martes, 27 de outubro de 2015

CONTOS, LENDAS, MITOS, FESTAS E TRADICIÓNS

TEMPO DE CASTAÑAS (II)
(relato de Carme, a de "Cóntame un Conto" da desaparecida Radio Municipal de Arteixo)


     E digo "tempo de castañas" e non "magosto" porque esta última palabra é de recente introducción na nosa área lingüística a través dos medios de comunicación e dos libros. Tamén podería falar de "Santos" pero daquela reduciría ese tempo a tan só o mes de outubro.

     Contan os vellos que a castaña foi base da súa alimentación noutros tempos xunto coa pataca. Para conservar a castaña o resto do ano secábana. Este proceso duraba varios meses porque primeiro poñíase ao sol durante un ou dous meses os ourizos e despois escachábanse e as castañas conseguidas deixábanse secar ao sol e ao aire ata que daban "o piollo". O resto do ano comíanse estas castañas crúas, cocidas ou en caldo. O caldo facíase con fabas encarnadas de tres anadas, graxa, patacas e castañas.

     Eu recordo cando neste tempo se enchían as fragas e os montes de xente que andaba ás castañas. Era un bo exercicio que hoxe se practica máis na praza que no monte.

     Coa mesma claridade permanece na miña memoria as noites a carón da lareira estonando nas castañas para despois facer un "gamusto". Ao mesmo tempo comía castañas crúas e castañas asadas na brasa do lar. E nunca se me podía esquecer que había que triscalas por un lado, senón saltaban coma as ascuas. Despois poñíase a pota ao lar con auga, castañas e nébeda ou fiúncho e só quedaba que o gamusto cocese. E polo medio das castañas peladas botábaselle algún "zoncho" ou castaña coa tona. Con estes zonchos seica se facían rosarios que se vendían nas feiras, colgábanse ao pescozo e mentres ían comendo ían quitando zoncho a zoncho (a castaña que está baleira chámaselle "boleca")...todo un mundo de nomes para referirse ao mesmo froito e que da proba da importancia da castaña na nosa cultura. 

1 comentario: