Era o 12 de maio de 1976. Faltábanme só oito días para cumprir seis anos. Daquela pasaba case todo o día cos
 meus avós. Mentres eles traballaban os terreos que tiñan na Pedreira, 
eu facíalle a vida imposible aos grilos e aos escarabellos pataqueiros. 
Naquelas leiras onde os meus avós, Milio e Carme, prantaban millo e 
patacas hoxe ZARA fabrica pantalóns e camisas para todo o planeta. Tiña 
que pasar o día con eles porque, nesa época miña nai, Melucha, 
traballaba na "Salgueiro S.L.", a conserveira que había no Rañal, moi 
preto da nosa casa. Aquel día, aquel 12 de maio do 76, nada máis entrar 
pola porta, despois da súa xornada laboral, díxome:
-"neno, imos á Coruña. Imos ver o petroleiro".
    
 Para un cativo do rural coma min, neses anos, o feito de ir á cidade 
era todo un acontecemento. Era coma un día de festa, pois sempre viña de
 volta con algún xoguete e algunha larpeirada. Mamá facía pouco tempo 
que tiña coche. Coa axuda dos seus pais, mercara un Seat-127 de cor 
amarelo, do cal aínda me lembro da súa matrícula: C-9837-E. No 
"Panchiño", como lle chamaba o avó Milio ao Seat, pasei momentos moi 
doces da miña infancia ao son de Abba, Bonnie M e sobre todo de Camilo 
Sesto, o amor platónico de aquela loitadora que, sen importarlle o
 malévolo "que dirán" da sociedade daqueles tempos, nos que a muller 
era un ser subordinado que pouco podía facer sen o consentimento do 
home, ao pouco de ser nai  presentábase no domicilio de seus 
pais cun cativo de poucos meses, un ollo morado e un feixe de novas 
ilusións para sacar ao seu fillo adiante. Fora víctima da violencia de 
xénero e sí, rachara coas inxustas normas daqueles anos, nas que as 
leis aínda eran máis ruíns que as mentalidades. Tiña ben claro que non 
quería ser un cero á esquerda nin levar máis malleiras do seu home. 
Aquel día principiaba para ela unha nova vida, e nunca máis abandonaría a
 casa onde nacera nun día de xullo de 1947, a casa na cal resido eu hoxe
 coa miña familia.
     Ao chegar ao Ventorrillo, 
quedara abraiado coa inmensa nube negra que se vía ao fondo da cidade. 
Lembro que mamá estivera a piques de voltar cara a casa. Agora que son 
pai sei perfectamente o que se lle pasou pola cabeza naqueles intres. 
Mais, con todo, e de seguro que por mor da miña insistencia, dirixímonos ata a zona da 
Torre de Hércules. Unha vez alí, ao baixar do coche, unha sensación de perplexidade,
 de abraio, de medo...empezou a percorrer polo meu corpo. Quedara 
pasmado co que estaba vendo! Os meus ollos nunca viran nada semellante: o
 mar ardía no medio de aquela impresionante fumareda negra! Logo, co 
paso dos anos, comprendín a magnitude da catástrofe que estaba a 
presenciar. Aquel petroleiro era o Urquiola!. 
     A palabra petroleiro xa me resultaba familiar. Non era a primeira vez 
que a oíra. Escoitaraa en Camelle na casa de Celia, unha muller que 
sacara o permiso de conducir na mesma autoescola que mamá e Fina 
Sanjurjo, outra veciña do Rañal, unhas mulleres que tras obter o 
carnét seguirían mantendo a amistade polo que as 
viaxes a Camelle, naqueles anos setenta, eran moi frecuentes. Celia 
vivía cos seus pais, José Pérez e Virtudes Devesa, nunha pequena casa do
 centro da vila, un lugar máxico para min, onde escoitei contos 
incribles coma aquel duns veciños de Arou que recolleran nos areais uns 
botes que contiñan algo branco no seu interior, co que logo pintaron as 
portas e xanelas das súas vivendas. Aquela sustancia branca era...leite 
condensada! e, ao chegar o sol do verán, segundo os pais de Celia, "as 
moscas a pouco máis comen á xente". Ás historias mariñas que me contaba o
 meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, xuntábanselle agora as de José. 
Nacía así, aos seis anos, a miña relación de amor co océano. 
     Dúas ou tres semanas despois do sinistro do Urquiola, fixémoslle unha 
nova visita a Celia. Lembro moi ben aquel día. Eu non xogaba. Escoitaba
 a conversa dos maiores. Falaban do que pasara na Torre e José dicíalles
 a mamá e a Fina que él xa vivira a praga do chapapote facía moitos anos. 
Lembráballes que canda era mozo, no verán de 1934, vira como un petroleiro ruso (era o Boris Sheboldaeff) que se dirixía cara a Leningrado, embarrancaba na 
costa de Camelle por mor da néboa e contaba tamén como pouco despois 
rompía o casco do buque, provocando que as máis de 10.000 toneladas de 
crú que levaba nas adegas logo se espallasen por toda a Costa da Morte. 
Segundo contaba o pai de Celia, os 54 mariñeiros e tres oficiais que 
formaban a tripulación do buque soviético poidéranse salvar grazas aos 
veciños de Camelle, uns veciños (entre eles José) que sen sabelo estaban
 sendo testemuñas da primeira gran catástrofe medioambiental acontecida 
nas augas galegas.
|  | 
| Veciños do Rañal en Camelle con Man | 
   Tras pasar un anaco falando con José e 
Virtudes, estas tardes de domingo en Camelle sempre remataban do mesmo 
xeito: paseo pola vila, visita a unha curmán de Celia, unhas Fantas no 
Bar Miramar  e, por suposto, a parada obrigada no porto para ver as 
marabillas de Manfred.
      A primeira vez que vin a este home lembro que me causara unha gran 
impresión. Para un cativo de seis anos como era eu, ver a un individuo 
tan peculiar, case esquelético, co pelo e barba longa e sen arranxar, 
vestido unicamente cun taparrabos, descalzo e que tiña por vivenda unha 
chabola de pouco máis de trinta metros cadrados, era o máis parecido a 
ver a Tarzán en persoa. Celia contaba que a historia deste persoaxe non 
estaba moi clara e seica había varias versións, mais o certo era que Man
 chegara a Camelle para non marchar nunca máis. 
      Manfred Gnädinger nacera a finais de xaneiro de 1936 en Radofzell, preto
 da cidade de Friburgo (Alemaña) e era o menor de sete irmáns. O seu pai
 tiña unha panadería que, pese aos malos tempos da guerra para a 
sociedade alemana, funcionaba bastante ben. A familia era das máis 
adiñeiradas da vila. Mais todo cambiaría a raíz da morte da súa nai 
Bertha en 1951. Manfred era un neno tímido e solitario, e quedaría 
profundamente marcado pola súa ausencia, agravándose aínda máis a súa 
amargura cando volveu casar o pai, que o faría de contado. A madrastra, 
a parte do maltrato físico e sicolóxico que exercía sobre o menor dos 
fillos do seu home, conduciría á familia ata a ruína por mor dos seus 
problemas co xogo. A economía familiar empeorara tanto que tiveran que 
vender propiedades e terras, unha situación que sería o condicionante 
para que Manfred decidira irse da casa en 1959 e principiar unha nova 
vida. Marcha a Suiza onde empeza a traballar de reposteiro na 
chocolatería Keller. Alí, a filla do seu xefe namórase del mais o alemán
 dalle cabazas, dille que é "espíritu libre". Ao pouco, e se cadra 
pola incomodidade do asunto amoroso, fai unha viaxe por Italia que 
aproveita para ver arte e, á volta, opta por deixar Suiza. Corría o ano 
1961. Un ano despois chega a Galiza, e aparece por Camelle o día antes 
das festas do Espíritu Santo. Chegara ata aquí polo seu interés pola 
preservación do medio ambiente e a curiosidade por coñecer a Costa da 
Morte. Xa nunca máis marcharía.
     Unha vez na vila, 
dalle hospedaxe a familia dunha veciña de orixe alemán que voltara da 
Arxentina casada cun galego. Nos primeiros tempos de estadía en Camelle,
 Manfred chamaba a atención pola súa imaxe, sempre aseado, ben peinado, 
elegante e ben traxeado. O porte do alemán recén chegado do corazón da 
Europa industrial, axiña destacou naquel pobo de mariñeiros, cunha 
economía de subsistencia e alexado de toda modernidade. Cando moitos 
habitantes da Costa da Morte emigraban a Alemaña na procura de traballo,
 Manfred facía o camiño inverso. Durante case dez 
anos viviría nesa casa, pintando, esculpindo, estudando as prantas e os 
animais e, acomodándose entre a xente cunha mestura de naturalidade e 
certa extrañeza. Nesta primeira etapa Manfred Gnädinger non se 
diferenciaba moito doutros rapaces burgueses que nos anos anteriores ao 
hippismo, renunciaran a todo na súa terra para atopar aventuras e sosego
 lonxe da axitación das cidades. Mantíñase grazas a xenerosidade dos 
veciños e ás axudas que a súa familia lle enviaba periodicamente dende 
Alemaña, aínda que en calquera caso, Manfred necesitaba pouco para 
subsistir: un pouco de comida, un teito e pouco máis.
|  | 
| Man no seu museo | 
    Foi
 daquela cando se namorou de María Teresa, a mestra do pobo coa que 
mantiña longas conversas. Naquela altura, concretamente no curso 1970-71, tamén exercía a docencia en Camelle o meu prezado amigo Julio Mancebo, un mestre arteixán que meses despois empezaría unha nova andaina no colexio San Xosé Obrero de Meicende, centro no que permanecería ata a súa xubilación.
Mais María Teresa xa estaba comprometida, e cando casa co seu mozo de toda a vida, que era mariño mercante, a vida de Manfred cambiaría de xeito abrupto, empurrandoo este desengano amoroso a abandonar a súa primeira casa e a trasladarse a unha pequena parcela, unha punta rochosa no límite do pobo e xunto ao mar. Así remataba a vida de Manfred Gnädinger e comenzaba, a principios dos anos setenta, a de Man, o noso Man.
Mais María Teresa xa estaba comprometida, e cando casa co seu mozo de toda a vida, que era mariño mercante, a vida de Manfred cambiaría de xeito abrupto, empurrandoo este desengano amoroso a abandonar a súa primeira casa e a trasladarse a unha pequena parcela, unha punta rochosa no límite do pobo e xunto ao mar. Así remataba a vida de Manfred Gnädinger e comenzaba, a principios dos anos setenta, a de Man, o noso Man.
     O
 primeiro que fai nesta nova etapa da súa vida é desfacerse do seu 
apelido, de parte do seu nome, dos seus elegantes traxes e do seu 
pasaporte, que ata daquela renovaba convenientemente no cuartel da garda
 civil. Convírtese no cangrexo máis ermitán, coma un Robinsón! Refuxiase
 na soedade e nos seus soños. Asume, a partir de agora, a diferencia, a 
marxinalidade e a excentricidade respeto a norma (como a súa propia 
ubicación no mundo), e convírteas en elementos esenciais da súa 
actividade vital e creativa. En 1972 construe, 
naquel lugar inhóspito aínda que de insólita beleza, un pequeno galpón 
cúbico e comeza a delimitar o seu territorio de pedra xunto ao mar. 
Instala, daquela, un "museo" arredor da súa nova casa, aproveitando as 
rochas do litoral, ás que lle incorpora todo todo co que o mar o 
agasallaba: golfe, madeira, ferros, raices secas...que mesturaba todo 
con formigón, e cunha vexetación autóctona que él mesmo se encargaba de 
plantar, iría creando unha pantasmagórica paisaxe, no que a súa propia 
imaxe de excéntrico ermitán formaba parte consustancial. 
      Man non comía nin peixe nin carne. Era vexetariano. Comía plantas, 
froitas e fariña de millo. Verán e inverno andaba só cun taparrabos e 
poucas veces con sandalias. Con estas cualidades persoais e o seu 
atípico museo, o "alemán de Camelle" iríase facendo famoso pouco a 
pouco, principiando a chegar visitantes de todos os lugares á vila. 
Prensa e radio estaban pendentes del, e ata o popular presentador José 
María Iñigo atrevérase a levalo a TVE 1. A popularidade ía en aumento 
ano tras ano, máis aínda cando aparece un día no Corte Inglés da Coruña,
 vestido unicamente co seu peculiar taparrabos e escandaliza "a las 
señoritas coruñesas". Nunca máis volvería a pisar xungla algunha do 
capitalismo. Metade El Bosco metade Gaudí, convertera o litoral de 
Camelle nun remanso de paz, integrando con maestría as súa figuras 
redondeadas e as combinacións de múltiples cores no entorno. Rochas, 
casas, montes e pinturas en pedras, eran o substrato da súa arte. Ás 
figuras redondas chamáballe "o punto". "Todo empeza e remata nun punto",
 dicía. 
|  | 
| Celia, Fina, mamá e eu en Camelle | 
       Fun cumprindo anos, e as visitas á casa de
 Celia seguían sendo frecuentes. Cada vez que íamos a Camelle había que 
ir ver a Man. Lembro que cobraba entrada, como si dun auténtico museo se
 tratara, e había que facerlle uns debuxos ou escribirlle algunhas 
frases nunhas libretas pequenas. Nestes cadernos, dicía que quedaba o 
alma de cada visitante e pretendía construir con elas un rañaceos. O 
resultado de todas e cada unha das accións que levaba a cabo, estaban 
marcadas por un claro compromiso medioambiental. Man estaba apoderándose
 simbolicamente de todo un pobo, ao mesmo tempo que tiña conciencia de 
estar construíndo unha obra trascendente.  
