A piques de chegar o verán, nas Crónicas de Arteixo desta semana imos falar dun dos aparcadoiros públicos cos que conta o noso municipio: o aparcadoiro da praia de Alba, no Rañal.
O espazo que hoxe ocupa este estacionamento fíxose sobre o ano 2005 ou 2006, que foi cando se construíu o Paseo Marítimo que une Sabón con Barrañán e, tamén, cando se derrubou a fábrica de conservas A. & J. Salgueiro, que deixou de funcionar a finais dos anos 80.
A industria dos irmáns Andrés e José Salgueiro foi unhas das primeiras fábricas que se instalaron en Arteixo. Estamos a falar da segunda metade da década de 1960, nunha época na que o Polígono Industrial de Sabón comezaba a dar os seus primeiros pasos.
Durante varios anos, a conserveira foi unha das principais fontes de emprego para as mulleres de Arteixo e da bisbarra. Un servidor lembra que había traballadoras de Loureda, Oseiro, Rañobre, Figueiroa, Chamín, Baldaio, Laracha… e ata había un matrimonio da Agualada de Coristanco que vivían de aluguer nunha casa do Rañal, cerca do Bar Chucho.
Algunhas destas empregadas acabarían casando con veciños do Rañal que, naquela hora, a gran maioría deles traballaban na fábrica das tónicas… si, si, nesa que ninguén sabía escribir o seu nome pero que todo o mundo pronunciaba "Sueps". Moitos destos homes eran albaneis que atoparan traballo na edificación na nave da Schweppes e, unha vez rematada a obra, quedaron a traballar alí como empregados da empresa ata o seu peche, no 2009.
Á unha en punto soaba todos os días a sirena da conserveira. Era a hora do descanso para xantar. As empregadas do Rañal ían comer ás súas casas e as que non residían na aldea, nos días de bo tempo, xantaban á sombra dos piñeiros do Monte de San Tirso (tamén coñecido como o monte de Manolito), ou ao carón do río Arteixo, o río que desemboca na praia de Alba, areal que por certo aparecía nas latas de conservas da A. & J. Salgueiro S.L.
A conserveira do Rañal tamén era coñecida polo cheiro que desprendía e os seus verquidos ao mar, verquidos dos que se fixera eco un medio de prensa estatal. O xornal ABC, na súa edición do 9 de agosto de 1973, en alusión ao aumento da contaminación na costa española, relataba o seguinte:
"Quien esto escribe fue testigo de lo que se ha hecho con una playa de Sabón, en Arteijo, de arena finísima y aguas transparentes. Una fábrica de pescados ha llevado sus vertederos hasta el mismo borde del arenal y el olor es tan nauseabundo que incluso un pinar sito a centenares de metros ha quedado visto para sentencia".
Así pois, a fábrica de Salgueiro era unha mostra do estado do medio ambiente naqueles anos, nos que a norma xeral era que algunhas fábricas usaran a costa de Arteixo como vertedoiro mentres a administración miraba para outro lado. A conserveira do Rañal foi un exemplo disto e, aínda hoxe, cando os temporais do inverno arrastran metros e máis metros de area das dunas da praia de Alba, quedan ao descuberto as tuberías que levaban os restos do peixe das conservas directamente ao mar.
Como xa dixemos, a fábrica de conservas dos irmáns Andrés e José Salgueiro pecharía a finais dos anos 80, e, logo de botar bastante tempo abandonada, sería derrubada cando se iniciou a construción do paseo marítimo. Deseguido, aí van seis imaxes desta antiga industria e outras seis do actual aparcadoiro da praia de Alba, unhas e outras tomadas aproximadamente dende o mesmo punto.
![]() |
| A fábrica dos irmáns Salgueiro a principios dos 70 (Arquivo do Reino de Galicia) |
______________________
![]() |
| Ao fondo, a fábrica (Foto de Xosé Castro publicada no Facebook "Ollar Galicia. Fotografía Antiga". Polo que conta Xosé, a foto é do ano 1970 |
___________________
![]() |
| Amelia Naya cos seus netos Patricia e Luís diante do seu Bar Chucho. Ao fondo, á esquerda, a fábrica (Cortesía da familia Souto Figueroa) |
_________________
![]() |
| Ao fondo, á dereita, a fábrica de Salgueiro (Arquivo do Reino de Galicia) |
_______________________
![]() |
| Partido de fútbol no campo do Rañal a mediados dos 90. Ao fondo á fábrica, que xa levaba algún tempo abandonada |
______________________
![]() |
| Panorámica dos anos 90 da fábrica (Manel Felípez) |












Ningún comentario:
Publicar un comentario