domingo, 20 de setembro de 2015

VIRXE DE PASTORIZA

UN CONTO DA VIRXE:
(Víctor Iglesias García)

  Heivos de contar un conto, deses que aínda non se levaron ao papel, pero que de cando en vez escapan das pedras do lar.

     A historia fala dunha rapaza moi fermosa e ben feita que tiña un pretendente namorado perdidamente dela. O rapaz víase continuamente rexeitado, pero o caso deste conto foi que á rapaza déralle un aire porqueiro na pel, e a súa fermosura víase minguada.

     A mociña foi a un médico da Laracha, que lle chamaban Maximino Cacheiro, e recibiu tratamento de xaropes, pomadas e inxeccións. Aínda así, o aire porqueiro non foi a mellor, e a rapaza foi visitar a unha meiga no lugar do Sixto, preto da igrexa parroquial de Arteixo. A meiga doulle o seguinte remedio:

     "Has dar uns  paseíños espida polo medio das canles dunha leira de trigo, procurando que as espigas che rocen a pel nove veces e máis unha sen contar"

     A rapaciña despúxose a facelo, pero cando ía entrar entre o trigo, xa espida, aquel mozo que a pretendía viuna, e foi atrás dela. Pouco a pouco ían apurando o paso ata chegar a andar ás carreiras; ela diante e él atrás. A rapaza, véndose atrapada clamaba ao ceo:

     "¡Virxe de Pastoriza me valla! Heille pagar unha misa se escapo..."

     E o rapaz respondíalle:

     "Pois eu heille dar dúas se te atrapo"

     E a Virxe, sendo santa, foi egoista, que levou as dúas misas.

Romaría de San Miguel a principios do século pasado











                                                                                              









(relato publicado no Boletín Informativo Municipal de Arteixo)


Ningún comentario:

Publicar un comentario