venres, 10 de marzo de 2017

ALEX LOMBARDERO, O CAMPIÓN DO MUNDO DE OSEIRO

     En ocasións, o fútbol vólvese tan desalmado como a existencia de calquera. Se cadra porque o chamado deporte rei tamén consista non perpetuo desencontro ou, acaso, porque neste xogo todas as nosas esperanzas convírtense tarde ou cedo en torpes verdades ou, tal vez, porque ninguén, en ningunha das realidades, fútbol e vida, sexa quen de prever que a mala sorte poida cruzarse no risoño destino de un. Así lle aconteceu ao protagonista desta historia, a quen os infortunios da vida levaríano a retirarse dos terreos de xogo con tan só 27 anos por mor dunha extraña enfermidade dexenerativa.

     Fillo do leonés José Antonio Lombardero e da asturiana María Luisa Menéndez, que chegaran a Arteixo nos anos 70 por motivos laborais procedentes de Madrid, Álex daríalle as primeiras patadas a un balón nas rúas da Urbanización Sol e Mar de Oseiro, o lugar no que se instalara a familia despois de residir durante un tempo na parroquia de Loureda. 

     Nado o 1 de marzo de 1979, dende moi meniño xa apuntaba maneiras e víase que tiña unhas innatas condicións para a práctica do fútbol, condicións que non tardarían en despertar o interés de varios equipos da Coruña, sendo o Montañeros o que finalmente se faría cos seus servizos. De aí pasaría ao Imperator, cadro co que quedaría imbatido, tanto no campionato ligueiro como na Copa, e co que se proclamaría campión galego xogando ao carón de seu irmán Óscar, un ano máis novo que el. Aqueles son tempos nos que o rapaz da popular barriada de Oseiro empezaría a contar tamén coa confianza dos técnicos da selección coruñesa, Cedeira e Agulló, e o da galega, Fernando Blanco, quenes o citarían de xeito habitual para os compromisos nos diferentes torneos das categorías inferiores. O bo facer de Álex tampouco pasaría desapercibido para Teodoro Nieto, responsable da selección española Sub-15, que convocaría ao arteixán para participar en Francia no Torneo Mundial de Montaigu disputado en abril de 1994 onde, os da camiseta vermella, quedarían clasificados no sétimo lugar. 

     Posteriormente, nun abrir e pechar de ollos, Lombardero abandonaría o Imperator e probaría fortuna en Xixón, a cidade natal de súa nai María Luisa, onde forma parte do plantel do cadro xuvenil de primeiro ano do Sporting. Alí, os responsables de Mareo, vendo que ese equipo quedáballe pequeno, subiríano de contado ao da División de Honra, no que Álex nunca se sentiría o suficientemente cómodo e, por iso, acabaría recalando nos xuvenís do C.D. Lugo na tempada 1996/97.

     A chegada á cidade das murallas cambiaría, e de que xeito, a vida do fillo maior de José Antonio e María Luisa, un rapaz que sendo aínda xuvenil debutaría en Segunda División B co primeiro equipo na primeira xornada da campaña seguinte, nun partido que os lucenses empatarían a un gol no Anxo Carro contra o Real Madrid B. Gonzalo Edrosa, técnico do Lugo naquela altura, seguiríalle dando confianza ao mozo de Oseiro que, ao longo desa tempada disputaría en Segunda B un total de 26 partidos nos que anotaría 5 tantos. Álex tamén debutaría por aqueles días, o 2 de outubro de 1997, coa selección española Sub-18 da man de Andoni Goicoetxea en partido correspondente de clasificación para a Eurocopa no que España acadaría unha victoria frente a Bélxica por 2-0. O noso futbolista marcaría o primeiro gol e sería sustituído por Mario Alberto Rosas no minuto 75. Unhas semanas máis tarde, o 5 de novembro, anotaba o segundo tanto na victoria por 0-2 ante Bélxica e, o 20 dese mesmo mes, xogaría 75 minutos de titular no triunfo ante Italia por 1-3. Nesa Eurocopa, na que faría boa amistade con Puyol, o futuro capitán do F.C. Barcelona, Lombardero proclamaríase máximo realizador do campionato empatado a goles co italiano Fabrizio Miccoli, co tempo dianteiro da Juventus, da Fiorentina ou, entre outro clubes, do Benfica. Naquela campaña 97/98 Álex tamén formaría parte da selección española Sub-18 que se enfrontou en partido amigable á Francia dos Thierri Henry, Anelka, Trezeguet e compañía con motivo da inauguración do estadio de Saint Denis o 28 de xaneiro de 1998 e, un mes despois, viaxaba a Uruguai para disputar o Mundialito Álvaro Fabián Perea Barrospe baixo as ordes do adestrador Iñaki Sáez.

     Vendo o prometedor futuro da xoven estrela, a directiva do Lugo ofreceríalle por aqueles días o seu primeiro contrato profesional, establecendo unha escandalosa cláusula de rescisión de 500 millóns das antigas pesetas, contrato que Álex asinaría converténdose no primeiro xuvenil en ter unha cláusula tan elevada.    

Álex Lombardero, primeiro pola dereita, en Nixeria
   O centrocampista de Oseiro segue entrando nos plans do técnico do Lugo, Gonzalo Edrosa, durante a tempada 98/99 na que xoga en 31 partidos e anota dous tantos. O seu gran desparpaxo, velocidade e desborde confirmaban en cada partido que o equipo lucense tiña nas súas mans un verdadeiro diamante en bruto, bo facer que o levaría a recibir a chamada da selección española Sub-20 de Iñaki Sáez, para xogar o Torneo Atlántico nas illas Canarias en xaneiro de 1999 e, pouco despois, a disputar en Nixeria o Mundial da categoría durante o mes de abril xunto a nomes tan importantes como Iker Casillas, Aranzubía, Xavi Hernández, Marchena, Yeste, Gabri...Mundial no que tamén xogaron tipos como Ronaldinho, Simao, Ashley Cole, Milito, Cambiasso ou Forlán. Álex Lombardero, que vestía o dorsal 14 no campionato, non xogaría no debut ante Brasil (2-0), disputaría 18 minutos ante Zambia (0-0), a segunda parte frente a Honduras (3-1) e non sairía en octavos ante Estados Unidos (3-2). Iñaki Sáez daríalle a oportunidade na prórroga dos cuartos de final ante Ghana, partido no que o centrocampista arteixán anotaría o segundo penalti da tanda, tralo empate a un final. Despois de gañar a Mali en semifinais e golear a Xapón na final, choques nos que o noso protagonista non participaría, España coroábase campiona do mundo, que significaba o maior éxito do fútbol base estatal en toda a súa historia e que marcaría un antes e un despois no balompé, ao demostrar que os xogadores de estatura baixa como Xavi Hernández ou o propio Álex Lombardero tiñan cabida na elite dando paso ao chamado tiquitaca..."el fútbol se juega con los pies, y si yo pienso más rápido que tú y entre mi cabeza y mis pies el balón está más cerca de mi solo puedes correr detrás. Al fútbol se juega por el suelo", afirmaría Xavi ao longo da súa carreira ducias de veces.

Álex, co dorsal 14, celebrando cos seus compañeiros o título mundial Sub-20
   A partir de aquí, ao arteixán abriríaselle un mundo e tería a sorte de palpar, mínimo, dúas opcións polas que decantarse. Mais ás veces por sensibilidade, ás veces por confusión, case nunca escollería a adecuada. Á volta de Nixeria e unha vez rematada a tempada co Lugo, o presidente do Mérida, José Fouto, persuasivo como poucos, rescátaoo do océano de ofertas que rondaban ao xogador de Oseiro, un futbolista que tivera contratos económicos moi superiores enriba da mesa, mais que se decantaría polo cadro extremeño de Segunda División porque creía que sería mellor trampolín para a súa carreira. De entrada parecía non equivocarse. Paco Herrera facíao debutar na categoría de prata na primeira xornada no partido Leganés-Mérida (1-1) e, ao longo do curso, disputaría un total de 26 partidos nos que anotaría tres tantos contra o Tenerife, Recreativo de Huelva e Las Palmas. Lombardero tamén debutaría naquela tempada 1999/00 na selección Sub-21 xunto ao seu compañeiro Unai e, pouco despois, entraría na preselección para as Olimpiadas de Sídney 2000. A campaña en Segunda co Mérida, do que a partir da xornada 15 se fixera cargo Juan Señor, estaba sendo espectacular e ata acadaría os cuartos de final da Copa do Rei, o teito dos extremeños na competición do KO. Despois de eliminar ao Talavera, Betis (0-1 en Sevilla con gol de Álex), e ao Oviedo, o Real Madrid cruzaríase no seu camiño, un equipo branco que se clasificaría para semifinais inxustamente. No Santiago Bernabeu, onde o arteixán entraría na segunda parte, o Mérida daríalle un baile considerable aos Casillas, Salgado, Hierro, Roberto Carlos, Guti, Raúl e compañía quenes, con todo, acabarían gañando por 1-0 e, en Mérida eliminarían aos locais na prórroga. A aquel mazazo copeiro dos extremeños habería que sumarlle outro máis, xa que perderían o ascenso á Primeira División na última xornada do campionato ligueiro no Vicente Calderón ante o filial do Atlético Madrid. Rematada a competición, as cousas empezaríanse a torcer xa que a maioría dos seus compañeiros denuncian ao clube por impagos. Él decide non facelo e non romper a súa vinculación co Mérida, que acabaría desaparecendo. O futbolista de Arteixo non cobrou o que se lle debía e, por ter contrato en vigor cun equipo en proceso de liquidación, sufre inconvenientes burocráticos que lle impedirán xogar boa parte da tempada seguinte, a pesar de ter un acordo co Betis.

Álex coa camiseta do Atlético de Madrid
     Despois disto, empeza a adestrar co Atlético de Madrid no primeiro ano dos atléticos en Segunda e, tras disputar un partido amigable na pretempada, Paolo Futre, que naquela hora era o director técnico, dille que vaia ás oficinas do clube porque o quere a toda costa. Mais, despois de asinar co Atlético, Álex segue sen poder xogar por mor do problema dos seus dereitos federativos e, finalmente, remataría aquela campaña 2000/01 xogando once partidos en Segunda B co filial ao mesmo tempo que adestraba con Marcos Alonso no primeiro equipo colchoneiro, onde coincidiría cun tal Fernando Torres, daquela un rapaciño de 16 anos. Nesa altura, o lendario presidente Jesús Gil quixo atar a Lombardero cun contrato de longa duración, oferta que o centrocampista de Oseiro non aceptaría porque non estaba pola labor de arrancar outra vez dende o Atlético B e marchou cedido ao Ceuta. 

     Alí, no conxunto do norte de África, con Carlos Urúe no banco, xoga 22 partidos e proclámase subcampión do grupo IV da Segunda B, bo facer que chamaría a atención do presidente do Compostela, José María Caneda. Naquel intre xa había rumores de que o equipo de Santiago tiña grandes problemas económicos, mais Álex fíase de Caneda, quen lle di que se tranquilice e que se esqueza das informacións que aparecen nos medios. "Nada máis asinar, vai e desaparece o clube. Non cheguei nin a adestrar", lembraba recentemente o futbolista arteixán quen, a falta dun día para que se pechara o mercado de fichaxes, se decanta polo Díter Zafra, mais non tardaría en asinar un precontrato co Racing de Santander. Cos extremeños Álex disputaría 31 partidos nos que anota tres tantos, cifras que non evitarían o descenso do Díter á Terceira División.

     Na seguinte tempada, a 2003/04, xoga no Racing de Santander B, onde intenta apurar as súas derradeiras opcións de chegar á Primeira División. Álex, que acabaría disputando 34 partidos en Segunda B nos que anota cinco goles, empeza a campaña realmente ben e as súas boas actuacións co filial racinguista non pasarían desapercibidas para Lucas Alcaraz, que o fai adestrar habitualmente co primeiro equipo. Mais, cando parecía que o seu soño de debutar na máxima categoría estaba cerca, o seu rendimento baixa de xeito esaxerado quedando, unha vez máis, ás portas de Primeira. 

