venres, 16 de marzo de 2018

O POETA CUBANO ARTEIXÁN MANUEL ÁLVAREZ FUENTES

     O pasado venres 9 o músico, cantante e compositor galego Roi Casal, que fora integrante do mítico Milladoiro entre os anos 2000 e 2009, chegaba a Arteixo para presentar no Centro Cívico “Son galego, Son cubano”, o seu aclamado espectáculo co que pon música ás letras de Xosé Neira Vilas para amosar ao público os lazos de unión que existen entre o pobo galego e o pobo cubano. Como preámbulo ao concerto de Roi, o profesor Carlos Loureiro Rodríguez fixo unha marabillosa presentación do libro “Versos de amor, loita e compromiso” (Edicións Fervenza) da autoría de Manuel Álvarez Fuentes, un poeta cubano-arteixán ao que o Concello de Arteixo tivo a ben renderlle unha homenaxe moi especial e sobre o cal falamos a continuación.
 
O poeta no 50 aniversario das forzas armadas revolucionarias
      Nado na Habana o 20 de novembro de 1939, o noso protagonista é fillo de Manuel Álvarez Iglesias, que era natural do lugar de Fortesende (Loureda, Arteixo) e Petrona Florinda Fuentes Vázquez, nada en Cienfuegos (Cuba) e filla doutro emigrante arteixá, Manuel Fuentes Sanmartín, que era natural da parroquia de Morás e que emigrara a Cuba cando a illa caribeña era aínda unha colonia de España. 
 
      Manuel Álvarez Iglesias, o pai do poeta, chegara como polisón nun barco ata a Habana fuxindo da guerra de Marrocos. Tiña 17 anos e non tardaría en renunciar á súa cidadanía española ao sentirse un cubano máis, aínda que iso si, ía ás actividades da “Sociedade Naturais de Ortigueira” e pagaba o hospital “A Benéfica” do Centro Galego onde morreu aos 80 anos, sendo soterrado no panteón de Naturais de Ortigueira, o máis grande do “Cemiterio Cristóbal Colón”, a necrópole habaneira. Manuel, que sempre falaba de súa nai, dos seus irmáns e da beleza da súa terra galega e da súa aldeíña de Fortesende, estudaría xa vello, coa chegada da Revolución coa que sempre simpatizaría, unha Revolución que alfabetizaría a máis de un millón de cubanos. 

Manuel Álvarez Iglesias, o pai do poeta
      O seu fillo Manuel, o poeta homenaxeado o pasado día 9, realizaría o ensino primario en escolas católicas nos seus graos inferiores para posteriormente ingresar en “Los Maristas”. Mais, con doce anos, tense que pór a traballar na casa dunha tía en Cienfuegos, aínda que ao pouco a familia determina que volte para La Habana e que continúe cos seus estudos. Nesta etapa da súa vida vai ver a realidade existente entre ricos e pobres, feito que daría pé a que xermolara nel a súa futura rebeldía. Nesa altura, por mor de non poder pagar en “Los Maristas”, Manuel terá que ir estudar ao colexio “La Empresa” e posteriormente á “Escuela Pública 87”. O ensino secundario faríao na “Escuela Primaria Superior Número 2”, onde terá o seu primeiro contacto coa música, que o levaría a compoñer himnos e cancións.
 
      No ano 1955 Manuel Álvarez Fuentes ingresaría na “Escuela Profesional de Comercio de La Habana”, onde realiza estudos de contabilidade ao mesmo tempo que se incorpora ás loitas estudantís primeiro e, tempo despois, ás revolucionarias. Será precisamente nese ano de 1955 cando escribe o seu primeiro poema, ao que titula ¿Mi amor?, que aparece no libro Eu teño dúas Patrias. Ao mesmo tempo que recitaba os seus versos de contido patriótico e revolucionario nas actividades estudantís, o poeta arteixán escribía os seus poemas para revistas estudantís como “ESPROCO” da Asociación de Alumnos da Escuela Profesional de Comercio e para “La Rosa Blanca”, que publicaba xunto con Pedro Ortiz Anaya, ademais de “La Erupción Volcánica”, revista satírica que el dirixía e na que atacaba á tiranía do dictador Fulgencio Batista.

Manuel en 1959 co exército rebelde
      O 24 de xullo de 1957 o noso protagonista declárase en folga de fame xunto a outros tres dirixentes estudantís do Movemento “26 de Julio” da propia escola (Pedro Ortíz Anaya, Guillermo Merino e Roberto Alonso Méndez), en solidariedade cos presos políticos do Castillo del Príncipe e pedindo a destitución do Supervisor Militar do Presidio de Isla de Pinos, Coronel Manuel Ugalde Carrillo, un suceso polo que o noso insigne veciño é detido e que recolle a prensa, a radio e a televisión da época. 
 
      A finais dese ano de 1957 funda con outros dous compañeiros a “Juventud socialista” na Escuela de Comercio, formando parte do buró estudantil da devandita organización xunto a Fulgencio Oroz (mártir asasinado pola tiranía de Batista) e participando no Frente Estudiantil Nacional. Tras a detención, asasinato e desaparición do seu compañeiro Fulgencio Oroz, Manuel Álvarez incorpórase ao Ejército Rebelde e, naqueles tempos de loita escribe a maioría dos poemas que aparecen no seu libro Eu teño dúas Patrias. 
 
      Tralo triunfo da Revolución cubana (1959), o escritor arteixán publica varios poemas na Revista “Verde Olivo” das Forzas Armadas Revolucionarias (Tabloide Ano II Nº. 23, 4 Xaneiro 1960, páxina 11, Poema ¡Qué vengan!, Revistas: Ano IV Nº. 8, 24 de Febreiro de 1963. “Febrero amaneció en Enero”, Ano IV Nº. 19, 12 de Maio de 1963. Poema: ¡La paloma voló!, Ano IV, Nº. 5,3 de febreiro de 1963. Poema: ¡De pié! , Ano VI, Nº. 3, 24 de Xaneiro de 1965. Poema: ¡Jesús!, Ano VI, Nº. 16, 25 de Abril de 1965. Poema: ¡El grito de la patria o muerte!) e en revistas xuvenís do Ministerio de Comercio Exterior de Cuba. Tamén publicaría poemas no “Heraldo Episcopal” da Igrexa Episcopal de Cuba.

      Manuel estudaría checo na Escola de Idiomas “John Reed” e inglés na “Escuela de Comercio Exterior da Habana”, onde tamén estudou Investigacións de Mercado e Comercio Exterior con diploma acreditado perante profesores da Universidade Carlos Marx de Budapest. En 1978 licénciase en Economía na Universidade da Habana.

Manuel na súa etapa na embaixada en Checoslovaquia
     Da súa actividade laboral hai que destacar que estivo asignado á Embaixada de Cuba en Checoslovaquia ocupando o cargo de Agregado Comercial e participou nas negociacións comerciais co devandito país como Secretario da delegación gobernamental cubana. En 1972 realizou unha investigación de mercado sobre as posibilidades do ron cubano en Canadá, auspiciada polo Centro de Comercio Internacional. Traballando como Xefe do Departamento de Información da Dirección de estatísticas da “Junta Central de Planificación” colaborou co Atlas de Cuba de 1978 sendo autor do “Mapa Económico General” xunto con Alfredo Yi Cernuda (páxinas 50-51) e de tres mapas demográficos xunto a Gabriel Ramírez Núñez e Raúl Carrillo Hidalgo (Páxinas 84-85-86-87). 
 
      Unha vez xubilado foi xefe de sistemas contables da consultoría da Asociación Nacional de Economistas de Cuba na Habana, con posteriores responsabilidades económicas na “Diócesis Nacional de la Iglesia Episcopal de Cuba” e profesor de Economía en institutos durante dous anos.
 
      No 2009 escribe o seu primeiro poema en lingua galega “Eu teño dúas Patrias”:

Eu teño dúas patrias:
Cuba,
a illa máis fermosa
que ollos humanos visen,
e Galiza,
a terra dos meus pais.

      A partir dese momento a súa produción poética en galego vai ser inxente con poemas de compromiso, cancións, de loita… publicando as seguintes obras -bilingües- tituladas Eu teño dúas patrias (2011), O canto da nosa Terra (2012), Con todos e para o ben de todos (2013) e, máis recentemente, Ó camarada Felipe e á mocidade cubana en homenaxe ao camarada de loita revolucionaria Fulgencio Oroz que fora asasinado no ano 1958 pola tiranía batistiana, obras de edicións persoais que están espalladas polo mundo cultural habaneiro así como tamén pola xeografía galega e que agora temos escolmados na obra “Versos de amor, loita e compromiso”. Manuel tamén ten editado un CD con música da súa autoría e con poemas galegos.

Imaxe do ano 2016 de Manuel Álvarez
      Serán moitos os seus recoñecementos, tanto por parte do goberno cubano (“Certificado de Fundador do Partido Comunista de Cuba”, “Medalla de Combatiente de la Lucha Clandestina durante la Guerra de Liberación Nacional”…) como do mundo da cultura, entre eles o artigo que o seu amigo “Balbino”, Xosé Neira Vilas, lle adicou nun artigo titulado “Poeta e Loitador” e publicado en El correo Gallego o 18 de agosto de 2013…”En Cuba sempre camiñan xuntos poesía e combate. Poetas eran Carlos Manuel de Céspedes e José Martí. E foi no máis acá Rubén Martínez Villena, e no noso tempo, Ernesto Che Guevara. Hoxe quero referirme a un poeta habaneiro de arestora: Manuel Álvarez Fuentes, fillo de galego e cubana; ama fondamente ao seu país e ao mesmo tempo séntese galego de segunda xeración…”

      Outros recoñecementos a nivel cultural foron o Premio do Concurso “Madre España, Madre Galicia” da “Sociedade Monterroso e Antas de Ulla”; o “Premio de Poesía do Obradoiro de Cultura Galega “Xosé Fontenla Leal”; o premio do “Concurso As miñas raíces galegas”, da Federación de Sociedades Galegas de Cuba, así como tamén o recoñecemento “Miguel de Cervantes y Saavedra” outorgado pola Federación de Sociedades Españolas de Cuba no ano 2014.

      Dous anos máis tarde, o 30 de xullo do 2016, Manuel recibiría un dos maiores recoñecementos que un escritor pode recibir en Cuba, o de pasar a pertencer á senlleira entidade que engloba a escritores e artistas cubanos, a UNEAC (Unión de Escritores e Artistas Cubanos), entidade creada a comezos dos anos sesenta polo seu admirado Nicolás Guillén. Naquel acto estaba presente o seu prezado amigo Carlos Loureiro Rodríguez, o profesor que o pasado venres 9 presentou no Centro Cívico de Arteixo o libro do noso protagonista“Versos de amor, loita e compromiso” (Edicións Fervenza). 
Carlos Loureiro, Roberto Ogando (presidente da Unión Ourensá da Habana) e Manuel Álvarez
     Na actualidade, camiño dos 80 anos e coa recente satisfacción de ser homenaxeado na terra de seu pai, Manuel Álvarez é un dos maiores activistas culturais na Habana, onde é coñecido como “O bardo da colectividade galega” grazas ás moitísimas actividades que está a desenvolver na capital cubana. Tamén, a parte de impartir cursos de Lingua e Literatura Galega no “Obradoiro de Lingua Galega Manuel Curros Enríquez” do Centro Unión Ourensá da Habana, o poeta arteixán formou recentemente na Habana un grupo de gaiteiros e escribiu dous himnos para dúas sociedades galegas con letras en galego, formando un coro para os cantar. E ademais, segue escribindo poemas de loita pola nosa lingua e cultura, e recítaos nas actividades das sociedades da emigración, poemas que edita en libros que difunde entre os fillos dos emigrantes aos que, mentres lles ensina a tecer versos en galego, non deixa de lembrarlles que... "son galego e son cubano. Eu teño dúas patrias".

FONTES:

-FUENTES ÁLVAREZ, MANUEL. Versos de amor, loita e compromiso. Edicións Fervenza, 2017.
-LOUREIRO RODRÍGUEZ, CARLOS E ALUMNOS DO IES MANUEL GARCÍA BARROS DE A ESTRADA. As Nosas Letras(https://sites.google.com/a/iesgarciabarros.org/literatura-galega-do-s/home/entrevistas-13-14/manuelalvarezfuentes)
-LOUREIRO RODRÍGUEZ, CARLOS. Manuel Álvarez Fuentes “O bardo da colectividade galega” da Habana.(www.noticieirogalego.com)


sábado, 10 de marzo de 2018

O DUELO A PISTOLA DE FAUSTINO PAZOS, ALCALDE DE ARTEIXO ENTRE 1903 E 1910

Portada do libro de Jorge E. Oviedo "Los duelos en Mendoza"
     Dous homes pegados de costas nun descampado. Cada un deles leva unha pistola na man. Unha serie de voces preacordadas: algo así como “alto, media volta e disparen” e, a continuación, 20 pasos en liña recta antes de detonar cada un deles a súa respectiva arma ¿Sóavos de algo a secuencia? De seguro que a tedes visto nalgunha longametraxe ambientada na segunda metade do século XIX. Fálovos, como podedes imaxinar, dos duelos a pistola, esos lances da honra, como dicían na época, nos que os “cabaleiros” amosaban valentía e fidalguía poñendo en xogo as súas vidas para defenderse dun insulto, desaire ou calquera outro tipo de ofensa cara a súa persoa ou cara algún membro da súa familia.

     Claro que, desa estirpe, non eran todos os mortais xa que os duelos só eran patrimonio dunha elite: militares, funcionarios, políticos, abogados, médicos... Así é que, pese a que sempre conviviu coa ilegalidade, o duelo era lexitimado desde as máis altas esferas do Exército, da Xustiza, do Goberno e ata contaba coa aprobación dos medios de comunicación, xa que moitos dos seus respectivos redactores practicábano en lugares selectos… uns medios de comunicación nos que se podían ver con bastante frecuencia seccións tituladas “Personal”, “Campo Neutral”, “Reparación” ou “Solicitada” que informaban sobre os duelos que naquela hora, principalmente a partir de 1860, se defendían con espada ou pistola por motivos de honra ou de amor.

Debuxo dun duelo a pistola realizado en 1899
   E así, ata os primeiros anos do século XX, a burguesía, a tradicional aristocracia e os militares continuarían coa súa práctica, respaldada sempre polos seus severos códigos de conducta e certo carácter de gardiáns da tradición.

      E como non podería ser doutro xeito, en Arteixo tamén habería algún que outro duelo, un deles protagonizado por un persoeiro que ten rúa adicada na capital do municipio. Falamos de Faustino Pazos, e a noticia do seu duelo aparecía publicada en varios xornais galegos e en algún americano, entre eles El Eco de Galicia: órgano de los gallegos residentes en las Repúblicas Sud-Americanas, onde no número 221, correspondente ao 10 de decembro de 1897, aparece a seguinte información:

      “Háblase de que va a efectuarse en Arteijo nada menos que un lance personal… a pistola y a 20 pasos.
Son los contendientes el ex-secretario de aquel ayuntamiento D. Faustino Pazos y su sucesor D. Eduardo Campos, y parece que el primero fué quien envió los padrinos al Sr. Campos.
Dícese también que éste no está muy decidido á que el duelo se verifique.
El lance lo suscita el haberse trabado de palabras ambos señores al terminar la celebración de un juicio de faltas contra el Sr. Pazos por insultos al Sr. Campos.
Quizá la sangre no llegue al río, y será preferible”.

