xoves, 2 de xuño de 2016

O ACCIDENTE DO EQUIPO DE FÚTBOL DE VILARRODÍS EN 1958

     A maioría d@s aficionad@s ao fútbol escoitamos, algunha que outra vez, falar do accidente de aviación do Manchester United acontecido o 6 de febreiro de 1958. O equipo británico regresaba a Inglaterra despois de disputar o partido de volta de cuartos de final da Copa de Europa en Belgrado ante o Estrela Vermella, enfrontamento do que saíra victorioso e que clasificaba aos ingleses para as semifinais da máxima competición continental. As cousas xa principiaran a ir mal no aeroporto de Belgrado pois o voo 609 da British European Airways, que os ía levar de volta ás Illas Británicas, tivera que retrasar a súa saída unha hora porque que un dos xogadores, Johnny Berry, perdera o pasaporte. O avión tiña previsto facer unha parada técnica en Munich para repostar combustible. Unha vez en Alemaña e cando se dispoñía a despegar da capital bávara cara o Reino Unido, o capitán fixo dous intentos de despegue e ao terceiro intento a aeronave fallou ao non gañar a altura adecuada, estrelándose contra uns terreos colindantes ao aeroporto, nunha casa na que non se atopaba ninguén. En total falecerían 23 persoas entre futbolistas, directivos, corpo técnico, xornalistas e tripulación. Da plantilla do United, sete futbolistas morreran no acto (Geoff Bent, Eddie Coleman ou Liam Whelan entre outros) e un máis, Duncan Edwards, falecería días despois a causa das feridas sufridas. O adestrador Matt Busby e os futbolistas Dennis Viollet, Jackie Blanchflowe e o lendario Bobby Charlton, figura sobre a que se reconstruiría o novo Manchester United, serían dos poucos superviventes daquel tráxico accidente aeronáutico.

      Se 1958 é o ano máis triste da historia dos “red davils”, tamén o é do Atlético Vilarrodís, o popular equipo de fútbol que chegaría a estar federado durante varias tempadas na década dos sesenta. Seis meses despois do sinistro do Manchester United, o domingo 10 de agosto, o equipo arteixán, que naquela hora aínda non estaba federado, tiña previsto disputar un partido amigable na vila de Rianxo. Facía unhas semanas que Brasil, integrado por xogadores de ensoño como Garrincha, Didí, Vavá, Zagalo ou un rapaz de 17 anos chamado Pelé, gañara o Mundial que se celebrara en Suecia, derrotando na final ao equipo anfitrión por 5-2.
 
El Ideal Gallego, 12 de agosto de 1958
      Coa idea de emular as filigranas dos astros “canarinhos” e dispostos a disfrutar dun día de festa, a expedición do Vilarrodís partía cara a Rianxo ás sete e media da mañán no ómnibus con matrícula de Lugo número 1.270, propiedade da empresa “Rápido de Armentón”, con 19 persoas, entre elas Armando Sanguino Mateos, de 20 anos; Juan Suárez Souto, 22; Emilio Súarez Mosquera, 25; Alfonso Riveiro Doldán, 22; Emilio Veira Vázquez, 24; Manuel Longueira Trigo, 25; Juan Suárez Mosquera, 20; Francisco Veira López; Luis Mareque Zas, 23; Luis Caneda Balado, 28; e José Mosquera Rodriguez, de 18 anos, que eran algúns dos xogadores que por aqueles tempos vestían habitualmente a camiseta do Vilarrodís. O “Rápido”, conducido polo fillo do propietario da empresa, Manuel Ferrín Cores, de 24 anos, circulaba normalmente e sen problema algún mais, sobre as nove da mañán, ao chegar a Tabeaio (Carral), debido a unhas manchas de aceite que había no asfalto, axudado co mal estado do firme, o coche empezaría a derrapar, indo de lado dunha cuneta a outra ata volcar nun pequeno terraplén, de pouco máis de dous metros de altura, dando media volta de campá e quedando coas rodas cara arriba. Poucos minutos despois do accidente presentábanse, no lugar do sinistro, numerosos veciños de Tabeaio acompañados dun médico e de varios membros da Garda Civil de Carral. Había, entre xogadores e o resto dos ocupantes do ómnibus, un total de 16 feridos a quenes, tras sacalos do interior do vehículo e despois de prestarlles os primeiros auxilios, conducirían nun camión e en varios coches ata A Coruña, donde ingresarían sobre as once da mañán no Sanatorio do Socorro.
 
La Voz de Galicia, 12 de agosto de 1958
      Aos poucos intres de ingresar no Hospital, Alfonso Riveiro Doldán, dado o seu estado de gravidade, sería trasladado ao seu domicilio de Vilarrodís, donde falecería pouco despois. Dérase a tráxica circunstancia de que ao ocurrir o accidente, o xoven Alfonso fora un dos primeiros en abandonar o ómnibus sinistrado e, cando lle prestaron os primeiros auxilios, manifestara que non tiña nada e que atenderan aos seus compañeiros. Minutos despois, debido a un derrame interior, o seu estado agravaríase, falecendo ás poucas horas. No “Rápido” tamén viaxaba o pai do mozo falecido, Manuel Riveiro Cedeira, de 55 anos, que resultara con fractura de varias costelas e outras graves contusións diversas. Pola tarde daquel terrible domingo 10 de agosto de 1958, xusto cando o equipo debería estar xogando o partido amigable en Rianxo, practicamente toda a veciñanza da aldea de Vilarrodís desfilaría polo Socorro para enterarse do estado dos feridos. Mais o tráxico suceso non remataría aquí xa que o luns, cando se conducía o cadáver de Alfonso Riveiro Doldán ata o cemiterio de Oseiro, estaría a piques de producirse unha verdadeira catástrofe: os que asistían ao enterro encontráronse cun camión que circulaba en dirección oposta. Ao parecer ao vehículo falláronlle os frenos, feito que sembraría o pánico entre as numerosas persoas que acompañaban ao finado. Afortunadamente o incidente só quedaría nun monumental susto e non habería que lamentar víctima algunha.
     
     A pesar da tristura daqueles feitos, a vida seguiría e a rapazada de Vilarrodís continuaría xogando ao fútbol na aldea, facendoo primeiramente  nun campo que había detrás do posteriormente famoso Bar Odett, establecemento que rexentaría anos máis tarde Finita “a Rubia”. Nese campo o Vilarrodís xogaría os seus primeiros partidos amigables cos equipos da zona, entre eles co outro equipo da parroquia, o Oseiro, que se constituira oficialmente a finais dos cincuenta e con quen disputaría apaixonantes derbis nos trofeos que naquela hora se xogaban nas festas parroquiais, derbis dos que xa vos falarei noutra ocasión.

venres, 27 de maio de 2016

GONZALO RABUÑAL, O "INDURAIN" DE BARRAÑÁN

     @s galeg@s amantes do ciclismo tivemos a inmensa fortuna de contar durante varios anos co noso propio equipo profesional, que se creara en 2007 coa denominación de Karpin Galicia baixo o patrocinio do ex-futbolista e empresario Valery Karpin, naquela hora tamén inmerso noutras promocións deportivas como o equipo de voleibol da cidade de Vigo, o C.V. Vigo Valery Karpin. Mais en agosto do 2008, logo de que o ex-futbolista do Celta lle retirase o seu apoio económico e de contar cun novo respaldo, neste caso o da Xunta do bipartito, a denominación pasaría a ser Xacobeo Galicia, nome co que ese mesmo ano, o equipo conseguiría a súa primeira victoria nunha tirada da Vuelta a España ao impoñerse en Ponferrada, na décimo quinta etapa,  o ciclista galego David García.
Gonzalo Rabuñal
    Álvaro Pino, unha lenda do ciclismo galego que fora campeón da Vuelta a España en 1986, era o director deportivo do Xacobeo Galicia, un Pino que xa dirixira ao Kelme-Costa Blanca e que tiña de axudantes a Suso Blanco Villar, outro ciclista galego lendario que gañara en 1985 a Volta a Galiza, a Volta a Castela e León e a Volta á Comunidade Valenciana, e o padronés José Ángel Vidal, que participara en oito Tour de Francia seguidos correndo para o Kelme.

      A gran maioría dos ciclistas que Pino tiña ao seu mando eran galegos, entre eles os ilustres Marcos Serrano, que gañara a Volta a Galiza 1999, a Volta a Castela e León 2001 e a clásica Milán-Turín 2004; Iván Raña, que debutaría como ciclista profesional en 2009, despois de ser o primeiro triatleta galego en conseguir un campionato do mundo da especialidade, o primeiro en vencer nunha proba da Copa do Mundo e en participar nuns Xogos Olímpicos; o arousán Gustavo Veloso, campión da Volta a Catalunya 2008 e da Volta a Portugal 2014; Ezequiel Mosquera, subcampeón da Vuelta a España 2010...ou o noso Gonzalo Rabuñal Ríos, o "Indurain" de Barrañán. 

