mércores, 15 de xaneiro de 2020

O PAZO DE GONDREO E A LIÑAXE DOS POMBO DE SORRIZO EN COLOMBIA (I)

      Houbo un tempo no que en Sorrizo podíanse admirar varias casas e pazos de rancio avoengo, lucindo os seus antigos escudos nas fachadas: o Pazo das Covadas, antiga posesión dos Riobóo, Villardefrancos, Castro ou, entre outras estirpes, dos Figueroa; o Pazo de Arixón, de situación incerta hai quen o sitúa fora da parroquia, concretamente no lugar de Corteo, en Monteagudo; o coñecido como o do Fidalgo, no Igrexario, sobre o que algúns veciños contan que o escudo desta casa está na actualidade nunha vivenda de Anzobre; o de Cortiñas, na Lagoa; e o Pazo dos Pombo, en Gondreo, do cal soubemos da súa existencia recentemente.
 
Casa de Gondreo
  Agochado entre as abondosas informacións dos irmáns Alberto e Arturo García Garrafa na Enciclopedia Heráldica y Genealógica Hispano Americana publicada en 1923, os autores mencionan o Pazo de Gondreo ao referirse a liñaxe dos Pombo de Sorrizo:
   “En una certificación y ampliación de Armas dada por D. Ramón Zazo y Ortega y fechado en Madrid el 20 de diciembre de 1775, se hace referencia a una información de nobleza rendida por Martín Pombo, en nombre y con poder de un nieto suyo residente en Popayán (Colombia), y de esta información consta la siguiente genealogía.
I. El citado Martín Pombo y su esposa doña Alberta Rodríguez de Grela, vecinos de la parroquia de San Martín de Razo y dueños de la casa y pazo de Villar de Cidre y de la casa y pazo de Gondreo, que se mantenían en aquellos tiempos con sus escudos de armas en sus respectivas fachadas, fueron padres de:
II. Juan Pombo Rodríguez de Grela, que contrajo matrimonio con doña Juana López de la Guerra, apellidada también Juana Gómez, hija de Martín López de la Guerra y de doña Jacinta Gómez, vecinos de la parroquia de Monteagudo, perteneciente al municipio de Arteixo y partido judicial de A Coruña y dueños de la casa de Sande (…).”
Casa de Gondreo
    Non sabemos se a “casa y pazo de Gondreo” nomeada anteriormente é a mesma da imaxe, casa que a día de hoxe é propiedade do señor Antonio e da señora Maruja, unha muller que non ten ningún vencello cos Pombo, aínda que non descarta que ese fora o apelido dos anteriores propietarios da vivenda na que se criou: “ a casa comprouna meu bisavó hai moitos anos do Noso Señor a uns señores que non sei como se chamaban. Tampouco nunca vin tal escudo, pero claro, aquí fixéronse moitas reformas!

   O que si podemos confirmar e que efectivamente, segundo as informacións dos irmáns García Garrafa, Martín Pombo, señor das Casas de Vilar de Cidre (Razo, Carballo) e de Gondreo (Sorrizo, Arteixo), casara con Alberta Rodríguez de Grela e tiveron por fillos a Juan e a Esteban. O primeiro, bautizado en San Martiño de Razo o 5 de agosto de 1682 e finado en Sorrizo el 5 de marzo de 1759, contraera matrimonio con Juana Gómez, natural de Gondreo, bautizada en Santo Tomé de Monteagudo en 1680 e falecida en Sorrizo o 5 de novembro de 1756. Juan e Juana serían pais, entre outros, de Esteban que, andando no tempo, espallaría o apelido Pombo polas Américas.

   Bautizado en San Pedro de Sorrizo, o 20 de decembro de 1721, Esteban Pombo abandonou a súa parroquia natal sobre o ano 1750 e, na compaña de seu sobriño Juan Antonio, cruzou o Atlántico para establecerse en Popayán, provincia do Cauca, Virreinato da Nueva Granada (actualmente Colombia). Nuns tempos de esplendor do colonialismo español nos que non tardarían en xurdir os primeiros asomos de República, Esteban casaría alí, en Popayán, en marzo de 1756 con Tomasa de Ante y Valencia, nada nesa cidade o 8 de marzo de 1732 e que era filla de Juan Agustín de Ante Morales y Mendoza e de Agustina Valencia Fernández del Castillo. 

Gondreo visto dende A Lagoa
   Nunha altura na que Popayán competía con cidades como Cartagena de Indias, Santa Fé, anos despois nomeada Bogotá por Simón Bolívar, e Tunja no número de nobres titulados domiciliados nelas, Esteban faría todo o posible por formar parte dese clube selecto de alto avoengo e solicitaría a certificación que aparece publicada na Enciclopedia Heráldica y Genealógica Hispano Americana dos irmáns Alberto e Arturo García Garrafa. Ao fío da devandita solicitude, apuntar tamén a interesante información que nos ofrece o escritor colombiano Germán Espinosa no seu libro Lino de Pombo: el sabio de las siete esferas sobre Esteban Pombo:

    “(...)La familia Pombo se sabia ilustre por el linaje y es lo cierto que en esa convicción existía algo más que mera vanidad. Don Manuel, el padre de Lino, descendía en linea directa de aquel caballero don Antón de Pombo que fue hecho conde por el rey Ramiro I de León, luego de su heroica acción, en el año 825, en la batalla de Clavijo contra el poder moro. Al llegar al virreinato, su padre don Esteban de Pombo y Gómez, casado con Tomasa Ante y Valencia había querido trasplantar el solar de la familia en San Pedro de Sorrizo e instaurar así una casta de horca y cuchillo, pero sus hijos, compenetrados con un alto sentido de lo criollo, habían abrazado las ideas liberales (…)” 1
   Con título nobiliario ou sen el, o caso é que Esteban convertiríase, tralo nomeamento do Virrei Pedro Mesía de la Cerda, no tenente gobernador e xustiza maior de Popayán, cargo que ocuparía ata a súa morte, acaecida á idade de 53 anos en 1774.

   Esteban Pombo e Tomasa de Ante y Valencia foron pais, entre outros, de Petronila Agustina; Juan Francisco; José Ignacio, nado en Popayáyán en 1771 e único membro da familia recoñecido realista, estableceríase en Cartagena de Indias (a mesma cidade na que naceu en 1778 Juan Díaz Porlier) logo do seu casamento con María Josefa Gregoria Amador Rodríguez; María Josefa que casaou en 1779 con Juan Antonio de Cajiao y Pereira, natural de Betanzos que foi contador principal de augardentes e oficial primeiro de tabacos en Cali; e do avogado, político e escritor Manuel Antonio, de quen falaremos máis polo miúdo nos vindeiros días.

FONTES:

1.Germán Espinosa (1998): Lino de Pombo: el sabio de las siete esferas, Colciencias Panamericana Editorial, Bogotá, páx. 14.

Ningún comentario:

Publicar un comentario