xoves, 9 de febreiro de 2017

DANIEL "O DO MONTE PEQUENO" E A SÚA MULLER CARMEN, OS PIONEIROS DAS VIAXES A PORTUGAL

     O seu nome é Daniel Loureiro Barbeito, mais en Arteixo todo o mundo o coñece por Daniel "o do Monte Pequeno", un home nado en Armentón antes da Guerra Civil que, ao longo da súa vida sería operario da PEBSA, a fábrica de bacallao que había na Coruña; cobrador da liña de autobuses propiedade do seu veciño de Armentón Pepe Ferrín; axudante de Don José, cura da parroquia de Santiago de Arteixo durante máis de catro décadas; empregado de EMESA...mais, se hai unha actividade pola que é coñecido na bisbarra, é polas ducias de viaxes que xunto á súa muller Carmen Cedeira organizou a Portugal, viaxes das que me falaron hai uns días no seu domicilio na compaña dos seus fillos José María e María Luisa.

Imaxe dunha das primeiras excursións a Viana do Castelo
  Daniel iniciaba a conversa lembrando que..."antes de facer os viaxes a Portugal, aló polos anos 60 xa facíamos excursións á Pobra do Caramiñal, a Muxía, a San Andrés de Teixido, ao San Froilán, ao Carballiño, á romaría da Virxe dos Milagres de Amil, en Moraña e moitos sitios máis", un Daniel que cando fala de Portugal os ollos bríllanlle dun xeito especial, non sei se pola nostalxia dos tempos mozos ou polas experiencias vividas no país veciño ao cal organizou, xunto a súa muller Carmen, a primeira viaxe a finais da década dos setenta. Aquela era unha época na que España e Portugal tiñan a súa democracia en cueiros. Os lusos recuperárana na chamada Revolución dos Caraveis (Revoluçao dos Cravos) do 25 de abril de 1974, que provocara a caída da dictadura salazarista que dominaba Portugal dende 1926, e o Estado español a partir da morte de Franco, acontecida o 20 de novembro de 1975. 

     Para levar a cabo as excursións, Daniel e Carmen alugaban habitualmente un autocar de Ferrín que case sempre conducían Manolo, o propio Ferrín ou ben Francisco, que foi o chófer que máis veces cruzou a raia co matrimonio do Monte Pequeno, matrimonio que tamén, de cando en vez, contrataban os autocares de Abelenda da Agualada ou da empresa Martínez de Caión. 

     Coa data da viaxe confirmada, unhas semanas antes Daniel encargábase de ir por todas as parroquias de Arteixo buscando xente para encher todas as prazas do autobús xente que, naquelas primeiras excursións ao país veciño, pagaba unhas 800 pesetas (uns 5 euros de hoxe en día) por unha viaxe na que voltaban o mesmo día que, ou ben eran os sábados ou ben os días festivos. 

     Naqueles anos 70 as estradas, ao igual que a democracia de ambos Estados, estaban por facerse polo que, para chegar á fronteira, había que realizar un percorrido dunhas 3 horas por eses camiños de Deus, ao que lle había que sumar outro considerable tempo de espera en Tui por mor da acumulación de tráfico que sempre había alí e, por tal motivo, a hora de saída de Arteixo sempre era entre as 6 e as 7 da mañá. A Feira dos Santos de Cerdal, que se celebra en Valença do Minho o 1 de novembro, era un dos destinos habituais das excursións que organizaban Daniel e Carmen, unha feira na que, ante a numerosa demanda de veciñanza do noso municipio que quería visitala, teñen contratado dous autocares. Outros lugares que visitaban con frecuencia eran Vila Nova de Cerveira, Caminha, Viana do Castelo, Barcelos...

     Moitos daqueles veciños de Arteixo que nunca antes saíran de Galiza aínda tiñan moi presentes os tempos do estraperlo, os tempos do comercio ilegal de productos sometidos a algún tipo de imposto ou taxa, actividade irregular que era sinónimo de mercado negro e, nas primeiras viaxes, aínda había quen mercaba productos de todo tipo en Portugal e logo os vendía aquí. Mais, con todo, a maioría da xente o que traía das feiras portuguesas eran productos para os seus fogares... xabón, aceite, café, azucre, aparatos de radio, potas e toallas, moitas toallas do Noso Señor! 

Excursión de arteixáns a Portugal nos anos 90

    Foron pasando os anos e, ao mesmo tempo que os nosos protagonistas seguían organizando excursións ao país veciño, España e Portugal entraban na Comunidade Económica Europea trala sinatura do Tratado de Adhesión realizada cun dobre acto en Lisboa e Madrid o 12 de xuño de 1985, incorporación que daría pé ao desmantelamento das aduanas e posteriormente, en 1992, ao libre tránsito dun país a outro deixando atrás os tempos de longa espera en Tui por mor do denso tráfico que sempre había na vila fronteiriza e, tamén, os enfados cos carabineiros por non querer facer a vista gorda con algún que outro  producto que se mercaba nas feiras. Tamén, as novas infraestructuras irían reducindo o tempo das viaxes mais, segundo o matrimonio do Monte Pequeno..."á xente pouco lle gustaba ir pola autopista porque non se vía nada. Antes a paisaxe era moito máis bonita".

Imaxe actual de Daniel e Carmen
   Na actualidade, e despois de tantos anos facéndoo, Daniel Loureiro e Carmen Cedeira aínda organizan de cando en vez algunha excursión a Portugal mais iso si, están moi contentos de que Tamara, a filla da súa sobriña Ana (a concelleira do PSOE) abrira unha axencia de viaxes na Avenida do Balneario...se cadra a xenética tivo algo que ver no asunto!




 




venres, 3 de febreiro de 2017

SUSO GARCÍA, O PANADEIRO FUTBOLISTA

 
Local da "Panadería Suso" na Av. de Fisterra de Arteixo
      Sabido é que dende hai varias décadas a “Panadería Suso” ofrece aos seus clientes unha ampla variedade de sabores e placeres ao paladar, unhas exquisiteces gastronómicas que abofé son sinónimo de tradición e calidade e que, cada día, podemos mercar en calquera dos oito despachos de pan que a firma ten pola nosa bisbarra: catro na Coruña, dous en Arteixo, un Vilarrodis e o orixinal de Paiosaco, que foi o lugar onde o seu propietario Jesús García Varela, mais coñecido polo apelativo de Suso, iría medrando ao mesmo tempo que aprendía o oficio de panadeiro. Mais, a parte da súa actividade empresarial, Suso García tamén tivo unha brillante traxectoria no mundo do balón, unha carreira deportiva que deixaría unha enorme pegada entre os aficionados ao fútbol da contorna. 


Despacho da "Panadería Suso" en Vilarrodís
      Nado en Paiosaco o 22 de xaneiro de 1960, o noso protagonista debutaría con 15 anos nos xuvenís do conxunto de A Porta Santa e, nesa mesma tempada 1975/76, tamén viste por primeira vez a camiseta do primeiro equipo, naquela hora adestrado por Ramón García Rubal e capitaneado por Otero, un futbolista que xa vivira as vicisitudes do fútbol no Fabril e no Hércules de Alicante. Os da feira serían campións do torneo ligueiro do grupo II da 2ª Rexional “A” nesa campaña 75/76 e repetirían título na seguinte cun notable protagonismo na dianteira verde e branca de Suso, un xuvenil que naqueles mediados dos setenta empezaba a convertirse nunha codiciada periña en doce para varias entidades de categoría superior.

      Un destes equipos interesados en facerse cos servicios do rapaz de Paiosaco fora o R.C. Deportivo da Coruña, que tiña como adestrador do seu equipo xuvenil a Manuel Ríos Quintanilla, o lendario Manolete. Pouco lle faltou a Suso para asinar co clube herculino mais, finalmente, acabaríase truncando a operación por mor do repentino interés do Real Madrid, feito que daría pé a que o Deportivo fichara no seu lugar ao arteixán Juan Manuel Mañana Martínez “Fabeiro”. 

     O Real Madrid era o Real Madrid e unha oportunidade así non se podía deixar escapar polo que, no verán de 1977, Suso prantábase na capital do Estado co desexo de comer o mundo e de facerse un oco nas categorías inferiores do clube branco. Alí faría amistade co porteiro vasco José Manuel Ochotorena, un dos compañeiros da pensión na que vivía con outros rapaces da canteira que procedían de fora de Madrid e que, posteriormente, coincidiría en pleno coa xeración dos Míchel, Butragueño, Sanchís, Pardeza e Martín Vázquez, grupo de xuvenís que non tardaría moito en ser coñecido como “La Quinta del Buitre”. Mais a experiencia de Suso na entidade madridista non acabaría resultando todo o positiva que él agardaba e, ao cabo de tres meses, volta a súa terra para enrolarse no cadro xuvenil do Racing de Ferrol que participaba na Liga estatal. Alí o paisaqués deixaría o seu selo persoal anotando un total de 22 goles, bo facer que lle daría o premio de adestrar habitualmente co primeiro equipo onde, baixo as ordes de Rodriguez Vaz, coincide nas sesións preparatorias cos seus veciños de Caión, os irmáns Collazo, e con futbolistas da talla dos Corral, co tempo adestrador do R.C. Deportivo; o arxentino Juan Carlos, que un día lle comentara que...”en Argentina tenemos un pibe que dará que hablar” referíndose ao que para moitos é o mellor xogador de todos os tempos: Diego Armando Maradona; Richard, pai do ex futbolista do Glasgow Rangers Nacho Novo; e tamén co masaxista Antonio “O Xitano”, plantel que ao final daquela tempada 77/78 acadaría o ascenso á Segunda División. 

Suso no Racing de Ferrol
    Na campaña seguinte, xa coa maioría de idade cumprida, Suso García faría a pretempada co Racing de Ferrol, pasando despois ao equipo filial, o desaparecido Arsenal, cadro co que xogaría a Rexional Preferente ata o mes de decembro. Foi nesa altura cando á perla de Paiosaco xurdiríalle a posibilidade de irse cedido ao Hellín, un equipo de Albacete no que Suso deixaría pegada dentro e fora do terreo de xogo, xa que sería alí onde coñecería a Charo, a súa futura muller. 

     Rematada a cesión, o rapaz de Paiosaco voltaría á disciplina do Racing de Ferrol onde, ao longo da campaña 79/80, alternaría as súas actuacións co Arsenal e co primeiro equipo racinguista en 2ª B, división na que o once departamental loitaría ata a última xornada por non descender á 3ª. Os verdes principiaran a tempada baixo a dirección técnica de Gustavo Biosca e remataríana con Gerardo Molina, adestrador que o 6 de abril de 1980 facía debutar na categoría a Suso contra o Sestao, nun partido correspondente á xornada 30ª que remataría 0-0 e no que o Racing formara con tres laracheses de inicio: Jolo; Miguelín, Vidal, Silvano, M. Collazo, Otero, Segundo, J. Collazo, Suso (Carballo), Roberto e Miguel. La Hoja del Lunes publicaba ao día seguinte que...”Molina, que en esta ocasión, por imperativos legales, no pudo dirigir el encuentro desde el banquillo, introdujo esta tarde a los jugadores Suso y Carballo, procedentes del Arsenal; tal vez como último recurso. Pero tampoco dichos jóvenes lograron romper la atonía de un partido que más parecía de patio de colegio que propio de Segunda División “B” . O futuro panadeiro repitiría titularidade na xornada seguinte, na derrota no campo de Las Gaunas por 3-0 contra o Logroñés onde, segundo as informacións dos medios da época, Suso fora dos futbolistas máis destacados do Racing: ”Destacaron por el Logroñés sobre todo Lotina, junto a Tasio y Torres, y por el Ferrol, el portero Jolo, con Otero, Merino y Suso”. Sete días máis tarde, no partido que enfrontaba no desaparecido estadio “Manuel Rivera” ao Racing co Huesca, o noso protagonista voltaba a saír de inicio por terceira semana consecutiva, un partido que o once departamental acabaría gañando por 1-0 e que sería o último que Suso García xogaría en 2ª B, pois non tardaría en viaxar a Cataluña para facer o campamento do servicio militar en Girona e o resto da mili en Seu d´Urgell, na provincia de Lleida.
   
La Voz de Galicia, 23.3.1992

  Finalizado o servicio militar, o xogador de Paiosaco volta ao Hellín para xogar a tempada 1981/82 no equipo da localidade da súa moza Charo, con quen non tardaría en casar. Naquel intre, a pesar de recibir ofertas tentadoras coma a do Ibiza, Suso xa tiña claro que o seu futuro estaba no mundo do pan e non no do balón, polo que a parella estableceríase definitivamente en Paiosaco onde, pouco a pouco, irían collendo as rendas da panadería familiar, a panadería de seu pai Maximino.
  
     Despois dunha paréntese de cinco anos cheos de experiencias inesquecibles como a proba co Real Madrid, a aventura en Hellín ou o debut en 2ª B co Racing de Ferrol, Suso voltaría a vestir a camiseta da Unión Deportiva Paiosaco na tempada 1982/83, camiseta que defendería ata a 1988/89 que, facendo de xogador-adestrador, sería a campaña na que colgou as botas como futbolista para dar paso a súa faceta como técnico da entidade paisaquesa durante varias tempadas da década dos noventa, que foi cando se retirou definitivamente do mundo do fútbol para adicarse única e exclusivamente á súa familia e á súa empresa familiar: “Panaderías Suso”.



xoves, 26 de xaneiro de 2017

O HISTÓRICO VOO DO DIRIXIBLE "GRAF ZEPPELIN" E O SEU PASO POR ARTEIXO

     Nas primeiras horas do xoves 15 de agosto de 1929, o enorme dirixible LZ 127 Graf Zeppelin soltaba amarras na súa base de Friedrichshafen, en Alemaña, para iniciar a primeira circunnavegación da Terra por aire, anticipándose 12 anos ao primeiro servicio comercial por avión. Cunha tripulación de 38 homes baixo o mando do seu constructor, o enxeñeiro Hugo Eckener, viaxaban 20 pasaxeiros de nove nacionalidades, entre eles o doutor español Jerónimo Mejías, médico de Alfonso XIII. Lady Grace Drummond-Hay, corresponsal de "The New York Times", era a única muller.

Imaxe do ano 1929 do Graf Zeppelin en Los Angeles
     Seis horas despois da súa partida o Graf Zeppelin (Conde Zeppelin), bautizado así na honra do seu inventor, pasaba sobre un alegre Berlín e proseguiría a súa singradura cara aos Urais, Siberia e Xapón, a onde chegaba o luns 19 de agosto, amarrando á primeira hora da noite nun Tokio engalanado para a ocasión. Tras completar a primeira etapa, catro días máis tarde, este "trasatlántico dos aires" abandonaba o país nipón e poñía proa ao continente americano, un percorrido que, ao pasar por San Francisco ás cinco da tarde do 25 de agosto, era a primeira vez que se cruzaba o Pacífico polo aire. Á unha da mañán do día 26 a nave chegaba a Los Angeles, completando así a segunda etapa do seu periplo aéreo. Na cidade californiana abasteceríase de hidróxeno antes de elevarse de novo con rumbo ao aeroporto de Lakehurst, en New Jersey, ao que arribou o 29 de agosto. O domingo 1 de setembro a aeronave volvía a levantar o voo, en presencia de millares de persoas que a despediron, para a etapa final de regreso a Friedrichshafen, en Alemaña, despois de viaxar por tres continentes.

     O Graf Zeppelin atravesaría o Atlántico polas Azores e, ás catro da tarde do martes 3 de setembro, xa se podía ver dende Fisterra a gran altura e marchando a bastante velocidade. A emisora daquel punto xeográfico comunicaría de contado a nova, que sería recollida na Coruña pola estación radiotelegráfica do Banco Pastor. Sobre esa hora a Casa Consignataria Hervada tamén recibira unha mensaxe do capitán do vapor inglés Batna, mensaxe no que se informaba que o dirixible tiña unha situación de 42´21 latitude norte, 9´35 lonxitude oeste. Uns intres despois, o vapor British Count daba un novo posicionamento de 42´27 latitude norte e 9´41 lonxitude oeste. Corenta minutos máis tarde, navegando maxestuosamente pola costa galega, a aeronave pasaba sobre o Cabo Vilán e, dende Camariñas, recoñecíase perfectamente a súa silueta mentres se alonxaba.

     Acto seguido o Graf Zeppelin sobrevoaría o litoral bergantiñá, onde un dos fillos do contramaestre de Malpica, o cativiño de 7 anos Xosé González Reyes (avó de Avia Veira, concelleira no concello da Coruña do B.N.G.), andando no tempo escribiría, nunhas crónicas que publicou no xornal La Voz de Galicia nos anos 80 do século pasado tituladas "Lembranzas de Malpica", sobre o paso do dirixible dicindo que..."Só me lembro de ver o dirixible Zeppelin como unha vexiga longa enorme, de cor gris, cunha galería moi longa na parte de abaixo, donde ía a xente, según me dixo o meu irmán. Voaba paseniño e sen facer ruído. Semellábame o globo que botaran nunhas festas de Corpus, aínda que moito máis pequeniño en comparanza co Zeppelin".

     O xigantesco dirixible navegaría polo litoral de Arteixo ás cinco e vinte daquel 3 de setembro de 1929, data na que a veciñanza arteixá estaba sendo, probablemente sen sabelo, testemuña da primeira volta ao mundo da historia que completaba unha aeronave. “Os que o viron, decatáronse dalgúns detalles do colosal aparato”, informaban os medios da época.

Mapa coa volta ao mundo do Graf Zeppelin en 1929
     Dez minutos despois o Zeppelin facía a súa aparición na Coruña voando por enriba do monte de San Pedro, con dirección á torre de Hércules, permanecendo visible uns sete minutos. Pese á expectación que creara na cidade, @s herculin@s descoñecían o seu itinerario, polo que foron poucas as persoas que se percataron da presencia da nave, que voaba a uns 200 m. de altura. O dirixible desaparecería da vista dos coruñeses polos montes da ría de Ferrol, cara o Cabo Ortegal, e proseguiría viaxe polo Cantábrico para chegar finalmente ao seu destino de Friedrichshafen, en Alemaña, o 4 de setembro de 1929. A viaxe durara vinte días, catro horas e catorce minutos, dos cales pasara no aire doce días, doce horas e vinte minutos, un par deles polos ceos do noso concello.

     O Graf Zeppelin, que tiña unha lonxitude de 236 m., un diámetro de 30,5 m., unha capacidade de 112.000 m3 de hidróxeno e un peso total de 59 t., contaba con cinco motores Maybach que lle daban unha velocidade de cruceiro de 110 qm/h, mais que podían alcanzar unha máxima de 128 qm/h. O dirixible estaría nove anos en servicio, facendo 1.700.000 qm. e transportando 13.000 pasaxeiros e 120 t. de flete. En 1940 sería desmantelado e vendido como chatarra.


FONTES:

- Reiriz Rey, Jesús María. La Coruña: Hechos y Figuras. Reiriz Rey, 1999.
- Díaz Pardeiro, José Ricardo; Fernández Fernández, Xosé e Reiriz Rey, Jesús María. Crónicas coruñesas. Biblioteca gallega. La Coruña: La Voz de Galicia, 1994.
- González Reyes, Xosé. Lembranzas de Malpica. Edicións Embora, 2016.
- Roland, Eduardo.  Setenta años de Galicia en la era Zeppelin. La Voz de Galicia 21.3.2010.
 -GCIENCIA, o portal da ciencia galega.


venres, 20 de xaneiro de 2017

HÉCTOR NÚÑEZ, OUTRO FUTBOLISTA DE SANGUE ARTEIXÁ NA ELITE DO FÚTBOL MUNDIAL

     O de Meicende é un caso ben curioso. Xa temos falado nestas Crónicas de Arteixo de que dous veciños do lugar, Manolo Míguez e Héctor Núñez, emigraran na década dos anos vinte a Uruguai e que alí, no novo país de adopción, crearían a súa propia familia. O fascinante do caso é que, co paso do tempo, as casualidades da vida farían que un fillo de Manolo, o Cotorra Míguez, e outro de Héctor, o Pichón Núñez, convertiriánse en dous dos mellores futbolistas uruguaios de todos os tempos. 

     Nado en Montevideo o 8 de maio de 1936, Héctor Núñez Bello, mais coñecido polo alcume de Pichón Núñez, debutaría aos quince anos no fútbol de competición no equipo de quinta división do Liverpool, o mesmo clube do que tamén saíra Ramón Villaverde, o fillo de arteixáns que acabaría xogando no F.C. Barcelona. 

     Núñez non tardaría en despertar o interés do Nacional de Montevideo que, nos primeiros anos 50, acabaríao fichando para as súas divisións xuvenís, onde se acabaría formando como futbolista. As mostras da súa enorme calidade xogando de oito e acotío asombrando pola súa facilidade para chegar á área contraria e pola comunión que tiña co gol, farían que o seu debut no primeiro equipo se producira de contado, debut que acontecería o 15 de decembro de 1956. O Nacional festexaba a consecución do segundo título consecutivo de campión do torneo ligueiro uruguaio nun partido amigable contra o Independiente arxentino. No encontro, que remataría cun escandaloso 6-1 favorable aos charrúas, o adestrador Ondino Viera, contratado en 1955 pola directiva que presidía o empresario larachés José Añón para recuperar o título que o Nacional non obtiña dende 1952, tamén faría debutar a Julio Acosta, Raúl Núñez e Héctor Rodriguez, compañeiros do Pichón nas categorías inferiores que, xunto a Guillermo Escalada, conformarían unha das dianteiras máis lembradas polos seareiros do equipo tricolor de Montevideo.  

Foto de Héctor adicada a Tuja,o seu curmán de Meicende 
    No ano seguinte, en 1957, o Nacional obtén o seu terceiro campionato consecutivo grazas, en gran medida, á aqueles catro rapaces da dianteira que uns meses antes xogaban xuntos no equipo xuvenil. Héctor Núñez sería elexido o mellor xogador uruguaio desa tempada e, ademais, debutaría coa selección charrúa nos partidos contra Paraguai e Colombia da fase clasificatoria para o Mundial de 1958 de Suecia ao que, finalmente, a celeste non acudiría. Precisamente, nese ano de 1958, o Nacional realiza por Europa unha xira de dez partidos, entre eles un o día 15 de xuño na Coruña para disputar o trofeo Teresa Herrera contra o equipo brasileño do Flamengo. Héctor Núñez era a primeira vez que pisaba a terra na que naceran seus pais e, unha vez rematado o encontro no que os uruguaios se impuxeran por 2-1 con goles do propio Héctor e de Escalada, o noso protagonista sería entrevistado polos xornalistas herculinos a quenes lles deixaría unha pincelada en galego...”Miña nai é de Pastoriza e meu pai de Meicende”. 

     A súa actuación naquel Teresa Herrera despertaría o interés de varios equipos españoles, entre eles o R.C. Deportivo, que por aqueles días competía na 2ª División, o Celta, o Granada e o Valencia, que sería finalmente con quen asinaría por 14.000 dólares. No equipo che, no que debutaría o 8 de abril de 1959 fronte ao Everton inglés, o Pichón conquistaría dúas Copas de Feiras en 1962 e 1963 e anotaría un total de 40 goles durante as sete tempadas que xogou alí, a última delas a 1964/65, a mesma na que un curmán seu de Meicende, Manuel Núñez Tuja, fichaba no Celta de Vigo. Na campaña seguinte o Pichón vestiría a camiseta do Mallorca, onde xogaría unha tempada antes de disputar as súas dúas últimas como futbolista profesional nas filas do Levante, que foi o equipo onde colgaría definitivamente as botas ao remate da tempada 1967/68.

Semanario Riazor, 16 de xuño de 1958
     Retirado coma futbolista, Héctor comezaría a súa carreira de adestrador no Calvo Sotelo de Puertollano, clube co que asina en outubro de 1970 e ao que dirixe trinta e un partidos en 2ª División. Posteriormente adestraría ao Tenerife; Levante; Valladolid; Granada; Rayo Vallecano, onde foi o primeiro adestrador do clube en 1ª División, aquel Rayo ao que chamaban mataxigantes polas súas proezas no Estadio de Vallecas; Atlético de Madrid, ao que dirixe de xeito efímero: fichara para sustituir a Luis Aragonés en 1978, mais só aguantou cinco partidos e sería reemplazado polo mesmo Aragonés. A continuación retorna ao Rayo Vallecano, antes de dirixir durante dúas tempadas ao Tecos mexicano, de 1981 a 1983, un campionato azteca onde ve xogar a Hugo Sánchez cos Pumas da UNAM e recomenda a súa fichaxe ao Atlético de Madrid. Na tempada 1983/84 volta ao campionato español para adestradar en 2ª ao Las Palmas. Dende 1985 ata 1987 ocupa, unha vez máis, o banco do Rayo e, en 1989, adestra por primeira vez no seu Uruguai natal, no mesmo clube no que anos atrás debutara coma futbolista profesional: o Nacional de Montevideo.

      Tras un par de anos sabáticos, Núñez dirixe en 1992 á selección de Costa Rica e na tempada 1993/94 faise cargo do Valencia. Rematada a súa estadía no banquillo do clube no que iniciara a súa carreira futbolística en España, retorna ao seu Uruguai natal para facerse cargo da selección charrúa dende 1994 ata 1997. Ao fronte da celeste, conquistaría, tras superar a Brasil nos penaltis, a Copa América de 1995, título polo que sería elexido mellor técnico de América da tempada pola prensa especializada do continente. Ao recoller o premio Héctor, lembrando os seus inicios na dirección técnica, considerou ao adestrador catalán Domingo Balmanya coma o seu mestre.
 
      Os últimos desempeños do Pichón Núñez coma técnico terían lugar en Arabia Saudita ao fronte do Al-Nassr e do conxunto uruguaio do Tacuarembó F.C., que foi onde puxo punto final a súa carreira coma adestrador en 2007. Héctor Núñez Bello, o fillo daquel matrimonio de Meicende e de Pastoriza que fixeran a maleta da emigración nos anos vinte do pasado século, falecería en Madrid o 19 de decembro de 2011 aos 75 anos.
 

venres, 13 de xaneiro de 2017

O COMEDOR DE INDITEX E A HORTA DA PEDREIRA DO AVÓ MILIO

     Como moit@s de vós sabedes, en outubro do 2015 o bo amigo Xosé Antón Bocixa e o que escribe principiamos un proxecto audiovisual sobre as expropiacións do Polígono Industrial de Sabón, proxecto que pretendemos que vexa a luz neste 2017 e que vai levar por título "12 Leiras (A horta Esquecida)".

A leira da Pedreira é a da esquerda, a que ten catro palleiros de millo
   Doce foron as leiras que lle expropiaron aos meus avós Milio e Carme para a construcción do Polígono: unha no lugar do Sereo, unha nos Vilares, unha na Perdiz, unha nos Terreos, dúas no Monte do Crego, unha na Agra de Arteixo, unha nos Muíños do Rañal, unha en Barcia, unha na Rañeira e dúas na Pedreira, que era o lugar que estaba na zona que hoxe ocupa a Avenida da Moda. Nunha destas leiras da Pedreira, a que lindaba coa casa de Amelia das Creghas, pasei moitas horas da miña infancia xunto a meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, o heroe dos primeiros anos da miña vida.
O avó Milio
   
    A Pedreira era un dos topónimos que mais se utilizaban na miña casa. Era un topónimo de patrimonio familiar. Alí, naquel lugar, o avó Milio ensinaríame a cazar grilos; amosaríame a beleza das bolboretas e falaríame das avispas excavadoras de terra, esas que construen os avispeiros en terra seca e infértil. O avó dicía, coa súa retranca tan persoal, que aquelas avispas eran do Peñarol, mais eu non entendía o significado das súas palabras. Co tempo descubriría que se refería ás cores da camiseta do equipo de fútbol de Montevideo, as mesmas que as das avispas. Falábame tamén dos tempos nos que había abundancia de troitas e anguías no Bolaños e de como se agochaban as londras nese río cando él tiña a miña idade; explicaríame para que se utilizan as miñocas; porqué as anduriñas pasan aquí o verán e logo emigran cara o sur e, sobre todo, advertiríame da peligrosidade das denosiñas. Lembro que estaba obsesionado con este pequeno mamífero carnívoro. Se cadra levara algún susto de cativo, que nunca chegara a confesar. O certo é que cada dous por tres, o avó contaba que as denosiñas ían ás cortes do gando para mamar nas ubres das vacas, morder as patas dos cabalos para chucharlles o sangue e outras trasnadas semellantes. Dicía que mataban por pracer e que nalgún galiñeiro da aldea provocara verdadeiras masacres, á altura das que facía o raposo, só para beber a sangue das galiñas.

     O avó Milio, que seguramente sería un bo guionista para “El hombre y la tierra”, a exitosa serie documental de Félix Rodriguez de la Fuente que se empezara a emitir por aqueles anos 70 e que nós, avó e neto, seguiamos coa máxima expectación, tamén me contaría na leira da Pedreira un feixe de historias que a el lle transmitiran seus pais, Francisco e Dolores, e os vellos do Rañal cando era neno, historias como a do “Tío Fuco”, morto dunha enchenta de touciño e que provocara unha sanguenta liorta entre os mozos que se disputaban o premio dun traxe prometido a quenes levaran a ombreiros o cadáver ata o cemiterio; ou a de “Xacintiño”, comprometido, por unha aposta, a ir unha noite ao camposanto e que tolearía da cabeza porque creía que os difuntos o agarraban cando, en realidade, lle quedara presa a chaqueta na reixa dunha sepultura.

Vista da Avenida da Moda e, á esquerda, o comedor de Inditex
      Pois ben, nesa leira da Pedreira na que pasei tantos momentos da miña infancia, momentos que empezan a fuxir da memoria, de aí "A horta esquecida" que forma parte do título do audiovisual, está asentado hoxe o novo comedor de Inditex, inaugurado recentemente pola multinacional textil... un lugar no que sempre que paso ao seu carón non hai día no que non me lembre do heroe da miña infancia, de meu avó Milio, Milio do Touciñeiro!


mércores, 4 de xaneiro de 2017

AMELIA NAYA E O NAUFRAXIO DO PESQUEIRO FRANCÉS "GENEVIEVE DE GALARD"


Imaxe dos anos 70 de Amelia e a súa neta Patricia
    Antonte finou, aos 86 anos de idade, a miña veciña do Rañal Amelia Naya, unha muller que estivo ao fronte da taberna da aldea, o "Bar Chucho", durante case corenta anos e que me contou boa parte da historia que vos conto a continuación...unha historia coa que lle quero rendir o meu pequeno homenaxe a esta muller boa e xenerosa. D.E.P. Amelia! 

