sábado, 12 de febreiro de 2022

SPORTING UXES, UN DOS FUNDADORES DA LIGA DE FÚTBOL DE ARTEIXO

   Na zona de Arteixo e A Laracha empezouse a xogar ao fútbol de xeito oficial en 1962, ano no que Atlético Arteixo, Campanal de Loureda, Paiosaco e Sporting Uxes disputaron o primeiro campionato federado da nosa contorna. Falamos da chamada “Liga Zona de Arteixo” que, na súa primeira edición, acabou nas vitrinas do once da Feira. Unha liga que en Uxes aínda recordan con moito cariño xa que o seu equipo tivo a honra de ser un dos fundadores desta competición.

  Segundo nos contou David López Carril, veciño de Uxes nado en maio de 1935 que chegaría a ser alcalde de Arteixo dende setembro ata novembro de 1982, Ramiro Corujo e Roberto González Bermúdez, que nacera na Punta del Este de Uruguai e que era coñecido polo alcume de “Pocho” foron as persoas quen introduciron o fútbol nesta parte do municipio de Arteixo: Ramiro traballaba aquí como factor de circulación de Renfe. A nai de Roberto era de Uxes, era familiar dos Platas Varela, e cando viñan aquí de vacacións ensinaba a xogar ao fútbol á rapazada da Estación. Roberto tamén xogou co Victoria da Coruña e co Penouqueira nos torneos do Balneario”.

    Así pois, a emigración e o ferrocarril moito tiveron que ver na creación do Sporting Uxes alá polos últimos anos corenta do século pasado, que foi cando os insignes Roberto González “Pocho” e Ramiro Corujo catalizaron a paixón duns rapaces aprendices de futbolista e crearon o primeiro equipo.

    A importancia da actividade ferroviaria do Uxes de aquela altura ía ter reflexo na poboación e, en consecuencia, nos primeiros días de vida do Sporting, que xogou o seu primeiro partido en 1950 nun campo que había cerca da Estación. O rival fora o Meirama, equipo que se desprazara en tren e que pouco despois recibía ao once de Morás (que tamén viaxou en ferrocarril) no seu terreo de xogo para disputar o I Trofeo Meirama, que ía rematar cun resultado de 2-3 favorable ao cadro visitante. Algúns dos integrantes dos dous choques contra o Meirama foron Juan Pardo; Juan López Carril; os irmáns Manolo e Che do Leiteiro; Edelmiro Fraga; Pepe “da Renfe” ou, entre outros, Narciso, que xogou de porteiro.

 

Imaxe do Sporting Uxes en 1950 (Cortesía de David López Carril)

   Cuestións varias fixeron que o equipo desaparecese para volver con forza a principios da década dos sesenta. Naquela época, concretamente en xullo de 1961, Penouqueira, Bergantiños, Ciudad Jardín, Sporting Uxes e Morás disputaron no Campo do Balneario o “VII Trofeo Arteixo”, no que quedou para a historia a lembranza dun derbi parroquial fratricida entre o Sporting Uxes e o Morás sobre o que o semanario deportivo Riazor informaba o seguinte:

   ”Se celebró el tercer partido de este torneo entre el Morás y el Ujes, que terminó con la victoria del Morás por 3-2. Comenzó el partido en medio de una gran espectación por la rivalidad que existe entre ambos equipos. Los simpatizantes se desplazaron desde todos los sitios para animar a su equipo. Los de Morás marcharon muy contentos, porque aunque en el primer tiempo perdían por 2-0, salieron en el segundo con ganas de ganar el partido a base de buen fútbol y entusiasmo y se alzó con una victoria muy merecida por el gran esfuerzo que hicieron todos sus jugadores. En este equipo no se puede destacar a nadie porque todos hicieron un gran partido. El Ujes, que traía un gran equipo para oponer a su rival, nada más que existió en el campo en el primer tiempo, que fue cuando metieron los dos goles. En el segundo no fueron capaces de contrarrestar el fútbol y empuje de ese excelente equipo que tiene el Morás el cual está esperando un fallo del Carballo para llevarse el trofeo para Morás. Buen arbitraje del de turno. Gran encuentro en el que se vió fútbol, emoción y el campo completamente lleno. Un poco de viento que no hacía imposible el control del balón. Por lo demás todo muy bien”1.

