domingo, 4 de outubro de 2015

CONTOS, LENDAS, MITOS, FESTAS E TRADICIÓNS

O TEMPO DAS CASTAÑAS

     Xa está aquí o outono, e vendo os castiñeiros cargadiños de ourizos, non podo evitar botar a vista atrás, cando a castaña era a lambonada indicada para agasallar a unha moza garrida nos bailes do salón de Figueiroa.

Xa ven vindo o outono
o tempo das esfolladas
para ir comer coas rapazas
catro castañas asadas

     Non era moi típico por aquí iso de facer gamustos, a non ser o día de Santos. Os máis vellos contaban que si, que hai moitísimos anos a castaña era tan importante como hoxe o é a pataca. Iso si, non hai tantos que o caldo de castañas se facía na Coresma en tódalas casas da parroquia.

     No salón, eu mercáballe as castañas á señora Carme de Santaia, que as vendía en zonchos envoltos en panos para conservar o calor. A señora Jesusa da Xílgara tamén facía bos zonchos, pero saíanlle moitas bolecas.

     Non era complicado pillar moza de arraigo no salón de Oseiro. Primeiro convidábala a unhas castañas, e despois a bailar a conga. Se a cousa ía ben, non tardabas en levala ao rincón, lonxe de miradas indiscretas.

     De non ser polos zonchos da señora Carme, seguramente eu non estaría casado hoxe.

     ¡Que ben sabían as castañas aquelas!

   

 



        











(un veciño de Oseiro)

Ningún comentario:

Publicar un comentario