   Nado na parroquia de Barrañán o 1 de agosto de 1984, Zalo Rabuñal empezaría a pedalear en pequenas marchas e paseos como o "Día da bici" polo asfalto arteixán ata que se decidiu apuntar no Club Ciclista Carballo, donde non tardaría en deslumbrar. Desde os seus inicios, o noso protagonista, que sempre admitiu que se fixera ciclista por Indurain aínda que o seu ídolo era Pantani, tería unha traxectoria moi regular, con innumerables victorias e podios en categorías inferiores e amateurs formando parte do equipo Cambre Frisonoble, éxitos que continuarían ata o seu último ano de aficionado, no que correría bastante por Portugal e no que gañaría a Volta a Madeira.

     En 2007 Rabuñal debuta como profesional no Karpin Galicia. No 2008, correndo xa co maillot do Xacobeo Galicia, o ciclista arteixán, naquela hora con domicilio na Cachada (Monteagudo), sería segundo nunha etapa da Volta a Irlanda e terceiro nunha da Vuelta a Asturias. En 2009 participa no Giro de Italia, na Vuelta a España, donde conseguiría unha meritoria octava praza na etapa con final na Sierra de la Pandera, e acaba líder do Premio da Montaña na Volta a Turquía, o seu primeiro grande éxito como profesional. En 2010 acada o maillot da montaña na Volta ao País Vasco e participa na Vuelta a España, edición na que fai un papel destacado nas etapas de montaña, quedando na clasificación xeral de 30º, meritorio posto xa que o seu obxectivo non era outro que axudar ao seu líder, Ezequiel Mosquera, a gañar a Vuelta, un Ezequiel que finalmento sería 2º, a tan só 41 segundos do gañador Níbali. 
Rabuñal, á esqueda, rodando á par con Ezequiel Mosquera
   Mais con todo
, o Xacobeo Galicia atravesaría, naquel inesquecible 2010, grandes dificultades económicas pola perda dos patrocinadores e o cambio de goberno da Xunta: o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete, anunciaba a retirada do patrocinio, feito  que desgraciadamente levaría ao equipo á desaparición xa que non puido achegar os avais requiridos pola UCI para o seu rexistro no circuíto continental co cal o Xacobeo Galicia, malia a que tiña compromisos adquiridos para o 2011, correría a mesma sorte que a Selección galega de fútbol coa chegada do Partido Popular ao Goberno Galego. Ciclistas como Delio Fernández, Gonzalo Rabuñal ou Gustavo Domínguez aseguraban naquel intre que o Executivo buscara "escusas" para acabar co equipo e que a "liquidación" repentina do conxunto impediulles a moitos continuar coas súas carreiras. “Doía ver como a nós nos debían cartos e logo gastaban case dous millóns de euros no Obradoiro para darlle de comer aos de fóra, porque non había nin un só xogador galego no equipo”, dicía un. “A política estivo na orixe da decisión final; non se sentían cómodos cun proxecto que fora creado por un goberno doutra cor política”, remataba outro. 

     Trala desaparición do Xacobeo Galicia, os corredores do equipo ciclista galego seguirían adiante por outro camiño, no que o deporte é un hobby e non unha ocupación a tempo completo. No caso de Gonzalo Rabuñal, tras abandonar o ciclismo profesional, pasaría a formar parte do Club Gallaecia Raid, con quen empezaría a participar en raids de aventura nos que se xunta a bicicleta con kaiak, con carreiras de orientación, co trekking, algo de escalada, algún rappel...un Rabuñal que a día de hoxe soña, ao igual que moit@s galeg@s, cun novo equipo ciclista que volva encher as estradas de afeccionados como fixera o seu desaparecido Xacobeo Galicia durante catro anos.

xoves, 19 de maio de 2016

A RECOLLIDA DO GOLFE

     A maioría dos nenos galegos que nos criamos no rural, fumos medrando escoitando centos de contos que os maiores contaban a carón do lume da lareira nas longas tardes invernais, contos que na miña casa, canda había xuntanza familiar pola festa do Santiago ou da Santa Eufemia, era ben raro que os avós e os tíos non lle deran protagonismo ao mar.

     Falar do mar na nosa casa, era falar de moito sacrificio e de traballo duro, e a recollida do golfe, que son as algas ou argazo que o mar arrinca e arrastra ata as rochas e os areais, era un deses traballos.