   Naquela altura a afición polo fútbol na parroquia de Morás ía medrando coma a espuma, moi especialmente a partir do 27 de maio de 1962 que foi cando se xogou a primeira xornada da primeira edición da “Liga Zona de Arteixo”, na que o once de Uxes debuta na casa caendo 2-3 diante do Atlético Arteixo. O campionato chegaba ao seu final co partido Campanal-Sporting Uxes, que fora suspendido o día 1 de xullo. En xogo estaba a deshonra de quedar de pechacancelas. O Sporting formara con Alvarellos; Sanguino I, Barba, Sanguino II; Mosquera, David; Iglesias, Rama, Gerardo, Germán e Lousa. Finalmente, o partido ía rematar cun resultado de 3-3, polo que os de Loureda, con maior diferenza de goles en contra e tamén coa gol-average particular cos de Uxes negativa, ocuparon o derradeiro posto da táboa nesta histórica primeira edición da “Liga Zona de Arteixo”.

 

Rizo, capitán do Atlético Arteixo, e David López Carril, capitán do Sporting Uxes no partido de Liga xogado o 17 de xuño de 1962 no Campo dos Cabalos (Cortesía de David López Carril)

   Desta época hai que destacar a Jesús Varela, auténtico valedor do club, ou, entre outros, a David López Carril, insigne xogador que se non chegou a algo grande foi porque o carteiro lle entregou ao pai unha carta na que o Deportivo solicitaba os seus servizos. Mais o proxenitor non estaba pola labor de que mozo David descoidara os seus estudos. Cousas da vida!

   Tamén cómpre lembrar que naquela época, no Antroido de 1963, xogouse en Uxes un partido entre as mulleres solteiras e as casadas do lugar. Sen elas sabelo, estaban facendo historia xa que probablemente aquel foi o primeiro partido de fútbol feminino xogado no municipio de Arteixo.

 

La Voz de Galicia, 5 de marzo de 1963

    No verán de aquel ano de 1963 os mesmos catro equipos xogan a segunda edición da Liga de Arteixo, competición que volvería a gañar o Paiosaco e na que o Sporting Uxes ocupa a último posto con só tres puntos. Para o recordo dos seareiros queda a victoria na cuarta xornada na que o once de Uxes venceu ao Atlético Arteixo por 4-3.

    Un novo equipo, o Pastoriza, entraba a formar parte do torneo ligueiro do ano 1964, sendo precisamente os do Santuario os que levantarían o título de campión. Malia que o Sporting volve quedar de pechacancelas con só 2 puntos, cabe destacar o triunfo por 4-3 ante o Paiosaco no partido de ida da primeira rolda da Copa da Coruña. Na volta o cadro de Morás caería por 2-0 na Porta Santa.

    Ata un total de sete novos clubs, Catuxa, Larín, Oseiro, Peñarol de Lañas, Penouqueira Sporting Meicende e Suevos, sumábanse aos cinco xa existentes na Liga “Zona de Arteixo” para disputar un atractivo campionato de doce equipos na tempada 1964/65, un torneo que se ía adxudicar o Paiosaco e no que Sporting Uxes volve a ocupar o último posto da táboa con 10 puntos.

 

Formación do Sporting Uxes nos anos 60 no Campo da Canle (Cortesía de David López Carril)

   Tres novos equipos incorporábanse ao Campionato de Liga “Zona de Arteixo” na tempada 1965/66: o Atlético Vilarrodís, o Club do Mar de Caión e o Laracha. A liga ía acabar nas vitrinas do Penouqueira e o Sporting, un ano máis, ocuparía o último posto acadando tan só dous empates e dúas victorias en toda a tempada, conseguidas na oitava xornada diante do Paiosaco por 5-1 e na undécima ante o Atlético Arteixo por 4-1, partido no que once de Uxes formara con Luís; Paco, Zas, Chalán; Boedo, Pucho; Ré, Fernando, Carreira, Fariña e Ferrín.