     Tralo paso fugaz por Santander, Lombardero acaba na tempada seguinte no Alavés que, naquela hora, xogaba na Segunda División con futbolistas da talla de Bonano, Téllez, De Lucas, Bodipo ou Nené, que non tardaría en asinar co PSG, futbolistas que ao remate da campaña acadarían o ascenso á Primeira. O arteixán só participa en dous partidos, o disputado en Mendizorroza na primeira xornada contra o Valladolid (2-4) e o da sétima, tamén na casa, contra o Pontevedra (3-2). Ante a falta de oportunidades ao longo do campionato, no que empeza a ter contínuos problemas físicos que lle impiden rendir como o facía antes, pídelle ao presidente da entidade, o extravagante Piterman, saír do equipo porque ten a posibilidade de ir xogar a China, opción que quedaría descartada polo rexeitamento de Piterman, feito que levaría a Álex a rematar a campaña no equipo filial, o Alavés B, con quen xoga trece partidos no grupo II da Segunda B e marca un gol. 

     Na tempada 2005/06 asina co Gramanet. Alí disputa 28 partidos nos que anota catro tantos que axudan á entidade catalana a acadar a cuarta praza do grupo IV de Segunda B e a disputar o playoff de ascenso. Nese curso, o seu corpo segue enviándolle sinais de que algo non vai ben, pequenas molestias, problemas de pube...Continúa na Gramanet na campaña seguinte, a 2006/07, exercicio no que despois de xogar 13 partidos e anotar dous goles, diagnostícanlle un problema dexenerativo nos ósos, unha desas enfermidades raras que só padece unha persoa de entre un millón. O día que llo dixeron os médicos, o noso protagonista despertou do seu soño de xogar en Primeira División. Ese soño que tivo tan cerca e que tan a punto estivo de conseguir, desgraciadamente, como a tantos outros, escaparíaselle. 

     Confirmada a noticia de que tiña que deixar o fútbol, que fora o único que fixera ata aquel entón, véuselle o mundo enriba e "para máis inri", a Gramanet, en vez de apoialo naqueles momentos tan duros fixo o posible por botalo deixándolle de pagar e dándoo de baixa polos seus problemas na cadeira. Doído polo comportamento do clube catalán, Álex intentou falar cos seus dirixentes e chegar a un acordo, mais dixéronlle que xa tiñan a decisión tomada e que fixera o que creera oportuno. O arteixán decidiu, entón, denunciar á entidade por despido improcedente e estaría moito tempo litigando con eles nos xulgados para que lle pagaran os seis meses de contrato que lle debían. Finalmente a xustiza daríalle a razón.

     No momento que colgou as botas, Álex tiña 27 anos e ao pouco, ao cabo de dous meses, colocáronlle dúas próteses nas cadeiras que, á larga, derivarían nunha invalidez do 40%. Por primeira vez na súa vida tívose que buscar un futuro en algo que non era xogar ao fútbol. Primeiro traballou nunha empresa de protección xurídica como tramitador. Logo, estaría de olleador no Racing de Santander na zona de Cataluña. E por último, atoparía traballo na ONCE vendendo cupóns na localidade extremeña de Calamonte, onde vive actualmente coa súa muller Nani e as dúas fillas do matrimonio, Claudia e Paula.

     A día de hoxe o arteixán segue ligado ao mundo do fútbol xa que é o responsable da Escola Deportiva Calamonte que coordina o seu cuñado Calixto e, ademais, estase preparando para ser adestrador e aspirar algún día a devolverlle ao fútbol o pouco que éste lle diu ao noso ilustre veciño de Oseiro campión daquel Mundial Sub-20 xunto aos Casillas, Xavi, Marchena e compañía...un Álex que curiosamente ten o extraño récord de coincidir cos que se cadra foron os catro presidentes máis extravagantes do fútbol español daquel entón: Fouto do Mérida; Jesús Gil do Atlético de Madrid; Caneda do Compostela; e Piterman do Alavés. 

      

3 comentarios:

  1. Coñecino a él e a seu pai sendo clientes da farmacia onde eu traballaba.Eu deixei o traballo cando él triunfaba na SUB-20 e algúnha vez pregunteime como lle iría a aquel rapaz que, con orgullo, seu pai contaba o seu devenir no mundo do futbo. Alégrome un montón de volver a saber del.

    ResponderEliminar
  2. Coñecino a él e a seu pai sendo clientes da farmacia onde eu traballaba.Eu deixei o traballo cando él triunfaba na SUB-20 e algúnha vez pregunteime como lle iría a aquel rapaz que, con orgullo, seu pai contaba o seu devenir no mundo do futbo. Alégrome un montón de volver a saber del.

    ResponderEliminar