Despois duns minutos observando o pombal e outros elementos do antigo Pazo do Fidalgo dos que xa falamos a semana pasada, convidáronnos a visitar o interior do edificio.
Nada máis entrar, quedamos abraiados cunha inscrición que hai nunha pedra do solo, que lamentablemente non se pode ler na súa totalidade porque hai un tabique enriba dunha parte da epígrafe. A anfitrioa preguntounos cal sería a orixe desa inscrición e comentámoslle que, para obter máis información, o ideal era contar coa axuda de especialistas.
![]() |
| Epígrafe do Pazo do Fidalgo (Xabier Maceiras) |
Para tal fin, ao abandonar Sorrizo contactamos por Whats App co amigo Pablo Sanmartín, presidente do Colectivo A Rula. Envíamoslle unha fotografía da inscrición e fixémoslle unha sinopse da historia do pazo e da súa situación xeográfica.
Pablo non tardou en contestar, e díxonos que o ideal era limpar o epígrafe con coidado, e logo facer 3d ou fotos con luz rasante. Ademais, na súa contestación por Whats App comentaba que “así de primeiras penso que é unha inscrición medieval. O emprego das “O” romboidais son típicas das inscricións visigóticas, ao igual que a “A” sen o trazo horizontal, polo que debe ser desa época. Non obstante, habería que analizalo devagar”.
Unhas semanas máis tarde Pablo desprazouse ata Sorrizo na compaña de dous membros máis da entidade que preside para realizar unha fotogrametría da devandita inscrición.
A Rula é un colectivo da comarca de Compostela cunha paixón: a arte rupestre e a súa divulgación e protección na súa contorna natural. Xa estiveran en varias ocasións coa arqueóloga Puri Soto e cun servidor visitando varios puntos da nosa bisbarra. Desta volta visitaban Sorrizo para valorar e descifrar a enigmática epígrafe do Pazo do Fidalgo.
![]() |
| Epígrafe do Pazo do Fidalgo (Colectivo A Rula) |
Ducias de fotos, fotogrametría, paseo polo recinto do Pazo con longa parada no pombal, despedida da anfitrioa, visita á igrexa de San Pedro de Sorrizo, unhas cañas nun local de Chamín e o correspondente adeus.
-Tratarei de enviarche os resultados o antes posible, Xabier-, díxonos Pablo.
-Mil grazas por todo, Pablo.
E pasados uns días recibimos as súas conclusións: Achego fotos e modelo fotogramétrico da epígrafe de Sorrizo. Desculpa que tardara en enviarche os datos pero é que está complicada a transcrición debido a que está incompleta. Temos claro que o inicio SOR (si podería ser SORRIZO), e data final, 1386. A pesar da data a inscrición presenta claras reminiscencias da escritura visigótica sobre todo pola “o” romboidal ( ◊ ), polo que daba a sensación de ser aínda máis antiga. O problema é a liña intermedia, pasáronme diferentes interpretacións pero non me convence ningunha por agora. Na data tampouco aparece a expresión de “Era”, polo menos no fragmento que conservamos, o que leva a imaxinar o uso da datación actual e non a da era hispánica (sería 1348) que deixa de usarse na coroa de Castela nesta época (1383). Tampouco sabemos se é unha epígrafe conmemorativa da igrexa ou funeraria (máis probable). A proposta de transcrición é:
SOR/ OS OC?: I/CCCLXXXVI
![]() |
| Modelo fotogramétrico da epígrafe do Pazo do Fidalgo de Sorrizo (Colectivo A Rula) |
Eternamente agradecidos a Pablo, ao colectivo A Rula e aos propietarios do Pazo do Fidalgo por esta viaxe no tempo a través desta epígrafe sobre a que agardamos afinar algo máis no futuro.



Ningún comentario:
Publicar un comentario