venres, 18 de setembro de 2015

HISTORIA DO CONCELLO

A RELACIÓN DE PORLIER CON ARTEIXO

     Nado no ano 1788 en Cartaxena de Indias (Colombia), o xeneral Juan Díaz Porlier, un dos máis célebres "guerrilleiros" da chamada Guerra da Independencia (1808-1814), garda unha incógnita sobre a súa orixe paterna, xeneralmente atribuída ao tamén Mariscal de Campo Esteban Porlier y Asteguieta, Marques de Bajamar, razón pola cal o protagonista desta historia era coñecido asimesmo polo alcume do "Marquesito" ou "Marquesillo", que tería o seu bautismo de fogo, como garda mariña, aos dezasete anos nunha acción tan importante como a de Trafalgar (21 de outubro de 1805). Non tardaría en pasar ao exército de terra, onde sería destinado como capitán ao reximento de Mallorca, mais ao organizarse o exército de Extremadura por mor do levantamento contra a invasión napoleónica, Porlier ascendería en 1808, aos vinte anos de idade, ao emprego de Coronel, co cal tomaría parte na tamén desgraciada batalla de Gamonal, batalla na que se encargaría de xuntar os dispersos das tropas españolas para organizar partidas que acosaban e inquietaban as retagardas francesas por terras de Palencia, León, Asturias e Cantabria.

     No mes de maio de 1811, en plena guerra contra as tropas francesas, "O Marquesito" casa aos vintetrés anos con Josefa Queipo de Llano y Ruiz de Saravia, irmá do famoso político e historiador Conde de Toreno, casamento que axudaría a encuadralo ante a opinión española da época no bando chamado "liberal".

     Os anos de 1812, no que fora promulgada polas Cortes a Constitución (reunidas extraordinariamente en Cádiz o 19 de marzo, día da promulgación da "Pepa") e 1813 aportarían a Porlier novos e destacados triunfos que acrecentarían a súa popularidade de experto caudillo, entre os cales resulta, ante todo, a conquista de Santander (2 de agosto de 1812), en combinación coa frota do Comodoro inglés Sir Home Pophan, e a victoria de San Marcial (31 de agosto de 1813), que lle valería o ascenso a Mariscal de Campo.
Juan Díaz Porlier
     O ano 1814 principiaría con malos auspicios para este persoeiro. En primeiro lugar, co falecemento o 3 de xaneiro da súa filliña Juana, aos dezaoito meses. Posteriormente, unha vez rematada a Guerra da Independencia, vería incumpridas as súas demandas para a Comandancia da Costa de Cantabria e para a concesión da Orde Militar Nacional de San Fernando, á que se consideraba con sobrados méritos. Por último, ao voltar a España Fernando VII, "el Deseado", e principiar a súa reacción absolutista perseguindo aos liberais e derogando a Constitución, unhas cartas indiscretas motivarían a súa detención o 28 de maio e o seu conseguinte procesamento, en virtude do cal sería condenado á pena de confinamento por catro anos na Coruña, sendo encarcelado no castelo de San Antón.

     O gobernador do castelo trataríao coa maior deferencia e permitiríalle numerosas visitas, entre elas a da súa muller Josefa Queipo de Llano, e pasear polo adarve das murallas. Se cadra tales condescendencias deran lugar a que Porlier entrara en relación con militares e civís descontentos do goberno da "camarilla" que rodeaba a Fernando VII e que lle convidaba a exercer un despotismo severo, que descuidaba as necesidades dun exército que vivía na miseria polo atraso das pagas, chegando algúns oficiais á triste necesidade de mendigar para subsistir. Ante as moitas queixas que chegaban aos seus oidos, Porlier chegaría a concibir a idea de "pronunciarse" en favor do restablecemento da Constitución de 1812, que o monarca Borbón derogara o 4 de maio de 1814.

     Con tal fin, "o Marquesito" solicitaría do Rei autorización para trasladarse ao Balneario de Arteixo para atender a súa saúde e a da súa muller. O 18 de agosto de 1815 recibíase na Coruña a autorización solicitada, e o Capitán Xeral Felipe de Saint Marcq designa ao Capitán Castañera do reximento de Lugo para que, ao mando dun sarxento, tres cabos e doce soldados do seu Corpo custodie a Porlier durante a súa viaxe e estadía en Arteixo, que se emprende o día 20.

