martes, 18 de agosto de 2026

A PARROQUIA DE ARMENTÓN NO DICIONARIO XEOGRÁFICO DE SEBASTIÁN MIÑANO (1826-1829)

Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal é unha magna obra composta por once volumes que foi publicada entre 1826 e 1829. 

O autor deste dicionario foi o relixioso e escritor afrancesado español Sebastián de Miñano y Bedoya (Becerril de Campos, Palencia, 1779-Baiona, Francia, 1845), nun principio defensor dos ideais liberais, aínda que máis tarde pasou a simpatizar co bando dos absolutistas moderados. Aio do infante Luis de Borbón (1795), cando este accedeu ao arcebispado de Sevilla pasou a desempeñar o cargo de primeiro oficial da súa secretaría (1799) e, entre 1801 e 1804, íase ocupar dos asuntos do cardeal de Borbón na corte.

No momento no que as tropas francesas invadiron España, Miñano acompañou ao xeneral Castaños na súa entrada en Madrid (agosto de 1808), mais posteriormente non só ía recoñecer a José I Bonaparte, senón que se converteu nun dos conselleiros íntimos do novo monarca. Coa caída deste tivo que emigrar a Francia, onde permaneceu ata 1816, que foi cando puido regresar a Madrid xunto con outros afrancesados.

Durante a época constitucional colabora en El Censor. A súa visión sobre a problemática política do seu tempo aparece reflexada en Lamentos políticos de un pobrecito holgazán (1820), que, xunto con Historia de la revolución de España de 1820-1823 por un testigo ocular (1824), escrita en francés, e o seu Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal (1826-1829), constitúen o máis sobresaínte da súa obra.

A edición do seu monumental dicionario, no que recolle datos sobre as diferentes divisións relixiosas ou administrativas do estado, así como dos núcleos de poboación, serviríalle para gañar un sillón na Academia de Historia en 1825. Con todo, este éxitoso traballo tivo as súas luces e as súas sombras xa que polemizou sobre as insuficiencias da obra co xeógrafo Fermín Caballero, quen lle reprochaba a Miñano que as principais fontes de información seguían sendo, como en tempos de Felipe II, os cregos. Ante as recriminacións de Caballero, Miñano defendeuse dicindo, en alusión aos curas párrocos, que… “á cada uno de los cuales he escrito separadamente, pidiéndoles nociones ciertas y positivas de sus respectivos pueblos y de los inmediatos”, cregos aos que Miñano agradeceu a súa axuda, o mesmo que ao director da Real Academia da Historia, Martín Fernández de Navarrete, e ao censor Juan Agustín Ceán Bermúdez.

Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal ten unha importancia extraordinaria para o mundo da investigación xa que ofrece unha completa visión de como era o país naquela época. 

Malia a que o seu colaborador na zona pouco se estendeu coas súas informacións, deseguido transcribimos o que Sebastián Miñano y Bedoya escribiu inicialmente sobre a parroquia de Armentón nos primeiros tomos do dicionario: 

ARMENTON (SAN PEDRO DE),

Aldea Secular de España, en Galicia, provincia de la Coruña, jurisdición de Anzobre. Juez Ordinario, 84 vecinos, 318 habitantes, I parroquia situada cerca del mar, en la carretera que conduce desde Verdillo á la Coruña; confina con los pueblos de Arteijo, Lañas, Lestón, Larín y Villaboa. Produce trigo, maiz, habas, pastos y ganados. Contribución 1030 reales 28 maravedís.

Á parte do texto anterior, o noso protagonista escribiría a maiores (con algún que outro erro de imprenta) o seguinte suplemento no Tomo XI do seu dicionario:

Armentón (San Pedro de): Tiene 379 habitantes. Pertenece al arzobispado de Santiago y arciprestazgo de Faro, y su parroquia se compone de las Aldeas de Anzobre, Armentón de Arriba, Armentón de Abajo, Barreiros, Campolongo, Castro, Crueslla, Corredoira, Follezos, Gata, Gesteira, Grela, Monte y Rorís. 
Panorámica actual do lugar do Castro

Aproveitamos a ocasión para transcribir tamén o que Sebastián Miñano y Bedoya conta no seu popular dicionario xeográfico sobre a antiga Xurisdición de Anzobre:

Jurisdicción secular de España en Galicia, provincia de la Coruña, arzobispado de Santiago. Se compone de 2 feligresías que son: San Pedro de Armentón y San Esteban de Larín en cuyos artículos respectivos puede verse su población, situación, producción y demás circunstancias. Dista 2 ½ leguas de la capital y 7 de Santiago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario