martes, 11 de agosto de 2026

ANTÓN SEOANE, MILLADOIRO E A PASTORIZA DE MAITE GONZÁLEZ

 Nesta bitácora xa temos falado en diversas ocasións da Romaría Galega que se celebrou en Pastoriza durante varios anos das décadas dos oitenta e dos noventa. E no seu momento tamén lle fixemos unha pequena homenaxe a aquel grupo de rapaces da parroquia que se facían chamar A Nova Mocidade, mozos e mozas que foron quen de situar a súa querida Pastoriza no mapa cultural da Galicia da época.

Cada ano, a Romaría Galega constituía algo único no Concello de Arteixo ao pasar por Pastoriza grupos e artistas profundamente ligados ao rexurdir da cultura e da música da terra como Fuxan Os Ventos, Milladoiro, Cantigas da Terra, Amancio Prada, Pucho Boedo, Os Tamara, Emilio Cao, ou Manuel María, nomes aos que lles hai que sumar unha longa ringleira de participantes como Saraivas, Outeiro, Ana Kiro, Os da Veira do Monte, Os Zoqueiriños, Cumbre, Eidos, NHU, Sementeira, Raíces, Manolo Bello, Pao, Troco, O Xestal, Henrique Paisal, Airiños, Doa, María Manuela e Miguel, Pablo Quintana, Brétema, Fiadeiro, Brath…

A primeira edición da Romaría Galega de Pastoriza celebrouse en agosto de 1980, nun momento no que o seu irmán do norte, o Festival de Ortigueira (naquel entón chamado Festival Folclórico Internacional do Mundo Celta) xa levaba dous anos de vida.

Un dos participantes da primeira edición de Ortigueira foi Antón Seoane (Ferrol, 1949), un dos artífices da recuperación da zanfona no repertorio musical galego. Seoane compartira cartel con Rodrigo Romaní, a Escola de Gaitas de Ortigueira e Faíscas do Xiabre. Seoane e Romaní xa levaban certo tempo traballando xuntos na idea de crear o grupo Milladoiro. Así o farían e ao pouco, froito do seu traballo, publicaban coa colaboración de Xosé V. Ferreirós o disco “Milladoiro”, que ía recibir o Premio da Crítica en 1978.

Portada do disco "Milladoiro" de Antón Seoane e Rodrigo Romaní

Ao ano seguinte Xosé V. Ferreirós, Nando Casal e Ramón García Rei que formaban “Faíscas do Xiabre”, grupo de música tradicional nacido á beira do Ulla, en Catoira, que deixou un fermoso disco titulado “In Memoriam”, uníanse a Antón Seoane e a Rodrigo Romaní. Pouco despois, a banda pasaba de cinco a sete integrantes coas chegadas de Xosé A. Méndez e de Laura Quintillán (violinista en 1979-80), a quen substituiría posteriormente Michel Canadá.

Cando Milladoiro comezou o seu traballo tivo varias fontes de documentación, unha era a tradición oral, os vellos músicos que aínda estaban en activo e que mantiñan unha relación con parte dos integrantes da banda. De aí recolleron os primeiros temas acompañados dunha literatura que, naquela altura, estaba deixada da man de Deus. Deste xeito, sen estar seguros da resposta pública, comezaron a ensaiar e forxaron “A Galicia de Maeloc”, disco publicado polo selo galego Ruada en 1980.

Portada de "A Galicia de Maeloc", primeiro disco de Milladoiro

Un servidor ten a sorte de posuír este disco. Grazas a Víctor Iglesias, director da Escola Municipal de Música de Arteixo, souben que no su interior había unha foto tomada en Oseiro a finais do século XIX. Esa imaxe, con certeza unha das máis antigas tomadas en Arteixo, xa a vira tempo atrás nas redes sociais. Pero o conto cambiaba ben ao vela de cerca, abofé. A primeira vez que tiven o disco nas mans recoñezo que quedei pampo co poderío desa imaxe do interior. 62 cms de largo x 31 de ancho de pura emoción que te transporta a outra dimensión. Polo que figura no disco, trátase dun casamento celebrado en Oseiro en 1888 no que posan máis de corenta persoas cos noivos, entre elas Aurelia González Sánchez, que é a cativiña que aparece na ringleira inferior cun pano na cabeza.