     Ás 10:30 da mañá do 11 de xuño de 1969, o lagosteiro francés "Genevieve de Galard" partía da localidade de Audierne, na Bretaña gala, cara o porto de Vigo, cidade onde o seu armador e patrón Yves Peron, tiña previsto mercar aparellos para despois dedicarse á lagosta no litoral galego, práctica que os pesqueiros franceses viñan facendo desde había xa bastante tempo (en Arteixo, sábese que a principios do século XX mercábana en Suevos e depositábana a bordo dos seus pesqueiros, providos de viveiros, para posteriormente vendela no seu país).

     A bordo ían sete mariñeiros: Jean Alain Coquet, de 32 anos; Clet Garval, 49; Julien Danzé, 35; Albert Perhirin, 17; Jacques Cabillic; o maquinista e copropietario do barco Laurent Cajean, de 48 anos e, o citado Yves Peron, que tiña 47. Excepto Julien Danzé, todos estaban solteiros e os sete vivían en Plogolff, na Fisterra gala. Tamén levaban unha mascota, o can "Loron".

      O pesqueiro tiña 36,54 toneladas de rexistro bruto; 15 metros de lonxitude de popa a proa; 5,30 de manga; 3 de puntal e posuía un motor de 150 cv. Laurent Cajean e Yves Peron mercárano había xa catorce anos, en 1955, e decidiran pórlle o nome de “Genevieve de Galard”, na honra da enfermeira das Forzas Aéreas Francesas que, entre marzo e maio de 1954 convertiríase nunha heroína pola súa coraxe e dedicación ás tropas no conflicto bélico que os galos mantiñan na Indochina, o actual Vietnam.

      O percorrido polo Golfo e polo Cantábrico durante os dous primeiros días da viaxe cara a cidade olívica, decorre sen nengunha incidencia, con bo estado do mar e tamén bo tempo. Mais as condicións climatolóxicas cambiarían na madrugada do venres 13.

      Xa en augas galegas e pouco despois de pasar á altura da Torre de Hércules, unha mesta brétema imposibilita a visibilidade ao patrón Yves Peron, dificultándolle seriamente a navegación do seu barco. Non se vía nada, mesmo na cuberta non era doado ver os obxectos máis próximos. Pouco antes das 2:00 da madrugada, o “Genevieve de Galard” navega á altura da Punta Langosteira. De súpeto, uns minutos máis tarde, cando a maioría da tripulación xa durmía, un ruído trepidante desperta aos mariñeiros, que subirían de contado á cuberta. No medio da confusión, os sete bretóns decátanse de que o barco quedara preso entre unhas rochas e que se basculaba de proa, feito que facilitaba a entrada de moita cantidade de auga. Eran as 2:15 horas e embarrancaran no Rañal, na zona das Aguieiras. En consecuencia, Yves Peron organiza rapidamente as tarefas de salvamento, aínda que a néboa dificultaba de xeito considerable as operacións. Peron ordena largar o pequeno bote salvavidas, ao que todos suben, deixando abandonado o “Genevieve”. O único que non procurou o refuxio do bote foi “Loron”, xa que preferiu lanzarse á auga, desaparecendo logo entre a néboa. Todo fora moi rápido e os sete mariñeiros mal tiveron consciencia do que lles acontecera!.

      Nun primeiro momento, non souberon que facer. Se remasen corrían o risco de afastarse da costa, agravándose a situación notablemente xa que a densa brétema continuaba impedindo ver absolutamente nada e, por riba, só tiñan un remo. En vista de que o mar estaba tranquilo, deciden agardar á alborada, pensando que aos poucos iría desaparecendo a néboa que os rodeaba naqueles momentos.

      Tras pasar máis de catro horas no bote, por volta da 6:00 viron unhas afastadas luces de terra e comezan a remar cara elas. Estas luces eran as das obras da Central Térmica de Sabón, que Fenosa había pouco tempo que principiara a construír, e serían as que conducirían aos mariñeiros franceses até a praia de Alba, lugar onde quedou varado o bote salvavidas. Así que chegaron ao areal levaríanse unha gran sorpresa. O canciño “Loron”, ao que xa daban por desaparecido, chegara nadando antes que eles, sen dúbida guíado polo instinto, e agardábaos todo alborozado e dando saltos de alegría. Os seus ladridos foron o sinal de benvida. Despois da ledicia de “Loron”, os sete homes deixan o areal de Alba e camiñan cara a aldea do Rañal por diante das instalacións da fábrica de conservas A.& J. Salgueiro, hoxe convertidas en aparcadoiro. Entran no bar da aldea, o “Café Bar Chucho”, unha pequena tasca que rexentaban Jesús Souto e Amelia Naya. “Eu cando os vin quedei impresionada...que facían sete homes estranxeiros tan cedo no meu bar? Preguntábame...eles facíanme debuxos, escribíanme, falábanme...mais eu non lles entendía nada, non sabía o que me querían decir”, contábame Amelia en febreiro de 2011.