      Non, afortunadamente a sangue non chegaría ao río e seis anos despois, o 14 de marzo de 1903, Faustino Pazos convertíase en alcalde de Arteixo, municipio naquela hora frecuentado pola crème de la crème da burguesía coruñesa que viña a pasar a época estival ao Balneario. Curiosamente, por aqueles días, estábase edificando o hotel do recinto termal, obra do arquitecto vasco Juan Ciórraga e Fernández de Labastida que fora construída entre os anos 1898 e 1911.

      Nado en Corcubión en 1850 e casado en primeiras nupcias con Salomé Pereira, nai dos seus tres fillos, e en segundas con Manuela Fernández, coa que non tería descendencia, segundo apunta Manuel Blanco no seu libro Alcaldes de Arteixo (1836-1998), Faustino Pazos chegara ao noso concello “en busca de prebendas por diversos sitios” e, entre outros, ocuparía os cargos de Notario Eclesiástico do Arciprestado de Faro, Xuíz Municipal, Concelleiro ou o de Secretario do Concello, cargo que ocuparía en diversas ocasións antes de converterse en alcalde en 1903. O noso protagonista, que ten rúa adicada na zona na que se atopa a actual “Droguería Sandra”, sería o primeiro mandatario arteixán durante sete anos, ocupando o posto ata o 30 de maio de 1910, data na que fora suspendido do seu cargo polo Gobernador Civil. 

Imaxe da rúa Faustino Pazos en Arteixo
      Pazos, que ao parecer non fora médico como erroneamente aparece na praca da rúa que ten adicada na capital do municipio, falecería a consecuencia dunha febre tifoidea aos 61 anos, tan só uns meses despois de ser suspendido como alcalde. O 14 de decembro o xornal El Eco de Galicia: diario católico e independiente publicaba o seguinte artigo necrolóxico:

     “Una dolorosa nueva nos sorprendió ayer amargamente. D. Faustino de Pazos Teijeira, alcalde prestigiosísimo que había sido del Ayuntamiento de Arteijo, falleció ayer en esta villa, víctima de una traidora tifoidea.
   D. Faustino de Pazos era una inteligencia clarísima, un carácter noble y sincero, un cumplido y correctísimo caballero. En el Ayuntamiento y en el Juzgado municipal de Arteijo, donde desempeñó los primeros cargos administrativos y judiciales, supo captarse el respeto y las simpatías del vecindario.        
     Como alcalde ó como secretario el Sr. Pazos pudo tener enemigos. Las luchas mezquinas de la política son inseparables de esta clase de tropiezos y contrariedades. Pero, como caballero y como particular, sólo pudo contar con amigos apasionados y cariñosos. Las plecaras dotes de inteligencia, de afabilidad, de desinterés, de ferviente entusiasmo por la prosperidad del distrito y por el bien de sus administrados, por todos reconocidas, granjeábanle una reputación legítima, acreedora, por cierto, á la general alabanza.
   La muerte del Sr. Pazos ha causado en Arteijo, donde fué la primera figura, donde lo fué todo, amargo y profundísimo sentimiento.
   A su atribulada familia, á la que nos unen lazos de estrecha amistad y en particular á su virtuosa y distinguida hermana D.ª Demetria y a nuestro buen amigo y respetable convecino D. Nicolás, hacemos presente la sincera participación que tomamos en su justa pena, á la par que suplicamos á nuestros lectores una oración por el inolvidable difunto, que contaba, desde antiguo, con el favor de todo nuestro leal afecto.

    A partir dos anos dez do século pasado, pouco despois da morte de Faustino Pazos, as costumes en torno aos duelos empezarían a cambiar considerablemente. O paulatino abandono do ideal cabaleiresco, daría paso á idea de contenda innecesaria e absurda, mantida ata aquel entón máis pola costume que polo interés real de baterse en duelo. E así, naquela hora, donde aparecía unha persoa necesitada de "reparación", xurdía tamén o apego á vida coa necesidade de restablecer a honra, mais iso si, sen estar disposto a sufrir un dano irreparable pola ofensa, converténdose en moitos casos a práctica nunha pantomima donde a menor rabuñadura xa xustificaba o fin do duelo... duelos a pistola ou a espada que a partir dos anos vinte xa soamente terían protagonismo en algunha que outra longametraxe e que hoxe quixemos lembrar nesta bitácora a raíz das informacións que atopamos na hemeroteca sobre o duelo acontecido en decembro de 1897 entre Faustino Pazos, ex-secretario do municipio naquela hora, e o seu sucesor no cargo, Eduardo Campos.

sábado, 3 de marzo de 2018

O NAUFRAXIO EN SUEVOS DO VAPOR ALEMÁN "TRIER" NO VERÁN DE 1902

      Nas rúas do barrio coruñés de Santa Lucía rumorexábase, nas primeiras horas da tarde do domingo, 6 de xullo de 1902, que un vapor alemán que se dirixía cara a América embarrancara perto da praia de Bens. Eran as primeiras novas do sinistro do "Trier", novas que pasaran case inadvertidas na cidade herculina por ser día festivo.

     Ao mando do capitán M.A.Gohrke, o "Trier" zarpara de Bremen (cidade na que estaba matriculado) para facer singradura cara á Habana e Veracruz con 54 tripulantes e tres pasaxeiros: dous de terceira clase, Paulo Fendius, reloxeiro brasileiro que se dirixía a Keywest (Cuba) e Oscar Peine, xastre de Berlín que viaxaba á Habana, e un de primeira, a alemá Elda Cooper que ía casar na Habana. Antes de atravesar o Atlántico, o vapor alemán tiña que facer escala no porto belga de Antuerpe, de onde sairía ás catro da tarde do xoves 3 de xullo e, no da Coruña, onde tiña previsto recoller seis pasaxeiros e vinte toneladas de carga, consistente na súa maioría en patacas e conservas. No cargamento que xa transportaba da Alemaña, predominaba unha gran parte de sacos de cemento e de arroz, e outra de paquetes de papel secante ou para embrullar, mais tamén levaba vaixelas de porcelana e de prata, caixas de espellos, máquinas de coser, navallas de barbear, mobiliario, mantas, viño, unha máquina trilladora que ía para Tampico (México), latas de comida en conserva, cortizas, latas de pintura e queixos.

     O "Trier" fora construído en 1898 en Bremen, e tiña casco de ferro con fondo duplo e compartimentos estancos. O seu deslocamento bruto era de 3.168 toneladas, contando con 2.517 de rexistro. Tiña unhas dimensións de 308 pés de popa a proa, 42 de manga e 50 de puntal e, un calado de 24 pés. O vapor alemán pertencía á Nordeutscher Lloyd, que nesa altura rivalizaba coas máis poderosas compañías navais do mundo e, fora deseñado do mesmo xeito que o "Mark", o "Norderney" e que o "Wittekind", tendo tamén a mesma potencia (1.500 cabalos) que os seus tres "irmáns". Nun primeiro momento, a Lloyd destinouno a facer a liña da Alemaña para o Brasil, mais en novembro de 1901, a compañía establece servizo de vapores á Habana e Veracruz e destina o "Trier" a esta nova ruta.

     O luns 7 de xullo, xa coa normalidade semanal, confirmábanse os rumores que se escoitaran en Santa Lucía polo que logo se estendería a nova no resto da cidade, aínda que inicialmente non se sabía concretizar o punto exacto do sinistro..."detrás do Monte de San Pedro", dicían moitos. O barco alemán embarrancara no illote da Gaianda, lugar que nas cartas e planos da época aparecía como Cabo Lagosteira, mais que os mariñeiros chamábanlle Os picos de Nostián.

Imaxe do vapor Trier embarrancado na Gaianda
     O accidente fora un erro do capitán Gohrke xa que, por causa da espesa brétema existente, confundiu o Monte de San Pedro co Cabo Prior, montes que teñen un declive moi semellante cara o mar e con néboa é doado confundilos e, deste xeito, o "Trier" embateu coas rochas da Gaianda provocando un grande estourido.

    Aos poucos, irían aparecendo os veciños e veciñas da contorna, unha veciñanza que se achegaría ao lugar do sinistro ateigados, uns con eixadas, paus e ganchos, e outros con espingardas. Concepción Conchado, unha das testemuñas do accidente, sinalaba o navío persignándose..."eu estaba traballando na leira e vin vir o vapor cara á Gaianda. Fíxenme cruces. Arrenegado sexa o demo!. Mais veñen todos bébedos porque só así se explica!. A néboa abofé que era cerrada, mais ben se vían as rochas, e ademais este nen é rumbo nen é nada!. Sentín un tumbo moi grande. Miña Señora!. Botei a correr, e cando xa ía lonxe sentín como o demo este bruaba, bruaba..." Enrique Bello, outra das testemuñas e viciño de Borroa, levou o susto da súa vida. Estaba pescando na zona do Carruncho e a néboa impedíalle ver o horizonte. Entretido na pesca, levantou de repente a cabeza e asustouse ao ver defronte, rasgando a néboa, que avanzaba algunha cousa grande, negra, monstruosa. Ergueuse, esfregou os ollos e viu como sobre el, e a bastante velocidade, ía precipitarse "aquilo" que lle parecía inmenso, fantástico… Apañou a cana e o cesto de vime e comezou a correr, e cando se ía afastando, voltando atrás temeroso a cabeza, sentiu un estrondo como o dun cañonazo. O "Trier" acababa de encallar, batendo nas rochas do illote da Gaianda.

     As primeiras forzas en presentarse no lugar foron as do posto de carabineiros de Pastoriza, mandadas polo carabineiro de primeira José Martínez. Axiña chegarían máis autoridades da Coruña, entre elas o cónsul da Alemaña na cidade, Meyer, consignatario de todos os barcos da Nordeutscher Lloyd, e o seu representante Alberto Senz (que era cuñado de Meyer) e, de seguida, envían telegramas para trataren de conseguir o remolcador "Anita" e un vapor para o transbordo da carga. Gehrke confesa o seu erro ao cónsul e non tenta xustificarse. Está abatido, mais mesmo así, confiaba na marea chea e no auxilio do remolcador para saír de Suevos, cando fose alixeirada a tonelaxe do barco. A bordo, dispuxo que continuase a vida ordinaria para os pasaxeiros, xa que ningún deles quixo saltar a terra, aínda que se lles ofreceu, agardando que o "Trier" pudese continuar viaxe.


     Os auxilios requeridos polo cónsul acudirían en breve. Pouco antes do mediodía do luns, os vapores "Victoria" e "María Pita" chegaban á Gaianda remolcando dúas gabarras para a descarga da mercadoría do "Trier" e, nese mesmo día, xa transbordan 80 toneladas de carbón e de arroz que almacenan nun local próximo á fábrica de mistos Zaragüeta e noutro local na rúa Teresa Herrera. As negociacións cos propietarios do remolcador "Anita" non frutificarían mais, o martes 8, chégase a un acordo co vapor "Comercio", que recibiría 15.000 pesetas se conseguía salvar ao "Trier" e só a metade se fracasaba, finalizando o contrato ás seis da tarde.

Fábrica de mistos Zaragüeta

     No alto dos Picos de Nostián, ao longo dos carreiros do Regueiro, sobre a furna da Agudela e nas rochas próximas ao barco alemán, formigaba o persoal que chegaba das parroquias de Arteixo e da Coruña para ver o salvamento. A curiosidade vence toda prudencia e, mulleres e homes, descenden polas rochas até que lles salpica a espuma do mar. Comeza o remolque. Son momentos de moita ansiedade. A máquina do "Comercio" traballa a toda presión e o cabo metálico ponse tirante, ríxido...apreciándose a sacudida que imprime. Todo parece ir ben. De súpeto, o "Trier" érguese por fin. Xa non é o barco escorado que se vía momentos antes. A bordo, os tripulantes andan dun lado para outro executando ordes. As xentes dos Picos de Nostián lanzan berros de xúbilo entusiasmados, axitando sombreiros e panos. Mais subitamente, a violencia das ondas levan a popa cara a costa, cara un lugar moito máis baixo e quebrado. Toca a sirena do barco alemán e o capitán do "Comercio" dáse conta que é imposíbel continuar o remolque naquela dirección porque, se o fixesen, o "Trier" embatería contra as rochas. Cumpría remontarse máis para o norte, mais o temón do "Comercio" xa non podía virar máis nese sentido. O cabo do remolque perde a tensión e a seguir, enrédase nas hélices do navío alemán, escorando novamente. Sen dúbida tiña avanzado uns metros, mais ficara peor do que estaba: antes da maniobra descrita estaba a cen metros da terra pola popa e agora estaba moito máis perto. Faise unha nova tentativa para o remolque do vapor sinistrado, esta vez para o norte, polo que o "Comercio" muda de situación e achégase canto pode á Corveira. Durante tres cuartos de hora o remolcador traballa incesantemente, mais conforme pasa o tempo, íase perdendo toda esperanza de retirar o "Trier" daquel lugar. A néboa era tan compacta que a costa e o horizonte desaparecerían da vista das testemuñas do sinistro. Chegase ás seis da tarde e o contrato do "Comercio" expira. O capitán Abellá mandar arriar o cabo. A empresa do remolcador gaña 7.500 pesetas e non é posíbel facer máis para conseguir o total da cantidade estipulada.

     O mércores 9 téntase outro salvamento. Nesta ocasión é o vapor "Hércules", co capitán Manuel Romero ao mando, o que acude a Suevos. Estaba previsto principiar o remolque a partir das cinco da tarde, hora na que comezaba a subir a marea. Mentres tanto, continuábase alixeirando o "Trier". As gabarras proseguían co transporte de parte das mercadorías para Coruña e, outra parte da carga comézase a lanzar ao mar. Tíranse grandes caixas cheas de queixos, barricas dun metro de diámetro que contiñan quinquillaría e xoguetaría, e tamén infinidade de sacos de fariña. As xentes que curioseaban desde as primeiras horas do sinistro, facían todo o posíbel por apañar algunha destas mercadorías que a tripulación do "Trier" lanzaba a auga mais, incomprensiblemente, os carabineiros o impedían efectuando disparos para o ar. Principia o remolque, ao que finalmente se unen dous vapores máis, o "Victoria" e o "Anita" e tamén, o "María Pita" que, amarrado cun cabo á proa do "Hércules", servía de guía tirando deste e dándolle rumbo. O tirón simultáneo dos tres barcos é poderoso, porén o "Trier" non avanza. O "Hércules" fai desesperados esforzos. El só imprime máis forza que os demais vapores xuntos, mais todo é inutil. Chega o momento da marea chea e polo tanto a ocasión para o esforzo decisivo. Non obstante, a hélice do barco alemán deixa de funcionar e, definitivamente, non sae das rochas da Gaianda. Tiña asolagadas as adegas 2 e 3. As bombas de a bordo traballan incesantemente para achicar a auga, mais a tarefa non é doada. Tíranse máis mercadorías para o mar, entre elas a máquina trilladora que ía para Tampico, e outros moitos obxectos. Os pasaxeiros, intuíndo o futuro do barco, por fin se deciden a abandonar o "Trier" e soben a bordo do "Hércules", que os achega até A Coruña, onde a casa consignataria do cónsul Meyer encárgase do seu aloxamento.

     
Praia de Bens antes da construcción da Refinería de Meicende
O vapor alemán, tal como estaba, non necesitaba que se lle dese remolque. Cumpría dispor dun salvamento propiamente dito, traendo potentes bombas, cubrindo os furados do fondo, etc. E para iso telegrafíase ao vapor "Newa", que nese momento se encontraba en Xibraltar. Continuaban chegando infinidade de persoas até o lugar do sinistro, tanto por terra canto por mar para ver o barco e, moitas delas, burlando a vixilancia dos carabineiros, apoderábanse do que o fluxo das ondas deixaba nas praias de Bens e na de Suevos. Queixos, lentes, sombriñas, garrafas de viño, numerosísimas latas de comida en conserva e navallas de barbear xa se vendían polo camiño antes de entrar na Coruña e na Baiuca. O queixo, que era o artigo que tiña máis compradores, vendíase a 2,50 pesetas cada un. A pillaxe e o roubo estaban, nesas horas, á orde do día a pesar dos esforzos das autoridades que se viron novamente na obriga de efectuar tiros para o ar, coa finalidade de amedrontar os raqueiros e obrigalos a fuxir. No entanto, o roubo continuaba...

     Por mar, arredor do "Trier", navegaban numerosas embarcacións cheas de persoas que agardaban a ocasión para botarlle a man a canto pudesen. Este feito provocaría que o día 11 de xullo de 1902 foran detidas dúas embarcacións carregadas con numerosos obxectos do barco alemán: a "San José", con matrícula da Coruña e patroneada polo mariñeiro Francisco Pichel (a) "Ollo vivo", e a lancha "Manuel", con matrícula de Santa Cruz. Outra das embarcacións que rondaba perto do "Trier" era a "San Francisco", con matrícula de Caión, patroneada por José Freire Otuño e tripulada polos mariñeiros Evaristo Lareo, Ramón Muíños, Cristóbal Ventureira, José Antonio Vazquez e Basilio Freire, a cal tamén tería problemas coas autoridades, xa que despois de desobedecer a orde de atraque dos carabineiros, estes vense na obriga de efectuar fogo para o ar, co obxectivo de intimidalos. O cabo Manuel Vázquez repetiulles a orde de atraque, mais obtería o mesmo resultado. "Facédeos desembarcar de calquer xeito", ordénalle o cabo aos seus carabineiros. Un deles, José Noya, que estaba moi perto da "San Francisco", dispara un tiro acima da embarcación caionesa para unha nova intimidación, mais estes fan caso omiso. As intimidacións continuaron de palabra e como a teimosía dos de Caión era grande, Noya disparou de novo, ferindo daquela aos mariñeiros José Antonio Vazquez e o rapaz Basilio Freire (unha bala atravesou a perna dereita sobre o xoello de Vázquez, con orificio de saída baixo a rótula, tocando no ombro dereito a Basilio). Foi entón, cando os mariñeiros de Caión atracaron para posteriormente varios homes do barco deixaran a Vázquez, que manaba abundante sangue pola ferida, sobre unhas rochas, á espera dos auxilios do médico do "Trier". Os carabineiros incautaron o que había na embarcación e levárono para un almacén provisional que formaran na praia de Bens, onde gardaban o resto dos obxectos que lles apresaran aos raqueiros e outros que o mar tiña pousado nos areais e nas rochas.

    O que estaba a acontecer en Suevos era unha cousa insólita. Por un lado, as autoridades tentaban impedir que a xente se apoderase da carga do navío, para evitaren desa maneira o contrabando e, por outro, a tripulación do "Trier", despois de subir as mercadorías á cuberta, tirábanas indistintamente ás gabarras ou ao mar. Había pouca preocupación por parte dos mariñeiros alemáns da sorte que pudese correr todo. Apreciábase unha enorme falta de dirección e a confusión era notáble. Visto isto, era comprensible que a xente de terra non tivese reparo en recoller o que a tripulación do vapor alemán trataba con tan pouca consideración.

    O domingo,13 de xullo, chega de Xibraltar o remolcador inglés "Newa" (hai que sinalar que a tripulación do "Newa" organizaría dous anos máis tarde, o o 12 de marzo de 1904, un dos primeiros partidos de fútbol xogados na Coruña. O encontro disputaríase, segundo conta Fernando Patricio Cortizo en "Historia da costa galega e os seus naufraxios", na antiga praza de touros da urbe herculina e o rival era o Football Club Coruña, que en 1906 convertiríase no R.C. Deportivo) cuxo capitán, logo de comparecer no lugar do sinistro, sube a bordo para enterarse en primeira persoa das condicións nas que se atopaba o "Trier", que continuaba escorado de estribor. As potentes bombas do "Newa" comezan a achicar a auga que tiña o barco alemán nos compartimentos estanco, e dous mergulladores do remolcador descenden varias veces para ver o xeito de tapar provisionalmente os furados que as rochas abriran no casco. O alixo da carga continuaba como nos días anteriores: 205 obreiros ocupábanse de cargar nas gabarras as mercadorías que despois transportaban até os armacéns da rúa Teresa Herrera e no que había próximo á fábrica de mistos de Zaragüeta.

Illotes da Gaianda e, na dereita, a Furna do Triel. O nome do vapor ficou na toponimia local


    O xoves 17 téntase por fin, aproveitando a marea chea das dúas da tarde, colocar o "Trier" en condicións de saír do lugar no que se achaba. O vapor, facendo funcionar a súa máquina e auxiliada polo "Newa", voltaría a recobrar en parte a súa primitiva posición, mais de maneira incompleta. Coa achicadura das bombas, a auga diminuiría considerablemente e a carga xa se extraera por completo. No entanto, o navío, se ben aboiaba, non o facía tanto como se agardaba. O capitán do "Newa", decatándose de que só co seu barco o "Trier" non sairía da Gaianda, requere á súa armadora outro barco, decidindo a compañía enviar o "Herakles", un remolcador de maior potencia que o "Newa e que contaba, alén diso, con aparellos para este tipo de traballos. Mesmo así, o "Newa" fai outra tentativa de remolque na madrugada do sábado. Ás tres e cuarto, hora na que a marea tiña chegado á súa máxima altura, comezaron a funcionar as bombas e o remolcador deu avante, fixo virar a hélice, os cabos cos que se daba o remolque puxéronse en tensión e o "Trier" principiou a avanzar lentamente. O percorrido acadado non sería longo (oito ou nove pés), mais a manobra faría renacer en todos a confianza en que o vapor alemán sería posto a salvo coa axuda do "Herakles".

    Neste mesmo día, facía escala no porto da Coruña o vapor "Alfonso XIII", da Transatlántica española, e sae rumbo á Habana coa pasaxeira Elda Cooper (que viña no "Trier" en primeira clase).

    O "Herakles" chega á cidade herculina pouco antes das sete da tarde, no domingo, e ás dez da noite, aproveitando que o ceo estaba limpo e a noite bastante clara, diríxese cara a Suevos mais, o mal estado do mar e o forte vento do nordés, imposibilitarían toda clase de preparativos durante uns días.

     O mércores, 23 de xullo, por fin se leva a cabo o tan ansiado remolque, que desde había xa bastante tempo, se tentaba dar ao "Trier". O vento calmara e ás catro e media da tarde, aproveitando a marea viva, comezan os traballos. Había que conseguir que o buque flotase para facelo saír das rochas que o aprisionaban pola parte central. Principiouse por facer funcionar as bombas de achicadura, suxeitáronse as amarras das vitas da popa ás da popa do "Newa", mentres que nas vitas de proa se amarraron algúns cabos que lanzara o "Herakles", pretendendo conter o "Trier" na dirección do canal e impedir que fora empurrado polo mar cara a terra. Fíxose funcionar, ademais, a máquina do vapor alemán para dar maior impulso e facelo saír da "cama" que lle formaran as rochas. Todo sería inútil: o "Trier" non se movería nen un metro, polo que as esperanzas de que saíra da Gaianda, comezaban a fraquear. Non obstante, os capitáns do "Newa" e do "Herakles", así como o resto dos oficiais, non desesperan e pensan na opción de dinamitar as rochas que detiñan ao barco. O peor era que cumpría agardar á lúa nova para que as mareas subisen abondo.

    En vista de que os esforzos realizados non deron resultados positivos, acórdase que 35 dos 57 tripulantes do barco alemán regresen a Bremen e para isto telegráfase a Vigo co obxecto de que se envíe á Coruña o vapor "Pfalz", que regresaba de Buenos Aires con pasaxeiros para Galiza e Alemaña.

Imaxe da Furna do Triel

    Case un mes despois da última tentativa, o martes 19 de agosto, téntase un novo remolque. Había uns días que tiñan organizado os preparativos para levalo a cabo, decidindo colocar o barco na súa primitiva posición, xa que os técnicos consideraban que o lugar no que quedara, despois dos remolques anteriores, era moi perigoso. Pretendían tamén, colocalo de tal maneira que os mergulladores pudesen recoñecer a quilla e tapar os furados que había. Principiaba o enésimo remolque. O "Newa" e o "Herakles" traballaban con fé. As bombas funcionan durante bastante tempo, até que conseguen despexar toda a auga que contiña o barco, e así deixalo aboiando. Xa a seguir, os remolcadores dan varios puxóns e por fin o "Trier", despois de cabacear durante un anaco, avanzou lentamente uns 15 metros. Trataron entón de obrigarlle a marchar de lado, mais infelizmente, o casco volta a bater nun baixo, o que provocaría a suspensión do remolque. Uns momentos despois, os mergulladores examinan a nova situación do barco e, após as oportunas comprobacións, chégase á conclusión de que o "Trier" non sairía de entre as Gaiandas máis que en anacos. As persoas que coñecían perfectamente esta parte do Atlántico viñan predecindo tempo atrás o que finalmente tiña que acontecer. A marusía dos últimos días de agosto de 1902 causaría tais destrozos no "Trier" que lle fendería totalmente a parte plana da quilla. O vapor alemán estaba alagado por completo e a auga xa cubría a máquina. Neste estado, era imposible o salvamento. A triste nova da perda total do barco seríalle comunicada o 31 de agosto á dirección da Lloyd en Bremen, decidindo a compañía vendelo en poxa.

    O xoves, 4 de setembro, o capitán Gehrke e o primeiro oficial A.M. Loewe saen para Alemaña no tren-correo acompañados do inspector que a Lloyd enviara a Suevos. O resto da tripulación, uns 23 mariñeiros, excepto o cociñeiro (que era galego), partirían para Bremen o martes 9 no vapor "Wittemberg", que procedía de Lisboa. O cociñeiro José Canosa, despois de pasar uns días coa súa familia, embarcaría días máis tarde no "Schleswig".

    Ás doce da mañá do 9 de setembro de 1902, iniciaríase a poxa do "Trier" no Consulado alemán na Coruña, sendo o seu prezo de saída 25.000 pesetas. Había 49 persoas presentes, moitas delas axentes de negocios de Bilbo, Cádiz e Vigo. Após unha hora de poxa, adxudicábase o navío, como mellor postor, a José Teijeiro, veciño de Santa Marta de Ortigueira, polo valor de 110.500 pesetas.