer os terróns e deixar achanzado o terreo. Nalgúns sitios pasaban despois o caínzo ou canizo para completar esta última tarefa.

     Cando a planta medía aproximadamente unha cuarta, o que acontecía polo mes de xuño, sachábase e rareábase para sacarlle as malas herbas. No mes de xullo arrendábase, cavando de novo para volver a quitar as malas herbas e arrimar a terra ao pé da planta. Era tamén o tempo de colocar os espantallos para os paxaros e, para que non o comese o porco teixo, había quen queimaba trapos a carón do millo pois, o cheiro, seica espantaba a este animal.

     Cando o millo estaba xa maduro, entre setembro e outubro, recollíase e segábase polo pé cunha fouce. A espiga sacábase e a cana dábaselle ao gando. Tamén había quen recollía só as espigas deixando os talos na leira para esterco. Nalgunhas casas a esfollada facíase coa axuda da veciñanza ou ben de xornaleiros, polo que non era raro que a esfolla rematase nunha foliada.

     Estes contos sobre o millo están explicados en tempo pasado, pois os cultivos de hoxe pouco teñen que ver cos de antano, mais iso si...nas milleiras de Arteixo afortunadamente aínda podemos escoitar abundante léxico (sachar, arrendar, rarear, esfollar, debullar, escotar...), mais a ver ata cando! 
Traballando a terra en Meicende






 



    













FONTES:
-"A cultura tradicional galega desaparecida", Antonio Rodriguez Cabanas
-"O millo". CEIP Sofía Casanova
-AA.VV. Bens (fotografías)
-Departamento Normalización Lingüística Concello de Arteixo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario