domingo, 22 de novembro de 2015

O MAR DE ARTEIXO E OS SEUS NAUFRAXIOS

O NAUFRAXIO DE VAPOR ALEMÁN TRIER EN SUEVOS (I)

     Nas rúas do barrio coruñés de Santa Lucía rumorexábase, nas primeiras horas da tarde do domingo, 6 de xullo de 1902, que un vapor alemán que se dirixía cara a América embarrancara perto da praia de Bens. Eran as primeiras novas do sinistro do "Trier", novas que pasaran case inadvertidas na cidade herculina por ser día festivo.

     Ao mando do capitán M.A.Gohrke, o "Trier" zarpara de Bremen (cidade na que estaba matriculado) para facer singradura cara á Habana e Veracruz con 54 tripulantes e tres pasaxeiros: dous de terceira clase, Paulo Fendius, reloxeiro brasileiro que se dirixía a Keywest (Cuba) e Oscar Peine, xastre de Berlín que viaxaba á Habana, e un de primeira, a alemá Elda Cooper que ía casar na Habana. Antes de atravesar o Atlántico, o vapor alemán tiña que facer escala no porto belga de Antuerpe, de onde sairía ás catro da tarde do xoves 3 de xullo e, no da Coruña, onde tiña previsto recoller seis pasaxeiros e vinte toneladas de carga, consistente na súa maioría en patacas e conservas. No cargamento que xa transportaba da Alemaña, predominaba unha gran parte de sacos de cimento e de arroz, e outra de paquetes de papel secante ou para embrullar, mais tamén levaba baixelas de porcelana e de prata, caixas de espellos, máquinas de coser, navallas de barbear, mobiliario, mantas, viño, unha máquina trilladora que ía para Tampico (México), latas de comida en conserva, cortizas, latas de pintura e queixos.

     O "Trier" fora construído en 1898 en Bremen, e tiña casco de ferro con fondo duplo e compartimentos estancos. O seu deslocamento bruto era de 3.168 toneladas, contando con 2.517 de rexistro. Tiña unhas dimensións de 308 pés de popa a proa, 42 de manga e 50 de puntal e, un calado de 24 pés. O vapor alemán pertencía á Nordeutscher Lloyd, que nesa altura rivalizaba coas máis poderosas compañías navais do mundo e, fora deseñado do mesmo xeito que o "Mark", o "Norderney" e que o "Wittekind", tendo tamén a mesma potencia (1.500 cabalos) que os seus tres "irmáns". Nun primeiro momento, a Lloyd destinouno a facer a liña da Alemaña para o Brasil, mais en novembro de 1901, a compañía establece servizo de vapores á Habana e Veracruz e destina o "Trier" a esta nova ruta.

     O luns 7 de xullo, xa coa normalidade semanal, confirmábanse os rumorexos que se escoitaran en Santa Lucía polo que logo se estendería a nova no resto da cidade, aínda que inicialmente non se sabía concretizar o punto exacto do sinistro..."detrás do Monte de San Pedro", dicían moitos. O barco alemán embarrancara no illote da Gaianda, lugar que nas cartas e planos da época aparecía como Cabo Lagosteira, mais que os mariñeiros chamábanlle Os picos de Nostián. 
Illote da Gaianda (Suevos, Arteixo)
    
     O accidente fora un erro do capitán Gohrke xa que, por causa da espesa brétema existente, confundiu o Monte de San Pedro co Cabo Prior, montes que teñen un declive moi semellante cara o mar e con néboa é doado confundilos e, deste xeito, o "Trier" embateu coas rochas da Gaianda provocando un grande estourido.

     Aos poucos, irían aparecendo os veciños e veciñas da contorna, unha
veciñanza que se achegaría ao lugar do sinistro ateigados, uns con eixadas, paus e ganchos, e outros con espingardas. Concepción Conchado, unha das testemuñas do accidente, sinalaba o navío persignándose..."eu estaba traballando na leira e vin vir o vapor cara á Gaianda. Fíxenme cruces. Arrenegado sexa o demo!. Mais veñen todos bébedos porque só así se explica!. A néboa abofé que era cerrada, mais ben se vían as rochas, e ademais este nen é rumbo nen é nada!. Sentín un tumbo moi grande. Miña Señora!. Botei a correr, e cando xa ía lonxe sentín como o demo este bruaba, bruaba..." Enrique Bello, outra das testemuñas e viciño de Borroa, levou o susto da súa vida. Estaba pescando na zona do Carruncho e a néboa impedíalle ver o horizonte. Entretido na pesca, levantou de repente a cabeza e asustouse ao ver defronte, rasgando a néboa, que avanzaba algunha cousa grande, negra, monstruosa. Ergueuse, esfregou os ollos e viu como sobre el, e a bastante velocidade, ía precipitarse "aquilo" que lle parecía inmenso, fantástico...Apañou a cana e o cesto de vime e comezou a correr, e cando se ía afastando, voltando atrás temeroso a cabeza, sentiu un estrondo como o dun cañonazo. O "Trier" acababa de encallar, batendo nas rochas do illote da Gaianda.

     As primeiras forzas en presentarse no lugar foron as do posto de carabineiros de Pastoriza, mandadas polo carabineiro de primeira José Martínez. Axiña chegarían máis autoridades da Coruña, entre elas o cónsul da Alemaña na cidade, Meyer, consignatario de todos os barcos da Nordeutscher Lloyd, e o seu representante Alberto Senz (que era cuñado de Meyer) e, de seguida, envían telegramas para trataren de conseguir o remolcador "Anita" e un vapor para o transbordo da carga. Gehrke confesa o seu erro ao cónsul e non tenta xustificarse. Esta abatido, mais mesmo así, confiaba na marea chea e no auxilio do remolcador para saír de Suevos, cando fose alixeirada a tonelaxe do barco. A bordo, dispuxo que continuase a vida ordinaria para os pasaxeiros, xa que ningún deles quixo saltar a terra, aínda que se lles ofreceu, agardando que o "Trier" pudese continuar viaxe.
    

Ningún comentario:

Publicar un comentario