martes, 30 de xuño de 2026

50 ANIVERSARIO DA "CIUDAD DE LOS MUCHACHOS" DE AGARIMO

   Agarimo celebra estos días, aí é nada, medio século de vida! Cinco décadas de acompañamento, formación e creación de oportunidades para mozos e mozas que necesitan itinerarios educativos adaptados e unha atención cercana ás súas capacidades.

  A entidade, verdadeiro referente no ámbito educativo, social e formativo dende a súa fundación, naceu a partir do proxecto impulsado por Nemesio Fernández Villa, máis coñecido por Padre Villa, prezado e admirado arteixán de adopción do que falamos deseguido.

  Nado o 17 de febreiro de 1929 en Villamondrín de Rueda (Valdepolo, León), o ambiente relixioso vivido na súa infancia no seu pobo natal e no seo da súa familia encamiñarían ao noso protagonista, dende moi neno, cara o desexo de ser sacerdote.

  Despois de facer o bacharelato no colexio madrileño dos Capuchinos de El Pardo, as súas conviccións relixiosas levaríano a entrar aos 16 anos no Noviciato dos Capuchinos de Bilbao, cidade na que estaría un ano para logo recibir a profesión relixiosa e marchar a Montehano, en Cantabria, a comezar os tres anos de Filosofía. Posteriormente cursaría en León os cinco anos de Teoloxía, ordenándose sacerdote o 24 de xaneiro de 1954 na catedral de Astorga.

  O seu desexo de adicarse á predicación conduciríao á capital do Estado, onde estudaría Sagrada Elocuencia durante un ano recibindo clases teóricas e prácticas de oratoria no convento de Cuatro Caminos dos Capuchinos, que impartía unha famosa artista de teatro da época. Nos anos seguintes o Padre Villa adicaríase ao púlpito aproveitando os veráns para realizar cursiños especializados nos problemas da xuventude. Tamén botaría dous meses en Lille e París e un ano en Roma, capital na que realizaría outros cursos sobre esta mesma temática xuvenil co Padre Lombarde.

  O noso homenaxeado sería destinado en 1957 á cidade da Coruña, a onde chega coa enorme ilusión de converterse en misioneiro. Pasado un tempo e convencido de que estaba superada a etapa da predicación, comeza a de dar pan aos homes seguindo o dito de "unha cousa é predicar e outra é dar trigo" e, deste xeito, en maio de 1965 entrou en contacto directo cos suburbios da cidade herculina chegando ao barrio do Portiño. Tempos difíciles os que lle tocou vivir ao capuchino. A Coruña do 65 non podía entender porque un sacerdote pretendía dar esperanza ás xentes dun dos barrios máis marxinais daquela hora. Alí, no Portiño, o Padre Villa traballou tenazmente durante unha década rehabilitando moral, social, cultural e materialmente á veciñanza do lugar, seres que vivían nunhas condicións miserables e infrahumanas, aos que axudaría levantando dúas escolas, un comedor no que a diario comían sesenta nenos, un dispensario con dous médicos e dúas enfermeiras, trece vivendas, unha capela e ademais co seu esforzo tamén conseguiría levar auga á zona e facer unha nova rede de sumidoiros. 

Imaxe dos primeiros anos do Padre Villa no Portiño (Foto do libro "Un sueño hecho realidad")

 Van pasando os anos e en 1972 convértese en "chabolista cos chabolistas", vivindo cóbado con cóbado coa xente do Portiño. Moito despois, en 2001, os residentes deste barrio da Coruña recoñecerían os esforzos do Padre Villa mediante a colocación dun busto, rendíndolle tributo a quen fora o seu benefactor. Naqueles primeiros anos setenta xurdiría nel a condición de sacerdote obreiro, iniciando a súa experiencia no mundo laboral nunha empresa da construción por un periplo de 8 anos, traballo co que, en unión do seu día a día cos chabolistas, o Padre iríase transformando nun ser distinto do que fora ata aquel entón e por iso, co permiso do seu superior, abandonou o convento e foise a vivir ao Portiño..."una cosa distinta es hacer la caridad desde una estructura cómoda, como la del convento, y otra hacer la caridad desde dentro", dicía. 

  En contacto directo coa lamentable realidade de ver a diario a un numeroso grupo de nenos abandonados socialmente, alí no Portiño xurdiría a idea de crear unha Ciudad de los Muchachos para os nenos con máis problemas e os máis desamparados. O capuchino non tiña máis que os seus brazos, o soldo da empresa de construción na que traballaba e unha fe enorme no proxecto. Sería aí nesa altura cando se formou a Asociación Agarimo, unha entidade xurídica que lle daba pé para pedir ás portas dos organismos públicos á vez que era quen de conseguir un bo número de socios.

  O seu amor polas persoas e unha enorme fe na providencia que o arrouparía ao longo da súa vida, levaríano a non escatimar esforzos para converter en realidade a súa idea. Para levala a cabo o Padre faría un pouco de todo, dende artigos e entrevistas nos xornais ata unhas frecuentes campañas radiofónicas nas que explicaba aos oíntes a necesidade duns nenos aos que lles faltaba o máis elemental. Mais sen dúbida algunha o acto máis popular, co que golpeou nas conciencias e espertou o interese da xente para que apoiara economicamente a súa idea, foi o acontecido o 26 de abril de 1972. Ese día estaba na Coruña o Circo Imperial e o Padre Villa aproveitaría esta circunstancia para entrar, vestido con sotana, nunha gaiola na que había catro leóns. Micrófono en man e sentado nun tallo, contou aos asistentes á función que as catro feras que se atopaban ás súas costas "podemos acariciarlos mentalmente" mais que non era doado facelo físicamente. Dentro da gaiola, o Padre dirixiuse ao público para pedirlle que lle axudaran nos seus labores asistenciais, que daquela xa se centraba en botar adiante o que sería Agarimo.

O Padre Villa no interior da gaiola dos leóns do Circo Imperial (Foto do libro "Un sueño hecho realidad")

  No vocabulario do Padre Villa non existía a palabra imposible. Non tardou en xuntar, despois de solicitar axuda en todos os púlpitos da Coruña, unha suma de 900.000 das pesetas de 1973, que xunto a unha leira que un veciño de Arteixo lle regalou e os proxectos feitos gratuitamente por un arquitecto que non cría nos curas mais si neste pobre capuchino, levarían o Padre a edificar a súa grande obra social, logo de mercar terreos en Laxobre por un valor de 1.450.000 pesetas: a Ciudad de los Muchachos Agarimo.

  O 15 de xaneiro de 1975 chegaban as máquinas para facer as zapatas e os camiños onde se construirían os piares dos primeiros chalés e a respectiva entrada da Ciudad. Posteriormente virían a Arteixo gran cantidade de mozos e mozas de Portugal, Francia, Bélxica, Italia e outros países de Europa para traballar voluntariamente no inicio das obras. O proxecto tamén iría facendo un oco no espíritu social nos mozos da bisbarra, e deste xeito moita xuventude da Coruña botaría unha man a través de Los Traperos de Emaús, un grupo creado co gallo do comezo das obras de Agarimo que tiña como finalidade animar a xuventude a favor da Ciudad de los Muchachos e conseguir fondos para o seu financiamento.

Primeiros chalés de Agarimo (Foto do libro "Un sueño hecho realidad")

  Finalizada a primeira fase da construción da cidade, realizada pola empresa Construcciones Loureiro por un presuposto de 15.000.000 de pesetas, a inauguración do centro, de cuxo funcionamento se encargaban nun principio sete persoas, tería lugar o 3 de outubro de 1976. Eran catro chalés que albergaban a cincuenta nenos e nenas: 21 eran do Portiño, 18 de Carballo e 7 de Vioño. O primeiro dos edificios, denominado Panxoliña, tiña unha cociña, un comedor, un cuarto social, unha sala de asambleas e os cuartos dos adultos. O segundo, bautizado co nome de Abeiro, era a residencia dos mozos. O terceiro, Acouguiño, era o das mozas e o cuarto, Abrente, estaba adaptado para a escola. Á fin o Padre Villa vía cumprido o seu soño e, cunha gran esperanza, botaba a andar a primeira experiencia de carácter mixto e interna, en réxime de liberdade, que se realizaba en España.

  Os primeiros meses serían duros e, dadas as circunstancias, houbo que crear un regulamento de réxime interno que irían descubrindo os propios rapaces nas súas asambleas. Pouco a pouco o protagonismo dos adultos iría deixando paso á asamblea dos cidadáns de Agarimo e ás autoridades e delegados escollidos por eles mesmos. Os "muchachos" van gañando así en conciencia comunitaria, en convivencia, en espíritu de traballo e en liberdade responsable. O sostemento da Ciudad supoñía, naqueles primeiros anos de actividade, uns gastos anuais de máis de catro millóns de pesetas que se sufragaban coa aportación dos socios  e entidades colaboradoras.

  Aos dous anos, e conforme ás normas vixentes do Ministerio de Educación, construiríase o Colexio con capacidade para oito unidades e para o cal fora necesario solicitar un préstamo á Caixa de Aforros por valor de 18 millóns de pesetas. Todo isto daba máis plenitude á atención pedagóxica e cultural dos cativos, e así moitas dependencias que ocupaban un lugar nos chalés, pasaban directamente ao novo edificio, como o autoservizo, o roupeiro, a enfermería, a secretaría, a banca... disfrutando, ao mesmo tempo, dunhas aulas máis grandes e confortables. Ao ano seguinte da construción do Colexio, comezaban as obras de edificación do núcleo central, lugar onde se atendería moito mellor os rapaces ao posuír un comedor máis amplo, cociña industrial, un almacén de alimentos, unha sala de xogos, unha biblioteca, unha sala de televisión, unha sala de asambleas, unha pista deportiva e un frontón. Posteriormente construiríase un invernadoiro, unha granxa, compraríase uns terreos para facer un campo de fútbol e unha leira para o uso de cultivos.

  O 20 de decembro de 1987 inaugurábase a Vila Xuvenil, rematando así a última fase de desenvolvemento da parte residencial da Ciudad. O que naceu como un proxecto un tanto utópico ideado por un capuchino un tanto rebelde para a súa época, a mediados dos anos noventa, dúas décadas despois da súa inauguración era xa unha iniciativa pioneira coñecida en medio planeta. Agarimo pouco tiña que ver co de 1976 xa que nese tempo foron moitas as reformas e ampliacións que se levarían a cabo no recinto, unha Ciudad de los Muchachos que naquela altura estaba claramente dividida en dúas partes: o internado e o colexio. A primeira estaba dirixida pola orde dos terciarios capuchinos e acollía 35 mozos e 10 mozas que vivían alí; a segunda era un centro de educación permanente de adultos, no que a xuventude podía obter o Graduado Escolar ou a formación laboral nalgún dos seus cinco pretalleres de hostalaría, xardinería, carpintería, construción e mecanografía, e dous talleres máis cos que contaba. O obxectivo destos talleres non era outro que o de achegar aos mozos con problemas de integración no mercado laboral e, para tal fin, ensinábanlles un oficio e dábanlles uns coñecementos básicos para que puidesen sentirse integrados socialmente dun xeito innovador, xa que os educadores do centro trataban de espertar o interese polo estudo nuns rapaces que detestaban o colexio.

Agarimo na década dos 80 (Boletín Informativo Municipal)

  O Padre Villa faleceu o 22 de abril de 2008, mais a obra social de Agarimo continuaría estando en boas mans. Dende 1998 o centro estaba dirixido por Lita Otero, unha muller xenerosa, loitadora incansable e sempre preocupada por todo o mundo. Tivemos a sorte de entrevistala en abril de 2017 e grazas aos datos que nos aportou e a un libriño1 que nos agasallou sobre o Padre Villa, construímos este texto que estás lendo agora mesmo.

O Padre Villa (Asociación Agarimo)

  Na actualidade, Agarimo desenvolve a súa actividade a través do C.P.R. Agarimo, con aulas específicas de Educación Especial e ciclos de Formación Profesional Básica en Cociña e Restauración, Carpintería e Moble, e Agroxardinería e Composicións Florais. A entidade tamén impulsa programas de orientación laboral, formación para o emprego e colaboración co tecido empresarial da contorna. Rebeca Polanco, directora do C.P.R. Agarimo, e Ana Gamborino, xerente da asociación que leva o mesmo nome, son as persoas que tiran do carro para manter vivo o espíritu do Padre Villa e do seu importante traballo como benefactor.

  O pasado venres, 26 de xuño, a Asociación Agarimo celebrou o seu 50 aniversario cun acto conmemorativo nas súas instalaciones, unha xornada na que se repasou a traxectoria dunha entidade que, despois de medio século de vida, segue mantendo viva a vocación socioeducativa dos primeiros tempos, hoxe adaptada ás novas necesidades da sociedade.

  A xornada conmemorativa contou cunha actuación do alumnado, a proxección dun vídeo sobre a historia da asociación e unha visita ás instalacións. No devandito acto participaron representantes institucionais, familias, profesionais, empresas colaboradoras e persoas vinculadas á historia de Agarimo. O Padre Villa estaría feliz, abofé!

  A celebración sirviu tamén para mirar cara o futuro e reafirmar o papel de Agarimo como proxecto centrado nas persoas, a inclusión e a creación de novas oportunidades.

  Moitos parabéns, Agarimo!


______________________________

1 UN SUEÑO HECHO REALIDAD. LA VIDA Y OBRA DEL P. VILLA con motivo de sus BODAS DE PLATA (25 años) de trabajo social

Ningún comentario:

Publicar un comentario