     Esta actividade, moi enraizada nos veciños da contorna das praias e presente ata hai ben pouco tempo, foi sustento ben importante para a xente que se adicaba á labranza pois, naqueles tempos de escasezas económicas e de recursos que lle tocaron vivir aos nosos avós, o golfe era como un agasallo caído do ceo: grazas a el as terras podíanse aboar de xeito gratuíto...era o esterco do mar!
El Heraldo de Madrid, 21.11.1929
     A recollida era unha tarefa traballosa e moitas veces, cando se apañaba nas rochas, abofé que ben perigosa. Emilia Pichel, nai do meu veciño Francisco Sanjurjo, coñecido por todos como Kiko de Pichel (un pai para min), perdera a vida nun día de novembro de 1929 cando estaba collendo no golfe nas rochas da Ermida do Rañal, a carón donde hoxe está o monumento ao Voyeur, no paseo marítimo. Emilia recollía o esterco mariño para abonar as terras nas que quería plantar, no mes de nadal, as patacas de cedo. Tiña 30 anos e deixaba orfos a dous fillos de curta idade: Ramón e Kiko.

      Meus avós dicían que tras dos temporais, o golfe chegaba en grandes cantidades á ribeira das vilas. Falaban de bardas de golfe e contaban que moitas veces, dependendo das mareas, había que madrugar moito para ser os primeiros en chegar ás praias. Amañaban o carro de bois, as ferramentas para a recollida e os paxes de vime para carrear. Logo, xa nos areais, había que procurar unha situación boa e coa maior comodidade posible para cargar o carro que, unha vez cheo, levábase ás leiras para esparexer todo posteriormente.

   Meus tíos contan, coa retranca que herdaron de seu pai, que cando eran mozos teñen ido a paxear no golfe ao dereito de vir de troula...”eran outros tempos que oxalá non volten”, din. Cando falo con eles desta tarefa, bríllanlles os ollos, non sei se polas lembranzas do traballo duro ou pola nostalxia dos tempos mozos. En calquera caso, o certo é que o golfe foi durante séculos unha boa axuda para as familias que vivían a carón do litoral.

   Remato xa, e fagoo co Padre Sarmiento que, no seu Coloquio en milduascentas coplas galegas, escrito en 1745, faille referencia nunha copla ao devandito esterco mariño:

Vai coller o gasto
cun sacho e cun cesto,
o gasto das bestas,
dos homes e cerdos,
e mais para estrume
o golfe mareiro,
a xeba e argazo
o bocho e verdello.


     
    

sábado, 7 de maio de 2016

AS PRIMEIRAS FARMACIAS DA VILA DE ARTEIXO


       Hoxe imos falar das farmacias máis antigas de Arteixo, onde non deixa de ser curioso que o persoeiro máis ilustre do noso concello, Manuel Murguía, fora precisamente fillo dun boticario, de Juan Martínez, que antes de establecerse en Santiago de Compostela tivera farmacia na Coruña, na rúa Garás. Según algunhas fontes, Martínez era bo amigo (probablemente porque cursaran estudios xuntos) do veciño de Oseiro Antón Pan, que sería o padriño daquel meniño que nacera o 17 de maio de 1833 na súa casa de Froxel, coñecida naquela altura como a “casa do médico” e que, co tempo, convertiríase no máis destacado impulsor do Rexurdimento galego. Manuel Murguía falecería no seu domicilio da rúa coruñesa de San Agustín o 2 de febreiro de 1923, nunha época na que xa se establecera na nosa vila un home que seguro que tamén vos soa o seu nome porque pasastes ducias de veces pola rúa que ten dedicada en Arteixo: o farmacéutico Manuel Fernández Llamazares.
   
     O Sr. Llamazares, como se lle coñecía comunmente, chegara á vila arteixá en tempos do alcalde Faustino Pazos Teijeiro, que fora o primeiro mandatario local desde marzo de 1903 ata maio de 1910. Naquela hora xa había botica en Arteixo, a de D. Jesús López Valdivieso, que solicitara a apertura dunha farmacia na vila en 1908.
     
     Fernández  Llamazares establecería a súa botica na casa que aínda podemos ver ao carón
A antiga botica da Baiuca
do estanco da Baiuca, edificio que era propiedade de Dolores e Encarnación González Mes, que eran irmáns de Baldomero, alcalde de Arteixo en tres etapas distintas: 1914-1916, 1920-1923 e 1930-1931.
O boticario, que tamén desempeñaría en Arteixo os cargos de xuíz municipal e de vicepresidente da Sociedade Recreativa “El Alba” (na sede da entidade, o Café Berán, seica tocaba o piano con gran pericia musical), falecería a finais de 1946. Meses despois, a súa viúva María Luísa Saralegui venderíalle a licencia da farmacia ao mestre de Ortigueira Horacio Fernández Gómez, persoeiro que na actualidade ten unha rúa dedicada na vila de Cariño.


     Horacio Fernández quedara víuvo en 1929, con 32 anos, da súa muller Gregoria Calvete,
O farmaceutico Llamazares
unha zaragozana a quen coñecera cando ambos impartían docencia na localidade de Cariño. O matrimonio tiña catro fillas: Marianela, Alicia, Gloria e Gregoria, rapazas ás que Horacio sacaría adiante con moito sacrificio. A maior, Marianela, faría a carreira de farmacia e, despois de que o seu pai lle comprara a licencia á viuda de Llamazares, estaría ao fronte da botica desde os derradeiros anos corenta ata os primeiros sesenta. Gregoria, a máis nova das catro, vivía con Marianela
na Baiuca, e tamén iniciara a carreira de farmacia mais, cando ía polo 3º ano, tivera que abandonala, uns estudos que retomaría posteriormente aínda que finalmente licenciaríase en maxisterio. As outras dúas irmás, Gloria e Alicia, só viñan a Arteixo polo verán xa que pasaban o ano en Madrid facendo as carreiras de mediciña e de odontoloxía. 

   A botica estaba no baixo do edificio e unha vez rematada a carreira Alicia, unha das primeiras odontólogas galegas, montaría unha clínica dental no primeiro piso. Na casa tamén estaba Milucha do Tato, que traballaba como empregada doméstica, mais Marianela e Gregoria tratábana como si fora da familia.

    Estamos xa nos sesenta, anos no que chega a Arteixo, concretamente en 1961, Teodomiro Santos Blanco, un mozo que nacera en Noia en 1929 mais que pasara media vida en Pontevedra. Aquel mozo, que hoxe vai camiño das 87 primaveras, contábame hai uns días, tomando un café, que moito lle chamara a atención que, naquela hora, unha vila como Betanzos, coa mesma poboación que Arteixo tivera tres farmacias e que aquí só houbera unha. “Foi por iso -dicíame- polo que Arteixo pareceume un sitio bo ...e mira que naqueles anos aquí todo eran leiras! Na zona só estaba a tenda de Elvirita, o Moisés e a miña farmacia”. Naqueles tempos o señor Teodomiro, que tamén me afirmaba que “en Arteixo fíxenme un home a aprendín a enfrentarme á vida”, comía e ceaba na do Veigheiro cando lle tocaba estar de guardia que, ao haber só dúas farmacias, era semana sí semana non.

O sr. Teodomiro diante da farmacia da súa filla Eva
   A principios 
daqueles anos sesenta, Marianela Fernandez, que ten actualmente 94 anos, deixaba o concello arteixán para irse a vivir a Ferrol, cidade na que tamén abriría unha farmacia. Gregoria, a pequena das irmás, quedábase ao frente da botica da Baiuca, botica que en 1968 cambiaría de ubicación e trasladaríase á Avenida do Balneario, onde Gregoria contrataría á farmaceutica Eva Gómez. A partir daquel intre, a botica pasaría a ser a tenda de Marina, a muller de Manuel Moreiras, que estaría no edificio ata 1980, ano no que se mudarían para onde hoxe as súas fillas rexentan o estanco da Baiuca.

     Gregoria  botaría raices definitivamente en Arteixo, onde casaría naquela altura con Pepe Fontes e de aí que a farmacia (hoxe Farmacia Ana Torres) fora coñecida como “a  de Fontes”. O matrimonio tería tres fillos: José Ramón, o policia local que todos coñecemos por Telete, Alejandro e Marianela.

     Nestes anos sesenta, na farmacia de Teodomiro Santos traballaba Vicentina, que era filla do señor Amable. Nos 70 faríano, como auxiliares, dúas mozas arteixás que aínda hoxe, despois de máis de catro décadas, nos seguen atendendo amablemente na mesma farmacia: Begoña e Chus, que empezaron respectivamente en 1971 e 1972.

Edificio no que estaba a farmacia de Alicia Rey
   O 
señor Teodomiro Santos, que hoxe pasa gran parte do seu tempo no souto que ten na Groba, na parroquia de Larín, onde prantou castiñeiros nunha extensión de 10 hectáreas (o souto máis grande do concello), retiraríase nos anos noventa, mais a familia Santos seguiría vinculada ao mundo farmaceutico no noso municipio xa que os seus fillos Eva e Manuel son, respectivamente, os titulares das farmacias da Avenida do Balneario e da Travesía de Arteixo.

    Coincidindo cos últimos anos da vida laboral do señor Teodomiro, nun edificio antigo da Avenida do Balneario e o Camiño da Baiuca, Alicia Rey Formoso abriría o que era a terceira farmacia de Arteixo, farmacia que trasladaría en 1993 á Ponte do Ba e que en 2006 traspasaría a González-Rosón Fernández.