     Nos 
lustros seguintes, o atractivo turístico da vila vai en aumento. A 
Camelle seguen indo centos de persoas a ver os esculpidos artísticos das
 rochas da praia, o museo (no que aproveitara o cambio de moeda 
para redondear a tarifa, pasando das cen pesetas a un euro) e tamén a 
ver un home distinto, un xeito de vida diferente. As súas pequenas 
libretas seguían enchéndose de debuxos, de frases e de impresións dos 
visitantes.
 Mais todo cambiaría aquel fatídico 19 de novembro de 2002, cando o 
petroleiro de bandeira de Liberia "Prestige" afunde fronte ao litoral 
galego logo da incompetencia das administracións autonómica e estatal, e
 provoca o maior desastre ecolóxico do Estado. Só dous días despois o 
chapapote invadía a obra de Man..."o petroleo matoume a vida. Fóronseme 
as gañas de vivir. Tirei a toalla", dicíalles a uns xornalistas. 
|  | 
| Man pouco despois da traxedia do Prestige | 
     Cando vin as imaxes nos informativos das televisións, aquela estampa de
 manto negro púxome a pel de galiña. Inundeime nun sentimento de pena e 
dor cara a persoa que creara aquela marabilla, cara aquel arquitecto do 
mar, cara a Man, o noso Man. Xurdiron as lembranzas daquelas tardes de 
domingo escoitando a José Perez e a Virtudes Devesa, que xa facía tempo 
que morreran, dos paseos con Celia polas rochas que agora tiñan unha cor
 ben distinta e, por suposto, dos recordos de Man traballando nese lugar
 que cambiaría de aspecto para sempre. 
     O ermitán alemán non quería que ninguén limpara o chapapote das súas 
rochas. Tiña moi claro que había que deixalas manchadas de petróleo para
 convertelas "nun símbolo da morte que destrozou a costa" para as 
xeracións vindeiras. O 28 de decembro de 2002, Manfred Gnädinger, Man o 
"alemán de Camelle", Man, o noso Man, morría no seu habitáculo de 6x6 m 
onde pasara os últimos trinta anos da súa vida. O parte médico sinalaba 
que fora unha insuficiencia respiratoria e a tromboflebitis que padecía 
quenes acabaron con él, mais moit@s compartimos a opinión que o Prestige acabou de matalo. Morreu de pena vendo como a súa costa de 
cores quedaba sepultada baixo un manto negro. Estaba enfermo da alma. 
Morreu de melancolía. Probablemente foi a única víctima mortal da 
catástrofe ecolóxica, sen embargo, é case seguro que ningunha 
estadística relacione xamais a morte de Man, o noso Man, co acontecido 
aqueles días na Galiza...mais eu aos meus fillos xa lles estou contanto a
 verdade. 
|  | 
| Portada do libro de Beatriz Maceda e Laura Veleiro | 
       Para rematar, e cos Reis Magos a volta 
da esquina, vou a recomendarvos un libro: "Man, o alemán de Camelle", da
 autoría da miña prezada amiga Beatriz Maceda Abeleira e con ilustracións de 
Laura Veleiro Suárez, que de seguro axudará aos vosos cativos a que 
algún día sexan heroes e defendan o noso mar con ilusión e afouteza!
Eu puiden contemplar en persoa a ese man abatido, coas mans apegadas a súa mente dolorida pola traxedia do Prestige, naquel mesmo instante en que entrou na súa casa, pa nunca mais saír dela. Dou fe daquel momento que teño grabado na miña memoria.
ResponderEliminarMoitas grazas por compartir as túas lembranzas Antonio!
EliminarUnha traxedia para todos pero m,áis para Man. É conmovedor todo o artigo. Estou interesada na vida e obra de este alemán.
ResponderEliminarMoitas grazas Tere.Pir se é do teu interese, o 6 de decembro organízase un roteiro por Camelle!
EliminarUnha gran e emotiva historia feita dende o corazón, Xabier. Marabilloso traballo, amigo.
ResponderEliminar