venres, 23 de outubro de 2015

HOSTALERÍA

TABERNA "A BAIUCA"

Na taberna "A  Baiuca" con Bieito, "Guitarras" e "Manín"
     Hai algún tempo que Bieito e Marisa decidiron coller outro camiño e deixar a súa taberna "A Baiuca", que levaban rexentando dende había case tres anos...pois ben, ese momento chegou e esta fin de semana será o derradeiro, con eles ao fronte, dun dos lugares máis entrañables e máxicos de Arteixo.

     Bieito, se os seus compromisos con "Lúar na Lubre" llo permitían,
estaba alí, na taberna, polas mañáns e polas tarde-noites, xa acompañado
de Marisa, de luns a sábado. Nos primeiros meses de vida do establecemento tamén estiveron un tempo detrás da barra Juan e Miriam, e posteriormente incorporaríase ao "equipo" Isabel.

     Traballar de tabernir@ é un oficio duro e hai que estar moitas horas agarrad@ á barra para rendabilizar o negocio, aparte de entender de sicoloxía e darlle a cada cliente o trato e atención que merece. Bieito e Marisa abofé que o conseguiron (falo do trato e de exercer de sicólogos) e dentro dese estado de suxestión, tamén conseguiron que a súa taberna fose o lugar ideal para "arteixear" e "baiucar", cumprindo perfectamente a súa labor de oficiosa embaixadora de galeguidade en Arteixo.

     Teño que recoñecer que eu só era cliente habitual os venres ás noites, día de foliada, día no que de cando en vez os arteixáns tiñamos o luxo de contar coa presencia na taberna de grandes músicos do país e, tamén do concello, como Oscar Miranda ou Víctor Iglesias. Os venres, día de foliada, o cruce xeracional que se podía ver na taberna cantando cancións populares galegas era ben fermoso, espectacular...hoxe é venres, día de foliada, o derradeiro venres de foliada con Bieito e Marisa ao fronte do negocio!

     Que pechen estos lugares de grata convivencia e filosófico discurrir que son as tabernas como "A Baiuca" é sempre unha gran perda. Arteixo está de loito. Bieito, Marisa: grazas mil por estos case tres anos!


Ningún comentario:

Publicar un comentario