domingo, 11 de xuño de 2023

HISTORIA DA S.D. CATUXA (1ª PARTE)

   Soa o vento e cantan os grilos nas noites de verán no campo do Castro, o terreo de xogo no que a Sociedade Deportiva Catuxa ofreceu tantas tardes de gloria aos seus seareiros. Rodeado das construcións edificadas nos últimos tempos, parece estar definitivamente condenado ao silencio. Mais, na memoria de moitas e moitos veciños do lugar, aínda resoan os berros de ánimo aos seus futbolistas, aos once valentes que cada domingo defendían a camiseta do seu querido Catuxa, un equipo que durante as seis tempadas que estivo federado converteríase nun dos grandes animadores do Campionato de Liga da chamada Zona de Arteixo.

O campo do Castro na actualidade

   Corrían os últimos anos corenta do século pasado, unha época na que moitos homes da contorna gañaban o seu pan nas minas de volframio que se explotaban nos montes da bisbarra, cando Manoliño do Querecho, Manolo Cedeira, Eduardo de Daniel e Manolo de Arturo fundaban o Relámpago da Catuxa. Se cadra, o feito de ver con frecuencia naquela altura ao Deportivo da Coruña concentrado no Balneario de Arteixo, onde anos atrás, en 1945 e 1947, tamén estiveran hospedados os futbolistas da selección española e do Real Madrid por sendos partidos disputados no estadio de Riazor, puido axudar a que aquelas xentes da aldea decidiran que xa era hora de que A Catuxa tamén tivera o seu propio equipo de fútbol.

 

Formación dos anos 40-50 do Relámpago da Catuxa

   Nos primeiros enfrontamentos do Relámpago, uns partidos xogados nos torneos amigables que habitualmente se organizaban polas festas de verán, o once da Catuxa vestía, segundo o testemuño de Genaro Cedeira, con indumentaria azulgrana e, posteriormente, faría o propio cunhas camisetas coma as que utilizaba o Deportivo da Coruña. Ao non contar a entidade cun terreo de xogo propio na aldea, aqueles primeiros enfrontamentos xogados polo Relámpago, dispútanse no campo da Choca de Lañas, a onde os futbolistas chegaban tras atravesar a pé os carreiros do Monte da Angra, onde hoxe está o repetidor de Barrañán, e tamén en Arteixo, nun solicitado campo do Balneario, que non ía tardar en empezar a ser sepultado polo cemento e polo asfalto.

 

Formación dos anos 40-50 do Relámpago da Catuxa

   Nos primeiros anos 50, os dirixentes da entidade arrendan o Campo do Castro, un escenario onde o Relámpago empezaría a escribir con letras de ouro a súa historia, inaugurando o novo terreo de xogo cun partido contra o Sporting Uxes. Tamén, naquela altura, os emigrantes Manolo de Zas e o “Americano da Lolecha” donarían unha copa ao equipo, coa que se organizaría o denominado “Trofeo da Emigración” convidando, para a súa disputa, a un recén fundado Atlético Arteixo. O trofeo, tras vencer aos de Candame por 2-0 con dous tantos obra de Ricardo “da tenda”, sería o primeiro que albergarían as vitrinas que o Relámpago tiña na taberna de Xaquín, a sede social da entidade e lugar onde estaban os vestiarios.

 

Imaxe aérea dos anos 50 da Catuxa. O terreo rodeado en azul é o Campo do Castro

(CONTINUARÁ...)

Ningún comentario:

Publicar un comentario