Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta pontevedra. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta pontevedra. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

martes, 22 de setembro de 2026

AS FOTOGRAFÍAS DE RUTH MATILDA ANDERSON NO ARTEIXO DE 1924

En 1904 o arqueólogo e poeta estadounidense Archer Milton Huntington funda en Nova York a Hispanic Society of America como un museo, biblioteca e institución educativa dedicada á arte e á cultura do mundo hispánico. Considerando a incipiente tecnoloxía como unha útil ferramenta de traballo para a investigación, Huntington decide que a súa entidade debería contar cun arquivo fotográfico e, con ese obxectivo, adquire imaxes ao tempo que promove expedicións.

A sociedade contrata en 1919 a Ruth Matilda Anderson (Nebraska, 1893- Nova York, 1983), que se iniciara no mundo da fotografía da man de seu pai, Alfred Theodore Anderson, un home de orixe norueguesa que tiña un estudio en Kearney especializado en paisaxe e retrato. Ruth estudara un ano na Universidade Estatal de Nebraska, en Lincoln, antes de facer maxisterio na Escola Estatal de Profesorado de Nebraska, onde se gradúa en 1915. Posteriormente, retoma os seus estudos na Universidade de Nebraska durante un semestre para marchar despois a Nova York, diplomándose en 1919 na Escola de Fotografía Clarence H. White.

A nosa protagonista non tarda en ser contratada pola Hispanic Society of America e, na compaña de seu pai Alfred, viaxa a España para realizar unha serie de instantáneas sobre vestimentas tradicionais.

O 7 de agosto de 1924 desembarcan no porto de Vigo cun completo equipo fotográfico que provocou o asombro de todos os oficiais de aduana e, a continuación, inician unha expedición para documentar a esencia da Galicia que buscaba Archer Milton Huntington.

Ruth tiña ben claro que o seu traballo non se ía centrar na Galicia urbana e na máis coñecida, senón no universo rural, nas clases máis humildes e noutros elementos que resultaran de certo interese para os futuros espectadores das súas fotografías: os neoiorquinos dos felices (ata o crac de 1929) anos 20.

Pasan por Baiona, Cangas, Tui, Mondariz e Pontevedra fotografiando gaiteiros, casas tradicionais, hórreos e mariscadoras. Percorren a Ría de Arousa, Padrón, Santiago de Compostela, Noia, a Costa da Morte, a nosa comarca das Mariñas (con parada en Arteixo), Lugo, Sarria... coñecendo e inmortalizando o carro do país, a lareira ou ás mulleres do campo. Visitan A Coruña durante quince días, repartidos entre novembro e decembro. Na súa estadía na cidade herculina, donde Ruth se interesa pola historia de Galicia, lendo a Manuel Murguía e a Rosalía de Castro, hospédanse no Hotel Palace, na rúa Real, do que escribiron que era un establecemento incriblemente luxoso, con lavabos de porcelana e auga corrente. A súa habitación estaba orientada aos xardíns de Méndez Núñez, dende a cal podían ver un precioso e alto reloxo: o Obelisco.

A fotógrafa e o seu proxenitor ían percorrer Galicia e Asturias durante máis dun ano, ata o 28 de agosto de 1925, en coche, a pé, a cabalo e incluso en barco, para cumprir co encargo da Hispanic Society of America. Nas fondas onde se hospedaban improvisaban cuartos escuros nos que revelaban os negativos. As fotografías a cor eran enviadas aos Estados Unidos, a causa da súa fraxilidade, para que foran procesadas alí.

E así, ao tempo que Alfred escribía o diario da súa “expedición”, a súa filla documentaba a vida das xentes, en especial das zonas de complicado acceso. Ata aquel entón, nin as actividades da poboación traballadora do campo e do mar, nin a nosa cultura material foran obxecto principal de atención para a fotografía dun xeito tan exhaustivo.

Nesta primeira viaxe por Galicia, Ruth tomou unhas 5.000 fotos, moitas das cales aínda permanecen sen positivar e, parece ser, que comprou outras 2.800 a fotógrafos locais. A norteamericana realizaría unha segunda expedición pola xeografía galega, desde o 14 de novembro de 1925 ata o 31 de maio de 1926, desta volta acompañada por outra fotógrafa, Frances Spalding.

Despois das dúas visitas, a Hispanic Society of America publicou en 1939 a obra “The gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña”, que recompila 682 fotografías que reflexan o día a día nos municipios galegos coas mulleres e os nenos como grandes protagonistas dos seus retratos. O mar, o traballo, o campo e a casa continúan perdurando nas súas inmortais instantáneas.

Sen ningún xénero de dúbidas, a súa obra é o maior traballo documental e etnográfico de todos os tempos realizado sobre a Galicia da época. Unha obra na que Arteixo tamén ten o seu protagonismo con varias imaxes tomadas pola norteamericana na viaxe realizada en 1924.

Recentemente, xusto un século despois de que Ruth Matilda Anderson inmortalizara a centos de persoas e recunchos da nosa xeografía, a Hispanic Society Museum & Library dixitalizou e subiu a internet este tesouro visual ao que pode acceder calquera cidadán de forma gratuíta visitanto a páxina web da institución norteamericana: https://diglib.hispanicsociety.org/do/01b1c316-0465-462a-ae8b-5665177d4349?search_api_fulltext=ARTEIXO%20 

Cada unha das instantáneas dixitalizadas inclúe un número “asignado por Ruth Matilda (o ‘número Anderson’), que reflexa a secuencia cronolóxica na que se tomaron as imaxes”, segundo relata a propia entidade. Ademais, ofrécese a posibilidade de buscar as pezas por nome, área e data e situar cada unha delas de forma xeográfica nun mapa virtual. Pero... ollo! Na súa páxina web a Hispanic Society Hispanic Museum & Library informa que “esta colección dixital comprende máis de 14000 fotografías de Ruth Matilda Anderson” e advirte que “o material dispoñible actualmente representa as máis de 5000 imaxes que dixitalizamos e catalogamos ata día de hoxe, e séguense engadindo novas imaxes de forma continua. Isto forma parte dun proxecto de tres anos que ten como obxectivo dixitalizar a totalidade da Colección Fotográfica de Ruth Matilda Anderson”.

As fotografías amosan unha realidade diversa, desde vilas e cidades ata espazos rurais, arquitectura tradicional e relixiosa, mercados e feiras, actividades agrícolas e mariñeiras, traballos artesáns, festas, pazos e retratos. A fotógrafa estadounidense tamén conseguiu acceder ao interior de vivendas populares e establecer relacións con persoas vinculadas á vida cultural galega.

No caso concreto de Arteixo, polo de agora (a ver se podemos ver algunha máis no futuro) a Hispanic Society dixitalizou tres fotografías que Ruth Matilda Anderson tomou no noso municipio en 1924. Coa ilusión de quen ve algo por primeira vez, falamos delas deseguido.

Por orde numérica a primeira é a nº 1372 e leva por título “Street Scene” (Escena de rúa). Trátase dunha imaxe na que vemos, á dereita, unha casa que aínda está actualmente en pé na Baiuca, na actual Travesía de Arteixo. Cando Ruth Matilda tomou esa foto, a casa era propiedade das irmáns Eulogia (1889-1982) e Florinda (1896-1960) Suárez-Frige Suárez, que foron as fundadoras do Fogar de Santa Margarida da Coruña. As señoritas de Frige, como eran coñecidas en Arteixo, seica pasaban alí os meses do verán. Así o fixeron ata que lla venderon a Generoso Varela Pardo, ‘Noso de Amadeo’, en 1951. Á esquerda tamén se observan outros edificios. No primeiro deles, décadas despois de tomarse a imaxe, foi onde estableceu a súa mercería María Elisa, irmá do noso prezado Julio Mancebo Moreiras. Obsérvese ao fondo un grupo de xente que vén cara a Baiuca, e os montes de Loureda cubertos dunha mesta néboa.

Ruth Matilda Anderson-Hispanic Society Museum & Library

O mesmo lugar na actualidade

Na fotografía nº 1373, “People Waiting for the Bus to Pass”, vemos a un grupo de persoas que, polo que nos informa Ruth Matilda, está agardando a que pase o autobús. Onde están? Na zona da Baiuca, na actual Travesía de Arteixo? Na actual Avenida de Fisterra? Nós atrevémonos a dicir que están na Baiuca, pero a saber! A foto é un verdadeiro enigma para nós. A ver se entre todos e todas identificamos o lugar e algunha das persoas que aparecen nela.

Ruth Matilda Anderson-Hispanic Society Museum & Library

E por último, a fotografía nº 1375, “Man Wearing Cape of Brown Wool. Back”, na cal vemos en primeiro plano a un tipo elegante que se abriga do frío. Con certeza, a súa vestimenta chamou a atención da fotografa estadounidense, especialmente a capa de la marrón, que é o título que Ruth Matilda lle dá á foto. Tamén aparece unha moza que calza zocos e que suxeita algo da súa man esquerda. Coa molestia do sol que lle dá de fronte, mira inmóbil a escena, do mesmo xeito que foi outra moza que ten un cativo no colo. Se ampliamos un pouco a imaxe, á esquerda do edificio branco pódese comprobar que hai pendurado un cartel que parece representar a roda dun vehículo. Obsérvese no seu interior unha serie de letras das que nós soamente puidemos identificar unha parte: “Carballo.....” Que negocio era ese? ¿En que lugar se tomou esa foto? Na Baiuca?

Ruth Matilda Anderson--Hispanic Society Museum & Library

Á parte das viaxes por Galicia realizadas entre 1924 e 1926, Ruth Matilda Anderson tamén visitaría Asturias, Castela-León, Extremadura e Andalucía, onde estivo dende o 5 de outubro de 1929 ata o 17 de novembro de 1930.

Despois da súa última viaxe centrou a súa carreira no estudo dos traxes típicos españois e publicou varios libros e artigos sobre o tema, que a levarían a realizar unha última viaxe entre 1948 e 1949, centrándose neste campo.

En 1954 foi nomeada conservadora de traxes da Hispanic Society, cargo que ocupou ata a súa xubilación. A nosa homenaxeada faleceu en Nova York o 20 de maio de 1983, aos 89 anos de idade. Con esta iniciativa da Hispanic Hispanic Museum & Library, que tivo a ben agasallarnos coa dixitalización do inmenso mundo da artista de Nebraska, o espíritu de Ruth Matilda Anderson está máis vivo que nunca, abofé!

Ruth Matilda Anderson en Galicia (Hispanic Society Museum & Library)

FONTES:

ANDERSON, RUTH MATILDA (2017): Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia. Editorial Afundación.

BLANCO REY, MANUEL (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Tomo II; Arteixo, Autoedición.

FERNÁNDEZ AMIL, IVÁN (2021): Ruth Matilda Anderson, la fotógrafa que mostró Galicia al mundo, 11 de abril, elespañol.com

GARRIDO, SANTIAGO (2010): La memoria de Ruth Matilda Anderson en la Costa da Morte, La Voz de Galicia, 4 de abril.

HISPANIC SOCIETY OF AMERICA

REY, MANUEL (2017): Ruth Matilda Anderson, a moza estadounidense que retratou á Galicia dos anos 20, gciencia.com

martes, 8 de setembro de 2026

O LUGAR DE CANZOBRE E FRANCISCO TETTAMANCY (3ª parte e fin)

 En 1904, ao ano seguinte de que Francisco Tettamancy publicara o artigo que compartimos nas Crónicas de Arteixo da semana pasada, o escritor e historiador pontevedrés Celso García de la Riega (1844-1914), considerado o iniciador e impulsor da teoría galega de Colón, publicaba Galicia Antigua. Discusiones acerca de su geografía y de su historia, obra de carácter erudito que xerou intensas polémicas historiográficas a causa do seu método hipersubxectivo e das súas conclusións conxecturais.

Como era de agardar, Tettamancy estaba en total desacordo con algunhas das teorías que aparecen na devandita obra. E así o expresou en diversos artigos publicados nos medios galegos da época onde, tratando sobre estas discrepancias con García de la Riega, volve a poñer a Canzobre como exemplo das desavinzas co historiador pontevedrés:

Francisco Tettamancy

NOTAS BIBLIOGRÁFICAS

‘Galicia Antigua’

La elogiada obra del señor García de la Riega está siendo objeto de una interesante polémica, tan útil como provechosa.

Nuestro amigo, el conocido publicista coruñés D. Francisco Tettamancy, escribió un artículo bibliográfico, que facilmente recordarán los lectores de EL CORREO, ocupándose en la labor del erudito historiador pontevedrés; y este ha contestado, obligando, a súa vez, a nuestro diligente amigo a intervenir en el debate, escribiendo la réplica siguiente:

(…) Es natural que siendo mi sabio y cariñoso amigo el Sr. Murguía un consumado celtófilo (cuidado, señor cajista, no confunda celtófobo, como confundió en mi anterior artículo, grecofobia, por grecofolia), no se concretó a achacar a los celtas la música dulcísima, sinó que se ha extendido a donarla a los gallegos por subsiguiente herencia. Al menos así lo entiendo yo, aunque sea a la ligera; y la paradoja, por consecuencia, no la veo por ninguna parte, como la palpa el señor la Riega.

Y puesto que tanto puntualiza en su refutación este apreciable publicista, huélgome yo también en significarle que si el erudito marqués de Valmar encontraba en el lenguaje galaico, grandes afinidades con el provenzal, este último, en mi humildísimo entender, opino que no sería un lenguaje espontáneo, como tampoco lo ha sido el griego; y que los accidentes indígenas del primero como secuela de su natural morfología, vendríase formando de otras lenguas anteriores, hasta el estado en que apreció literariamente en los siglos XII, XIII y XIV, y que por desgracia en el XIX y en el actual, tan lastimosamente la maltratan mucho de los… que la cultivan!

Y a propósito de las teorías grecófilas y romanófilas; mire V., señor de la Riega.- mi primer apellido Canzobre (lugar de la parroquia de Morás, ayuntamiento de Arteijo, provincia de la Coruña); y mi segundo Sergude, parroquia del de Carral en la propia provincia, hay varios nombres iguales en esta, ¿tienen ambos apellidos alguna influencia helénica o latina?

Canzobre dicen los etimologistas que su radical Can previene del sanscrito Svi (propagar, acrecer); y Sergude que, es una voz compuesta genuinamente germana: Ser (muy) gude (bueno), muy bueno.

Y nombres de la índole que por casualidad acaban de ocurrírseme tenemos tantos en nuestras poéticas mariñas!…

Y váyale V. con estas apreciaciones a su inteligente competidor V. García de Diego, romanisto convencido, que en Diario de Pontevedra del 17 del actual, por hacer arrancar todo el idioma gallego, del latín, indica: “Por especial pronunciación del latín, petra hizo el PROVENZAL peira y el frances piérre1.”

As discrepancias entre eles seguían tendo eco nos medios da época, con réplicas do un e do outro. Curiosamente naquel ano de 1905 García de la Riega, que fora nomeado membro fundador da Real Academia Galega, renunciaba ao pouco tempo ao honorífico cargo por mor, parece ser, das súas profundas desavinzas con Murguía.

Poñémoslle a rama a esta crónica cun novo artigo publicado por Tettamancy na revista Galicia no verán de 1906 no que Canzobre volve a ter protagonismo na defensa das súas ideas sobre a orixe dalgúns dos nosos topónimos.

La reimpresión del segundo tomo de la “Historia de Galicia” por D. Manuel Murguía y… D. Celso García de la Riega

III

Concluía mi anterior artículo demostrando que mi buen amigo el señor García de la Riega desconoce totalmente los autores más significados y de mayor autoridad que trataron de nuestros celtas -los celtas gallegos- ; y como el no se funda más que en lo que dijeron Joaquín Costa y Martins Sarmento, únicos historiadores que a mi juicio leyó, procura desfigurar y tergiversar como con frecuencia tergiversa, los textos y referencias de los que el señor Murguía y yo hemos tenido la curiosidad natural de examinar, aquel con su pericia, los talentos y las sindéresis que le abona; y yo con las aficiones que Dios me ha dado para conocer el pasado de mi tierra.

El señor García, ajusta su criterio a su idiosincrático capricho: valeat quantum valere potest.

D. Celso nos endilga en la refutación que hace en el periódico republicano, este peregrino razonamiento:

“Es cosa de sospechar que Begollet (?), reproduce el primitivo concepto de voces celtas o hiperboreas los pueblos occidentales de los primeros y septentrionales de los segundos. Para el criterio de nuestros celtistas no puede ser más estrambótica la cita de Begollet”.

Si fuera yo a valerme de la argumentación de mi caro amigo, invertiría todo el presente artículo en garabatear con la pluma una latosa fantasía entre el imaginario Begollet que para el señor García le es tan conocido, y el BARÓN DE BELLOGUET autor del magistral trabajo Ethnogime gauloise, obra que ni al través de sus antiparras sabe D. Celso que existe; porque de saberlo no se atrevería a dudar de lo que reafirma BELLOGUET, no yo me atrevería a estampar en La Voz de Galicia apreciaciones paradógicas.

¿Con qué no es chifladura la de usted atribuir etimologías bascas a nombres locales de Galicia, aunque rebusque el símil entre Acilleiro y Acillona; Allego y Allegui; Amallo y Amallobiela; Aranza y Aranzabal, etc., etc.?

¿Y entonces las que yo cité en mi precedente artículo tomadas de la reimpresión del tomo del señor Murguía como Espá y Spá; Narbo y Narbasos; Arros y Arras; Loira y Loire; Barbanza, Barbantes y Barbanzon; Ortoño y Dordogne etc., etc., etc. ¿qué son para el señor García?

Y quiere más el señor García para que se convenza si podría citarle miles de nombres de localidad gallega, parecidos en Francia, que demuestran identidad de origen? Pues aquí tiene de mi cosecha que no figuran en el libro del señor Murguía empezando por orden alfabético:

Aire francés, Ares gallego; Ayaccio francés, Ayazo gallego; Amboise francés, Amboa gallego; Andize francés, Anduzo gallego; Arches francés, Arcas gallego; Armentieres francés, Armentons, Armenteiro y Armental gallegos; Aron francés, Arosa gallego; Arzeu francés, Arceo y Arzúa gallegos; Auge francés, Auge gallego; Aurós francés, Oroso gallego; Auron francés, Orons gallego; Avallón francés, Avalo gallego…

Y por este orden alfabético hasta la Z solo en la provincia de Coruña, figúrese mi buen amigo el señor García ¡cuántos nombres de localidad idéntico podría enumerar que no han cambiado, que son por entero de origen céltico, que ni los hombres nin vostede con toda á súa sabencia poden trocalas.

Creame usted mi buen amigo, no hay que ser tan testarudo como el otro; porque lo que se ve no se esconde; y mi argumentación está más clara que la purísima agua de mi fuente de Canzobre. 

Probable localización de "la purísima agua de mi fuente de Canzobre"

Ah! y apropósito: el nombre de Canzobre como ya en otra ocasión tuve el gusto de exponer a usted y al señor Unamuno, ¿es de procedencia basca, griega, latina o trampintana?…

Ruégole trate de buscar su etimología con el fin de ver de donde dimana o se deriva: y no me venga con andrómenas; porque Canzobre es nombre gallego neto, sin mezcla de griego, latín ni… basco.

Su radical, según diferentes diccionarios etimológicos como por ejemplo, el de Eduardo Echegaray, quiere decir que proviene del Sanscrito: Evi acrecer propagar; y según un argumento que no tiene réplica, que encuentro en el apreciabilísimo libro de mi docto amigo Marcelo Macías titulado Civitas limicorum (que paréceme tampoco conoce el señor La Riega), quien refiriéndose a la traducción de una tésera gladiatoria o muneral sobre el nombre de Cantibedoniesi, expresa en la página 55:

“Pues canti parece derivarse de la VOZ CÉLTICA Kant, arista, borde, y significar al canto, esto es, al lado de, junto al lago…”

Can, canto y Kant, en las respectivas lenguas vivas expresan también canto, borde ángulo, etc., lo mismo que en lengua céltica.

(¿Y que le parece al señor García de la voz Canzorro?)

Por manera que si la radical Kant o cant según se deja expuesto, es VOZ CÉLTICA y la terminación obre designa lugar, venimos a sacar la consecuencia, por convertirse la T en Z siguiendo sus leyes fonéticas y morpológica en que Canzobre, por cuyo punto pasa el río del mismo nombre, significa, atendiendo a las consideraciones del sabio epigrafista Macías, al borde del río etc., etc.

Y como Canzobre, tiene el señor García un sinnúmero de apelativos de lugar en estas extensas comarcas de las Mariñas, Bergantiños, tierras de Xallas donde estuvo más caracterizada la familia artábrica, comarcas que el señor García desconoce completamente, y en donde se manifiestan por medio de esas huellas vivientes, y esos monumentos megalíticos de los cuales tanto duda mi distinguido e inocente amigo, y que ni aun hace dudar de ellos a un principiante de arqueología, para cuanto más a una persona del entendimiento que a usted debe suponérsele al escribir un libro tan interesante como Galicia Antigua y que fue considerado de relevante mérito por la Academia de la Historia… ¡Por Dios, D. Celso, esto es dar una cotenada mayúscula!…

En todo su artículo, publicado por el señor García en el órgano republicano, no apunta más autores que el imaginario Begollet omitiendo por su ignorancia seguramente, a Bonsor, autor de Les colonies pre-romanas de la vallie du Betis; a Taylor, de lo del Orig. Of the Aryans; Vinson y Van Eys, de quienes dice Taylor que “siendo Eys la más grande autoridad en la materia, cree imposible explicar la antigua lengua ibérica por el basco”. Sanley, que en su Etude topographique sur l´ora marítima de Rufo Festo Avieno en la Revue Archeológique, tomo XV página 54, expresa terminantemente “que el poeta geógrafo describe a grandes rasgos la costa ibérica bañada por el Oceáno Atlántico, reservando detalles minuciosos para la costa mediterránea a partir de las columnas de Hércules, esto es, del Estrecho de Gibraltar hasta Marsella”, notando las “obscuridades, incongruencias y hasta errores geográficos” en que abunda el poema.

También ignora, probablemente el señor García la importante y reciente obra de mi querido amigo el sabio arqueólogo portugués José Leite de Vasconcellos Religióes de Lusitania, Lisboa 1905, 2º tomo. 

En fin, que si voy a mencionar autores como D´Arbois de Jubanville de quien hace caso omiso en su refutación el señor García, y de quien trataré entre otros en la próxima, tendrá que convencerse una vez más, mi excelente amigo que yo leo también algo, qué conozco un poquito de historia y que se componer algo más que… romances de ciego. 

FRANCISCO TETTAMANCY 

Coruña, 19062. 

Sen entrar a debate no asubío das balas entre os dous historiadores, ímonos quedar co detalle da insistencia co que Tettamancy fala de Canzobre e iso di moito do cariño que lle tiña a esa parte de Arteixo.

O noso protagonista refírense en numerosas ocasións ao prefixo CAN de Canzobre, que é o nucleo de poboación que está situado máis ao sur da parroquia de Morás, nunha valgada que se estende ao longo do regato de Morás e que está rodeado polos Montes dos Guizos, de Bouzarillo, Os Fechoncos, A Pedra Rubia, O Coto do Lobo e O Coto dos Corvos. A aldea conta cun dos numerosos asentamentos castrexos que hai en Arteixo, o castro de Canzobre, coñecido tamén pola denominación de “O Torreo” ou “O Castro”.

Trátase, xunto con Anzobre, Laxobre, Rañobre e un perdido Lañobre recollido por Moralejo, dun dos topónimos do municipio que levan o sufixo -OBRE na súa denominación, unha terminación sobre a que o arqueólogo Luís Monteagudo apunta a idea de que se cadra procede do indoeuropeo -VERIS (altura) ao constatar que case todos os primeiros elementos destos topónimos son xentilicios ou cognomina romanos. O popular arqueólogo tamén nos di que… " en consecuencia, y descartando por varias causas la interpretación como "altura fortificada" (=castro), creemos posible que esta "altura" de los topónimos en -bre signifique outeiro (altar) que en general aprovechaba los peñascos de las alturas, y además constituía el núcleo de una institución socio-religiosa que, evolucionando, llegó casi hasta nuestros días”.

Á esquerda, o castro de Canzobre. Á dereita, a casa que sospeitamos que pertenceu á familia de Gudelia, a muller de Francisco Tettamancy

Outros autores consideran que o sufixo -BRE derivaría de -BRIX e indicaría en orixe un poboamento en altura. Simplemente observando o modelo de elevacións da nosa bisbarra compróbase que, efectivamente, os topónimos en BRE e afíns atópanse en xeral (aínda que non en todos os casos) en zonas relativamente elevadas, non moi pronunciadas xa que o noso relevo é relativamente suave, mais si ocupan lugares altos con boa visibilidade.

Tettamancy dicía que “por manera que si la radical Kant o cant según se deja expuesto, es VOZ CÉLTICA y la terminación obre designa lugar, venimos a sacar la consecuencia, por convertirse la T en Z siguiendo sus leyes fonéticas y morpológica en que Canzobre, por cuyo punto pasa el río del mismo nombre, significa, atendiendo a las consideraciones del sabio epigrafista Macías, al borde del río etc., etc.”

Sexa dun xeito ou doutro, ide dar unha voltiña por Canzobre para coñecer o lugar!

_____________________________

1 El Correo Gallego, 1 de febreiro de 1905, páx. 1.

2 Galicia, Revista Semanal Ilustrada, n.º 29, 29 de xullo de 1906, páx. 3.

martes, 28 de xullo de 2026

ARTEIXO E AS BALEAS

  Nas primeiras horas do luns 27 de xullo, a aparición dunha balea no areal de Alba e Sabón chamaba a atención da veciñanza e dos usuarios que naquel intre frecuentaban esta parte do litoral de Arteixo.

  Foi un particular o que dou o aviso ao 112 Galicia ás 8.40 horas e desde Emerxencias Galicia deron parte á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), Salvamento Marítimo, Policía Local, Guardia Civil e Servizo Municipal de Emerxencias. 

  Acto seguido, a voz de que un cetáceo de grandes dimensións varara vivo neste punto do Atlántico empezaba a circular instantaneamente a través de numerosos WhatsApps´s e ducias de chamadas telefónicas.

Balea varada no areal de Alba e Sabón o 27.07.2026 (Cortesía de Óscar Palleiro)

  Unha noticia deste calibre non se recibe todos os días, abofé! Deste xeito, a curiosidade de ver ao mamífero oceánico en directo levou a moitas persoas (mesmo familias) a desprazarse ata O Rañal e ata Sabón. Houbo quen seguiu os acontecementos dende o areal. E houbo quen tomou posición en puntos estratéxicos de certa altitude da contorna como o son O Paiolo e A Ermida, cerca do Monumento ao ‘Voyeur’, no Rañal, ou a Pedra do Xiro, que ata hai unhas décadas era o lugar no que se dividían os areais de Alba e Sabón de marea chea, algo impensable a día de hoxe.

A balea vista dende a zona do Paiolo (Cortesía de Noelia Lago Blanco)

  En Sabón, varios membros do CEMMA decidiron como proceder e atender a balea. Logo de botar unhas tres horas varada na beira da praia, finalmente optouse que regresara ao mar. Para lograr desencallar ao cetáceo do seu accidental niño areoso, os operarios alí presentes tiveron que empregar eslingas para asegurar ao noso triste protagonista e arrastralo progresivamente mar adentro, axudados pola lancha Salvamar. 

Cortesía de Óscar Palleiro

Cortesía de Óscar Palleiro

  Naqueles intres, o o que escribe contactou a través de WhatsApp co doutor Alfredo López, presidente da CEMMA, a quen lle preguntamos durante as manobras se a balea seguía viva.

-Vai mal a cousa-, díxonos Alfredo.

  Desafortunadamente, a pobre non sería quen de sobrevivir! Deseguido compartimos o comunicado emitido por CEMMA posteriormente:

“Esta mañán recibimos aviso dunha balea varada viva na praia de Sabón. Mentres nos desprazabamos ata alí, foi atendida inicialmente por Protección Civil e Emerxencias de Arteixo, Salvamento Marítimo e voluntariado do Grupo Naturalista Hábitat, que nos foron trasladando a información ao minuto e imaxes para poder identificar a especie e a súa situación para valorar cómo proceder.

Tratábase dunha balea común duns 12m de lonxitude -duns 8 meses de idade- e que estaba delgada.

Grazas á colaboración de Salvamento Marítimo intentouse introducila mar adentro, pero a balea non sobreviviu e afundiuse.

Pese a algúns rumores que correron por redes sociais nun primeiro momento, no exame externo e fotografías revisadas non se observou ningún tipo de indicio que levase a pensar no ataque doutro animal nin en colisión, polo que consideramos que o varamento é resultado do seu estado de delgadez, o que podería evidenciar algunha enfermidade ou problema para alimentarse”.

Outro varamento en 1957

  O varamento desta balea levounos a viaxar no tempo e recordar a grande expectación que tamén levantara entre a poboación un mamífero oceánico que aparecera na praia de Barrañán en 1957. 

El Ideal Gallego, 16 de novembro de 1957

  Unha das fontes orais destas Crónicas de Arteixo, Anselmo Pardo, gran tecedor de relatos que nos deixou en 2023, contounos con detalle os acontecementos que provocaran tanta expectación na contorna naquela altura. No seu domicilio de Sorrizo, Anselmo e a súa dona Luisa Fuentes recibiron, en non poucas ocasións, a un servidor sempre coa maior das amabilidades ao tempo que abrían a cancela da súa memoria. Fantásticos paseos, abofé! Alí soubemos do 'Arctic', o barco belga naufragado no areal do Reiro en 1938; da historia de Sofía Baridó Schneider, avoa de Luisa; do cemiterio protestante de Arteixo e doutro feixe de contos, entre eles o da balea (hai quen apunta que era un cachalote) que varou en Barrañán en 1957, da que Pardo gardou na súa casa ata o último dos seus días un óso de máis de dous metros. Co humor e a retranca que o caracterizaban, en abril do 2012, cando estabamos co traballo de campo do libro O mar de Arteixo e os seus naufraxios, recordaba o seguinte:

  "A balea penso que debía ter máis de vinte metros de lonxitude e varara xa medio apodrecida, nas Pedras do Esteiro. Eu daquela vivía en Chamín coa miña nai e meus irmáns, aínda era un mozo solteiro e xa estaba libre de quintas. Lembro que durante dous días uns operarios despezaron a carne, e que despois a transportaron en camións ata un curtidoiro, que seica había en Sofán. Durante eses días, por Barrañán, Chamín e Santaia ninguén paraba co cheirume. Era unha cousa nauseabunda. Mais aínda así, achegárase moita xente ata o areal para ver a balea. Algúns veciños, ao irse desfacendo pola parte da cauda, apañaron ósos das vértebras, para utilizalos como asentos. Eu apañei un, da parte dianteira, duns tres metros que aínda tiña algunha carne. Cando cheguei con el á casa, miña nai case me bota dela por causa do cheiro".                        

   No sábado 16 de novembro de 1957, cando todo o mundo falaba da morte da cadela "Laika", pola falta de osíxeno na súa viaxe espacial a bordo do "Sputnik", El Ideal Gallego recollía nas sús páxinas, a información da balea varada en Barrañán e advertía que tiña espetados dous arpóns, que foran lanzados por un barco estranxeiro. Mesmo na semana antes, no domingo 10, o xornal coruñés daba conta da mesma balea, publicando na súa páxina dedicada ao porto, a seguinte información: 

AVISO A NAVEGANTES 
A 250 grados del Cabo Prior y a seis millas, se encuentran restos de ballena. Se comunica por si algún pesquero los quiere recoger. 

  El Ideal Gallego tamén informaba no sábado 16 que "para evitar su total descomposición, será quemada con gasolina", mais o persoal da Comandancia e algúns veciños, que axudaron levando leña ata a praia, non foron quen de queimala. Segundo nos contara no seu momento Anselmo Pardo, "houbo persoas que pagaron por enterrala, pois o cheiro seguía sendo insoportable". Pardo, coa súa habitual retranca, falounos da utilidade que lle dera ao óso que extraera da balea:  

  "Cando cheguei con el a casa e despois de que miña nai me quixese botar dela polo cheiro, eu díxenlle que o óso había de ser a miña herdanza, e que para onde eu fose, había de ir comigo. Cando me fun da casa, ao casar en Sorrizo, díxome que non me esquecese de levar a miña herdanza. Mais antes disto, diante da casa da miña nai fixéramos un alpendre, e utilizáramos este óso como pilar para termar dunha viga. Ao meu irmán e a min, non me digas o por qué, ocorreusenos plantar unha verza dentro del...e meu Deus!, como medraba!. Anos máis tarde, co alargamento da estrada de Caión, tivemos que retirar o alpendre e xa foi cando trouxen o óso para Sorrizo, cando casei, polo que hai máis de cincuenta anos que o teño".

Anselmo Pardo en 2012, no seu domicilio de Sorrizo co óso da valea varada en Barrañán en 1957 (Xabier Maceiras)

Ósos de balea no litoral de Arteixo

  As persoas que me coñecedes dende hai certo tempo, sabedes da miña paixón polo mundo das baleas e sí, seino, se cadra ás veces son pesado demais con quen teño a suficiente confianza para selo!

  Esa paixón polos grandes mamíferos oceánicos coido que vén dende a infancia, dende os tempos nos que vía (en branco e negro) con meu avó materno Milio, Milio do Touciñeiro, o programa da RTVE “El mundo submarino de Jacques Cousteau”, o inesquecible mariño francés que, nas súas viaxes a bordo do mítico Calypso, levou os misterios das profundidades a todos os fogares do mundo, defendendo a importancia de cuidar mares e océanos.

   Co avó Milio, que de cando en vez contaba algunha historia de cando Caión era porto baleeiro (de seguro que sabía algúns contos porque moceara certo tempo por alí), tamén souben de Moby Dick, xa sabedes, a novela do escritor Herman Melville publicada en 1851 que narra a travesía do barco baleeiro “Pequod”, comandado polo capitán Ahab, xunto a Ismael e o arpoeiro Quiqueg.

   Houbo varias adaptacións cinematográficas desta novela, mais todas e todos temos gravada a imaxe do capitán Ahab interpretado polo actor estadounidense Gregory Peck na obsesiva e autodestructiva persecución do popular gran cachalote branco, unha longametraxe que eu vin por primeira vez na compaña do heroe da miña infancia, o avó Milio, e que é unha perfecta metáfora da loita do home contra sí mesmo e contra a natureza.

  Todos estos recordos dos primeiros anos da miña vida viñéronme a mente o 3 de febreiro de 2020, cando paseaba co meu fillo Brais polo areal de Valcovo e segundos despois de que o rapaz me dixera:

-Papá, mira!

-Ostras! Creo que é un óso de balea, Brais!

-Mira, Brais... e alí hai outro! É unha costela!

Maxilar de balea atopado en Valcovo en 2020 (Xabier Maceiras)

   Ao ver os dous ósos, e logo de que o avó Milio, Cousteau e o capitán Ahab petaran na porta da miña memoria, dada a súa erudición na materia, non tardei en enviarlle un WhatsApp coas fotografías do achado ao amigo mariñeiro Xosé Iglesias, o poeta do mar, quen me recomendou que me puxera en contacto co biólogo Alfredo López, a voz máis coñecida da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (CEMMA) e un dos maiores especialistas nas distintas especies de cetáceos da costa galega.

    Cumprida a recomendación de Xosé, Alfredo respostou aos poucos minutos e, tras advertirme que os tiña que ver en persoa, comentoume que os ósos eran “unha costela e un maxilar (ou anaco de maxilar ou das primeiras costelas, que son máis anchas) dunha balea grande. Pode ser que saian máis ósos, Xabier, pois leva aí moitísimo tempo porque están moi gastados”.

Costela de balea atopada en Valcovo (Xabier Maceiras)

  Ao decirme que “leva aí moitísimo tempo”, tan preto das vilas de Malpica e Caión, onde os seus mariñeiros se dedicaron á pesca de cetáceos durante séculos, eses ósos que atopamos en Valcovo Brais e un servidor semellaban unha cousa simbólica, como se se quixesen remomerar tempos pasados, tempos nos que os mariñeiros destas dúas vilas, cunha audacia extraordinaria, eran admirados en media Europa. A dicir verdade, os varamentos da balea de Sabón (2026) e da de Barrañán (1957) leváronnos a facer a mesma interpretación, é dicir, a de rememorar eses tempos baleeiros do pasado.

Balea varada en Sabón. Obsérvese ao fondo, á dereita da imaxe, A Atalaia e a vila de Caión (Cortesía de Óscar Palleiro)

A caza da balea en Malpica, Caión e Suevos

     Os mariñeiros de Malpica tiñan abraiado xa, no século XVII, a Cosme de Médici pola súa pericia no manexo do arpón nas súas pequenas embarcacións. O ilustre viaxante, herdeiro do gran ducado de Florencia, empeñouse en coñecer en persoa en 1669 o “máis famoso porto de pesca de baleas ao que chegan dos afastados mares norteños de Noruega e de Groenlandia”.

   “Esta villa (deixou escrito o cardeal Jerónimo del Hoyo tamén no século XVII) es el puerto de mar donde se pescan más ballenas. Hay grandes matanzas cada invierno y es pesca de gran provecho, porque de un ballenato, por pequeño que sea, se sacan doscientas arrobas o cántaras de aceite, que se utiliza lo mismo que el de olivas, salvo para comer. Se saca este aceite haciendo pedazos de ellas y puestas a cocer en unas grandes calderas, se derriten, y queda casi todo en grasa. Péscanse cada año siete u ocho ballenas, dos más o menos, arriendan los vizcaínos, que son los que las pescan y deben pagar por este comercio cada año siete mil maravedíes al arzobispo de renta fija”.

  Naqueles tempos nos que as baleas que viñan do crepúsculo do mundo, e que asiduamente pasaban por diante dos areais de Arteixo para quentar o sangue nas costas africanas, os mariñeiros galegos aprenderon o oficio de baleeiro ao carón dos vascos, que xunto cos normandos e após esgotaren o Golfo de Biscaia, na súa persecución dos grandes cetáceos, derramáronse pola costa galega e monopolizaron a actividade en boa parte do século XVI.

    Nesta época, centenas de mariñeiros de Mutriku, Zarautz, Orio ou Deba acudían nas súas fráxiles chalupas ata o noso litoral, onde ficaban os catro ou cinco meses de inverno. Son anos nos que o noso comercio co País Vasco, ata daquela baseado no troco de ferro biscaíño por sardiñas das rías e viño de Ribadavia, intensifícase notablemente grazas a balea que, unha vez licuada, proporcionaba o saín dos candís que constituía o principal produto das exportacións galegas a Euskadi.

 Os bascos tíñanse apoderado do monopolio de caza da balea en augas galegas, e defendíano con uñas e dentes perante os competidores estranxeiros (que principalmente eran franceses), o que daría pé a numerosos conflictos entre eles, chegando mesmo as súas queixas, a seren atendidas polo emperador Carlos V, que mediante real cédula dada en Worms en maio de 1521, prohibe aos estranxeiros pescar baleas nas augas galegas: “so pena que el que lo contrario hiciere pierde e aya perdido las fustas e pinazas e bateles”. Outro documento da época indica: “E ahora Jácome Rua escribano en nombre de los procuradores generales de la ciudad de A Coruña y de los vicarios y mayordomos de la Cofradía de Santo Andrés de los Mareantes de dicha ciudad fizieron Relación por una su petición diziendo que de tres o quatro annos a esta parte ciertas naos y galeones de Françia venyan a las villas de Malpica y Cayón y otros puertos de la dicha ciudad y trayan mas de seiscientas personas y hazían armadas de diez y doze naos para matar vallenas y estaban allí ocho y diez meses matando las dichas vallenas y demás que encaresçían los bastimentos”.

Caza dunha balea no século XVII

  Estes datos móstrannos a importancia inmensa da pesca da balea nesta altura nas nosas augas, e revélannos outro gran problema porque explicaban que “la sangre y huesos de las dichas vallenas causaban tan gran hedor que ynficcionaba toda la costa del dicho Reyno de manera que los dichos mareantes no hallaban que pescar y lo que hallaban hera muy poco e sin sabor y hera aberiguado que se yba a otras partes lo qual hera en dapno universal de todos los dichos mareantes en tal manera quel trato de ello cesaría y más Rentas reales”.

     O monopolio quebra a partir de 1615, cando todas as compañías foráneas (e non só as estranxeiras) son expulsadas da costa galega, polo que os baleeiros vascos vanse para Terranova e a partir de aquí, e unha vez aprendido o oficio, os nosos devanceiros toman a remuda no litoral galego. Un veciño de Seaia (Malpica) describía en 1636 o proceso, ao declarar “que oyó decir que los primeros armadores del dicho oficio de ballenas que abían benido al dicho puerto de Malpica a matallas abían sido franceses y después de ellos biscaynos y agora los beçinos y naturales de dicha billa”.

 Foi nesta época cando o porto de Suevos, daquela coñecido como “puerto de los Vizcaínos”, comezou a súa actividade baleeira. Nas súas Memorias del arzobispado de Santiago (1607-1620), Jerónimo del Hoyo dinos o seguinte sobre este feito histórico: “En esta feligresía de poco a acá se ha hecho un porteçuelo en que se pescan ballenas, el qual y los feligreses son vasallos del Conde de Lemos”.

Porto de Suevos na actualidade (Xabier Maceiras)

  Nos séculos XVI e XVII a abundancia dos grandes mamíferos nesta parte do Atlántico era tal (segundo Cornide a especie que máis se podía ver na nosa costa era a “misticeta”), que orixinou a construción de numerosas torres vixía para localizalas dende terra e saír na súa procura. Sábese que cando circulaban pola nosa zona, os vixías de Malpica facían o seguimento da súa pasaxe dende A Atalaia e dende a parte máis alta da Illa Malante das Sisargas, coñecida como O Talieiro; os de Caión facíano dende A Atalaia e, ademais, hai informacións dunha torre vixía en Langosteira (Suevos) e doutra en Sorrizo, situada na Punta da Torre. Tamén hai rexistro de que cando as baleas eran perseguidas polas proximidades da Coruña, introducíanse pola Ría do Burgo ata o Temple, onde había instalacións baleeiras.

  Falar da caza da balea en Caión, é meterse na cociña do amigo Marcos Amado, impulsor do Museo do Mar da Confraría, lugar que recomendamos visitar para que fagades un percorrido pola historia da vila a través da súa actividade piscatoria. Co teu permiso Marcos, e segundo as túas informacións, só queremos apuntar que por volta do ano 1530 foron cazadas as primeiras baleas en Caión e desde ese momento ata 1700, ano da ultima captura, desenvolveríase unha importante actividade de pesca e transformacións dos grandes cetáceos, unha actividade que, como no caso de Malpica, estivera comandada no inicio por armadores de Guipúscoa e Biscaia e que, co tempo, pasaría á mans dos mariñeiros locais. Na súa Descripción del Reino de Galicia, o Licenciado Molina facíase eco, na metade do XVI, da importancia de Caión como porto baleeiro nun verso:

Y luego Cayón, do bien se trabaja.

Matar sus ballenas, que no es chica alhaja.

Pues sacan aceite y en gran muchedumbre,

el cual no se come, mas para la lumbre.

Le hace la oliva muy poca ventaja.

    A caza dos grandes mamíferos oceánicos nas augas galegas decaería notablemente na segunda metade do XVII e esfumaríase definitivamente no século seguinte. O Padre Sarmiento, facendo alusión da ría de Pontevedra, onde as baleas entraban en procesión todos os invernos, escribía: “donde era constante su aparición todos los años en época fija, pero que por no haber harponeros ni disposición para esta pesca, nadie las ofendía”.

    Se cadra por mor da persecución masiva de que foron obxecto, coas constantes batidas organizadas para a súa captura, ou tamén, como opinan algúns especialistas, por causa do quecemento das augas, que puido provocar unha mudanza da ruta emigrando cara a rexións glaciais, o certo é que as baleas fóronse afastando do noso litoral, orixinando unha considerable diminución delas. O negocio deixaba de ser rentable, máis aínda cando en 1708 se autorizaban as importacións de graxa e saín procedentes de Terranova e que, comercializado por holandeses, británicos e vascos, inunda o mercado nacional. Xa no ano 1788, José Cornide informaba que a captura das baleas estaba practicamente abandonada, e iso que aínda frecuentaban a costa galega. A caza artesanal dos grandes mamíferos dende as rudimentarias embarcacións chegaba así ao seu final.

  A actividade resucitaría xa en pleno século XX, creándose as factorías de Caneliñas (Cee), Punta Balea (Cangas) e Morás (Lugo), mais cunhas pautas radicalmente distintas, e extinguiríase definitivamente, sen pena nen gloria, nos anos oitenta como unha das peaxes que tivo que pagar España ao entrar na Unión Europea. A última captura dun barco baleeiro galego producíase no ano 1985, e ese navío, que pertencía a IBSA (Industria Ballenera S. A., liquidada en 1994 cando estaba controlada pola familia Massó), é hoxe un museo flotante en Noruega onde, a diferenza de España, “si se preocuparon de salvalo do desmantelamento para recuperar, rehabilitar e difundir a singular e rica historia dunha industria de vital importancia económica e social para o litoral atlántico do norte do Estado. Aquí pecamos de non valorizarnos e esquecer un oficio tradicional durante séculos”, lamentaba o historiador Felipe Valdés Hansen, autor de Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), nunha entrevista publicada no xornal El País, na que tamén manifestaba o seu anhelo de que se recuperara, como acontece noutros lugares do mundo, o patrimonio industrial das vellas factorías baleeiras da Costa da Morte ou do Morrazo que aínda resisten, con moitas dificultades, ao paso do tempo.

    Nun capítulo da súa obra Felipe Valdés dinos que, unha vez que os galegos desprazaron aos vascos como protagonistas do negocio, desde finais do século XVI e principios do seguinte, pódese distinguir o desenvolvemento de varios modelos organizativos nos diferentes portos da costa galega. Non entran neste esquema os portos de menor importancia que, como Camelle, Langosteira (Suevos) ou Portecelo, non contaban con persoal suficiente nin o financiamento necesario para formar unha armada de baleas. Por iso, continuaron a depender doutros portos ou dos foráneos.

  Outro dato de interese deste traballo é o que se reflicte no relacionamento que dá o autor entre baleeiros asturianos, vascos e franceses nas augas galegas, aparecendo no ano 1631 un capitán ou arpoeiro de Guipúscoa, de nome Miguel de Lapazarán e como porto baleeiro de orixe o de Langosteira.

   Xa por último e noutra referencia a Arteixo, Felipe Valdés Hansen escribe o seguinte: “En la costera de 1613-14 el mercader Jácome Vidal, el arponero Bartolomé Fernández y el mercader coruñés Pedro de Arnilla unieron los puertos de Caión y Langosteira, armando cinco chalupas, tres de las cuales serían por cuenta de Pedro de Arnilla que, presumiblemente, las haría traer del País Vasco, disponiendo dos en Langosteira y la restante en Caión para ayudar a los citados vecinos. De igual modo, en la chalupa que Arnilla enviaba a Caión iría a bordo un “motila” o mozo, como ayudante, y un arponero más para la chalupa del mercader Jácome Vidal. Como tres de las cinco chalupas eran del coruñés, a él correspondían las 3/5 partes de los beneficios. Por su parte, los de Caión se comprometían a entregar dos cargas de trigo para la gente de Arnilla apostada en Langosteira. En cuanto al arrendamiento del puerto de Caión, lo repartirían en tercias partes por las tres chalupas que allí tenía cada uno, mientras que Arnilla costearía por su cuenta el de Langosteira que, como ya se dijo, pertenecía al conde de Lemos”.

  A lectura de Los balleneros en Galicia de Felipe Valdés Hansen é unha obriga, como tamén o é a de Golpes de Mar e Vida e morte das Baleas, onde o noso veciño Antón Castro (Lañas, 1959) dálle protagonismo ás baleas en varios dos seus relatos, como fixera co pincel o célebre pintor coruñes Urbano Lugrís, mestre do surrealismo que adoraba incluír os grandes mamíferos oceánicos nas súas innumerables e fantásticas paisaxes mariñas.

   A pegada galega da balea quedou reflectida en numerosos topónimos do país tan evidentes como Balea; Baleato; Cedeira, derivado de cetaria, lugar de grandes cetáceos; Balieiros; Balieiras ou As Baleas, lugar do litoral arteixán do Rañal próximo á praia da Area da Salsa. Apuntar tamén que en toda a xeografía galega só o Concello da Laracha, homenaxeando a vila de Caión, ten no seu escudo heráldico, nunha decisión plenamente xustificada, unha balea.

En primeiro plano As Baleas, lugar do litoral do Rañal (Xabier Maceiras)


FONTES:

AMADO CASDELO, MARCOS EMILIO (2017): Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, Señores de Montaos, Autoedición, Caión.

CARRÉ ALDAO, EUGENIO (1928): Geografía General del Reino de Galicia, Ediciones Gallegas, A Coruña, 1980.

HOYO, JERÓNIMO DEL (1950): Memorias del arzobispado de Santiago (1607), Santiago de Compostela.

MACEIRAS RODRÍGUEZ, XABIER (2017): Contos mariños de Carballo, Concello de Carballo.

MOLINA, BARTOLOMÉ SAGRARIO DE (1550): Descripción del Reyno de Galizia y de las cosas notables del, Mondoñedo.

QUIÑONES, FERNANDO (1968): Las crónicas de mar y tierra, Editorial Ciencia Nueva, Madrid.

VALDÉS HANSEN, FELIPE (2010): Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), Fundación Barrié, A Coruña.