Foto cedida por Maite González para o disco de Milladoiro "A Galicia de Maeloc"

Aurelia, falecida en 1961 aos 78 anos, era un dos cinco fillos que tiveron Generoso González Mes (alcalde de Arteixo en tres ocasións que era natural de Oseiro e que cremos que é o señor de chapeu sentado á esquerda da imaxe) e Amalia Sánchez Vázquez.

Generoso González Mes (Foto cedida in memoriam pola súa neta Teresa Barba González)

Co transcorrer dos anos Aurelia casou e estableceuse en Pastoriza, onde tiña tenda e estanco co seu marido, Ramón Barba, na Praza do Igrexario. Un negocio que foi inmortalizado en máis dunha ocasión por Pedro Ferrer (1870-1939), pioneiro dos fotógrafos galegos que tiña o seu local na rúa Real 61, onde emprendera unha fecunda labor empresarial que abarcaba todo arredor da impresión e da edición.

Imaxe tomada a principios do século XX por Pedro Ferrer. Ao fondo, a tenda de Ramón Barba e Aurelia González (Foto cedida in memoriam por Maite González)

Aurelia, a cativiña do pano da foto, faleceu en 1961 aos 78 anos de idade:

“En su casa de Pastoriza falleció ayer doña Aurelia González Sánchez viuda de don Ramón Barba, señora que disfrutaba de profundos y generales afectos por las relevantes virtudes que la adornaban.
Su sepelio, que se verá muy concurrido, está señalado para las cinco de la tarde de hoy en el cementerio de aquella parroquia.
Hacemos presente nuestro pésame más sentido a los hijos1 y demás familia de la finada, por pérdida tan sensible.2 
Aurelia González Sánchez na súa casa de Pastoriza (Foto cedida in memoriam por Teresa Barba González)

Aurelia coa súa filla Teresa na súa tenda de Pastoriza (Foto cedida in memoriam por Teresa Barba González)

Aurelia coa súa filla Teresa diante da súa tenda, situada na Praza do Santuario de de Pastoriza (Foto cedida in memoriam por Teresa Barba González)

A súa filla Teresa, “Teresa a Estanqueira”, que casara co militar Manuel González Mosquera, foi a que continuou co negocio, ao tempo que atendía e criaba a Maite, a única filla que tivo o matrimonio.

Chegado o momento de abandonar o niño familiar de Pastoriza, Maite González Barba voou cara Compostela para estudar na USC o grado de Traballo Social. 

Pastoriza, anos 60

En 1973 a moza pastoricense ía coñecer ao que foi o seu compañeiro ata o último dos seus días. Coincidiran no Sanatorio de Conxo, onde ela era Traballadora Social e el Psiquiatra. ¿Quen era el? Pois era o admirado Antón Seoane, que estudara a carreira de medicina na USC e en 1972 especializárase en psiquiatría.

Maite foi testemuña en primeira liña da traxectoria musical da súa parella que, entre 1973 e 1978, colaborou en varios proxectos con outros músicos galegos como Emilio Cao ou, como xa dixemos anteriormente, Rodrigo Romaní e o grupo “Faíscas do Xiabre”. Naquela altura Antón tamén era membro do Movemento popular da canción galega, nacida en 1973 tras a disolución da agrupación Voces ceibes e que durante a súa breve traxectoria reinvidicou a recuperación da cultura e da música tradicional galega nun convulso ambiente social e político durante os últimos anos do réxime franquista.

Emilio Cao e Antón Seoane en 1975 (Editorial Galaxia)

Xa con Milladoiro formado, en 1979 os integrantes do grupo andaban á procura dunha fotografía para o interior do disco “A Galicia de Maeloc”. Foi aí cando Maite González dixo:

-Rapaces, eu teño a foto que precisades!

E efectivamente esa fotografía é na que aparece sendo moi nena Aurelia González Sánchez, avoa materna de Maite, a moza de Antón Seoane. Unha imaxe na que se pode ler: “Boda en Oseiro (Arteixo) no ano 1888. Foto cedida por Maite González”.

