domingo, 18 de xullo de 2021

UN CAFÉ CON LORIS BENITO

  Nado o 7 de xaneiro de 1992 en Aarau, a capital do cantón suízo de Argovia, Loris é fillo do asturiano Enrique Javier Benito e de Mari Luz Souto, unha veciña da parroquia arteixá de Pastoriza que, ao igual que xa fixeran décadas antes seus pais Jesús e Claudina, emigrou a Suíza a mediados dos anos 80. Malia que xa leva boa parte da súa vida residindo do país centroeuropeo, Mari Luz non hai día que non lle acorde o seu lugar de nacemento e as amizades da súa infancia. Sempre que o seu traballo llo permite, viaxa á súa querida patria chica co seu fillo Loris, quen espiritualmente vai estar unido de por vida á terra de súa nai, xa que se bautizou no Santuario de Pastoriza en xuño de 1992.

  Lateral esquerdo rápido, de gran calidade técnica e de enorme talento, Loris xoga no Girondins de Burdeos dende a tempada 2019/20 e vén de participar con Suíza na Eurocopa, onde a súa selección realizou un papel extraordinario. Concluída a competición continental, o noso protogonista desconectou uns días en Pastoriza coa súa familia e sentouse con CRÓNICAS DE ARTEIXO e coa revista O DEZ para charlar de fútbol e de outros temas de interese.

 

Loris Benito Souto coa bufanda do Pastoriza S.C.D.

Pregunta: Vostede tivo a oportunidade de debutar na Eurocopa xogando uns minutos contra Turquía na primeira fase. Como foi ese momento?

Resposta: Era a primeira Eurocopa que xogaba, xa que, na anterior, manqueime xusto un mes antes de viaxar a Francia. Foi un momento moi especial, e non só para min. Aínda que o fútbol é un deporte de once xogadores, cando entras no campo sénteste bastante só, porque estás ti coas túas emocións. Foi especial porque non só pensas en ti, se non tamén en todos os que te acompañaron ao longo da túa carreira deportiva. A familia tivo un lugar moi especial nese momento de entrada ao campo. Pensei en miña nai, en meus avós, en meu pai, en meus tíos… Creo que foi un orgullo moi grande para todos e tamén para min, claro, porque sentín que a vida me devolvía algo despois do sacrificio dos anos da infancia e do traballo de tanto tempo.

 

Momento no que Loris debutou na Eurocopa con Suíza

P. : Logo, despois da primeira fase, chegou o éxtase contra Francia nos oitavos de final. Como viviu vostede o partido contra os galos como futbolista que xoga nun equipo francés? 

R. : Diría que o vivín cunha motivación extra para darlles unha pequena “labazada” xa que, ademais, eran un dos grandes favoritos. A dicir verdade, dos futbolista que xogaron non había moitos da liga francesa; creo que no campo só había dous: Kimpembe e Mbappé, que xogan no PSG. Con todo, para min foi un partido bastante especial. Teño moitos amigos e compañeiros de Francia que estaban pendentes do partido agardando e desexando que nós perderamos. Algúns enviáronme mensaxes dicindo que si, que Suíza fixera bo papel e tal pero que despois de xogar contra eles tiñamos que facer as maletas e despedirnos da Eurocopa. E por iso, a victoria contra Francia foi aínda moito máis doce porque ninguén a agardaba; poucos apostaban por nós.

P. : E contra España en cuartos?

R: : Aínda foi moito máis especial que contra Francia porque estaban pendentes a miña familia e amigos de España, todos os que me viron medrar e tamén os que me seguen dende que era un neno, dende que veño aquí a pasar as vacacións coa familia. Todo o mundo estaba moi pendente deste partido, que para nós foi unha plataforma enorme para falar aínda máis do que xa lográramos en oitavos. Foi un partido moi especial que rematou dun xeito triste por non pasar as semifinais nos penaltis. E triste tamén por que non xoguei, claro, pero moi agradecido da experiencia de poder formar parte dos mellores xogadores de Suíza e de participar nunha Eurocopa.

P.: Tivo compañeiros con pasado en Galicia e curiosamente, no partido de cuartos de final contra España, había dous galegos no once helvético, Ricardo Rodríguez e vostede, e ningún en “La Roja”. ¿Houbo algún comentario ou broma no vestiario sobre isto?

R. : Sí. Fabian Schär xogou no Deportivo. Falamos moito da Coruña e, cando pasou polo Dépor, estabamos sempre en contacto. Moi bo compañeiro e excelente xogador ao igual que Ricardo Rodríguez, que tamén ten familia galega aínda que non sei canto tempo pasou en Galicia. A dicir verdade, non falamos moito do seu pasado aquí. Non sei se ten as raices tan profundas en Galicia como as teño eu, que pasei moito tempo da miña vida aquí. Preguntareille. A parte diso, coa xente de Pastoriza e coa miña familia si que falamos dese chiste lindo. O que non sei é porque non hai galegos na selección española. Chamoume moito a atención que non estivera Iago Aspas, que fixo unha tempada fantástica.

 

Loris Benito co último número da revista O Dez

P. : A actuación de Suíza foi excelente. ¿Sorprendeulle que a súa selección fora tan competitiva?

R. : Para nada. Sabemos que xogadores temos e, por riba, somos un gran equipo. Foi moi importante gañar confianza a medida que íamos avanzando na competición. Foi moi gratificante e a aprendizaxe para nós foi brutal.

P. : Xusto o triunfo de Italia?

R. : Merecido. Absolutamente. Vin a un equipo que xogou coma un equipo, que tiña as ideas moi claras e que na miña opinión xogou un fútbol espectacular, con bandas que subían e baixaban. De feito, esa lesión de Spinazzola ténlle que doer a cada persoa que ama o fútbol porque empezar un torneo así, xogalo dese xeito e non poder acabalo é unha verdadeira pena. Para min Italia foi o equipo máis completo do torneo. Tamén me gustan as historias que creron por fóra tamén, especialmente a historia de Mancini, o míster deles, que non xogara nin un só minuto no Mundial de Italia. Esa dor quedoulle para toda a vida e por iso ningún dos seus futbolistas quedou sen xogar nesta Eurocopa. Iso demostra como estiveron, como funcionan e o gran espíritu do equipo. Para min, o triunfo de Italia foi absolutamente merecido.

P. : E agora, despois da Eurocopa, disfruta do merecido descanso na terra da súa familia materna e na que pasou momentos moi felices da súa infancia e xuventude ¿Que significa para vostede Pastoriza e Arteixo?

R. : Moitísimo, moitísimo. Bueno, empezando pola familia, é o lugar das raices de miña nai e eu síntome moi conectado con todo o que iso significa. Non só é chegar ao aeroporto de Santiago ou da Coruña e saber que vas en coche a Pastoriza. Non, tamén é a infancia que pasei aquí cos amigos que teño dende que empecei vir de vacacións á Choupana, o noso barrio, e coñezo a moitísimas persoas que me teñen moitísmo cariño que me fan sentir como si fora un deles, malia que só botaba aquí dúas ou tres semanas xa que despois tiña que voltar a Suíza. E alucinando no que se converteu Pastoriza! Cando era cativo, diante da miña casa había un campo onde pasaba horas e horas cos meus amigos, xogando á pelota, en bici... De feito os primeiros momentos coa pelota foron no xardín de meus avós e na rúa, tirando contra os portais, xogando a xogos que non sei dicir o nome. Bueno, moitísimos recordos moi lindos que sempre me fixeron sentir moi feliz. Ese sentimento de sentirse en casa, de ter a túa familia aquí... iso é moi profundo e iso é o que Pastoriza significa para min. É unha pena que as cousas cambiaran polo fútbol, e non pasei tantos momentos aquí nos últimos dez anos como a min me gustaría, pero claro unha vez que eres futbolista profesional os veráns están moi planificados. Por riba, ao xogar no estranxeiro as vacacións pásoas en Suíza porque teño á familia alí. Pero nada, moi agradecido por cada momento que pasei aquí, e sempre estou en contacto coa xente de Pastoriza o máis que podo.

P. : Era consciente de que no partido contra España en Pastoriza había xente que quería que gañara Suíza. Unha destas persoas era súa avoa Claudina.

R. : Sí, pode ser, pode ser (bromas). Tamén houbo xente que dixo que lle valía a victoria de calquera dos dous equipos… moi lindo o pensamento ese!

 

Loris en Pastoriza con súa nai Mari Luz,  súa avoa Claudina e seu tío Jose

P. : Participou no IV Campus de Verán da S.C.D. Pastoriza e foi homenaxeado polo club. Un dos asentos da bancada do Campo Municipal de Pastoriza vai levar o seu nome. ¿Profeta na súa terra?

R. : Foron momentos moi especiais. Foi algo do que me falou miña nai e díxome que o club levaba varios anos facendo campamentos de verán. Dinme conta claramente da importancia do campo novo que teñen, que me parece algo fantástico e espectacular. Home, dígoche… crecendo aquí e os veráns que pasei en Pastoriza, pois os meus campos de fútbol eran de terra, indo para a igrexa, aí detrás, nos montes ou na rúa. Así que agora, ao saber que hai un campo de fútbol de herba artificial a ese nivel, e que os nenos e as nenas poidan perseguir os seus soños, paréceme algo fantástico. E si, tiven o pracer de participar no Campus de Verán do Pastoriza. Ter a posibilidade de charlar con todos, e de estar aquí pasando un bo rato con eles neste pobo que tanto teño no meu corazón, pois non vexo mellor xeito de pasar o meu verán. Para min foi un día inesquecible que me encheu o corazón de amor. Máis que fútbol, foi un sentimento pastoricense. O meu agradecemento a todas as persoas presentes no acto pola fantástica organización, polo cariño e polo apoio que recibín.

 

 Imaxe tomada o 15 de xullo de 2021 na que vemos a Loris no IV Campus de Verán do Pastoriza S.C.D.

P. : Outro fillo da emigración da zona, Ricardo Cabanas, que por certo ten familia aquí en Arteixo (Parrillada Cabanas de Larín) xogou con Suíza o Mundial de Alemaña do 2006. Un dos seus soños será xogar un Mundial, imaxino.

R. : Absolutamente. Claro, como futbolista, pois ao lograr un obxectivo queres máis, e ser outro galego que xoga con Suíza un Mundial sería un soño, un soño que quero e que estou convencido que vou a cumprir.

P. : Ricardo Cabanas tamén disputou dous partidos coa selección galega. ¿Vostede acudiría a unha hipotética chamada?

R. : Bueno, teño a familia dividida en dúas partes. A materna en Galicia e a paterna en Asturias. Pero claro, si nalgún momento teño a posibilidade de xogar algún partido coa selección galega pois eu encantado. Imaxínate a familia de aquí. Sería un momento incrible. Pero bueno, creo que xa cumprín moitos dos meus soños formando parte de Suíza na Eurocopa. Foi un momento especial para todos nós. O que está claro é que sexa cal sexa o equipo no que xogue, a miña familia sempre estará aí, detrás miña. Estou moi orgulloso de saber que teño esa forza detrás. Iso é o que me fai lograr todo.

P. : Nalgunha ocasión confesou o seu cariño polo Deportivo. ¿Como ve a situación actual do equipo?

R. : É difícil. Hoxe estiven falando cun amigo sobre esta situación porque el tamén me preguntou que é o que está pasando. E a resposta que podo dárlle é que non o sei. É unha pena porque, claro, fai moitos anos que sigo ao Dépor, empezando cos anos do SuperDepor, dos anos da Liga, dos xogadores míticos… bueno, vas medrando con ese mito do Dépor. O que me parece unha pena é que, visto dende fora, creo que non foron só razóns deportivas polo que pasou o club, ou iso creo. Eu o que lle desexo ao Deportivo é que encontre esa tranquilidade como institución, porque é unha verdadeira institución en Galicia, e que poidan volver a traballar fútbol, enfocarse no que é o fútbol e volverá a estar en Primeira División, porque para min o Dépor non pode estar onde está. O inicio do camiño cara un futuro mellor, se cadra foi o triunfo do equipo xuvenil no Campionato de España. Eu en Suíza vivín unha situación semellante no Young Boys. Tivemos cambio de director deportivo e outra serie de cambios no club. E comprobei que habendo tranquilidade nun equipo, o nivel de dirección pode cambiarche todo, e iso é moi importante.

Loris Benito e Xabier Maceiras cun exemplar de 100 anos de fútbol en Arteixo e a Laracha, libro no que Loris é un dos protagonistas

P. : Ten un ano máis de contrato co Girondins. ¿Cómo se presenta o futuro?

R. : Quero cumprir o meu contrato. Estou feliz en Burdeos e en Francia.

P. : Vostede disputou o campionato de Suíza, o de Portugal e o de Francia. ¿Verémolo algún día na Liga española?

R. : Bueno, os soños son para cumprir e claro, non podo obviar a Liga española. Sígoa dende que era pequeno e sería un soño enorme poder xogar nela. É a terra de meus pais. Pero claro, sempre depende un pouco do mercado. Si poidera elexir, claro que xogaría en España, pero iso depende de moitas cousas. Estou convencido de que algún día cumprirei ese soño e oxalá sexa máis pronto que tarde. De momento débome ao Girondins onde, como dixen antes, estou moi feliz.

P. : E se non chega a oportunidade en España, onde lle gustaría xogar ¿na Premier ou na Bundesliga?

R. : A ver, Suíza como país está moi cerca de Alemaña. A Bundesliga é un campionato que siguen moitos suízos e que posiblemente coñeza un pouco mellor que a Premier… pero a Premier é a Premier! É unha competición mítica e para min xogar alí é o soño máis alto.

P. : Por certo, na Bundesliga está agora de adestrador do Bayer Leverkusen outro fillo da emigración da bisbarra, o seu amigo carballés Gerardo Seoane.

R. : Bueno, eu adoro a Gerardo, adóroo como persoa e como adestrador. Obviamente se el me chamara (risas) non o tería que pensar dúas veces. Para min foi moi especial. Encántame o seu fútbol e está onde está porque é moi bo no seu traballo. Cando estiven baixo as súas ordes no Young Boys deume moita confianza e foi moi importante na miña carreira. Grazas a el, xogo coa confianza máxima en todos os partidos.

P. : E na Bundesliga, no Leipzig, tamén está Angeliño, o futbolista de Coristanco.

R. : Moi bo xogador, espectacular a súa evolución e futbolista que xoga na mesma posición que a miña. Vendo a súa incrible tempada tamén me chamou a atención que non estivera con España na Eurocopa.

P. : Vostede tivo a oportunidade de disputar a Champions, outro fito da súa carreira deportiva.

R. : Foi incrible. Primeiro xoguei esta competición co Benfica en 2014. Despois, co Young Boys. O himno da Champions é bestial. Pónseche a pel de galiña. Quero volver a escoitalo.

P. : ¿Quen foi o seu ídolo na infancia?

R. : Un dos meus grandes ídolos foi Rivaldo. Cando empecei a xogar ao fútbol era máis centrocampista que defensa. Era centrocampista atacante, zurdo, coma el. Eu era o número 11 por el, e sempre dixen que sería fan do equipo no que xogase Rivaldo. Deixei de seguilo cando foi xogar a Uzbekistán. Despois, co paso dos anos, tamén me gustou moito, pola súa posición e pola súa forma de xogar, Steven Gerrard, o xogador inglés do Liverpool. Era un líder nato. Identifícome moito con el porque é o que quero ser no campo. Pola forma de xogar e de levar o equipo, para min Gerrard sempre foi un exemplo a seguir.

P. : E na actualidade, ¿algún xogador que admire ou co que se identifique especialmente no seu posto de lateral esquerdo?

R. : Bueno, admiración teño por moitos futbolistas aínda que non teñan nada que ver co estilo do meu xogo. Por exemplo Marcelo, que temos que mencionalo porque creo que é un dos mellores que xogaron nesa posición; Roberto Carlos, outra forma de xogar, pero moi eficaz; e aínda que é na outra banda, e que agora xoga de central, Sergio Ramos tamén me gustou moito nos seus inicios como lateral. É dificil mencionar soamente a un futbolista. Spinazzola, que xogou na Eurocopa nesa posición, é un xogador espectacular. Creo que esa é a forma moderna de interpretar esa posición. Aínda que Italia xogou cun 3-4-3 ou cun 3-5-2, Spinazzola fixo a banda só, que é diferente ao que a min me gusta xogar, e creo que el interpretou perfectamente o que é o fútbol moderno nesa posición.

 

Loris co Girondins de Burdeos, durante a disputa dun partido contra o PSG

 P. : Aínda que quedan moitos anos para que colgue as botas, ¿vése ligado ao mundo do fútbol no futuro? 

R. : Canto máis tempo paso no fútbol sinto que quero pasar menos tempo fóra dos terreos de xogo unha vez que remate a miña carreira deportiva, porque vexo moitas cousas que non me gustan. Unha evolución, ou máis ben involución, que vai nunha dirección na que o diñeiro parece non ter fin. E, nalgúns casos, tamén se toman decisións que son máis por conexións que por feitos e calidade dos futbolistas. En fin, cousas que non me gustan. Pero eu son dos que digo que si algo non che gusta podes cambialo, e por iso si que me gustaría estar nunha posición dun equipo na que poida modificar ese camiño que está collendo o fútbol. Non me vexo como adestrador, iso non é para min. Véxome máis como director deportivo e poder levar un club e soñar con facelo grande. En definitiva, gústame máis o aspecto de confeccionar equipos e mirar o tema económico porque ves a moitos equipos que van aí co diñeiro e ao final eses clubs non teñen boa saúde.

P. : ¿Refírese un pouco ao que pasou en Francia coas dúas caras da moeda, é dicir o PSG e o Lille?

R. : O feito de que o Lille gañara a liga é moi positivo para o ben do fútbol. Por riba o título foi moi merecido. Xogaron un fútbol espectacular cun equipo moi homoxéneo que estiveron así dende a primeira xornada ata a última con futbolistas que sobresaíron durante toda a tempada.

P. : Falamos do pasado, do presente e do futuro e, o que está claro, e que a súa vida, con balón ou sen el, estará sempre ligada a Pastoriza (bromas)

R. : Absolutamente. Non hai razón pola que non quixera voltar e sempre que poida virei aquí. Ademais, apetéceme moito chegar a un punto no que poida vir máis porque o meu tempo aquí sempre estivo limitado por mor das vacacións da miña carreira deportiva. Unha vez que me retire terei máis liberdade para poder vir máis, e máis a miúdo, e iso é o que quero porque síntome tan ben aquí e teño tanta xente á que lle teño cariño que obviamente vou a pasar moito máis tempo aquí... e non sei, se cadra algún día a miña propia familia pode ter as súas raices en Pastoriza.

 

Loris, á esquerda da imaxe, no IV Campus de Verán do Pastoriza S.C.D.

Ningún comentario:

Publicar un comentario