O que queira mel
que cape polo San Miguel,
e o que queira abellas
que cape polas Candeas.
Este dito popular lémbranos a conveniencia de capar as abellas, e o mes de San Miguel era o escollido polos meleiros que pateaban as parroquias arteixás chegados dende Pontevedra. Disto xa hai cincuenta ou sesenta anos e, naqueles tempos, era ben normal que polo menos houbese un cobo en cada casa. A única preocupación que causaba a colmena (aparte da capalas no seu tempo) era que houbese preto flores que producisen un mel sabedor. Xestas, uces ou breixos producen mel de mala calidade, sendo moi apreciado o mel de abellas pastadas en romeu.
Meleiro extraendo un panal |
O traballo de capar era cousa destes meleiros pontevedreses. Extraían os panais espantando as abellas con fumazos. Logo exprimían estos panais enriba dunha caldeira de cobre con pouco lume. Gota a gota, ía xurdindo o mel, gordo como as papas de millo e sabedor como as pedras de azucre.
Os panais, tras perder o mel, transformábanse en boliñas de cera que se usaban para facer velas, unhas velas que, unha vez apagadas, deixaban nos cuartos da vivenda un agradable aroma de mel.
Os meleiros non cobraban polo traballo máis que a cera que saía dos panais. Ademais, deixábanlle ao dono da casa unha esmola de dous reais para as ánimas da familia, e co fin de desexar unha boa colleita para o ano seguinte.
(Relato de Víctor Iglesias García publicado no Boletín Informativo Municipal)
Ningún comentario:
Publicar un comentario