martes, 26 de maio de 2026

O BIEITEIRO, A ÁRBORE-BOTICA DO PASADO (2ª parte e fin)

 ESOTERISMO

  Tamén se lle atribuían ao bieteiro virtudes máxicas, sendo unha planta sagrada no mundo dos celtas, que crían que o noso protagonista era morada de diversas divindades polo que arrincalo ou cortalo podía desencadear toda clase de desfeitas. Era protector de lugares”, comentounos Vanessa Aldao. Por outra banda, María Varela, natural de Erboedo (A Laracha), díxonos que “antigamente a xente plantábao cerca das casas para o mal de ollo e para apartar as malas enerxías. Era unha planta milagrosa que usaban para moitas cousas. Sendo eu nena, na nosa casa, cando plantaban unha leira de millo, espetaban unha póla de bieteiro na leira. Facían esto para ter boa sorte coa colleita”.

  Dende a antigüidade empregábanse as varas co fin de simbolizar o poder sobre o mundo "invisíble". Ao fío disto, non deixa de ser curioso que na serie Harrry Potter, da escritora británica J.K.Rowling, é coa madeira desta árbore coa que está feita a Variña Letal ou a Variña do Fado, unha variña máxica considerada coma a máis poderosa do mundo, que pasou de xeración en xeración por medio do roubo e o asasinato (cada portador desposuíu o anterior da vareta e moitos foron asasinados polos ladróns)1.

   No folclore gaélico, cortar un bieteiro sen o permiso axeitado considerábase un tabú que atraía a mala sorte. Resulta sorprendente o que nos contou Cisne Blanco a través do Facebook: “non se lle podía pegar ás vacas coas ramas de bieiteiro porque, despois de pegarlle, andaban coa pata arrastras. Para volver á normalidade tiñas que pisar a túa man, dereita ou esquerda, coa cal lle pegaras á vaca. Eu vivín isto e comprobei que era verdade”.

Flor de bieiteiro

  Con relación ao gando, G.E. María Dolores contounos que “antigamente fervíanse as follas para facer un ungüento para poñerlle ás vacas cando tiñan mamite”. A arteixá Alba Souto tamén nos dixo que “antes había un bieteiro ao lado de cada granxa para varios beneficios. Ao parecer cortaban pólas para os animais, para cortar diarreas”.

  Curioso tamén foi o testemuño que nos chegou dende a parroquia larachesa de Erboedo. Dolores Mallo díxonos que “tamén se usa para os pitiños que nacen na lúa de maio. Hai que poñer unhas follas de bieiteiro na primeira auga que beben para que non enfermen. Dicían que os pitiños que nacen no mes de maio morrían se non bebían desa auga”.

  R.A. contounos que usaban “a flor en infusión para os gatiños que non daban aberto os ollos”, e Kerkus Rober que “úsase popularmente para poñerlle aos cans contra o “moquillo”.

  Nas tradicións dos países nórdicos, a súa ramaxe servía de acubillo para os elfos, polo que maltratar un bieteiro podía causar o castigo élfico tanto para as persoas como para o gando. Nalgunhas zonas do sur de Alemaña esta planta é moi apreciada; un antigo refrán di: “Ante o bieteiro hai que descubrirse a cabeza.” Nas tradicións dos pobos xermánicos asociase coa fertilidade, e por iso parece ser que facían os paus dos galiñeiros con pólas de bieteiro para favorecer as postas de ovos2.

  En Galicia o bieiteiro úsase na véspera de San Xoán coma herba máxica, especialmente as flores, que reciben o nome de flores de San Xoán en diferentes puntos da nosa xeografía. Mesmo dende Torrelavega, Cantabria, Manuela Díaz díxonos que utilizaba “el saúco para lavarme la cara el día de San Juan, herencia de mi padre gallego”. Dende Erboedo (A Laracha), María Varela recordaba que “antigamente dicían que non se debía queimar e usábano para o san Xoán, para a augha de lavar a cara, e tamén se colghaba nas portas. Este ano veu moi cedo...cando chegue o san Xoán non imos ter a flor bonita para as portas nin tampouco para lavar a cara”. Tamén dende A Laracha, neste caso dende a parroquia de Soandres, a "bieiteira" Miriam Sánchez Canedo enviounos esta composición da súa autoría:

Culto ó sol e á fertilidade

Somos meigas

somos bieteiras,

somos galegas,

mulleres e amigas,

e imos a auga da veiga,

auga de roseira,

lavala bonita cariña

co resío da mañanciña.

Este é o noso rito,

de tempo ancestral,

e do San Xoán bautismal.

Saltamos a cachela

e o ramo pendura na cancela.

Así nos facemos fortes,

vimos dos montes,

e das fontes,

vimos do sol e das xacias,

duras como alcacias,

herbas de pura maxia.

  Dende As Nogais, comarca dos Ancares, Olga Carballo comentounos que “é bo poñer bianteiro nas ventás para afastar as bruxas”.

Flores de bieteiro

Es una de las plantas que se utilizan para hacer el ramo de San Xoán. En algunas zonas de Galicia existe la creencia de que las flores blancas recolectadas y dejadas al sereno en la Noche de San Xoan, adquieren virtudes excepcionales, pues según un dicho popular: “El Señor San Juan pasa y bendice las ramas expuestas, y solo aquellas recogen esa bendición y tienen dicha virtud”. Esta creencia también está extendida en las regiones francesas de Bretaña y Normandia”3.

  Tal e como comentaba María Varela, existe a crenza de que queimar a madeira do bieiteiro é perigoso. O viño de sabugo disque foi o derradeiro agasallo da Deusa Terra, polo que non debe ser bebido pola xente común, senón por sacerdotes ou meigos, xa que posiblemente produciría alucinación, polo que se empregaba en rituais de adiviñación. Non respectar as normas de conduta e arrincar pólas de bieiteiro ou comer os froitos traía a má sorte. Dicíase tamén que a persoa que tallase un bieiteiro podía quedar cega e mesmo perder os seus fillos, e no mellor dos casos, ver enfermar o seu gando. Polo que segundo a mitoloxía cómpre tratar esta planta con respecto e antes de apañar follas, froitos ou pólas deberemos pedir permiso e agradecer deixando unha ofrenda dos nosos cabelos, unhas moedas ou algo de mel4.

UTILIDADES CULINARIAS

  A faceta culinaria do bieiteiro é verdadeiramente sorprendente. Del, obtéñense zumes, xaropes ou marmeladas. “Hai un montón de receitas para aproveitar as flores e froitos… marmeladas, bebidas…”, contounos Patricia Mañana.

  En Galicia o froito utilizábase para lle dar sabor ou escurecer o viño. “marabillosa marmelada, faise champán, bebida refrescante de verán; ten moitos usos”, dixo Carmen Pérez. Herminda López recordaba que “coas frores do sabugueiro, auga e azucre faise un licor aromático sen alcohol moi rico”. E falando de licores, a larachesa María Varela, muller que estivo emigrada en Inglaterra durante boa parte da súa vida, contounos que “alí, na emigración, aprendín a facer un licor coa flor… e sábeche de carai (risas). Recordo que estivera un tempo cunha señora de aló, coa que eu traballara durante moitos anos. Fora pasar uns días con eles na casa que tiñan nas aforas e andaramos ás follas do bieteiro para facer este licor, que é riquísimo”.

  Á parte de elaborarse licores, co bieteiro tamén se fan viños escumosos e en Bélxica mesmo elaboran unha cervexa cos sabugos.

  Cos froitos prepárase unha marmelada doce que resulta exquisita, como así nolo fixestes saber nos vosos comentarios en Facebook, caso de Adela Vidal: “a marmelada está riquísima”. Así nolo dixo tamén Aurora Varela e Vanessa Aldao.

  As flores pódense empanar con fariña e ovo. Carmen Souto, Rosalinda García e Mari Carmen dixéronnos que “as frores rebozadas están moi boas.” Do mesmo xeito, Lola Eiroa afirmaba que “las flores las hemos comido en tempura y os digo que están muy ricas”.

  Outra opción que queremos deixar enriba da mesa é a que nos comentou G.E. María Dolores, que nos dixo que “as frores cómense en ensaladas”.

  Tamén nos sorprendeu o comentario de Yasmina VP, que recordaba que “a miña familia política de orixe italiana fai un pan estilo focaccia riquísimo cas flores secas como se foran especias. Chámase pan de maio traducido ao galego. Sempre que veñen á nosa terra ansían que estea en flor o bieiteiro”.

O “CORDIAL” O CHAMPÁN DOS POBRES

  Rematamos esta crónica cun brinde con “cordial”, que é como lle chaman nalgunhas zonas ao viño escumoso que se elabora coa flor do bieteiro, bebida da que tamén nos falastes baixo a denominación de “champán dos pobres”, como foi o caso de Mari Carmen Vázquez, ou simplemente “champán de bieiteiro” como foi o caso de Rocío Veira e Vanessa Aldao.

  A día de hoxe aínda hai moita xente que elabora esta bebida. Existen moitas receitas para a súa preparación utilizando os mesmos ingredientes, mais as proporcións, os tempos e as maneiras de facer son case tan variadas como as persoas que o fan (non tedes máis que realizar unha busca en Google para comprobalo). Nós quedamos co que nos conta Alma da Vella Chousa neste vídeo:

OS XOGOS

  Fai anos os rapaces facían de todo co bieiteiro, dende frautas ata tiratacos, xoguetes que se fabricaban cun pau desta árbore ao que se lle extraera previamente o samo e co que despois se lanzaban uns balotes de abrótega, estopa ou outros materiais, empuxados por unha baqueta de pau.

  Houbo varias persoas que tiveron a ben compartir con nós os seus recordos sobre este particular. Zalo López comentaba no noso Facebook que “o bieiteiro usábase para facer tiraboghas”; María Reino dixo que “en Bergantiños os rapaces facían as súas armas” coa madeira desta árbore. Ramón Castro lembraba que “facíamos tirateques de boghas do loureiro” e dende Montemaior, A Laracha, Juan Carlos Pensado comentou que co bieiteiro “facíamos escopetas de boghas”.

  Entrando máis en detalle José Loureiro díxonos que collían “un cacho de rama de sabugueiro entre nudo e nudo. Logo sacábase o centro e facíamos unha baqueta (chamabámoslle tiratacos) con papel mollado ou abroticas e metíanse no burato no que disparabas coa baqueta. Cousas inofensivas de rapaces”.

  Outro exemplo de fabricación deste popular xoguete foi o que nos narrou Antonio Pérez, que nos dixo que “de nenos cortabamos un cacho de rama, sacabámoslle o miolo brando cun alambre, logo buscabamos un pau fino e duro cun diámetro axustado ao burato. Metíamoslle unha baga de loureiro por diante, polo burato, e outro por detrás. Metíamos o pau e dabámoslle un impulso forte e o aire a presión da primeira baga empurraba á segunda e saía disparada facendo ruído, e saíndo unha especie de fume. Chamábanse os tirabagas de loureiro”.

  E rematamos co testemuño de Juan Carlos Cotelo, que nos dixo que “de pequenos cortábamos a rama por diante do nudo e por atrás uns 20 cms. Despois cun pau de toxo facías unha “varilla” un pouco máis corta e con “pelos” da madeira o desgastala. Finalmente ías buscar bogas, e tiñas unha pistola para andar a tiros uns con outros”.

  Polo que nos contou Amparo Lema “as amorteñas botan unhas boliñas que facían de balas” para estos tiratacos tan populares en tempos pasados.


FONTES:

CASTRO, MARÍA XOSÉ/ PÉREZ, GEMA (2009): O sabugueiro, Cerna: Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, nº 59

GALIPEDIA: https://gl.wikipedia.org/wiki/Sabugueiro

MONTENEGRO, GLORIA (2024): A metade das 200 plantas recoñecidas en Europa para crear fármacos danse en Galicia, Gciencia Xornalismo+Divulgación, https://www.gciencia.com/

SÁNCHEZ DE TOCA GUSANO, ALBERTO (2017): O sabugueiro (Sambucus nigra), Columba Revista Cultural Nº 17, 2017, Cobas, Ferrol, https://www.sociedadecolumba.com/

_________________

1 Vid. https://gl.wikipedia.org/wiki/Sabugueiro

2 Vid. Alberto Sánchez de Toca Gusano (2017): O sabugueiro (Sambucus nigra), Columba Revista Cultural Nº 17, 2017, Cobas, Ferrol, https://www.sociedadecolumba.com/

3 Ibidem.

4 Vid. https://gl.wikipedia.org/wiki/Sabugueiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario