sábado, 9 de xullo de 2016

A FÁBRICA DE CHOCOLATES DE ARTEIXO


      Pois sí, en Arteixo tamén tivemos a nosa fábrica de chocolate. Non vaiades a pensar que foi a do famoso libro infantil de Roald Dahl, levado ao cine en 2005 nunha película dirixida por Tim Burton e protagonizada por Johnny Depp. Non, a de Arteixo era Fábrica de Chocolates Callejo, mais estaba chea de encanto e de historia e, entre as súas máquinas, un podíase sentir un pouco como Charlie se debía sentir nesa fábrica de chocolate do conto do escritor británico Roald Dahl.

Publicidade dos anos 70
    O propietario de Chocolates Callejo era Benjamín García Borrazás, natural de Armentón que abriría o seu negocio en Arteixo arredor do ano 1969, décadas despois dos tempos de escaseza da posguerra, cando o chocolate estaba racionado, e o proceso de fabricación e de comercialización atopábase totalmente intervido. Dende o goberno franquista estipulábase canto fabricar e a quen distribuílo. A veces, o chocolate mesmo se humedecía esperando que o viñesen buscar os funcionarios do Estado. Era unha verdadeira mágoa que nunha época de necesidade extrema como aquela da posguerra o chocolate tivera que chegar á xente en malas condicións, tempos en que, ante a falta deste producto, a xente conformábase con cascarilla. De feito, as persoas nativas da Coruña, aquelas que son da Coruña de toda a vida, chámanse a si mesmas cascarilleiras...paradoxas da vida, a cascarilla volve ser un produto demandado e moi buscado para preparar infusións. 

     Chocolates Callejo principiaba a súa andaina no nº 209 da Avenida de Fisterra, no mesmo edificio no que posteriormente se establecería no primeiro piso Foto-Rodri, e donde a dona de Benjamín, Mari Luz Ramos, levaba un ultramarinos que o matrimonio tiña no baixo do mesmo. Neste ultramarinos tamén traballaba María Jesús García, a simpática carniceira que vos atende cando ides facer a compra ao Eroski, unha muller que hoxe está a piques de disfrutar da súa xubilación e que traballaría na tenda de Mari Luz ata 1986, ano no que pasaría a ser a propietaria. Catro anos máis tarde, en 1990, a cadena de supermercados Comprebén faríase co seu negocio... e seguro que aínda hai quen lembra a inauguración do mesmo, xa que fora mítica a presencia de Carlos Mata, o popular actor venezolano protagonista de numerosas telenovelas daqueles anos 80-90.

      Mais sigamos coa chocolatería, na que aparte do seu propietario Benjamín García, tamén traballaban o home de María Jesús García, Antonio Iglesias (pais de Víctor Iglesias García, o director da Escola Municipal de Música de Arteixo) que fixo de repartidor unha tempada, a señora Dorinda, que facía de moza de almacen e de “multiusos” do negocio e Ceferino, que era o comercial da empresa, o "viaxante" que percorría o asfalto para colocar os Chocolates Callejo nas tendas do país e facerlle a competencia a Chocolates Mariño, fábrica fundada en 1927 en Carballo e que aínda segue funcionando a día de hoxe e é un dos poucos lugares, en todo o Estado español, que conserva o proceso de elaboración artesanal, proceso que tamén se levaba a cabo na Fábrica de Chocolates de Arteixo, donde se traballaba con producto de gran calidade.

Benjamín García traballando na súa fábrica
  As máquinas de Callejo trituraban, refinaban e amasaban o chocolate, transformando o froito do cacao en cacao en polvo, ou nun auténtico chocolate que só se facía con fariña e azucre, ou azucre só no caso do chocolate negro. O proceso era tan minucioso que mesmo a cascarilla terminábase de separar do chocolate a man, para que non quedara ningún resto, algo impensable nos procesos de fabricación industrial. Chocolates Callejo era unha tenda peculiar, única na súa especie, con personalidade. Era imposible non reparar nela cando pasabas ao seu carón. Aínda que levaras a cabeza noutra cousa, chamábache a atención e o ruído das máquinas víase suavizado polo ulido a chocolate auténtico que se percibía nos arredores, principalmente os venres, que era o día que se moía. Unha vez moído o chocolate, amasábase con fariña e azucre, ou só con azucre, no caso do chocolate negro. Introducíase o chocolate xa amasado nunhas estufas a unha temperatura constante de ao redor de sesenta graos durante máis de 48 horas. Tabletéabase e introducíase na neveira. Gardábanse as tabletas durante un mínimo de oito días en armarios de madeira e logo empaquetábase para distribuilas posteriormente.
 
Imaxe do exterior da fábrica
     Chocolates Callejo vendía principalmente a nivel provincial, sobre todo na zona de Ordes, Costa da Morte e Muros, donde tiña bastante clientela. Surtía ademáis aos cuarteis da cidade da Coruña. A “fábrica", como popularmente se coñecía en Arteixo, permanecería aberta ata preto do ano 2.000. Hoxe se pasades pola zona de Foto Rodri e o Rocha 7 hai un edificio que lembra os tempos desta chocolatería: o edificio Callejo.













domingo, 3 de xullo de 2016

MARIANO ARANA, O ARTEIXÁN MINISTRO DE URUGUAI E ALCALDE DE MONTEVIDEO


     Se hai un país que garda especial relación con Arteixo pola gran cantidade de persoeiros, dun e doutro lado do charco, que teñen lazos de unión co noso concello ese é Uruguai. Xa vos falei dun deles, o futbolista Oscar Míguez, fillo de emigrantes de Meicende que foi campeón do Mundo en 1950 coa camiseta celeste no famoso Maracanazo. Mais teño pendente contarvos, nestas Crónicas de Arteixo, casos coma o de Washington Cataldi, Subsecretario de Industria do país sudamericano no período 1969-71 e presidente do Peñarol en varias etapas que viña a pasar o verán á casa de súa sogra, en Uxes; de Héctor Núñez, tamén fillo de emigrantes de Meicende que chegaría a xogar no Valencia nos anos 60 e posteriormente a adestrar, entre outros clubes, ao Atlético de Madrid; de Ramón Villaverde, fillo de emigrantes de Arteixo (a nai era de Rañobre) que a día de hoxe está considerado coma un dos mellores xogadores da historia do F.C. Barcelona; de Nelson Cedeira, o propietario do bar Fénix (o que está ao carón do Balneario), que foi futbolista de Wanderers e de Fénix, equipo no que xogou xunto ao lendario Enzo Francescoli; do pai de Nelson, Francisco Cedeira Mallo, veciño da Catuxa que emigrou a Montevideo e sería durante moitos anos directivo do Salus F.C., equipo que ascendería de xeito consecutivo catro categorías ata acadar a 2ª División do fútbol uruguaio; de José Figueiras España, o popular Mariñeiro pai da concelleira de Terra Galega (Tega) Charo Figueiras, que foi directivo do Racing Club de Montevideo durante varios anos; de Alfredo Martínez, antigo fútbolista do Deportivo da Coruña fillo de emigrantes de Lañas e de Bértoa...e dun longo etcétera. Mais hoxe vouvos falar de Mariano Arana Sánchez, arquitecto e ex-Ministro de Vivenda, Ordenamento Territorial e Medio Ambiente de Uruguai e ex Alcalde de Montevideo.
    
Mariano Arana
     Fillo de Pedro Mariano Arana Vázquez e de María Sánchez Maceiras, nada en 1899 na Pedreira (Arteixo), entre Figueiroa e A Catuxa, que era a oitava de nova irmás e que chegou como emigrante a Uruguai, xunto con dúas das súas irmás e a súa nai, Mariano Arana Sánchez nacía en Montevideo o 6 de marzo de 1933, dous anos despois de que casaran seus pais e un antes de que nacera seu irmán Máximo. Tras cursar estudios no Lyceé Français de Montevideo, en 1952 ingresaba na Facultade de Arquitectura da Universidade da República, donde se licenciaría en 1961 e na que, ademais, sería docente e Director do Instituto de Historia da Arquitectura, entre outras tantas actividades que realizou na Facultade. 

     No seu paso pola Universidade, Mariano Arana destacaría non só polo desempeño no plano académico, senón tamén polo seu activismo social e gremial, sendo nos anos 50 un activo militante e dirixente do Centro de Estudiantes de Arquitectura (CEDA) e da Federación de Estudiantes Universitarios de Uruguai (FEUU), na que ocupou a secretaría de asuntos gremiais, actividade que o levaría a involucrarse directamente nas loitas sociais e antiimperialistas que caracterizaron o final dos anos 50 e o principio dos 60. Nesta etapa, ademais de marcar a súa ideoloxía política, marcaría tamén a súa forma de interpretar a arquitectura e o urbanismo desde unha mirada fortemente contemporánea, tinguida tanto polo pensamiento das vangardas artísticas e culturais como co seu forte compromiso social.
 
     No perfil deste persoeiro de orixe arteixán hai que destacar tamén o seu  compromiso cultural. Interesado profundamente nas más diversas manifestaciones contemporáneas, como as artes plásticas, a música, o teatro ou a literatura, Mariano Arana vinculouse cos movimentos e as correntes de vangarda nos anos 50 e 60 en Uruguai, vinculación que no caso do teatro independente, en especial na institución teatral “El Galpón”, levaríao, xunto con Mario Spallanzani a intervir en diferentes intres nos procesos de rehabilitación de varias salas para albergar diversas actividades culturais.

     Impulsado por ese ánimo, xunto con outros universitarios, intelectuais compañeiros da Federación de Estudiantes fundaría a editorial Ediciones de la Banda Oriental (EBO), un dos emprendementos culturais innovadores dos anos 60, que participou de xeito destacado no “boom editorial” desa década, así como tamén foi un notable referente cultural en tempos da dictadura uruguaia (1973-1985), promovendo especialmente a difusión de obras literarias de autores nacionais e clásicos universais, así como traballos sobre a realidade política e cultural e investigacións históricas, actividade que o levaría a presidir a Comisión de Patrimonio Histórico, Artístico e Cultural de Uruguai entre os anos 1985 e 1989.

     Pola súa actividade profesional foi recoñecido por organizacións internacionais de arquitectos e entidades vinculadas coa profesión, merecendo, entre outras, as distincións outorgadas pola Federación Panamericana de Asociaciones de Arquitectos (FPAA), a que lle concedeu no seu Congreso do ano 1999 a Medalla de Ouro á traxectoria profesional e pola VI Bienal Iberoamericana de Arquitectura y Urbanismo, celebrada en abril de 2008 en Lisboa, na que se lle outorgou o Premio Iberoamericano ao conxunto da súa traxectoria. Tamén recibiría outras distinciones internacionais como a Orden Nacional ao Mérito da República Francesa, a Orden Cruzeiro do Sul del Gobierno Federativo de Brasil e a Cruz de Mayo outorgada polo Goberno arxentino.
Mariano Arana

     Mais, aparte da súa actividade no mundo da arquitectura e no eido cultural, Mariano Arana tamén é un persoeiro coñecido pola súa actividade política. O noso protagonista foi fundador de Vertiente Artiguista, partido polo cal foi elexido Senador da República en 1989, cargo que ocuparía en dúas etapas: 1990-2004 e 2008-2010, nas que formaría parte da comisión permanente do Senado entre 1991 e 1992, así como da comisión do presuposto. En 1994 foi segundo vicepresidente da Cámara uruguaia e posteriormente sería alcalde de Montevideo polo Frente Amplio desde 1994 a 2005, ano no que Tabaré Vázquez asume a Presidencia da República e nomea a Mariano Arana Ministro de Vivenda, Ordenamiento Territorial e Medio Ambiente, un Arana que coincide no Goberno con José Mujica, líder do Movimiento de Participación Popular (sector maioritario do partido de esquerda Frente Amplio) que sería Ministro de Gandería, Agricultura e Pesca entre 2005 e 2008 e, entre 2010 e 2015, Presidente da República, un Mujica que para moit@s, entre os cales me incluio, é un dos grandes referentes políticos mundiais.

     Nun acto promovido en Arteixo polo concelleiro de cultura daquela hora, Juan Antonio Mouzo, ás 13:00 horas do 14 de maio de 2004 Mariano Arana Sánchez era recibido na Praza do Concello polo Alcalde arteixán Manuel Pose e, tras asinar no libro de Honra, entraba  no Salón de Plenos da Casa do Concello  donde o agardaban os membros da corporación municipal e resto de autoridades que asistiran ao acto, entre elas o Presidente da Xunta Manuel Fraga, o Conselleiro de Presidencia, Xaime Pita e o de Emigración Aurelio Miras, o Alcalde da Coruña Francisco Vázquez e o Presidente da Deputación Provincial da Coruña Salvador Fernández Moreda para asistir ao merecido nomeamento de Mariano Arana Sánchez como Fillo Adoptivo de Arteixo.



xoves, 23 de xuño de 2016

CACHELIÑA DE SAN XOAN

Cacheliña de San Xoán 
que non me morda
cadela nin can.

     O día vintetrés voume erguer cediño para "ir coller a virtú". De todas as herbas do campo escollerei a espadana, a fieita real, o fiuncho, a herba de Santa María e a fieita de San Xoán. E con todas estas herbas adornarei a casa e en cada buratiño poñerei unha para que esa noite non nos entre ningún meigallo. O resto espallareino por diante da porta e gardarei unhas poucas para a cachela da noite. Esquecíaseme o monllo que teño que facer con todas as herbas para despois pola noite deixar ao resío. Este monllo vaime servir o resto do ano para afumarme con el cando me pique algún bicho.


Noite de maxia
igual que a noite de San Silvestre,
solsticio de inverno.
Noite de bruxas
en que desparramarán á caída da noite
toda a súa fascinación.
Noite de plantas
protectoras e medicinais
para nós.

     E cando chegue a noite farei a cachela con moita leña que bote moito fume para que se vexa ben lonxe. Colocareina nun lugar donde se vexa a casa e as leiras. E cando me queira afumar e saltar a cachela botareille as herbas da virtú. Saltarei a cachela nove veces e unha sen contar mentras vou dicindo:

Cacheliña de San Xoán,
que non me morda
cadela nin can.

     E se podo asarei patacas nas brasas e botarei un anaco  de noite comendo, falando e contando contos.

Noite de lume
disque as chamas purifican todo.
Noite de lume
solsticio de verán.
Noite de lume
que nos protexe contra todo mal.

     Para deixalas ao resío da noite teño que buscar flores: herbas de San Xoán, romeo, bieiteiro, caraveles, trebisco, herba luísa, folla de nogal, ruda, follas de parra... Metereinas nun caldeiro con auga, deixareinas toda a noite ao sereno e pola mañanciña lavarei a cara coa auga de rosas.

Noite de auga
que limpa
que bota as meigas fora.
Noite de lume.
Noite de plantas.
Noite de auga.

¡¡Meigas fora!! 





(Relato de Carme, a de "Cóntame un conto",  publicado no Boletín Informativo Municipal de Arteixo)    

     

sábado, 18 de xuño de 2016

A VERDADEIRA HISTORIA DO BURRO DE ARTEIXO

A burra que tiñan na casa do Coireiro do Rañal
       Burro pode ser calquera. Pero un burro de Arteixo xa ten denominación de orixe pois, o noso concello, foi coñecido noutros tempos por ser terra de burros.

Repolos en Betanzos,
Arzúa ten bos queixos,
sardiñas en Malpica,
e burros en Arteixo.

     Ninguén lembra de onde saía esta fama, aínda que parece haber unha clara relación coa lenda do descubrimento das propiedades medicinais das augas do Balneario. Como ben saberedes, a versión oficial da lenda conta a miragrosa curación dun burro enfermo do pelexo, que pastaba preto do manantial.

     Pero hai outra versión que a xente dá como verídica: o burro era burro, claro está, pero non tiña mal ningún no pelexo. O seu único "mal" era que non podía ornear.

     Segundo os arrieiros de Pontevedra, hai catro tipos de orneo: o da fame, o da sede, o do sono e o orneo de amor, que ven acompañado dun intenso calor corporal. 

     O caso é que o burro sentía este calor corporal, pero non era quen de ornear, e as burriñas maldito caso lle facían. Por este motivo o animal andaba amolado.

Blandina do Coireiro coa súa burra
      Érachevos natural da Ponte do Ba, e todos os sábados ía moer o millo co seu dono ao muíño de Caldas. Dunha vez, cando voltaba de moer cara a Ponte do Ba, ao burro veulle a sede. Estaban na altura da costa da de Pardo, e o animal botouse a un lado por botar un grolo de auga que manaba dun manantial ao que a xente non facía moito caso. 

     E aí se produciu o encanto: o burriño, nada máis probar a auga, entroulle un hipo misterioso, unhas arcadas esaxeradas que o transformaron en pouco tempo nun precioso cabalo alazán mouro de negra crín.

     As propiedades das augas descubriunas un burriño mudo, e isto é digno de ser lembrado aínda que a felicidade do animal fose outra: logo da transformación seguíu sen saber ornear, pero rinchaba que metía medo!  


