Un dos grandes reclamos turísticos do Arteixo actual, sobre todo para os imstagramers, é o Monumento ao Voyeur, tamén coñecido coloquialmente como 'Mirón' ou 'Vixiador’, obra do escultor madrileño Enrique Saavedra Chicheri. Situado no Rañal, enriba do chamado Pichón da Bogueira, entre A Bogueira (zona de abundancia de bogas, un tipo de peixe) e o pequeno areal da Ermida, leva instalado nese lugar dende o ano 2006, cando se construíu o Paseo Marítimo que une Sabón con Barrañán. Pois ben, nas Crónicas de Arteixo desta semana imos contar unha historia acontecida neste lugar hai xa máis de corenta anos: o embarrancamento do dique flotante neerlandés Príncipe Bernardo.
A finais do mes de decembro de 1984, o remolcador Smit Houston zarpaba do porto de Rotterdam para se dirixir cara o Brasil. Tiña que atravesar o Atlántico remolcando o dique flotante Príncipe Bernardo, que ía suspendido en dúas gabarras, a Subeift Pacific e a Giant I.
O dique era unha impresionante masa de aceiro de 265 metros de longo por 20 de alto. Íase transportar ata unhas instalacións dedicadas á reparacións de navíos nuns estaleiros próximos a Río de Janeiro.
O remolcador pertencía á empresa holandesa Smit Tak compañía que, desde a súa fundación, fórase convertendo na máis importante e prestixiosa do mundo nas áreas de remolque, rescate de naufraxios e na protección do medio ambiente por accidentes de transporte.
Despois de cruzar o Canal da Mancha e deixar atrás a Bretaña francesa, sen superar en ningún momento as dúas millas por hora de velocidade, a tripulación do Smit Houston tiña previsto facer escala no porto da Coruña para pasar alí a Noiteboa. Para tal fin, a casa consignataria Molina, representante na cidade herculina da compañía Smit Tak, xa recibira instrucións para tramitar a entrada no porto coruñés do remolcador e dos 265 metros de estructura metálica que transportaba. Pero esta entrada nunca chegaría a producirse por mor dun accidente acontecido ese mesmo día, 24 de decembro, a unhas 120 millas ao noroeste do Cabo Prior.
A causa do terrible temporal que neses últimos días de 1984 azoutaba a costa norte da península, sumado á forte presión que as ondas exercían sobre o dique flotante, o “príncipe” neerlandés íase partir pola metade, quedando á deriva a parte traseira, que ía suspensa na gabarra Giant I, mentres a dianteira continuaba suxeita ao Smit Houston. A tripulación do remolcador non puido evitar a quebra do dique, risco que existía desde o momento en que as condicións do mar eran tan adversas. Con todo, fixéronse tentativas por recuperar a parte do dique que quedara solta, pero o mar embravecido faría inútiles todos os esforzos. Mesmo se chegara a botar unha Zodiac para tentar restablecer amarras. As ondas envorcarían á lancha pneumática, afortunadamente sen que houbese que lamentar vítima algunha. Así pois, 110 metros de estrutura metálica quedaban definitivamente á deriva nunha das zonas de máis intenso tránsito marítimo do Atlántico, unha masa de aceiro que se ía aproximando perigosamente cara as costas coruñesas.
.jpg)
Imaxe da metade do dique "Príncipe Bernardo" que embarrancou no Rañal en decembro de 1984 (Protección Civil de Arteixo)
Durante as primeiras horas do día de Nadal, as emisoras costeiras emiten mensaxes da Comandancia de Mariña de Vigo alertando do perigo que supoñía para a navegación a existencia da metade do dique Principe Bernardo navegando á deriva frente ao litoral galego.
No día 26, pouco despois de ser contratados pola Smit Tak, os remolcadores Punta Tambo, da compañía Remolques Marítimos de Ferrol, e o Remolcanosa Cinco, con base na cidade olívica, saían dos seus respectivos portos para acudir ao rescate da estrutura metálica á deriva. O Punta Tambo conseguiría contactar con esta parte do dique ás cinco e media da tarde, e navegou ao seu carón ata que este comezou a embarrancar nas costas de Arteixo, pouco antes das dez da noite. Naquel intre, os dous remolcadores galegos xa quedaran á expectativa mar adentro.
Segundo nos contaron no seu momento algúns veciños do Rañal, xa na última hora da tarde do mércores, podíase avistar a considerable distancia da costa como se aproximaba "alghunha cousa" que navegaba moi devagar. Estes veciños recordaban que o embarrancamento definitivo da metade do dique produciríase polas dúas da madrugada do xoves, día 27. "O estrondo foi enorme; un pouco máis tarde o mar debeuno retirar augas a fóra e posteriormente voltaría a batelo contra as pedras, o que provocou outro grande estrondo. Parecía incrible que aquela cousa puidera quedar montada de tal xeito sobre A Bogueira", comentaba Adolfo Vázquez.

Panorámica actual da zona do sinistro (Xabier Maceiras)
Coa claridade do día, podíase ver que a metade do Príncipe Bernardo suspensa na gabarra Giant I encallara na zona que comprende o Pichón da Bogueira (onde hoxe está o Monumento ao Voyeur) ata a entrada do Carreiro, quedando levemente escorada sobre as rochas e cara terra.
O embarrancamento coincidía coa subida da marea, o que provocaba que a gran masa de aceiro se movese moi bruscamente, ameazando con dar un xiro sobre si mesma de 180 grados. É curioso que, mentres as autoridades da Mariña española manexaban unhas informacións moi confusas, a axencia estatal de noticias dos Países Baixos xa difundira un comunicado dando conta do accidente do dique, comunicado do que se farían eco a prensa e as televisións neerlandesas. Durante aquel 27 de decembro de 1984, gran cantidade de curiosos acudirían ata O Rañal para vez a plataforma, visitas que ían durar varias semanas.
Unha vez que tiveron coñecemento do embarrancamento da metade do dique, seis técnicos da Smit Tak trasladáronse ata A Coruña nun voo especial que aterraba ás 11:30 da mañá do mesmo día do sinistro no aeroporto de Alvedro. Nada máis chegar, foron recibidos polo persoal da casa consignataria Molina e, pouco despois, desprazáronse ata O Rañal para estudar as posibilidades de recuperación dos 110 metros encallados do Príncipe Bernardo.
Logo das primeiras observacións, os técnicos neerlandeses mostrábanse escépticos sobre as posibilidades de recuperar a estructura metálica, que xa tiña graves danos por mor dos efectos do mar e polos continuos golpes contra as rochas da Bogueira.

Desmantelamento do dique perdido no Rañal (Foto Manuel Santa Cruz)
O venres 28, un dos técnicos trasladábase ata Vigo para agardar pola chegada do remolcador Smit Houston e pola outra metade do dique, que tiñan previsto chegar á cidade olívica na madrugada do sábado. Tres dos outros técnicos da Smit Tak regresarían a Rotterdam e os outros dous permanecerían en Arteixo, onde continuaban avaliando as posibilidades de refrotamento da plataforma. Tras varios días de observacións, elaboraron un informe no que lle comunicaron á compañía que o salvamento era imposible.
Con posterioridade, tanto os 110 metros do Príncipe Bernardo como a gabarra Giant I, serían despezados pola Santa Cruz, unha empresa que se dedicaba ao desmantelamento de barcos (tiña as súas instalacións onde actualmente está a I.T.V. de Sabón) na que traballaban unhas dez persoas da aldea do Rañal. Un destos empregados era Antonio Sanjurjo (o popular ‘Alemán do Rañal’), un home que estivera presente coa División Azul na Segunda Guerra Mundial.
Durante varios meses Antonio foi o vixiante nocturno do desmantelamento... e a máis de un pescador deulle algún que outro susto co seu "alto; quen vai!!". Evidentemente, “o Alemán” continuaba tendo a mente na fronte rusa, algo que seguiría facendo ata o último dos seus días.

Antonio Sanjurjo, 'o Alemán do Rañal', en 2016 (Xabier Maceiras)
FONTES:
- MACEIRAS RODRIGUEZ, XABIER (2012): O mar de Arteixo e os seus naufraxios. Asociación Cultural Monte da Estrela. Arteixo.
- SAN CLAUDIO SANTA CRUZ, MIGUEL (1997): Tesouros asolagados. Edicións Lea. Santiago de Compostela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario