sábado, 25 de maio de 2019

VICENTE CASTRO GONZÁLEZ

Alguén dixo que o facerse vellos é tan doloroso como irremediable. Que a xerontoloxía, a mellora alimentaria e o novo nivel de vida axuda a que vivamos máis anos e a que haxa en cada censo unha cifra maior de anciáns. En España hai xa máis de dous millóns e medio de persoas maiores de 65 anos e dise que imos camiño de pasar do tipo de "pobo mozo" ao de "pobo vello", equiparándonos con Francia ou Inglaterra. Isto carrexa problemas, mais non é este o lugar para consideralos.

Hoxe permitímonos tales disquisicións en función de unha noticia: Na comarca de Bergantiños -posiblemente a máis ampla e, sen dúbida, unha das máis fértiles da provincia da Coruña- viven os avós da devandita provincia. Concretamente na localidade de Arteixo ven discorrer os seus días -moitos días xa- dona Encarnación González Mes, máis que centenaria, e don Vicente Castro González, a punto de selo. Ambos merecen -a verdade, meréceno todo- unha entrevista.
 
Vicente Castro (El Ideal Gallego, 21.11.1973)
O avó do pobo
 
Don Vicente Castro González é un encantador, amenísimo e bo conversador, anciá que de aquí a pouco convertirase en centenario, se Deus o permite. E oxalá que así sexa. É o pai do noso querido corresponsal en Arteixo, don Vicente Castro Rumbo. O bo ancián dixo: "Se entrevistades a avoa, aquí está o avó, que son eu".
 
-Pois fale vostede estupendo avó...
-Fun legoeiro durante 36 anos. Non, non me pregunte, que eu xa lle digo todo. Vexo, oio, ando e entendo á perfección. Teño unha memoria que xa quixera vostede, fillo... Agora luzo sombreiro, porque a gorra non me protexe do sol.
 
Os gustos de don Vicente
 
-Pois xa que o di vostede todo, avó...
-Claro que si. Gústame a "tele", as corridas de touros. Son seareiro do Penouqueira Clube de Fútbol, de Arteixo. O ter noventa e todos os anos non me fai esquecer a afección. ¿Si coñezo a Arsenio? ¡Claro!, si seu pai foi case da miña quinta... O chaval é un bo adestrador. son de aquí. Eu, entre a "tele" e a radio, estou ao día. Gústame moito comer touciño. Cando era legoeiro, había que anotar todos os coches que pasaban. Agora é máis doado.
-¿A súa familia, don Vicente?
-Tiven 13 fillos, 4 netos e 5 bisnetos. Agora a vida é máis doada. Eu fumo moito, pero negro. Xogo a partida de tute e gáñolle aos "chavales" de setenta anos. E tomo whisky...home, anímese e traiame unha botelliña...
-¿Sabe vostede de política?
-Eu sonlle de dereitas. E vou a misa. Cando vivía a miña muller iamos os dous cos nosos trece fillos, camiño da igrexa. E "atrancábamos" a rúa. Eu bailei coa miña dona a muiñeira como ninguén. Un día gañamos 30 pesos nun concurso. Asistiamos a todas as romerías. Mire, que eu tamén me levo moi ben co párroco.
 
En Infantería
 
-¿Qué recorda da súa vida militar?
-Estiven destacado en Lugo con outros 18.000 homes, agardando acudir a Melilla pero arranxouse aquel "cacao". Eu servín na Coruña, en Infantería, rexemento de Isabel la Católica. Paseino moi ben, ¿noivas?, tiven dúas antes de casarme, claro.
-Dixéronme que estivo vostede en América...
-Dez anos, chaval. En Uruguai, Cuba e Arxentina. ¿Cuba? recordo a manigua de Maceo. ¿Uruguai?, tomei mate e pelexei cos gauchos. ¿Arxentina? Si ata escoitei a Gardel... Eu son un enamorado do automóbil, pero non me atrevo a subir en avión. O meu fillo Vicente quere levarme a Uruguai en avión, para que eu recorde os meus tempos. Se me leva en barco vou. Pero en avión, non. Porque eu coñecían a un que foi en avión e, perdoando a cara de vostede, mexouse de medo. Eu non probo. ¿Franco?, Franco é unha gran persoa.
-Don Vicente, ¿sabe vostede que os homes chegaron á lúa?
-Mire, mozo, isto da lúa cheirame a conto. Porque ¿quere vostede dicirme porque porta entraron?
-Que Deus o bendiga, don Vicente. 
 

EZEQUIEL PEREZ MONTES (El Ideal Gallego, 21 de novembro de 1973)
Foto de Martínez Sevilla         

sábado, 18 de maio de 2019

ENCARNACIÓN GONZÁLEZ MES

Alguén dixo que o facerse vellos é tan doloroso como irremediable. Que a xerontoloxía, a mellora alimentaria e o novo nivel de vida axuda a que vivamos máis anos e a que haxa en cada censo unha cifra maior de anciáns. En España hai xa máis de dous millóns e medio de persoas maiores de 65 anos e dise que imos camiño de pasar do tipo de "pobo mozo" ao de "pobo vello", equiparándonos con Francia ou Inglaterra. Isto carrexa problemas, mais non é este o lugar para consideralos.

Hoxe permitímonos tales disquisicións en función de unha noticia: Na comarca de Bergantiños -posiblemente a máis ampla e, sen dúbida, unha das máis fértiles da provincia da Coruña- viven os avós da devandita provincia. Concretamente na localidade de Arteixo ven discorrer os seus días -moitos días xa- dona Encarnación González Mes, máis que centenaria, e don Vicente Castro González, a punto de selo. Ambos merecen -a verdade, meréceno todo- unha entrevista. Fala primeiro a dama.

Encarnación González (El Ideal Gallego, 21.11.1973)
"Os meus cen anos cumpridos"

-"O pasado 26 de setembro cumprín cen anos. Nacín aquí, en Arteixo. Son presidenta das Fillas de María desta localidade. Antes foino miña irmá- ¿Sabe?, meu irmán -Baldomero González Mes- foi alcalde de Arteixo e fixo moito polo pobo. ¿Ve vostede esta fotografía?, esta é a miña sobriña bisneta: ¡que guapiña!"

Si, lectores, dona Encarnación lévantase todos os días ás nove e media da mañá. Ten unha memoria prodixiosa. E...

- "Almorzo café con leite. Como normalmente, pero acompañando o xantar con gaseosa. Home, se procede un bo lacón con grelos... Vexo, vexo, pero moléstame a luz solar directa. Sempre que podo vou á misa e percorro o camiño ata a igrexa a pé: Algo máis de un quilómetro. ¿Viaxar? Só fun á Coruña, Ferrol e Guitiriz. Pódese viaxar coa imaxinación..."

Libros e cantos

-¿Qué le vostede, dona Encarnación?  
-Libros relixiosos. O día da festa das Fillas de María non fallo. Elas veñen a miña casa e aquí, no comedor, ensaian os seus cantos, as súas obras de teatro... Eu acudo e observoas ¿Sabe?, da "tele" gústanme moito as cousas que din do Papa. Tamén me gusta cantar. E as muiñeiras. Eu bailei moi ben a xota nos meus tempos.
-¿Recorda a Guerra Civil de España?
-Ai, si. Tiñamos que ir a misa a Loureda, porque nos perseguían. ¿Sabe vostedes que nós iamos á Coruña en burra? E a Paiosaco, á feira. Eu recordo que aquí, en Arteixo, o compositor don Constantino arranxou cantos musicais para nós, as Fillas de María. Cantos relixiosos que entoamos na honra da Virxe. Ai, don Constantino compoñía cousas preciosas.

A Santa Compaña

Dona Encarnación é cariñosísima. Con todos. E moi cáustica:

-Non señor, nunca "lle" creín na Santa Compaña. Mire, os meus irmáns foron a América e a un deles collérono os indión patagóns, na Arxentina, e queimáronlle os pés. Fumos doce irmáns e un chegou a médico. ¿Enferma eu?, nunca. Bueno, recordo que unha vez de mociña tiven unha molestia de ril. E fun a tomar as augas a Guitiriz. E un médico amigo díxome: "Pero, muller, tes aquí en Arteixo, as mellores augas de Galicia e vaste a Guitiriz. Volve, muller, volve e toma estas". Así o fixen...e man de santo... ¿Sabe?, neste Nadal quero tomar compota, coma sempre. E turrón e coliflor. Din que o turrón está caro... Eu estou moi contenta con este párroco mozo. Oiu, sáqueme ben nos papeis, fillo...
-Adeus, dona Encarnación.

Avoa marabillosa...   

EZEQUIEL PEREZ MONTES (El Ideal Gallego, 21 de novembro de 1973)
Foto de Martínez Sevilla

      

sábado, 11 de maio de 2019

"O TÍO LAGO DE CHAMÍN"


- “¿Quén é? ¿O panadeiro? Molete non quero, nin broa. Xa hai seis anos que o corpo non mos quere”.

Así se expresou o centenario Manuel Lago Pazos ao oír a nosa chegada á casa de labranza que habita no lugar de Chamín de Arriba, parroquia de Santaia de Chamín, do termo municipal de Arteixo. Proseguiu o avó da comarca a súa charla despois de que un parente seu, o señor Perfecto Pazos Verdía, industrial de A Laracha, nos fixera de mediador.

Manolo Negreira entrevistando ao Tío Lago de Chamín (AA. VV. A Cutareira de Torás, A Laracha)

- “O malo é ir vello” -continuou o centenario-. “O tempo é un ladrón. Queremos chegar a vellos, pero moito garbo non che é”.
- “Señor Manuel, díganos a súa idade”.
- “Teño noventa e nove e pico de anos. Nacín o 8 de febreiro de 1882. Nacín e vivín sempre en Chamín. Eu sempre vivín ben”.

O señor Lago, “o tío Lago”, como o coñece a veciñanza, pese á súa idade ten unhas constantes vitais que o manteñen moi orientado no espazo e no tempo. A súa boa memoria ten ocasión de poñela a proba ao longo da charla.

- “¿Por onde viñestes?” -pregunta o avó- “¿por Vilanova ou por Peisaco?”.
- “Non” -manifestou o señor Perfecto-. “Viñemos por Monteagudo”.
- “¿E logo xa se pode vir por ela?” -referíndose á nova vía de recente construción que enlaza A Barreira (A Laracha) con Chamín e Barrañán (Arteixo)-, e prosegue comentando:
- “Pronto a prepararon”. E xesticulando coa man como se a vira, engade:
- “Disque é moi dereita”.

O señor Lago fai un inciso para poñernos de manifesto a súa cegueira, a perda da visión por abandono ao non acudir a tempo ao oculista, e cóntanos:

- “Fun cando xa non tiña remedio, xa que sufrín cataratas alá polo ano 75”.

Observamos que esta é unha das palpables realidades do medio rural galego, consecuencia do abandono dos cuidados médicos. Pasa logo o señor Lago a contarnos algo de ese século de vida. Casouse aos 22 anos. “A miña dona tiña 20 anos” -díxonos-. Tivo oito fillos, seis varóns e dúas mulleres. Varios dos seus fillos foron emigrantes en Bos Aires. Hoxe ten oito netos, sete bisnetos e está próximo a tataranetos. Actualmente vive con un fillo e a nora. O avo é o primeiro en apuntarse:

-”Eu a copa non a quero. Eu quero o que lle poñen dentro. Entre horas tomo un clarete ou dous”. Fálanos tamén dun adegueiro de Carballo que lles serve o viño e, segundo o seu testemuño, “nunca trouxo do máis ruín, pero para beber había que ter un bo prato de frebas para ter onde roer”. O señor Lago tamén dos dixo que fuma uns 9 ou 10 cigarros de tabaco negro ao día.

- “Señor Manuel, despois de vivir un século e de coñecer tanto, ¿qué lle gustaría ser ou qué faría se agora fora mozo?”.
- “Volvería a ser labrego como fun de nacemento. Cando tiña 15 anos xa case lle ensinaba a meu pai a sucar a terra. Ía ás toradas, sacaba o esterco das cortes ou ía ás carretadas. Carretaba na tella, na area…”

O señor Perfecto suxírelle: “¿E logo non che gustaría a política?”.

O centenario exclamou: “Nunca me gustou lamberlle o bigote á política”.

-”Señor Lago, ¿ao longo da súa existencia tivo algunha vez a vida en perigo?”.
- “Non. Grazas ao Noso Señor, non; aínda que caín dos carros de toxo moitas veces, nunca me partín. Noutra ocasión marcháronme os bois no areal -refírese á praia de Barrañán- e eu non reparei en mollarme para virar os bois e o carro. E tamén se me ten emborcado algunha vez o carro quedando eu debaixo. Xa dicía meu avó que eu nunca andaría por riba da auga (refírese a que non navegaría), nin iría ao servicio militar, e que había de vivir moito tempo, segundo consultara el no Leonario Perpetuo” -trebello de tapas de coiro que os da casa manifestan que xa se extraviou, aínda que puntualizan: “Era un libro moi certeiro, xa que era como unha Biblia”-. O señor Manuel engade: “Non fun ao servicio, xa que fun redimido por miña avoa”.

O que bota en falla é a visión para pasear e ver aos seus amigos, aínda que manifesta: “Veñen a verme os viciños. Será cousa rara que pase un día sen ter ningunha visita”.

El Ideal Gallego, 24 de maio de 1981

As regueifas

- “Fálenos das regueifas, señor Manuel”
- “Unha das máis nomeadas foi a de Caión. Había unha boa mesa mesa: queixo, roscas, molete e botellas; ron e anís (di “escarranchado”, querendo dicir escarchado) que tiña como neve dentro do vidro. A regueifa eran cantigas entre dúas parexas. Uns cantaban dende o balcón do que lle chamaban a casa do protestante, onde Cándido de Xermaña agardaba o contrincante”.

Relátanos as primeiras estrofas:

Hai unha hora ou hora e media
que estou mirando pra praza de Caión
agardando que chegara
Gandoriño de Armentón”

E respóstalle o outro”:

Levoume moito tempo,
xa que tiven que atravesar a braña
para chegar a tempo
pra cantarlle a Cándido de Xermaña”.

Os naufraxios

- “¿Lembra, señor Manuel, algún dos naufraxios acontecidos por aquí?
- “Aquí houbo dous naufraxios. Aínda está un barco enterrado na praia do Reiro. Foi polo ano 1934 ou 35. Quitáronlle o motor cando había mareas grandes e máis a chapa e as pranchas metálicas. Os bois de Baldomero das Covadas e os nosos carrexaron as pranchas, e despois xa non se esforzaron tanto e aínda quedaron algunhas ferramentas na nosa casa. Estiveron moito tempo no traballo de salvamento. O outro buque era un gabarrón. Era nese tempo meu pai alcalde de barrio e o tío Chuco da Torre celador da Marina. Ninguén entendía aos mariñeiros, pero logo o tío Chuco dixo que eran belgas. Foron unhas mulleres e leváronlles caña e broa e eles puxéronse moi alegres. Despois mandamos ás mulleres á casa por unhas libretas (barras de pan) e logo eles cuspían a broa. Estiveron aí e despois mandouse aviso á Marina e veu unha lancha e, ao encher a marea, levounos arrastro. ¡Moita fame tiñan aqueles homes barbudos!”.

O "Arctic", barco embarrancado no Reiro en 1938 do que fala o Tío Lago de Chamín (O mar da Arteixo e os seus naufraxios)

Tamén nos comenta o señor Manuel que de cando en vez aparecían na praia paquetes de “lambucho” que se desprendían de algúns barcos en alta mar.

- “O lambucho -segundo o seu testemuño- era como un dos mellores panos que hai hoxe.
- “A propósito de panos, ¿lémbrase do primeiro traxe que fixo?”
- Pasa de vinte anos que morreu o xastre; chamábanlle o Quisquelo. Daquela o xastre andaba arrendado. Traballaba polas casas dos labradores, cobraba en ferrados de millo e andaba a mantido. Este xastre do que che falo viña moi cedo, era moi traballador e fuxía á noite”.
- ”¿Qué nos pode contar da política de antes, señor Manuel?”
- “Había os caciques e os solidarios, conservadores e liberais. Pero os conservadores sempre andaban por riba e os solidarios estaban sempre facendo guerra e os conservadores sempre gañaban, e sa era a política que había. Eu -continúa- acordo os pesos de Primo de Rivera, de Amadeo e de Alfonso XIII. Moitos deles tiñamos que tiralos contra as pedras para oír o toque que tiñan, xa que moitas veces non os querían”.
- “Isto é vivir e contar, señor Lago. Díganos, por último, ¿cantos anos agarda alcanzar? ¿Chegará aos 120?”.
- “Eu non os quero; quería chegar aos 90, xa que todos os familiares morreron aos 86, 87, 88 ou 90, salvo miña avoa paterna, que morreu cando ía polos 94. Eu ao que pasei os 76 e cheguei aos 80, ¡xa menos mal! ¡Aínda me deixan durar ben! Pero aos 92, 93, 94, xa me parecía un pouco arriba. Agora estou preparado para cando Deus queira”.

M. NEGREIRA RÍOS (El Ideal Gallego, 24 de maio de 1981)

luns, 29 de abril de 2019

O POLIFACÉTICO ARTISTA ARTEIXÁN MANUEL DE EVA

Manuel de Eva (Arteixo, 1973) descubre o mundo do baile tradicional vendo, cando tiña 11 anos, unha actuación do grupo de danzas da A.X. Xiradela no balneario de Arteixo. Ao ver bailar a aquelas rapazas e rapaces, deuse conta de que el tamén quería facer iso, quería bailar!

Xiradela permitiríalle, por aqueles anos, dar renda solta a todas as inquedanzas artísticas presentes na vida do futuro artista, ben recitando o verso nunha igrexa ateigada de xente pola Festa das Flores, ou ben facendo teatro en actividades escolares.

Ademais de bailador co grupo de danzas, co que fixo innumerables actuacións tanto a nivel nacional como internacional, Manuel de Eva tamén tivo ocasión de facer teatro formando parte do grupo teatral de Xiradela durante algúns anos, acadando algún recoñecemento tanto individual como colectivo.

Manuel de Eva
Andando no tempo o seu vínculo coa popular asociación arteixá faríase máis forte e, aos 18 anos, pasaría a formar parte da xunta directiva, na que permanece ata os 32 levando distintas vogalías antes de converterse en presidente, cargo que ocuparía varios anos.

Alí, en Xiradela, a raíz da convivencia coas compañeiras e compañeiros, ten a oportunidade de sumar outra actividade que lle apaixona, a música. No ano 1993 funda, xunto con outros amigos, o grupo Os Revenidos do que é vocalista e letrista. Así mesmo, Manuel de Eva fai colaboracións como letrista con outros artistas como Xabier Díaz, con quen participaría no seu primeiro traballo en solitario “Músicas de Salitre”, editado no 2004, ou con Bellón e Maceiras no seu disco “Unión das Terras” do 2006. Ten feito tamén algunha colaboración como guionista para o programa Tourilandia da TVG.

A faceta como monologuista do artista arteixán xurdiría un pouco de xeito casual, logo de ser convidado amigablemente a participar nun concurso que organizara o Pub D´antón da Laracha no ano 2004. Nun principio, o devandito local non contaba con moitos participantes e, sen experiencia previa, Manuel acabaría animándose a concursar xunto con outra xente que non tardarían en consagrarse como grandes actrices, actores e cómicos deste país, casos de Isabel Naveira, Gari, Oswaldo Digón, Roberto Vilar ou, entre outros, Rober Bodegas. Manuel de Eva gañaría aquel concurso. Posteriormente obtería un segundo e un terceiro premio noutros monólogos celebrados na Coruña, monólogos nos que tamén concursaban “Os dous de sempre” X. A. Touriñán e Marcos Pereiro como As cantareiras de Berdillo. Manuel estaría dous anos actuando nos circuitos de comedia afeccionada do país, ata que se viu na obriga de deixalo por motivos laborais e persoais. Retornaría unha década máis tarde para comezar a "facer bares" contando as súas historias.

Manuel de Eva
Destacar tamén a súa faceta como actor de teatro a partir do ano 2009, que foi cando comeza a formar parte da Asociación Teatral Paso de Valverde de Arteixo coa que, despois de formarse durante varios anos como actor da man de Paulo Serantes e Xavier Ramilo, acabaría formando parte do grupo de teatro da devandita Asociación e participando na creación de “Sánatos”, unha peza teatral coa que percorrerían boa parte da xeografía galega polos distintos circuitos de teatro amador. Con “Sánatos”, Paso de Valverde acadaría o premio “Mellor espectáculo adultos 2016” no certame organizado por Hipócrita Teatro.

Recentemente fixo dúas cancións da súa autoría: “Na ría de namorar” e “Xan dos ollos claros”, cancións que estreou coa Banda de Música Santiago de Arteixo como solista.

Manuel de Eva é o director coreográfico do proxecto teatral "Rodríguez, o loro de Picadillo", proxecto no que colabora coa compañía Melandrainas.

domingo, 14 de abril de 2019

ATA SEMPRE, COSME!


Un día, haberá dezaoito ou dezanove anos, coñecín a súa nai Lola, un dos cans que naquela hora tiña a miña familia de Oseiro na súa casa. Lola era un golden retriever especial. Era, como a inmensa maioría dos golden, un cacho de pan de temperamento admirable e de conduta inmellorable. Non me digades o porqué, mais o caso é que aquela cadela fixo, dende o primeiro momento, moi boas migas comigo e souben que algún día tería un dos seus cachorros na miña casa.

E así foi. Andando no tempo, Lola sería nai dunha camada prexudicada polo líquido amniótico dun canciño que tiña morto no seu ventre, canciño que obstaculizaba a saída do resto da camada. Tras aquel parto complicado, os cachorros sairían adiante con certas dificultades.

Non lembro se eran cinco ou seis, mais un daqueles canciños era para min.

-Escolle o que máis che guste, dixérame miña curmá Manela. E eu escollín a un dos machos.

Durante as semanas posteriores, fun testemuña da boa vida que levaba en Oseiro a miña futura mascota e, tamén, dos seus xogos co resto da camada. Era un pracer vivir o día a día da adopción! 

Pasados tres meses, o 26 de setembro do 2004, decidimos que era o momento axeitado de traelo ao seu novo domicilio do Rañal. Aquel día era San Cosme e, con ese nome, a miña parella e eu decidimos bautizar o noso canciño. As primeiras horas, os primeiros días de Cosme con nós foron inesquecibles. Foron de verdadeiro sufrimento. Algo non ía ben! O canciño estaba moi triste, algo ata certo punto normal porque viña de separarse de súa nai e de seus irmáns. Tampouco xogaba e, por riba, batía con todo o que tiña por diante!

Non tardamos en ir a unha das clínicas veterinarias que había en Arteixo, onde nos dixeron que era moi probable que Cosme era un can cego. Ante aquela rotunda afirmación, que a dicir verdade xa sospeitábamos, dedidimos que era necesario ter unha segunda opinión e visitamos a Luís González, o veterinario da Clínica Xarope da Laracha.

-Machiño, creo que tes un can cego!

Cosme
Tras aquel par de consultas veterinarias que confirmaron que Cosme era un can invidente, estaba moi, moi claro que había que facer todo o posible para mellorar a vida do novo membro da familia e na casa pensamos que unha boa solución sería traerlle unha compañeira. Optamos pola adopción e, aos poucos días despraceime ata as instalacións que a protectora de animais Apadan ten en Sueiro (Culleredo), non moi lonxe da N-550 ao seu paso por Altamira (Carral) para adoptar unha cadela para que lle fixera compaña a Cosme.

Lembro que, ao longo do percorrido que realicei no coche dende Arteixo ata Sueiro, fun pensando todo o camiño que a elexida había der ser a primeira cadela que me amosara un pouco de cariño.

Ao entrar nas instalacións daba a impresión que as ducias de cans que había ladraban “escólleme a min, escólleme a min”… pobres… mais só podía levar a un deles! E alí estaba ela, nun dos múltiples apartados da protectora. Ao verme púxose toda contenta e movía o rabo como se me coñecera de toda a vida. Creo que o noso foi amor a primeira vista! En Apadan chamábanlle Juli, nome que pouco nos gustaba. Era un cruce de pastor belga e alemán e non debía chegar ao ano de idade. Eu acariñeina, ela lambeume e tres días despois, logo de arranxar os trámites da adopción, fun a buscala no meu vello Seat Ibiza.

-Vaste chamar Hilda, díxenlle!

O seu nome viñera dado porque uns días antes da adopción na casa víramos “Gilda”, a longametraxe norteamerica que dirixira en 1946 Charles Vidor que contara con Rita Hayworth e Glenn Ford como actores principais. E así, con ese nome cinematográfico, Hilda entrou a formar parte das nosas vidas e dos nosos corazóns nun día do verán do 2004, que foi cando pisou por primeira vez o seu novo domicilio.

O seu carácter bo e dócil facía dela a compañeira ideal. Era todo atencións cara os seus seres queridos e, por riba, atendía e xogaba con Cosme, un can ao que lle cambiaría a vida de xeito radical grazas aos cuidados da súa nova compañeira, unha compañeira que facía de guía ao invidente.

As habilidades de Hilda coa pelota eran extraordinarias, un don especial que nos fixo pensar moitas veces que se cadra polas súas veas corría sangue circense. Non o sei, mais o caso é que, cando xogaba con ela no campo, era todo un espectáculo vela. Regateala era misión imposible e, parando balóns coa boca, facía mellores actuacións que algúns porteiros dos equipos de fútbol da bisbarra. Cosme, mentres que Hilda e eu xogabamos coa pelota, arrolábase feliz na herba e ladraba dun xeito co que parecía animar á súa compañeira!

Hilda
No 2005, cando Cosme e Hilda xa levaban un ano na casa, nacía David, o noso fillo maior. Ver como a cadela se desvivía polo cativo era algo incrible, tan fabuloso coma cando naceu en 2007 Brais, o pequeno da casa. Para ela os dous nenos eran os cachorriños que nunca tivo. Mimábaos, lambíaos, protexíaos ata de un insignificante insecto, xogaba con eles e con Cosme… mais un momentiño, sempre coa ollada posta na protección e seguridade da casa.

Os anos foron pasando. Os nenos medraban e Hilda e Cosme, lei de vida, irían entrando en idades nas que as enerxías xa non eran as mesmas que cando entraran a formar parte das nosas vidas. Hai quen afirma que cada ano dun can equivale a sete dunha persoa (15x7 son 105). Descoñezo a certeza de tal afirmación, mais o certo é que nos últimos tempos a luz de Hilda e de Cosme iríanse apagando pouco a pouco… Hilda primeiro quedou xorda e, nos últimos días da súa vida, xa case non levantaba as patas traseiras. A súa luz, como xa vos contara por aqueles días, apagaríase definitivamente en outubro do 2018, quedando atrás catorce anos de alegrías, de risas, de xogos, de paseos...

Onte, seis meses despois da perda de Hilda, tamén nos deixou o noso querido canciño. Ata sempre, compañeiro! Ata sempre, Cosme!