Os sete mariñeiros franceses e o seu can "Loron" (La Voz de Galicia)
     Ante a imposibilidade de que se entenderan coa propietaria da tasca, os mariñeiros galos deciden dirixirse cara ao mesmo punto de onde saían aquelas luces que os conduciran até o areal de Alba e que pertencían á sinalización das obras da Central Térmica. Aquí terían máis sorte, xa que o persoal das obras de Fenosa atenderíaos con toda amabilidade, servíndolles varios cafés e coñacs para reanimalos. Uns minutos máis tarde, presentábase naquel lugar a Garda Civil de Arteixo e pouco despois, avisados pola benemérita, tamén apareceron o tenente de navío da Comandancia de Marina, Manuel Goyanes, e os axentes do consulado francés María Dolores Udaondo e Manuel Teijo Barinaga. Posteriormente, todas estas persoas, acompañadas polos sete mariñeiros bretóns, encamiñáronse, partindo de Sabón, na procura do “Genevieve de Galard”.

     Actualmente podemos pasear a carón do mar polo paseo marítimo mais, naquela hora, o percorrido polo litoral non era doado. Tras pasar polo Paiolo e A Ermida, chegan até a zona da Bogueira (onde está o telescopio do paseo), lugar dende o cal xa se podía ver a silueta do pesqueiro, que estaba a uns 800 metros da costa, afundido de popa. O mar, logo de retiralo das rochas das Aguieiras, forao levando cara ao oeste, cara a zona da Area da Salsa e Repibelo onde, despois de ver que o seu pesqueiro tiña poucas posibilidades de ser rescatado, todos quedaron moi afectados, especialmente o patrón Yves Peron, que non se acababa de recuperar da forte impresión recibida.

      Pouco despois, e acompañados polas autoridades, voltan de novo á tasca de Amelia Naya que, desta vez sí, despois das explicacións oportunas dos alí presentes entendeu o que lles acontecera aos náufragos franceses. Laurent Cajean e Yves Peron pediríanlle a esta muller e ao seu home, Jesús Souto, que lles deixasen gardar na súa propiedade o bote salvavidas (que foran a buscar á praia de Alba, onde quedara varado) e, que tamén se fixesen cargo durante uns días de “Loron”, peticións que aceptarían os propietarios do “Bar Chucho”. Neste establecemento do Rañal, os sete homes xantarían e tomarían café antes de que o cónsul de Francia na Coruña, Francisco Dotras, se responsabilizase definitivamente da situación e os aloxase nunha pensión da Praza de Lugo mentres agardaban a súa repatriación.

      Na maña do día seguinte, sábado, a compañía aseguradora do “Genevieve de Galard” contacta coa firma Extrasa, dedicada ao salvamento de barcos, co fin de que o persoal desta empresa efectuase un recoñecemento do lugar no que se encontraba o pesqueiro e así estudar as posibilidades de rescate. Nese mesmo día, un equipo de mergulladores trasládase a bordo do remolcador coruñés “María Pita” até as inmediacións do barco que, por causa da maré, fórase desprazando cara a costa de xeito considerable, estando neses instantes moi perto da Area da Salsa. Mais o remolcador, que xa non se podía achegar máis ao pesqueiro sinistrado, tivo que voltar atrás por mor dos disparos de aviso que lanzou a Garda civil de Costas, que mantiña un servizo de vixilancia de terra para evitar roubos. A benemérita non tiña ordes de permitir o achegamento de persoal ningún ao “Genevieve” e dispararon para o ar en sinal de aviso. O persoal do remolcador, que nese momento non tiña outra misión que a de avaliar a situación, non tivera necesidade de se dar a coñecer polo que o “María Pita” regresaría ao porto coruñés. 

     A empresa de salvamento contactaría coas autoridades da Marina coa finalidade de denunciar o acontecido e, unha vez esclarecidos os feitos, o persoal voltaría o domingo (esta vez por terra) até O Rañal e levaríanse unha sorpresa, xa que o mar movera de novo ao pesqueiro, achegándoo até a praia de Repibelo, a carón da Arbosa, quedando embarrancado moi perto da beira. Este feito sería aproveitado polos mariñeiros galos, que accederían ao barco unhas horas máis tarde, aproveitando a marea baixa, para recuperar as pertenzas persoais, telefonía, todo, mesmo o diñeiro co que os armadores ían comprar aparellos en Vigo.

      O costado de estribor do “Genevieve de Galard” quedaría completamente esnaquizado, o que fixo que o seu casco se dese totalmente por perdido, motivo polo que con posterioridade a empresa Extrasa desmantelaría os seus restos previo acordo coa aseguradora do barco.

      Antes de ser repatriados para Francia, Yves Peron pasaría pola tasca do Rañal a buscar o seu canciño “Loron”, que xa levaba uns días na casa de Jesús Souto e Amelia Naya. Segundo contaba Amelia en febreiro de 2011, Peron daríalle ao seu home o bote salvavidas, un bote que acabaría uns meses máis tarde nos Caneiros de Betanzos...”Pepe de Aldao, un cliente noso do bar que casara en Betanzos mais que viña a miúdo por aquí xa que era da Pedreira (aldea desaparecida que estaba pola zona onde hoxe está o muiño de Inditex e a Schweppes), enterouse de que Chucho, o meu home, tiña o bote dos franceses e díxolle que estaba interesado en mercarllo. Eu non sei o trato que tiveron. Do único que me lembro é que un día chegou Pepe e mais o seu sogro nun camión e levaron o bote para Betanzos, seica era para Os Caneiros”.

Varios tripulantes do "Genevieve de Galard" (o do can é Yves Peron) co persoal do consulado (El Ideal Gallego)