   O día 24 de xullo de 1966 o cadro de Morás, un dos catro fundadores do campionato de Arteixo, xogou como local o seu último partido como equipo federado (Sporting Uxes-Oseiro: 1-2) retirándose do torneo de xeito definitivo. De novo cuestións varias, nesta ocasión botáronos do campo que era propiedade dun particular, levaron ao equipo á desaparición. David López Carril recorda que “o primeiro campo do Sporting foi o do Penedo, que estaba en Uxes, detrás do lavadoiro actual, e cerca da taberna de Isidro, que era onde se cambiaban os xogadores. Posteriormente xogouse no campo do Canle, que estaba nas proximidades da Estación”.

    Terían que pasar máis de 30 anos para ver de novo ao equipo en competición oficial. Pódese dicir que Manuel Díaz fora o impulsor da refundación do club en febreiro de 1999, aínda que tamén foi destacada a figura do seu primeiro presidente José María Pombo Trigo, ou a do presidente de honra, Pedro Gómez López, que desde a súa residencia no Reino Unido levaba moi dentro as cores do club.

    Sarrián de nacemento, Manuel Díaz establecera o seu domicilio na Zapateira a principios dos anos 80 e dende aquela non parara de fomentar o fútbol entre os máis mozos. Ademais de directivo, tamén exercía de adestrador. A súa experiencia e ilusión levárano a ser un home querido e respectado por toda a familia do Sporting, que ía debutar no grupo 3º da Terceira Rexional o 26 de setembro do 99 en Iñás, donde perde na primeira xornada co Mercurio por 5-1. O cadro de Morás, que non conseguiría o seu primeiro punto ata a novena xornada (2-2 ante o Larín como local), ía rematar aquela tempada 1999/2000 na penúltima posición da táboa clasificatoria con quince puntos, once máis que o Miño, pechacancelas.

O Sporting Uxes na súa segunda etapa como equipo federado (Cortesía de José Manuel Varela)

    Na campaña 2000/01, o Sporting ocupa un honroso 12º posto no grupo 3º da Terceira Rexional. Na seguinte, a 2001/02, obtén a mellor clásificación da súa historia ao rematar a tempada na 7ª posición con 55 puntos, só por detrás do Hércules, Once Caballeros, Larín, Atlético Arteixo B, Dorneda e Sigrás. Aquel era o equipo que presidía Óscar Carrillo, veciño de Freán e membro da Asociación Cultural Queiroa, e que integraban futbolistas da parroquia como Barral, Juan Añón, Alberto Carrillo, Óscar, Chico, José Manuel Varela, Rafa… e outros xogadores da talla de César, Jan, Jose Karpin, Javi de Boedo, Toro de Pastoriza, Ignacio, Tardón, Brañas, o Rubio de Oseiro, Kiko de Larín, os porteiros Jaime e Mauricio… futbolistas aos que quen escribe, socio n.º 195 do club, animaba como outro seareiro máis cada domingo que o Sporting xogaba no campo de Freán, inaugurado naquela época (antes de xogar no "pequeno Maracaná" de Freán, o Sporting disputaba en Arteixo os seus partidos como local).

   Na tempada 2002/03 o equipo é décimo cuarto no grupo 3º da Terceira Rexional. Na seguinte ocupa o último posto da táboa; e xa na 2004/05 é antepenúltimo con 21 puntos. Ao remate desta tempada o Sporting Uxes deixaría de existir como equipo federado. Anos máis tarde volvería a renacer grazas ao seu equipo de veteráns que aínda compite na actualidade paseando o nome de Uxes pola provincia.

   Por se é do voso interese, dicirvos que a historia do Sporting Uxes, con todos os resultados como equipo federado, clasificacións e un longo etcétera, tédela ao voso dispor no libro 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha.

 

________________ 

1 Vid. Semanario Riazor, 3 de xullo de 1961.

1 comentario:

  1. The gambling house of success - Dr.MCD
    in that he 문경 출장샵 was introduced to a number of gambling houses with great power, namely 경기도 출장안마 the “RBC” (Bally's 창원 출장안마 Playhouse 양산 출장샵 of Fun) and “Gambling” 영주 출장마사지 (

    ResponderEliminar