     Finalmente, tras un novo permiso, o matrimonio Porlier Queipo e a servidume instalaríanse en Pastoriza, na casa de campo do seu amigo Andrés Rojo del Cañizal, casa que actualmente é o Restaurante Vilariza e na que permanecerían aproximadamente un mes.
Casa de Andrés Rojo del Cañizal, hoxe Restaurante Vilariza
     En Pastoriza, recibe Porlier numerosas visitas de xefes e oficiais que han de cooperar ao seu intento de rebelión, que se inicia na noite do 18 ao 19 de setembro, na que "o Marquesito" entra na Coruña pola Torre de Abaixo, ponse en relación coa súa xente e consegue sublevar ás tropas da guarnición, detendo ao Capitán Xeral e ao Gobernador Militar, proclamándose Comandante interino do Reino de Galiza.

     Na madrugada do 19 comezan a aparecer persoaxes da trama que permanecían ocultos traballando polo restablecemento da Constitución. Entre eles destaca como principal Manuel de Santurio García-Sala, o que máis influirá no desenvolvemento do Pronunciamento como elaborador das proclamas que Porlier dirixe ao Concello da Coruña, á Audiencia Territorial, á Nación Española, aos soldados do exército do reino de Galiza, ao Correxidor da Coruña, e o Bando aos habitantes de esta poboación, etc...

     Mais o Pronunciamento non atoparía eco nin entre os habitantes da cidade herculina, que o recibirían con indiferencia, nin entre as demais guarnicións de Galiza, excepto na de Ferrol, que se sumaría o día 20. Por riba, a de Compostela, onde se xuntaran perto de 4.000 homes de tropas regulares, financiadas polo clero e ao mando do Mariscal de Campo José Imaz, o Brigadier José Pescy e os Coroneis Antonio Alonso Ortega e José Miranda, púxose en contra do Pronunciamento de Porlier e das súas ideas liberais.

     En vista disto, o noso persoeiro determinaría saír da Coruña, para someter a Santiago, ao fronte dunha columna composta por varios batallóns de infantería e algunhas pezas de artillería. Tal columna partiría na madrugada do día 22, baixo o mando do Capitán Castañera, incorporándose a ela "o Marquesito" nas cercanías de Carral, desde donde todos proseguiron a marcha ata a alcanzar Ordes ás cinco da tarde do mesmo día.

     Deixando acampadas as súas tropas, Porlier retírase a descansar con algúns oficiais a un mesón (o actual Mesón de Deus) situado a poucos metros, desde donde redactaría varios escritos, un deles dirixido a súa muller Josefa.
Aforcamento de Porlier
     Cando o Mariscal Imaz tomaba posición coas tropas da guarnición de Compostela, unha inesperada visita que se presentou nas súas liñas na medianoite do 22 ao 23 de setembro faría cambiar o rumbo da historia: era un sarxento chamado Antonio Chacón de Granadeiros de Mariña, quen lle manifestou a Imaz que él e outros dos seus compañeiros que formaban parte da columna de Porlier, subleváranse
contra éste e tíñano apresado xunto á maioría dos oficiais que o acompañaban, no mesón no que ían pasar a noite.

     Unha vez comprobada a noticia, Imaz enviaría ao Coronel Miranda con dúas compañías para facerse cargo dos presos, que serían encerrados previamente na cárcere da Inquisición de Compostela e trasladados posteriormente ao castelo de San Antón e Cárcere Real da Coruña, donde Porlier sería sometido a un xuízo sumarísimo que o condenaría á pena de "degradación y muerte en la horca", que se efectuaría o 3 de outubro de 1815 no Campo da Leña.

Monumento de Porlier no Campo da Leña
¡De xeito tan despreciable quitábase a vida ao que fora un dos heroes máis notables da loita antinapoleónica e a un dos mártires da liberdade: Juan Díaz Porlier!













FONTES:
-Juan Priego López, Coronel de Estado Mayor
-"El Marquesito Juan Díaz Porlier (1788-18159". Rodolfo G. de Barthèlemy (seudónimo)



Ningún comentario:

Publicar un comentario