(Relato de Víctor Iglesias García) 

 

domingo, 12 de xuño de 2016

OS LAVADOIROS

     Na actualidade, unha casa moderna está equipada cunha lavadora e unha secadora automáticas e, nalgúns casos, cun pequeno lavadoiro para lavar a man as prendas máis delicadas, así como unha táboa de pasar o ferro. Mais houbo un tempo no que nos fogares dos nosos devanceiros non había ningunha destas comodidades e modernías. Se botamos a vista atrás, e pensamos durante uns segundos no enorme traballo que pasaban as mulleres para lavar a roupa, é doado entender ás nosas avoas que, con razón, din que a lavadora é o mellor invento da historia. 
Imaxe dun lavadoiro de principios do século pasado (Arquivo do Reino)
     Antigamente, cando non existían electrodomésticos, o lavadoiro era o lugar, dentro ou fóra do fogar, no que se lavaba a roupa a man sobre unha táboa ou pedra lisa que tamén recibía este nome, moitas veces no mesmo río ou regueiro. Cos anos, e especialmente na xeografía galega, estos lugares que adoitaban ser de uso colectivo convertiríanse nunha construción popular preto das fontes á que as veciñas do lugar acodían a lavar a roupa nun acto social e colectivo. Estes lavadoiros públicos consistían nunha canle que traían a auga a un ou varios depósitos de granito ou formigón. Aos lados destes depósitos había unhas pedras lisas o lousas chamadas “lavadoiras” que estaban colocadas cunha inclinación máis ou menos de 40 graos. As mulleres tiñan unha "banca" de madeira de forma angular sobre o que se axeonllaban e, medio agachadas, fregaban e enxaboaban as roupas inclinadas para permitir o lavado á man. A maioría deles contaban cunha cuberta, que adoitaba ser a catro augas con dúas tesoiras de madeira, sostida por catro ou seis piares de pedra ou obra a xeito de alpendre, mais tamén había lavadoiros abertos.

O antigo lavadoiro do Rañal na actualidade
     Alí xuntábanse as mulleres coas sabas, pantalóns e saias para fregar e refregar contra a pedra, dándolle duro ao cepillo e ao xabón que se fabricaba na casa con grasas e sosa. Mais un momentiño: no lavadoiro tamén había unhas normas...e pobre de quen non as cumprira! Cando eran mantas, lá dos colchóns ou verlos de lá das ovellas, había que ir aos regatos, moitas veces en burro ou cabalo e levando a comida. Nalgúns lavadoiros, as mulleres lavaban a roupa unhas fronte a outras. Noutros facíano de lado, caso no que había que botar a auga sobre a roupa coa man dereita  para así evitar botarse unhas a outras xabón e auga. Para sacarlle a carroña á roupa a lavandeira tíñase que situar na parte baixa por donde corría a auga. Despóis extendía as prendas a clarexar nos arredores. Posta a roupa ao sol, botábaselle auga para que fora amolecendo a suciedade. Logo dábaselle outro fregado, esta vez no centro do lavadoiro donde a auga estaba limpa, dándolle o toque final escorrindo e torcendo. Así quedaba preparada para secala, pendurada dun arame xa na casa ou dunhas ramallas na horta. Unha vez seca tiña lugar o planchado da roupa, tarefa reservada para a tarde dos sábados, cunha prancha de ferro macizo (de aí a expresión galega actual “pasar o ferro”). Máis tarde aparecerían ferros máis modernos, semellantes á caldeira dunha máquina do tren: facíase un braseiro metendo a borralla no interior do ferro, soplando por un furadiño para avivar o borrallo que o quentaba. Non todas as casas tiñan ferro entón botábase man de “pedir prestado”.
   
Así era a vida das nosas avoas
     Aínda que algunhas casas,  polas que transcorría próximo un río, podían contar cun propio, os lavadoiros de roupa  adoitaban ser lugares públicos e abofé que ben necesarios. Xunto coas fontes e os muíños, os lavadoiros eran os grandes lugares de convivencia e contacto social para as mulleres da época. O lavado da roupa foi unha tarefa dura que a miudo facían frente as mulleres máis novas da casa. A eles íase lavar a roupa, sí, e aínda que era un traballo duro facíaselle frente con certa ledicia pois, durante séculos, foron sitios de tertulia nos que se falaba de todo o humano. Os cotilleos nacían, reproducíanse e morrían alí. Si un quería enterarse se a Melucha do Touciñeiro andaba a facerlle as beiras o fillo da señora Mercedes, o lavadeiro era o lugar no que tiña que estar. Agora todo é máis doado. Botamos unha ollada ao Facebook do veciño para saber da súa vida ou os amigos do solteiro de turno colocan un cartaz na Avenida de Fisterra: "Pepiño e María cásanse", mais non é o mesmo: antes íase alí a lavar a roupa e tamén a FALAR...e hoxe ata parece que nos custa dar os bos días!

     Actualmente aínda hai xente que utiliza os lavadoiros para lavar alí as alfombras e outros obxetos igualmente aparatosos mais, a maior parte desos lugares emblemáticos e cheos de encanto, están abandonados ou medio esquecidos e só se conservan vivos na memoria das nosas avoas. Remato co testemuño dunha delas, a miña veciña do Rañal Carme do Bichelo, que durante toda a súa vida foi usuaria dun destes lavadoiros tradicionais que forman parte do noso patrimonio:
"Lavar ben a roupa non che era moco de pavo. Ademais dun traballo duro e delicado era unha auténtica arte xa que había que seguir un protocolo rigoroso que comezaba por separar a roupa branca da de cor. A roupa metíase peza a peza no lavadoiro. Empapábase, enxaboábase e fregábanse as manchas difíciles. Despois de enxaboada, a roupa amoreábase no lavadoiro para que fose amolecendo. Peza por peza mergullábase na auga e zapateábase contra o lavadoiro para deixala limpa e aclarada. Lavar a roupa branca era máis laborioso. Enxaboada e sen torcer, botábase ao clareo. Estendíase ao sol sobre o campo de herba e a luz eliminaba as manchas máis difíciles, recuperando a súa brancura. Aclarada e relucente, quedaba a tender nos toxos dos arredores"
Dorinda do Bichelo, Blandina do Coireiro, Lola de Abeleira e Carme do Bichelo no lavadoiro novo do Rañal nos anos 90 do século pasado


xoves, 2 de xuño de 2016

O ACCIDENTE DO EQUIPO DE FÚTBOL DE VILARRODÍS EN 1958

     A maioría d@s aficionad@s ao fútbol escoitamos, algunha que outra vez, falar do accidente de aviación do Manchester United acontecido o 6 de febreiro de 1958. O equipo británico regresaba a Inglaterra despois de disputar o partido de volta de cuartos de final da Copa de Europa en Belgrado ante o Estrela Vermella, enfrontamento do que saíra victorioso e que clasificaba aos ingleses para as semifinais da máxima competición continental. As cousas xa principiaran a ir mal no aeroporto de Belgrado pois o voo 609 da British European Airways, que os ía levar de volta ás Illas Británicas, tivera que retrasar a súa saída unha hora porque que un dos xogadores, Johnny Berry, perdera o pasaporte. O avión tiña previsto facer unha parada técnica en Munich para repostar combustible. Unha vez en Alemaña e cando se dispoñía a despegar da capital bávara cara o Reino Unido, o capitán fixo dous intentos de despegue e ao terceiro intento a aeronave fallou ao non gañar a altura adecuada, estrelándose contra uns terreos colindantes ao aeroporto, nunha casa na que non se atopaba ninguén. En total falecerían 23 persoas entre futbolistas, directivos, corpo técnico, xornalistas e tripulación. Da plantilla do United, sete futbolistas morreran no acto (Geoff Bent, Eddie Coleman ou Liam Whelan entre outros) e un máis, Duncan Edwards, falecería días despois a causa das feridas sufridas. O adestrador Matt Busby e os futbolistas Dennis Viollet, Jackie Blanchflowe e o lendario Bobby Charlton, figura sobre a que se reconstruiría o novo Manchester United, serían dos poucos superviventes daquel tráxico accidente aeronáutico.

      Se 1958 é o ano máis triste da historia dos “red davils”, tamén o é do Atlético Vilarrodís, o popular equipo de fútbol que chegaría a estar federado durante varias tempadas na década dos sesenta. Seis meses despois do sinistro do Manchester United, o domingo 10 de agosto, o equipo arteixán, que naquela hora aínda non estaba federado, tiña previsto disputar un partido amigable na vila de Rianxo. Facía unhas semanas que Brasil, integrado por xogadores de ensoño como Garrincha, Didí, Vavá, Zagalo ou un rapaz de 17 anos chamado Pelé, gañara o Mundial que se celebrara en Suecia, derrotando na final ao equipo anfitrión por 5-2.
 
El Ideal Gallego, 12 de agosto de 1958
      Coa idea de emular as filigranas dos astros “canarinhos” e dispostos a disfrutar dun día de festa, a expedición do Vilarrodís partía cara a Rianxo ás sete e media da mañán no ómnibus con matrícula de Lugo número 1.270, propiedade da empresa “Rápido de Armentón”, con 19 persoas, entre elas Armando Sanguino Mateos, de 20 anos; Juan Suárez Souto, 22; Emilio Súarez Mosquera, 25; Alfonso Riveiro Doldán, 22; Emilio Veira Vázquez, 24; Manuel Longueira Trigo, 25; Juan Suárez Mosquera, 20; Francisco Veira López; Luis Mareque Zas, 23; Luis Caneda Balado, 28; e José Mosquera Rodriguez, de 18 anos, que eran algúns dos xogadores que por aqueles tempos vestían habitualmente a camiseta do Vilarrodís. O “Rápido”, conducido polo fillo do propietario da empresa, Manuel Ferrín Cores, de 24 anos, circulaba normalmente e sen problema algún mais, sobre as nove da mañán, ao chegar a Tabeaio (Carral), debido a unhas manchas de aceite que había no asfalto, axudado co mal estado do firme, o coche empezaría a derrapar, indo de lado dunha cuneta a outra ata volcar nun pequeno terraplén, de pouco máis de dous metros de altura, dando media volta de campá e quedando coas rodas cara arriba. Poucos minutos despois do accidente presentábanse, no lugar do sinistro, numerosos veciños de Tabeaio acompañados dun médico e de varios membros da Garda Civil de Carral. Había, entre xogadores e o resto dos ocupantes do ómnibus, un total de 16 feridos a quenes, tras sacalos do interior do vehículo e despois de prestarlles os primeiros auxilios, conducirían nun camión e en varios coches ata A Coruña, donde ingresarían sobre as once da mañán no Sanatorio do Socorro.
 
La Voz de Galicia, 12 de agosto de 1958
      Aos poucos intres de ingresar no Hospital, Alfonso Riveiro Doldán, dado o seu estado de gravidade, sería trasladado ao seu domicilio de Vilarrodís, donde falecería pouco despois. Dérase a tráxica circunstancia de que ao ocurrir o accidente, o xoven Alfonso fora un dos primeiros en abandonar o ómnibus sinistrado e, cando lle prestaron os primeiros auxilios, manifestara que non tiña nada e que atenderan aos seus compañeiros. Minutos despois, debido a un derrame interior, o seu estado agravaríase, falecendo ás poucas horas. No “Rápido” tamén viaxaba o pai do mozo falecido, Manuel Riveiro Cedeira, de 55 anos, que resultara con fractura de varias costelas e outras graves contusións diversas. Pola tarde daquel terrible domingo 10 de agosto de 1958, xusto cando o equipo debería estar xogando o partido amigable en Rianxo, practicamente toda a veciñanza da aldea de Vilarrodís desfilaría polo Socorro para enterarse do estado dos feridos. Mais o tráxico suceso non remataría aquí xa que o luns, cando se conducía o cadáver de Alfonso Riveiro Doldán ata o cemiterio de Oseiro, estaría a piques de producirse unha verdadeira catástrofe: os que asistían ao enterro encontráronse cun camión que circulaba en dirección oposta. Ao parecer ao vehículo falláronlle os frenos, feito que sembraría o pánico entre as numerosas persoas que acompañaban ao finado. Afortunadamente o incidente só quedaría nun monumental susto e non habería que lamentar víctima algunha.
     
     A pesar da tristura daqueles feitos, a vida seguiría e a rapazada de Vilarrodís continuaría xogando ao fútbol na aldea, facendoo primeiramente  nun campo que había detrás do posteriormente famoso Bar Odett, establecemento que rexentaría anos máis tarde Finita “a Rubia”. Nese campo o Vilarrodís xogaría os seus primeiros partidos amigables cos equipos da zona, entre eles co outro equipo da parroquia, o Oseiro, que se constituira oficialmente a finais dos cincuenta e con quen disputaría apaixonantes derbis nos trofeos que naquela hora se xogaban nas festas parroquiais, derbis dos que xa vos falarei noutra ocasión.