En Oseiro, diante da casa na que foi tomada a foto que aparece no disco de Milladoiro "A Galicia de Maeloc" (Brais Maceiras)

En 1980 Milladoiro saca o seu segundo álbum, “O Berro Seco”. O tema 4 da cara B do disco titúlase A Furoca. Dada a relación que Antón xa tiña naquel intre con Pastoriza, sospeitábamos que se podía tratar da aldea existente nesta parroquia. Tivemos a fortuna de contactar con el hai varias semanas e confirmounos as nosas sospeitas iniciais: “A Furoca é unha composición miña adicada expresamente a esa aldea, xa que cando viaxaba con Maite a Pastoriza chamábame moito a atención. Lugar de enigma e misterio, empezando polo seu nome”, díxonos Antón Seoane.

Panorámica actual da Furoca, que é a aldea que se ve na parte inferior da fotografía

Tal e como xa contamos ao inicio desta crónica, naquel ano de 1980 a Romaría Galega de Pastoriza celebraba a súa primeira edición coa participación de “Cumbre”, grupo coruñés que actuaron no Festival Intercéltico de Lorient; e “Saraibas”, banda de San Saturniño formada en 1978. Á parte, tamén participaron noutra modalidade musical o grupo local “Ozono” e os vigueses “Outeiro”, pioneiro do Jazz Rock en Galicia.

A segunda edición da Romaría Galega de Pastoriza, celebrada entre o 8 e o 18 de agosto de 1981, foi verdadeiramente espectacular. Por alí pasaron Amancio Prada, Emilio Cao, Os Xeitosiños, Os da veira do monte, Sementeira, A Roda, O Xestal, Raices, Ana Kiro, Os Rueiriños e Milladoiro, que actuou o último día. Aquela actuación fora moi especial para Antón Seoane xa que tocaba por primeira vez na patria chica da súa parella Maite González, coa que casaría polo civil na Coruña en novembro dese ano 1981.

Milladoiro volvería a Pastoriza en dúas ocasións máis: 1984 e 1992. Entre medias, a súa versatilidade, demostrada non só nos seus traballos, senón noutras producións e colaboracións, íalles servir para gañar o Goya á mellor música orixinal na primeira edición dos Premios Goya en 1986 pola banda sonora orixinal da película “La mitad del cielo”, de Manuel Gutiérrez Aragón.

Revista das Festas de Pastoriza do ano 1984

Programación da V Romaría Galega, celebrada en Pastoriza en agosto de 1984

A historia posterior de Milladoiro é sobradamente coñecida. Á parte de estar considerado como un dos grupos de música celta máis valorados internacionalmente, tocou con The Chieftains en numerosas ocasións.

Para darlle xeito a esta crónica, ao longo das últimas semanas cruzamos numerosos WhatsApp´s con Antón Seoane, que nos contou que a súa relación con Pastoriza foi grande ata que a súa compañeira Maite deixou de existir.

Autor, entre outras, da canción “Foi coma un soño”, tema central da longametraxe “O lapis do carpinteiro”, Seoane foi integrante de Milladoiro ata o ano 2013. Ademais, tamén é produtor de diversos proxectos musicais.

Poñémoslle a rama a esta crónica falando da vertente literaria do noso protagonista, que comezou con Conxo: manicomio e morte, obra colectiva pioneira na análise da institución psiquiátrica no noso país, que é da autoría de A. Alot, J. Liñero, R. Tato, L. Torrent e do propio A. Seoane, publicada en 1977 pola editorial Xistral (Monforte de Lemos). Posteriormente, Antón publicaría Faustino Santalices: Investigador, gaiteiro e zanfonista (Ir Indo Edicións, 2011); De Voces Ceibes a Milladoiro (Editorial Galaxia, 2014); Avelino Cabezas e os seus irmáns (Editorial Galaxia, 2023); e xa neste 2026 polo que transitamos publicou coa Editorial Laiovento o libro Cando chegou a noite. A finitude do ser e a morte digna, que toma como referencia a experiencia vital da pastoricense Maite González, muller do autor, para reflexionar sobre as decisións que rodean o final da vida, a autonomía persoal e a importancia do acompañamento médico e humano en situacións irreversibles.

Antón Seoane na actualidade (Edicións Laiovento)

_____________________________

1 Manuel, Generoso, Teresa e Ramón Barba González.

2 La Voz de Galicia, 21 de outubro de 1961, p. 8.

Ningún comentario:

Publicar un comentario