domingo, 27 de setembro de 2015

VIRXE DE PASTORIZA

UN OFRECEMENTO

   Calquera dos festivos deste mes terei que ir cumplir o ofrecemento. O meu home houbo morrer no mar media ducia de veces, e eu sei que é a Virxe de Pastoriza a que mira que non lle pase nada. A verdade é que lle debo moito a esta Santiña.

A Virxe de Pastoriza
que si se leva na barca
aló no medio no mar
tódalas augas aparta

     Teño que estarlle agradecida, e o mellor que podo facer é ir á romaría. Hai uns kilómetros que andar, e ben podería ir no coche de liña "a Superiora", pero sería como facer trampa.

Pescador que andas pescando
péscame unha robaliza
pra levarlla de regalo
á Virxe de Pastoriza

     Ofrecida irei; pero ninguén me aparta de ir xantar despois coma unha raíña. No lugar que lle dían As Bordeiras hai un garnacho no que preparan os mellores callos que nunca probei.

A Virxe de Pastoriza
ten un barquiño no mar
¿quen llo dou? ¿Quen llo daría?
Quen llo dou puídullo dar

     Para rematar a festa acercareime ao Salón da Roxa para escoitar á orquesta Patolos, como fixen hai uns anos. Aquí foi onde coñecín ao meu home...é que eu débolle moito a esta Santiña.


Unha veciña de Loureda (Publicado no Boletín Informativo Municipal)

Debuxo do ano 1902 do Santuario de Pastoriza 

Ningún comentario:

Publicar un comentario