sábado, 10 de novembro de 2018

A FONTE SANTA DO FOXO

Sabemos da importancia que na máis remota antigüidade tivo por toda a xeografía galega o culto ás correntes de auga, en especial a predilección polas fontes, unha importancia que perdurou nos tempos da dominación romana e que o cristianismo intentou erradicar, xunto con outras moitas prácticas pagás, sen conseguilo plenamente. Este tipo de cultos, que ían acompañados de actos de adoración, sacrificios e ofrendas, estaban tan arraigados entre os nosos antepasados que a Igrexa lanzaría contra eles sucesivas condenas, principiando polos anatemas de San Martín Dumiense na súa De Correctione Rusticorum, e continuando polos concilios toledanos: “Recordando los preceptos del Señor, no para castigo de los delincuentes, sino para terror, no imponemos por este decreto la pena de muerte, sino que avisamos a los adoradores de los ídolos, a los que veneran las piedras, a los que encienden antorchas y adoran las fuentes y los árboles que reconozcan cómo se condenan espontáneamente a muerte aquellos que hacen sacrificios al diablo”.

Fonte Santa do Foxo
Ante os reiterados fracasos de tan “piadosos” avisos, a Igrexa recurriría ao método, sempre útil e garantizado pola práctica, de sustituir aos deuses ou xenios pagás das augas por algún santo ou santa, e incluso pola propia Virxe María. Os exemplos son numerosos e, a día de hoxe, case todos os santuarios marianos galegos seguen tendo ao seu carón unha “Fonte Santa”, na cal moitos atopan a orixe e culto do que pode ser un recordo do practicado polos antepasados celtas, pois non podemos esquecer que na súa mitoloxía existe un caldeiro que devolve a vida a quenes son somerxidos nel, un recipiente máxico que é nomeado como “Fonte da Saúde”.

A través dos séculos, as crenzas, superticións e o respecto que as augas inspiraban nos nosos devanceiros, de seguro que polos restos do antigo culto que as cría poboadas de xenios protectores, quedarían presentes nas cantigas populares, romances, lendas, tradicións e, tamén, na toponimia das nosas parroquias, como é o caso da Fonte Santa do Foxo, en Loureda, un lugar coñecido dende tempos inmemoriais polas virtudes das súas augas salutíferas e beneficiosas.

Se viaxamos na máquina do tempo e poñemos o contador no día 31 de xaneiro de 1930, podemos ver como o historiador Heliodoro Gallego Armesto publicaba no número 438 da revista Vida Gallega unha reportaxe sobre o municipio de Arteixo na que nos dicía que...en su aldea de Fojo brotan dos manantiales de aguas ferruginosas, que utiliza mucha gente”.

Caseta "dos ricos"
Ao realizar a reportaxe, Armesto probablemente fora testemuña do bulicio que naquela altura había no Foxo, moito maior que o de agora, e de seguro que ata lle mandou un pucheiro de caña na Casa Trigo, estabelecemento do que xa temos falado neste espazo
 
Aqueles eran os tempos nos que pasaba pola aldea o vello camiño polo que circulaban a diario as xentes da comarca de Bergantiños que se dirixían á cidade da Coruña, tempos nos que moita da veciñanza do lugar vivía das populares “arteixanas”, esos ”grandes panes de borona (maíz) de forma piramidal que se condimentan y venden en el lugar de Fojo, Loureda”, que mencionaba Uxío Carré Aldao no xornal El Ideal Gallego en marzo de 1921 e, dos que xa facía referencia no ano 1829 o “Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal” dicindo que… “los vecinos de las aldeas de Fojo, Cancelo y Rapa se sostienen con el tráfico de la Brona que venden en los mercados de la Coruña, dando con este motivo bastante trabajo a muchos jornaleros”.

Pois ben, naqueles tempos o lugar do Foxo tamén era frecuentado polos residentes do Balneario de Arteixo que, segundo varios testemuños, facían excursións en burro ata Santa Locaia e tamén acudían polas tardes ata a Fonte Santa coas súas merendas e ataviadas, as mulleres, con grandes pamelas.


Caseta "dos pobres"
O Foxo era, naquela altura, unha especie de pequeno recinto termal, un pequeno balneario no que as augas ferruxinosas da devandita fonte eran consumidas principalmente con fins medicinais, unha fonte que tiña dous mananciais e, cada un deles, a súa respectiva caseta.

A caseta da fonte de arriba, na que había a posibilidade de facer fonda, era coñecida como “a dos ricos”. Tiña tres canos e a xente pagaba certa cantidade por vaso de auga, unha auga que segundo nos contou unha veciña do lugar “era boa para o intestino e para o fígado”. A caseta do manancial de abaixo, de tamaño máis reducido que a da fonte de arriba, era coñecida como “a dos pobres” e non había que pagar nada por beber nela.

Na actualidade aíndan quedan os vestixios de aquel pasado. Xusto en fronte a casa “dos do Jefe”, está a caseta onde bebían os pobres e, uns metros máis arriba, “a dos ricos”, na cal, ata hai ben pouco, se cadra ata os anos noventa, aínda había ben xente que acudía a ela. Desgraciadamente, sería a partir de aquela época cando pouco a pouco empezou a quedar agochada no medio da maleza na que hoxe se conserva totalmente abandonada da man de Deus. Aaaaii... se as paredes falaran!



FONTES:
-Alarcón Herrera, Rafael. La huella de los templarios. Ritos y mitos de la Orden del Temple. Ediciones Robinbook. Barcelona, 2004.
-Rodríguez, Eladio. Breviario enciclopédico. Letras, historias e tradicións populares de Galicia. Edición de Camilo Fernández Valdehorras. Editorial La Voz de Galicia. A Coruña, 2001.

sábado, 3 de novembro de 2018

O PETRÓGLIFO DE BAER

As persoas que me coñecedes dende hai certo tempo, sabedes da miña paixón pola historia, de xeito moi especial polo mundo da arqueoloxía e sí, seino, se cadra ás veces son pesado demais con quen teño a suficiente confianza para selo!

Esa paixón pola arqueoloxía creo que vén dende a infancia, dende o día en que meu avó materno Milio, Milio do Touciñeiro, me falou do castro de Figueiroa, situado a poucos metros do noso domicilio familiar, e de cando a miña avoa Carme me contaba historias e lendas, entre elas a da galiña dos pitos de ouro que moraba no castro do Castelo de Lañas.

Mais tamén teño que confesar (agardo bromas sobre a confesión) que esa paixón pola arqueoloxía recibiu o empurrón definitivo coa posterior pegada que me deixaron, xa na adolescencia, as longametraxes de Indiana Jones que, como ben sabedes, foron dirixidas por Steven Spielberg e protagonizadas por Harrison Ford, un actor que en cada un dos films da saga interpreta ao arqueólogo e profesor universitario Henry Walton Jones Jr., que emprende viaxes coa finalidade de buscar obxetos de importante valor histórico para a humanidade e de protexelos dos perversos intereses do malvado de turno.

Petróglifo de Baer
De seguro que en algunha das miñas vidas (tal vez xa o fun) hei de ser arqueólogo mais de momento, nesta que me toca vivir, confórmome coa enorme fortuna que teño de verme rodeado de amigos e amigas que me abren as fiestras dos seus coñecementos na materia   que    un servidor non ten, amigos e amigas como o libreiro, pintor e historiador Roberto Castro, esencia de erudición que alumea dende a súa Libraría Sisargas a sabiduría popular e a cultura da cidade de A Coruña; o tamén historiador e concelleiro arteixán Xurxo Couto, que xunto cos seus compañeiros e compañeiras da Asociación Cultural Monte da Estrela realizaron un traballo impagable poñendo en valor o patrimonio de Arteixo durante o tempo que durou a desaparecida asociación; o incansable e admirado Xabier Moure, un dos principais gardiáns dos tesouros históricos que oculta a xeografía galega, moitos deles publicados no seu blogue onosopatrimonio.blogspot.com; o escritor e investigador Francisco Vidal, que ao igual que Xabier Moure conta cun blogue de obrigada visita: oschanzos.blogspot.com; a arqueóloga Patricia Mañana, a quen lle estarei eternamente agradecido polo súa axuda na coordinación do libro Contos mariños de Carballo; a Xosé Manuel Varela, docente de lingua e literatura galega, escritor, músico tradicional, impulsor de innumerables proxectos culturais e defensor, coma poucos, do noso patrimonio; ou as catro arqueólogas arteixás Mónica Montero, Begoña Albertos, Ana Corredoira e Puri Soto, a quen lle quero agradecer públicamente a súa axuda e colaboración en cada un dos proxectos que circulan polo maxín de quen escribe.

Pois ben, con boa parte destas persoas, con boa parte destes amigos e amigas teño pateado moito monte, como diría o prezado Xurxo Souto… “contexto ben propicio para que xermole firme a semente da amizade”, na procura de tesouros arqueolóxicos que sabemos con certeza que aínda están por descubrir, ou por redescubrir, dentro dos lindes do municipio de Arteixo.

Petróglifo de Baer
Moitos destes tesouros foron localizados no seu momento polo popular arqueólogo Luís Monteagudo (1919-2018), grande protagonista nesta bitácora que, en setembro de 1950, publicaba no xornal La Voz de Galicia un artigo titulado Importantes descubrimientos arqueológicos en Arteixo, no cal facía mención dun grupo de petróglifos do denominado Grupo Atlántico xunto coa localización e documentación doutros gravados de orixe histórica no concello arteixán. No devandito artigo dise:

Son importantísimos los petroglifos del monte dos Allos -hoxe Fontes Vellas- por su indudable relación con la explotación del estaño (como los de Pontevedra) y sobre todo por ser los más norteños de los hasta ahora estudiados en Galicia del grupo gallego (combinaciones circulares, principalmente círculos concéntricos), por tanto los más próximos a Irlanda, Inglaterra y Suecia. Hasta ahora los más septentrionales eran los que hemos estudiado con R. Sobrino, en Ames, y los que éste descubrió recientemente en el monte Pedroso, al N de Santiago”.

Como non podía ser doutro xeito, cando vimos por primeira vez na hemeroteca o artigo de Monteagudo, decidimos pór ao voso dispor tal información e, con ese fin, o 24 de agosto de 2017 publicamos neste espazo a crónica “A Cheirona de Suevos, Mafriesa e os tesouros arqueolóxicos da Furna da Agudela e Auga Doce”. Unha semana máis tarde, o 1 de setembro, fixemos o propio co artigoOs restos arqueolóxicos descubertos en Lañas e Barrañán no ano 1950”, crónica que acompañamos cos dous debuxos realizados por Luís Monteagudo dos petróglifos arteixáns.

Obviamente, naquel intre faltaba a guinda: ver in situ os tesouros que permaneceran agochados durante case setenta anos. Sendo conscientes de que despois de tanto tempo os petróglifos podían estar desaparecidos, ben por mor das plantacións de eucaliptos ou ben por mor dos movementos de terras realizados nas últimas décadas para abrir novos camiños forestais, con todo, tratamos de localizalos varias veces. Primeiramente visitamos a zona con Xabier Moure e Francisco Vidal e, meses máis tarde, fixemos o propio con Puri Soto e Ana Corredoira, iso si, en ambos casos con resultados infrutuosos.

Mais afortunadamente, o Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos sería quen de dar con eles, un grupo que publicou no Anuario Brigantino 2017, número 40, o resultado das súas investigacións baixo o título Importantes descubrimientos arqueológicos en Arteixo”. In Memoriam: Gravados rupestres no concello de Arteixo (A Coruña), artigo de recomendada lectura que podedes ver na rede e co que o devandito grupo rendeulle un sentido homenaxe ao arqueólogo Luís Monteagudo, recuperando e redescubrindo o grupo de petróglifos prehistóricos e históricos por el publicados en La Voz de Galicia en 1950, ao tempo que presentan outros gravados rupestres dos que Terra de Trasancos tivo coñecemento no concello de Arteixo.

Precisamente, dous membros deste grupo arqueolóxico, Alberto López, que ademais é secretario da Fundación Luís Monteagudo, e o xornalista e fotógrafo José Manuel Salgado, tiveron a ben desprazarse hai unhas semanas ata o noso municipio para dar a coñecer e situar estos importantes achados arqueolóxicos, achados que, despois de ser amablemente convidado polo Departamento de Turismo do Concello de Arteixo, tivemos por fin a fortuna de observar.

Esa viaxe ao pasado a través dos emocionantes gravados rupestres arteixáns feitos en pedra hai miles de anos e que segundo Monteagudo...”son importantísimos por su indudable relación con la explotación del estaño y sobre todo por ser los más norteños de los hasta ahora estudiados en Galicia del grupo gallego, por tanto los más próximos a sus paralelos de Irlanda, Inglaterra y Suecia”, viñan a confirmar que sí, que efectivamente, a paisaxe de Arteixo tamén ten o seu halo de misterio con esa presenza viva e silenciosa que teñen os petróglifos

Petróglifo de Baer
Mais un momentiño. O conto non remata aí. Poucos días despois do “subidón” emocional de poder ver por primeira vez os gravados de círculos concéntricos descubertos en 1950 por Luís Monteagudo, nunha desas mañás de patear moito, moito monte, nunha mañá na que che acaban doendo as caravillas de cada unha das articulacións do corpo, tiven a inmensa fortuna de facer unha nova viaxe emocional e histórica ao localizar, na zona coñecida coma O Pinar Grande, cerca do lugar de Baer, un novo petróglifo de círculos concéntricos!

Trátase dun gravado duns 45 cms de diámetro de seis círculos concéntricos e un sétimo incompleto, con cazoleta central e dous sucos de saída que se atopa nunha superficie rochosa bastante cuarteada. A pesar da erosión e da fragmentación, dá a impresión que na pedra hai un segundo petróglifo mais, ata que se realice unha observación nocturna que de seguro permitirá realizar unha análise do achado con maior profundidade, preferimos non aventurarnos en hipóteses e agardar polas oportunas informacións técnicas.

Mentres tanto, e coa satisfacción persoal de localizar o gravado, seguiremos pateando os montes de Arteixo e, ao pasar por Baer, cantaremos a cantiga popular que recolle María Rozamontes en Arteixo de onte a hoxe:

Eu ben sei onde se dá a rosa
Eu ben sei onde se dá o caravel,
No lughariño de Baer
Na horta de don Manuel

sábado, 13 de outubro de 2018

ATA SEMPRE, HILDA!

O noso foi amor a primeira vista. Un sábado pola mañá, hai agora catorce anos, despraceime ata as instalacións que a protectora de animais Apadan ten en Sueiro (Culleredo), non moi lonxe da N-550 ao seu paso por Tabeaio (Carral). Fun ata alí porque quería adoptar unha cadela para que lle fixera compaña a Cosme, un cachorro de golden retriever que había unhas semanas que se convertera nun membro máis da familia sen nós saber que era cego de nacemento.

Tras un par de consultas veterinarias que confirmaron que Cosme era un can invidente, na casa decidimos que lle había que buscar unha compañeira e optamos pola adopción. Así que, aquel sábado pola mañá, alí me presentei, na protectora Apadan con esa finalidade.

Lembro que, ao longo do percorrido que realicei no coche dende Arteixo ata Sueiro, fun pensando todo o camiño que a elexida había der ser a primeira cadela que me amosara un pouco de cariño. 

Ao entrar nas instalacións daba a impresión que as ducias de cans que había ladraban “escólleme a min, escólleme a min”… pobres… mais só podía levar a un deles! E alí estaba ela, nun dos múltiples apartados da protectora. Ao verme púxose toda contenta e movía o rabo como se me coñecera de toda a vida. En Apadan chamábanlle Juli, nome que pouco me gustaba. Era un cruce de pastor belga e alemán e non debía chegar ao ano de idade. Eu acariñeina, ela lambeume e tres días despois, logo de arranxar os trámites da adopción, fun a buscala no meu vello Seat Ibiza.

-Vaste chamar Hilda, díxenlle!

Hilda
O seu nome viñera dado porque uns días antes da adopción na casa víramos “Gilda”, a longametraxe norteamerica que dirixira en 1946 Charles Vidor que contara con Rita Hayworth e Glenn Ford como actores principais. E así, con ese nome cinematográfico, Hilda entrou a formar parte das nosas vidas e dos nosos corazóns nun día da primavera do 2004, que foi cando pisou por primeira vez o seu novo domicilio.

O seu carácter bo e dócil facía dela a compañeira ideal. Era todo atencións cara os seus seres queridos e, por riba, atendía e xogaba con Cosme, un can ao que lle cambiaría a vida de xeito radical grazas aos cuidados da súa nova compañeira, unha compañeira que facía de guía ao invidente.

As habilidades de Hilda coa pelota eran extraordinarias, un don especial que nos fixo pensar moitas veces que se cadra polas súas veas corría sangue circense. Non o sei, mais o caso é que, cando xogaba con ela no campo, era todo un espectáculo vela. Regateala era misión imposible e, parando balóns coa boca, facía mellores actuacións que algúns porteiros dos equipos de fútbol da bisbarra.

No 2005, cando Hilda xa levaba un ano con nós, nacía David, o noso fillo maior. Ver como a cadela se desvivía polo cativo era algo incrible, tan fabuloso coma cando naceu en 2007 Brais, o pequeno da casa. Para ela os dous nenos eran os cachorriños que nunca tivo. Mimábaos, lambíaos, protexíaos ata de un insignificante insecto, xogaba con eles e con Cosme… mais un momentiño, sempre coa ollada posta na protección e seguridade do seu domicilio.

Os anos foron pasando. Os nenos medraban ao mesmo tempo que Hilda e Cosme, lei de vida, ían entrando en idades nas que as enerxías xa non eran as mesmas que cando entraran a formar parte das nosas vidas. Hai quen afirma que cada ano dun can equivale a sete dunha persoa (15x7 son 105). Descoñezo a certeza de tal afirmación, mais o certo é que nos últimos tempos a luz de Hilda foise apagando pouco a pouco… primeiro quedou xorda e, últimamente, xa case non levantaba as patas traseiras, luz que se apagou definitivamente hai unhas horas. Atrás quedaban catorce anos de alegrías, de risas, de xogos, de paseos, de atencións, de cariño... e só un día de tristura: o de onte, día no que nos deixou a nosa querida cadela. Ata sempre, compañeira! Ata sempre, Hilda!

xoves, 4 de outubro de 2018

PEPE DO MUIÑEIRO E O SEU BAR INSUA

- Aínda non o creo!
-É imposible!
-Non pode ser!

    Non estades a ler un guión teatral. Non, estades lendo os comentarios que dicían moitos dos seus clientes antes de confirmarse a nova, clientes que cando viron que os rumores se convertían na realidade o pasado venres 28 de setembro decidiron organizarlle, na compaña de familia e outros amigos, unha pequena homenaxe ao seu prezado Pepe, Pepe do Muiñeiro, que se xubilaba ao día seguinte despois de traballar no seu bar, o Bar Insua, durante os últimos cincuenta anos!

  O que escribe tivo a fortuna de estar presente na merecida homenaxe e acudiu vintecatro horas despois, ao igual que cada sábado, ao Insua a escoitar algunha historia do Arteixo de antano. Mais nesta ocasión era distinto. Desta volta sabía con certeza que era a última vez que os meus ollos verían a Pepe detrás da barra e, ademais, probablemente tamén era a última vez que o popular estabelecemento tiña as súas portas abertas. O tempo dirá se se aluga, traspasa ou vende.

Homenaxe a Pepe no Bar Insua (Imaxe de Mar Insua)
   Nesa última visita ao Bar Insua o cheiro cafeteiro era o de todos os días, desos que lle devolven ao almanaque as follas caídas e se instalan, para sempre, nos anos en que os teléfonos móbiles non eran máis que un invento da ciencia ficción. O mesmo pasou coas sensacións personais, as mesmas de cada día que entrei alí ao longo da miña vida. Unha vez máis, dábame a impresión que facía unha viaxe no tempo semellante á que fixera Marty McFly (Michael J. Fox) en "Regreso al futuro", película na que o protagonista chega ao ano 1955 nunha máquina creada polo seu amigo Doc, o científico ao que todos tomaban por tolo...lembrades?

    Mais desta volta era diferente. A persoa que tantas veces nos fixo viaxar ao pasado dende a cabina de mando da barra, Pepe, Pepe do Muiñeiro, quixo viaxar do pasado ao presente para soñar co futuro, coa súa nova etapa, coa merecida xubilación!

   No Bar Insua non podías ir con presa. Pepe tiña o seu ritmo e non era de cortar a conversa coa clientela cando lle pedían unha consumición. Detrás da barra contaba con paixón as súas lembranzas, e abofé que sabía transportarte, se cadra os seus tempos de taxista tiñan algo que ver, ao Arteixo do pasado describindo con todo luxo de detalles como era a vila e as súas xentes nos anos cincuenta, sesenta, setenta...

   Nesa viaxe no tempo, do que aínda quedaban no bar algúns vestixios dos seus primeiros tempos como a televisión, unha das primeiras que houbo no concello, o aparato de radio ou algunhas botellas de coñac, negras polos fumes das farias de anos de reñidas partidas de tute e dominó, Pepe tamén te conducía aos tempos no que o fútbol era un deporte e non un negocio falando dos Mundiais, do Deportiviño, de Arsenio Iglesias ou dos derbis da súa xuventude entre o Penouqueira e o Atlético Arteixo, do que él fora xogador e o seu irmán Fernando fundador.

O Bar Insua
  O edificio onde tantos anos estivo aberto o Bar Insua, no cruce da Avenida de Fisterra coa Avenida de Caión, é unha casa única, distinta a todas e cun deseño pouco común que a min sempre me gustou pola gran cantidade de ventás que ten. Lembro que as primeiras veces que entrei alí, cando meu avó me mandaba a buscar un día á semana as quinielas de fútbol, sentín un chisco de medo. As miradas dos mestres do colexio Carrero Blanco, que despois de xantar ían ao Insua a xogar a partida de tute antes de impartir clase -ou estaca- a partir das 15:00, dábanme verdadeiro pánico, tanto ou máis que as películas de medo que obrigaban a mirar se había alguén debaixo da cama antes de deitarte!

  Naquela altura, naqueles anos setenta, Pepe xa levaba certo tempo atendendo o negocio, un estabelecemente onde a min sempre me tratou con moito cariño dende que era un mexerica. O noso protagonista empezara a traballar no bar ocasionalmente nas fins de semana botándolle unha man a seu irmán Fernando mais, cando este fixo, coma tantos miles de galegos e galegas, a maleta da emigración para aforrar catro pesos en Inglaterra, Pepe, que daquela traballaba na Seat, quedaría definitivamente ao fronte do Insua durante case medio século, ata o 29 de setembro de 2018, día da súa xúbilación!

  A casa onde está o bar construírona os pais de Pepe, Manolo "o Muiñeiro" e Mari Pepa, matrimonio que tiña catro fillos (Carmen, Fernando, Manolo e Pepe) e residencia no Pedregal, lugar onde tiñan muíño, de aí o alcume do bar.

Manolo "o Muiñeiro" e Mari Pepa diante do seu muíño

   Unha vez rematada a obra, da que Manolo se encargara de facer a carpintería, a principios dos anos cincuenta a familia trasladaríase definitivamente do Pedregal ao seu novo domicilio, naquela hora coñecido como o lugar de O Cruce, deixando a pranta alta da casa para vivenda e o baixo para negocio.

  O local, que empezaría a funcionar como ultramarinos e taberna, non tardaría en se converter nun dos principais referentes futboleiros da zona, sempre identificado coas cores do Atlético Arteixo xa que Fernando, un dos fillos de Manolo e Mari Pepa, fora xunto a Eduardo de Martís o fundador do equipo branco e vermello.

  Nos primeiros anos Fernando era o que estaba detrás da barra da taberna, un Fernando que tamén sería un dos grandes impulsores do fútbol federado de Arteixo, primeiro ideando o Torneo de Preparación, que fora unha especie de liga de peñas disputada en 1961, e no ano seguinte a chamada Liga de Arteixo, na que participarían só catro equipos, o Paiosaco, o Campanal, o Sporting Uxes e o Atlético Arteixo, e que sería a primeira competición oficial que, por certo, gañarían os da feira.

  Ao crearse a Liga de Arteixo, é doado imaxinar como eran os luns daqueles primeiros anos sesenta no bar Insua: fútbol, fútbol e máis fútbol e, de seguro, que co semanario deportivo Riazor enriba da barra, semanario do que daba boa conta a clientela lendo as crónicas que enviaba Fernando baixo o seudónimo de FINGA (Fernando INsua GArcía), un Fernando que botaría 17 anos en Inglaterra sen voltar a Arteixo. Ao vir das illas británicas abriría unha tenda de deportes, Deportes Gido, na que cada vez que lle ías comprar algo sempre che amosaba as súas famosas libretas nas que tiña anotados todos os resultados históricos de infantís, xuvenís e aficionados dos equipos da zona.

Pepe Insua no seu último día de traballo
  Entre café e café, Pepe Insua tamén tiña que atender o outro negocio. Se cadra xa non vos lembrades. Pero sí, Pepe tamén foi taxista. Comprara a licenza, a número 20, en 1966 e o primeiro taxi que tivo foi un Seat 800 de catro portas, que era igual que o 600 pero máis grande. Varios anos máis tarde, en 1972, compraría un Seat 1430 que, se non lembro mal, era de cor amarela. Curiosamente, varias mulleres de Arteixo que foron nais por aqueles días, lembran con moito cariño os taxis de Pepe. Unda delas contounos que... naquela hora nin había ambulancias nin coche na casa. Chamei por teléfono a Pepe para que me levara ao hospital e case non chegamos. O neno a pouco máis nace no taxi!

   Foi pasando o tempo e o taxi de Pepe, quedaría aparcado no baixo do seu bar ata o ano 2000, que foi cando vendeu o coche xunto coa licenza. 

   E así, coma quen non quere a cousa dezaoito anos despois, en setembro do 2018, o Bar Insua botaría o peche. O local fora quen de resistir ao “boom” immobiliario pero non á xubilación de Pepe. Non poideron con el as ansias de construir na zona nin o seu paso de taberna inicial de traballadores da construcción e labregos a templo de visita obrigada para veciños, artistas, millonarios, alcaldes e, sobre todo, amigos. Ao Bar Insua venciulle a idade, pero non a súa, se non a do seu dono, Pepe Insua, que colga o sacacorchos e as tazas dos cafés que tantos e tantos anos levaba servindo. Co seu pelo xa cano e con infinidade de lembranzas acontecidas nas catro paredes nas que traballou medio século, Pepe, camiño dos 78 anos, desfruta ao fin da súa merecida xubilación.