sábado, 20 de febreiro de 2021

O MÉDICO DON MANOLO RODRÍGUEZ

   Manuel Rodríguez Díaz, máis coñecido como “don Manolo”, foi un notable médico, amante da música clásica e da arqueoloxía, que deixou unha profunda pegada na historia máis recente da bisbarra. Nace este esclarecido médico en 1925 na Coruña, cidade na que falece o 15 de outubro de 1989, aos 64 anos. Chegou a ser o doutor máis popular da comarca, xa que asistía aos seus pacientes sen importarlle o horario, nin se lles ía a cobrar ou non. Prestando os seus servizos tanto ao pobre coma ao rico, exerceu medicina xeral e pediatría, mais as súas especialidades eran as enfermidades pulmonares e as do corazón.

Don Manolo nos seus inicios no mundo da Medicina (Cortesía da familia)

    Manuel, que de neno xa lle dicía a seus pais que quería ser médico, fai os seus estudos de Bacherelato no Colexio Dequit da Coruña, unha verdadeira institución no ensino da época que funcionou dende 1871 ata 1972 e polo cal pasaron algunhas das máis importantes personalidades da historia da cidade herculina. Unha vez rematados os seus estudos de secundaria, inicia a carreira de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e, ao pouco de obter a licenciatura, abre consulta en Arteixo.

   Pepe Insua, propietario do bar do Muiñeiro durante medio século e amigo persoal deste médico tan querido e respectado, comentounos recentemente que o noso homenaxeado era unha persoa moi xenerosa á que apreciaba moitísimo. Pepe tamén nos recordou as consultas que don Manolo tivo na capital do municipio:

  “Fumos moi amigos, era cliente habitual do noso bar, un home entrañable e moi comprometido socialmente. Cando veu para Arteixo abriu consulta no primeiro piso do edificio do antigo restaurante El Gallo de Oro. Anos máis tarde foi para a casa do Carmelito, que estaba fronte á actual tenda de Sita, xusto na entrada do aparcamento de Eroski, se entras pola Avenida de Caión. O edificio do Carmelito tiña dous ou tres pisos e acordo que viviu nun deles durante un tempo. O que non estou seguro é se puxera consulta alí tamén. Despois, se non recordo mal, botou algún tempo enriba da librería de Amalucha (hoxe Librería Laydi) mentres construían o edificio onde viviu coa súa familia durante moitos anos e onde tivo a súa última consulta”.

   Efectivamente, tal e como recorda Pepe Insua, a mediados dos anos 50 o doutor Manuel Rodríguez chega a Arteixo, a aquel Arteixo que vivía case que exclusivamente do agro e do que só se lembraban algúns cando querían aliviar as dores de reuma no Balneario, e establece a súa primeira consulta no primeiro andar dun edificio que os do 'Veigheiro' tiñan na chamada “Carretera Nova”, na actual Avenida de Fisterra. Sería precisamente no baixo desta casa onde Pepe Morgade e Fina Gestal abren en 1962 un restaurante ao que bautizan como "El Gallo de Oro", nome co que lembraban a ópera de Nikolái Rimski-Kórsakov que tanto lle gustaba ao médico don Manolo, o padriño do seu fillo Fernando.

 

Á esquerda da imaxe vemos o edificio do antigo restaurante El Gallo de Oro, lugar onde don Manolo tivo a súa primeira consulta en Arteixo

   Certo tempo despois, dado que os 'Veigheiros' necesitaban o piso porque casara un dos seus fillos, o noso protagonista traslada a súa consulta á Avenida de Caión, ao edificio do 'Pistón', onde estivo durante moitos anos a libraría de Amalucha. Don Manolo coñece nesa altura a Ana María López Sangil, unha enfermeira da Coruña coa que casa en outubro de 1965. Tras darse o “si quero”, a parella decide botar raíces en Arteixo e compran un soar na Avenida de Fisterra para construír un edificio no que ían establecer o seu domicilio no segundo andar, quedando o primeiro para a consulta.

   Mais antes disto, durante o tempo que duraron as obras, os Rodríguez López residen 3 ou 4 anos no edificio do 'Carmelito' -que anos máis tarde sería derrubado a consecuencia das expropiacións para a construción do Polígono Industrial de Sabón- e, durante ese período, don Manolo segue atendendo aos seus pacientes no do 'Pistón'. Transcorrido máis de medio século, aínda hai quen se acorda do caos diario alí existente, coas grandes colas de xente que había nas escaleiras agardando pola súa quenda, colas que ás veces chegaban ata a entrada da libraría de Amalucha. Con don Manolo auscultando aos doentes na consulta, receitando os oportunos medicamentos ou confirmando tal ou cal diagnóstico, e con Ana axudando ao seu marido como enfermeira, dada a cantidade de pacientes que tiña o popular médico, é doado imaxinar aquela imaxe. Era algo inaudito. Á súa consulta viña moita xente con enfermidades pulmonares ou cardíacas do Val de Dubra, Ponteceso, Malpica, Carballo, A Laracha, A Coruña… e, por suposto, de Arteixo.

   No noso municipio, no que traballou ata o último dos seus días e do que foi un ilustre fillo adoptivo, ían nacer os seus catro fillos, Ana, Javier, Carmen e Victoria, rapaces que pasaron os primeiros anos das súas vidas compartindo clase no colexio Carrero Blanco (na actualidade CEIP Ponte dos Brozos), ou en tal ou cal gardería, con moitas e moitos arteixáns nacidos nos 60 e nos 70. Ana, a maior, andando no tempo ía seguir os pasos do seu proxenitor para adicarse á Medicina de Familia.

  Profesional de gran vocación, que vivía para a súa familia, os seus pacientes e a súa medicina, o pouco tempo que tiña libre pasábao rodeado de libros, estudando, lendo e preocupado por todo. Amante da ópera e da música clásica en xeral, outra das súas paixóns era á arqueoloxía e todo o relativo á historia do noso patrimonio cultural.

  Unha vez que se estableceron na Avenida de Fisterra, as ringleiras de doentes chegados dende infinidade de puntos da bisbarra seguían sendo tremendas: “é que non é para contálo, había que vélo! Aquilo era terrible”, contounos non hai moito unha das persoas que acudía naquela época á consulta de don Manolo.

   Naqueles tempos, nos que boa parte dos seus pacientes tiñan seguro pola Agraria e os ingresos da xente que vivía do agro eran os que eran, don Manolo practicamente non lle cobraba a ninguén. Onde vía pobreza ou miseria, e naquela hora non había pouca, brindaba o apoio sanitario e a súa profesionalidade a toda esa xente de maneira totalmente altruísta.

      -¿Canto é, don Manolo?

     -Nada ho, ¿que che vou cobrar por iso?

      - Don Manolo, ¿que lle debo?

     - Anda ho, anda… iso non é nada!

      - Don Manolo, ¿canto é?

     - Anda ho, xa me pagarás!

   Don Manolo era así; era a súa forma de ser. Se no día atendía a 40 ou 50 persoas, se cadra cobráballe a 4 ou a 5, ás que tiñan mellor situación económica. E así, pouco a pouco, o noso homenaxeado foi gañando o ceo e o corazón da xente.

   No mundo da medicina, o ollo clínico pode definirse como o don que posúen algúns médicos para realizar diagnósticos rápidos e certeiros. Este termo, antano popular, está caendo en desuso e na actualidade utilízase con maior frecuencia en ambientes non médicos, para resaltar a habilidade de anticipar acontecementos ou de calibrar a simple vista aspectos ocultos da natureza humana. Don Manolo posuía ese don, e o seu ollo clínico salvou de grandes doenzas, e incluso da morte, a varias persoas da contorna. Unha delas, Eduardo 'de Cachón', contounos o seguinte:

  “Naquel tempo don Manolo paraba a tomar café no bar do Muiñeiro e un día díxolle alí a meu pai:

    -Oíches Cachón, mándame o teu fillo pola consulta. O cativo está mal, ten hepatite!

 E efectivamente, fun a súa consulta. Eu daquela tería 10 ou 11 anos e vírame pasar uns días antes por diante do Muiñeiro. Mira ti que ollo tiña, que xa sabía que estaba mal!

     Non queremos esquecer, nesta merecida homenaxe, aquelas chamadas nocturnas ao seu domicilio ás tantas da madrugada porque non había outro médico en Arteixo. Bueno, na realidade si que había máis doutores. O que acontecía e que viñan pasar consulta e logo marchaban para A Coruña. Estamos falando de antes de que houbera Centro de Saúde, Urxencias e nada disto en Arteixo. No noso municipio non había absolutamente nada. E entón, claro, o único punto de referencia dun médico era o de don Manolo. Por aqueles días, era rara a noite que non tocaran ao timbre do seu domicilio por algunha que outra urxencia. E o pobre de don Manolo collía o seu coche e alá ía ás tantas da madrugada a Barrañán, a Sorrizo… e así continuamente ata que puxeron as primeiras Urxencias de Arteixo, que foi cando don Manolo e a súa familia empezaron a descansar polas noites como Deus manda e, ao fin, xa puideron durmir tranquilamente!

  Rememorando aqueles tempos, Ana López, que nos atendeu telefonicamente coa maior das amabilidades, tamén nos contou que no baixo do seu edificio da Avenida de Fisterra, o mesmo no que anos máis tarde estivo “Hogar y Confecciones Fina”, atenderon varios partos. Eran mulleres que viñan en coche dende a comarca de Bergantiños e que ían dar a luz á Residencia. Algunhas víronse tan apuradas que ao chegar a Arteixo:

   - un médico, un médico!!!

 

Imaxe dos anos 70 de don Manolo (Cortesía da familia)

   E xa podedes imaxinar quenes baixaban correndo para atender a aquelas futuras nais. Polo que nos contou Ana, naqueles casos don Manolo abría o portal do garaxe para que a parella que demandaba axuda médica gardase no baixo o seu coche, un baixo no que viñeron ao mundo varios bebés:

   “Para estos casos yo siempre tenía preparada una bolsa con ropa para los recién nacidos… por los menos cuatro veces, y no darles tiempo de subir a la consulta y dar a luz en el bajo”.

   A mediados dos anos 80 a familia Rodríguez López establece o seu domicilio na Coruña, pero don Manolo seguiría indo á súa consulta de Arteixo todos os días, ata que unha grave enfermidade foi mermando pouco a pouco a súa saúde. Aquel médico que tanto se sacrificara con moitos dos nosos devanceiros naqueles tempos difíciles, faleceu en outubro de 1989 aos 64 anos.

   Vaia este humilde tributo e sentido homenaxe para que uns o recorden, outros o coñezan e todas e todos admiren a este gran persoeiro que foi don Manolo.

  
 

FONTES:

-Fernández, Carlos (2006): El colegio Dequidt, una institución en la enseñanza. La Voz de Galicia, 4 de febreiro.

sábado, 13 de febreiro de 2021

O BAR COSTAMAR DE BARRAÑÁN

    Baixando a costa de Barrañán, tras pasar por diante da canteira utilizada durante os últimos anos como aparcadoiro e que actualmente está en pleno proceso de reforestación, á man esquerda da estrada que conduce a Caión vemos un edificio pintado dunha chamativa cor vermella con zócalo de pedra. Estamos no lugar do Campo, nas inmediacións das dunas do areal. Apreciase claramente que este edificio foi orixinariamente unha casa familiar das de antano á que, máis tarde, no lugar no que antigamente estaban as cortes das vacas, se lle fixo unha gran reforma para darlle o aspecto actual. Trátase dun local de pranta baixa con dúas grandes ventás, unha a cada lado da porta, na fachada orientada cara o mar. Enriba da porta da casa, vemos un balcón pintado de branco no que hai un letreiro de Tabacalera coa súa insignia que indica que este é un estabelecemento autorizado para a venda de tabaco. Enriba da outra porta, na parte que antes era a corte das vacas, podemos observar once grandes letras prateadas co nome do negocio: BAR COSTAMAR, nome oceánico que utilizan os clientes máis novos e, principalmente, os veraneantes xa que para a clientela de toda a vida o Costamar sempre foi coñecido como “A de Concha”.

 
Imaxe do ano 2020 do Bar Costamar
 
   Ao entrar, atoparedes media ducia de mesas, cada unha delas rodeada de cadeiras de madeira dende as que podedes contemplar o Atlántico, o Val de Barrañán coas vistas ao fondo da Fraga de Sisalde, ou os montes de Chamín, Sorrizo, Monteagudo... un luxo, abofé! Á ésquerda da entrada do bar hai un acceso que comunica coa parte vella do edificio e ao fondo, á dereita, está a porta que conduce á terraza do local, que conta con outra media ducia de mesas nas que sempre recende a salgadura oceánica. Detras da barra, que practicamente ocupa o ancho do estabelecemento e que comunica coa cociña, dependendo da quenda de horarios podemos ver a Iván, o fillo pequeno de Concha que é quen leva actualmente o negocio, ou á sua parella Danay. Iván xa é a terceira xeración do Costamar. 
 
   Hai que remontarse ata os anos 40 do século pasado para falar dos primeiros tempos deste bar, época na que aínda debía estar aberta a poucos metros, ou en todo caso facía pouco que pechara, a tenda que abriran en 1919 José Rey Valeiro e a súa dona Sofía Baridó Scheneider, un matrimonio do que xa temos falado nesta bitácora en máis dunha ocasión, de xeito moi especial na historia do “Arctic”, o pesqueiro belga naufragado no areal do Reiro en 1938 (enlace a esta entrada). 
 
  Polo que nos contou Ana, a irmá maior de Iván, seus avós maternos Generoso Pedreira e Josefa Barreiro, tamén coñecida co nome de Pepa, abriron o que hoxe é o Costamar sobre o ano 1948: “Fíxolles a casa o pai de meu avó Generoso e foron para alí cando meu tío Manolo tiña tres ou catro anos e miña nai poucos meses”. 
 
   Generoso e Josefa, el natural de Armentón e ela de Vilaño, A Laracha, casaran en 1944 e ao pouco de darse o “si quero” viviron durante un tempo na localidade pontevedresa de Caldas de Reis, municipio no que residía un tío de Josefa que era cura e no que ía nacer Manolo, o fillo maior do matrimonio. Tras botar un ano e pico en Caldas, no verán do 45 trasládanse a Carballo e alugan unha taberna na que Generoso traballa de camareiro e a súa dona Pepa de cociñeira, preparando uns guisos que non tardaron en ter sona na capital de Bergantiños e, tamén, entre as xentes que acudían acotío á feira de Carballo. 
 
   En 1948, certo tempo despois de rematar o contrato de aluguer da taberna carballesa, nace Concha, a filla máis nova da parella. Nese mesmo ano establecen o seu domicilio en Barrañán, na vivenda que lles fixera o pai de Generoso no lugar do Campo, onde os Pedreira Barreiro empezan a residir cando Manolo ten tres ou catro anos e Concha é unha meniña de poucos meses.  
 
   O matrimonio destina a parte baixa da súa nova casa a cociña, cun pequeno comedor, e a taberna, desas tendas das de antes nas que tanto podías comprar un paquete de azucre, de sal ou de fariña como botarlle unha copa de augardente das que abrían o peito. Na parte superior estaba o domicilio familiar que, de cando en vez, tamén facía de fonda cando lle daban cama a algún que outro mariñeiro. Pepa, unha muller de carácter aberto e trato exquisito coa clientela, pronto reviviu o éxito culinario que tivera en Carballo e, grazas a boa man que tiña para a cociña, os seus manxares… carne asada, callos, cocido, caldeiradas… axiña colleron sona por toda a bisbarra. 
 
   Ao tempo que Generoso traballaba nas leiras que tiñan nos arredores, a súa dona criaba aos fillos, atendía a casa e un negocio no que, naqueles tempos difíciles, naqueles “tempos incestuosos”, como dicía o poeta Manuel María, nunca lle faltou clientela que lle dera un peso a gañar. 
 
Imaxe dos anos 40 de Pepa e Generoso (cortesía da familia)
 
  Estamos xa nos 60, unha época na que Barrañán empeza a cambiar a súa finionomía coas ducias de camións que a diario acuden a extraer area para as grandes obras que se realizaban na Coruña. Naquela altura, no 61, a taberna tamén se converte en expendeduría de tabacos.
 
    Pouco despois, en maio do ano seguinte, tralo grave accidente do autobús da empresa Martínez de Caión acontecido en Barrañán no que faleceran dúas persoas, Concha, daquela unha mociña de 14 anos, atendía a taberna cando non o podían facer seu irmán Manolo ou seu pai Generoso. Por aqueles días, a pequena da familia tamén tivo que aprender a cociñar xa que, no accidente do “Martínez”, súa nai sufrira lesións de consideración que a mantiveron un tempo lonxe dos fogóns. Un pouco polo que lle berraba Pepa dende o piso de arriba e outro pouco mirando polas receitas do libro de Picadillo, que de cando en vez tamén utilizaba súa nai, libro que a día de hoxe aínda conserva a familia, Concha empezouse a defender magnificamente na cociña e xa estaría de por vida cociñando a carón de Pepa. 
 
   Os tempos en branco e negro van dando paso a outros en cor nos que Manolo casa en 1975 con Juana Lojo, tempos nos que na contorna, onde xa se construira o “Hotel Restaurante Playa”, co paso dos anos ían abrir sucesivamente o “Quinito”, que de primeiras empezou cun quiosco onde o seu propietario Manuel Varela, moi bo amigo de Concha, asaba sardiñas no campo que hai na parte de abaixo do actual bar, o “Corazón Blanco” e o “Sol y Mar” -antano a tenda de Pilara e na actualidade o “Restaurante Pirixel” do amigo Suso Rodríguez-, estos tres últimos na parroquia de Chamín. Con todo, malia a tanta competencia, o estabelecemento de Pepa e de Concha seguiu contando coa súa clientela habitual, entre eles moitos obreiros das empresas “Arias Hermanos” e “Pan y Díaz” que traballaban na canteira de Barrañán e que eran como da familia xa que comían alí a diario. 
 
   Da época da que estamos a falar a memoria de quen escribe, daquela un mexericas de 6 ou 7 anos, garda algún recordo difuso de ir con súa nai Melucha no Seat 127 dende O Rañal ata Barrañán ao son de Abba, Boney M ou de Camilo Sesto, o amor platónico de mamá, a tomar unhas Fantas ao bar de súa amiga Concha Pedreira. 
 
   E así foron transcorrendo os anos ata que Pepa faleceu en 1978 e Generoso catro anos despois. Foi aí, ao morrer seu pai, cando Concha viuse un pouco na obriga de contar con alguén. Nai dunha filla pequena, Ana, e cun negocio ao que lle había que adicar moitas horas, necesitaba axuda si ou si. Naquel tempo, a señora Elena, que era como da casa, botoulle unha man no bar e tamén nas leiras, coa colleita dos produtos que se consumían no establecemento e no fogar. 
 
  Concha, que ao igual que súa Pepa era unha muller de carácter aberto e de trato exquisito, sería testemuña naqueles primeiros anos 80 de moitas historias de película no seu negocio protagonizadas polos primeiros turistas alemáns, parellas con historias de amor imposibles ou polos primeiros usuarios da praia nudista de Combouzas. Naquel tempo, no que casou con José Manuel e foi nai de Iván, tamén frecuentaban o bar dous rapaces de Pastoriza que co transcorrer dos anos habíanse de converter nos grandes poetas e escritores que son na actualidade. Falamos de Henrique Rabuñal e de Miguel Sande, quen tivo a ben rememorar aqueles tempos escribindo para Crónicas de Arteixo o seguinte texto:
 
O BAR DE CONCHA EN BARRAÑÁN
Miguel Sande
Teño asociado o bar de Concha en Barrañán á miña xuventude; por tanto, as lembranzas son gratas e especiais. Concha ademais era sempre afable e paciente con nós. Parábamos no seu bar-taberna algunha vez que íbamos á praia pero sobretodo nas fins de semana de camiño a Caión no vello 4 latas. O bar de Concha era parada obrigada, a única en todo o traxecto. Non lembro por que comezamos a parar aí pero si acordo, iso, a súa paciencia con nós. E o seu sorriso bondadoso. Era a época dos cubatas e dos destornilladores (ron con laranxa), inspiradores de versos ou detonantes da valentía á hora de lles entrar ás rapazas de Caión. Eran tamén os tempos dos primeiros amores. O caso é que ao saírmos do bar de Concha, facíamolo xa con outra predisposición fora para a poesía, fose para as aventuras e desventuras en Caión. Lembro tamén naquel tempo no bar ás veces a unha nena pequecha, calada, moi observadora; a súa filla Ana.
Vaian estas liñas de lembranza para Concha e a súa familia e a aquel bar seu no que nos sentimos sempre acollidos con calor e agarimo.

 

    A fidelidade da clientela, e o número de veraneantes que cada ano acudían ao seu estabelecemento (algúns dos cales acabaron sendo bos amigos e, co transcorrer do tempo, familia), empurraron a Concha Pedreira a reformar o seu local entre finais dos 80 e principios do 90 co aspecto que ten na actualidade.
 
Vista do Costamar dende as dunas de Barrañán
 
  E así foron pasando os anos ata o cambio de século, que a nosa protagonista viviu coa constancia de sempre e coa ilusión de ver no seu local os clientes de toda a vida e outros novos saboreando as súas exquisiteces culinarias. 
 
  Concha, muller cordial e de gran naturalidade, deixounos a finais de 2013. Dende aquel momento o seu fillo Iván, que herdou de súa nai a man para a cociña, leva coa axuda de Danay o Costamar, un bar que abriu as súas portas xa hai máis de 70 anos e que para moitas e moitos de nós será para sempre “a de Concha”.

domingo, 7 de febreiro de 2021

JOSÉ ROZAMONTES, UN ARTEIXÁN QUE FOI PROFETA NA SÚA TERRA

   O xoves faleceu, víctima do COVID-19, José Rozamontes Pan aos 84 anos. Foise un dos grandes empresarios do noso municipio, unha gran persoa en todos os sentidos que forma parte da historia máis recente de Arteixo e a quen lle queremos render esta pequena homenaxe.

Imaxe do edificio de Rozas no lugar da Groufa

    Se é certo aquilo que di que “ninguén é profeta na súa terra” no caso de Rozas, apelativo polo que sempre foi coñecido, acontece todo o contrario. Emprendedor e loitador icansable, non parou ata que viu realizado o seu gran soño, un soño que botara a andar no ano 1956, que foi cando empezou a traballar no Alto de Arteixo, preto do actual bar “O que Faltaba”, na súa primeira panadería, no forno de pedra que había na casa da señora Rosa de Ferrín. 

El Ideal Gallego

  Despois de enfornar durante tres anos e pico naquel lugar, en 1960 abre na Groufa a panadería actual, un negocio que ía ser testemuña da creación e da evolución do Polígono Industrial de Sabón. Naquela altura Pepe Rozas comeza a elaborar no seu novo establecemento empanadas e outros produtos que non habían tardar en traspasar fronteiras. As ringleiras de coches diante da panadería, a causa da gran cantidade de xente que paraba alí de camiño ao seu destino, era unha das estampas do Arteixo da época. As súa saborosas empanadas eran as principais culpables de aquelas grandes ringleiras.

  Nunha entrevista publicada en xullo de 1973 en El Ideal Gallego, o xornalista Amado preguntáballe ao noso homenaxeado pola maxia que empregaba para que as súas empanadas tiveran tanta aceptación:

   -Un moi elemental. Procuro elaborar os meus produtos con ingredientes de primeira calidade. O acerto de darlle o punto idóneo para que gusten é ao meu xuízo o secreto, se así se lle pode chamar.

   -¿É certo que as súas empanadas tamén se comen en Madrid?-, preguntaba o xornalista.

   -Por suposto que si. Para a capital de España van moitas e de aí que os moitos veraneantes que nos visitan, se acerquen á miña casa para comer as empanadas e leválas aos seus parentes-, respondía Pepe Rozamontes.

As empanadas en plena elaboración con Rozas á dereita da imaxe (El Ideal Gallego, 25 de xullo de 1973)
    
      Co andar dos anos, o negocio ía ir evolucionando ata converterse no que é actualmente: panadería, confeitería, cafetería e charcutería. O local máis coñecido de Rozas é o que está na rotonda da Groufa, aínda que xa hai tempo que se expandiu con novas sucursais na Coruña. 
 
   Pepe Rozamontes estaba casado con Mercedes Deus, con quen tivo tres fillos: Mari, José Manuel e Javier. Con Jose e con Javi coincidín algún tempo, alá polos primeiros anos 80, na pasantía de Rosa, unha carballesa casada no Rañal que daba clases nos veráns na casa de seus sogros Manolo e Carmen (co tempo, a pasantía pasou a ser na vivenda que Rosa e o seu home Manolo construíran en Alba). Con Javi, o fillo máis novo de Pepe e de Mercedes, tamén compartín vestiario no equipo infantil do Penouqueira. Desgraciadamente, un accidente de circulación truncaría a súa prometedora carreira no mundo do fútbol.
 
Publicidade dos anos 70 de Casa Rozas

   Botando a vista atrás, penso nos primeiros recordos que teño de Rozas e véxoo na súa Derby Variant na miña aldea do Rañal. Viña moito por aquí a pescar, unha das súas grandes paixóns, e ao chalé que a familia ten en Alba. A primeira vez que me dín un chapuzón nunha piscina foi precisamente alí, no seu chalé, un lugar ao que iamos a rapazada do pobo e do que gardo gratos recordos. Ademais, a súa muller Mercedes tiña dúas irmás que vivían no Rañal, Jesusa e Herminda, de aí aí a grande relación que a familia Rozamontes Deus mantivo sempre con esta aldea.

   Outro dos recordos que gardo na miña memoria é o de aquel día que me berraba dende A Ermida, dende o actual paseo marítimo. Bueno, na realidade pensaba que me estaba saudando porque non paraba de levantar a man e, inocente de min, botei un bo anaco devolvéndolle o saúdo. Era das primeiras veces que pescaba na miña vida. Andaba ás barbadas con outra persoa. Hai un dito que di… Quen vai á barbada nas pedras esvara. Mimadriña, nós esvarar non esvaramos, pero a pouco máis ten que vir o helicóptero a rescatarnos. Rozas non nos estaba saudando efusivamente como a min parecía nun primeiro momento. Non, non. Rozas estaba facendo sinais de que saíramos rapidamente daquel lugar porque estaba subindo a marea! Algún día contareivos comos saímos de alí!

   Co seu soño realizado, Pepe Rozamontes retírase en 1996 e deixa a xestión do negocio nas mans da seguinte xeración. A súa merecida xubilación permítelle disfrutar da pesca, afección que tivo que abandonar a medida que foron pasando os anos, e tamén lle permite pasar máis tempo cos seus amigos de sempre, amigos cos que moitas veces conversaba dos tempos de antano e de hogano no Bar Insua, máis coñecido como o bar do Muiñeiro.

Pepe Rozamontes, que aparece sentado á esquerda da imaxe, charlando cun amigo no Bar Insua

   Actualmente a súa filla Mari e o seu marido Jose xestionan o local da Groufa, no que tamén traballan María e Cristina, as fillas do matrimonio. Cando a pandemia nolo permite, quen escribe vai de cando en vez tomar café alí. A dicir verdade, xa hai que non vou. O próximo café non será igual. A súa mesa estará baleira. O recibimento non será o mesmo. Botarei en falta o seu saúdo con ton retranqueiro:

   -Aí vén o do Rañal!

   Ata sempre Pepe!

  Que a terra che sexa leve, amigo!

 

FONTES:

-Aguiar, Iván (2021): Fallece José Rozamontes Pan, fundador de la panadería Rozas hace más de 60 años. La Opinión A Coruña, 6 de febreiro.

-Amado (1973): Un industrial que es profeta en su tierra. El Ideal Gallego, 25 de xullo.