El Progreso, 16 de abril de 1913:
luns, 2 de decembro de 2019
martes, 5 de novembro de 2019
A "PARRILLADA CABANAS" DE LARÍN
Redes
sociais, críticas gastronómicas, comentarios en TripAdvisor, apps
especializadas… cada
vez dispoñemos de máis recursos para acertar nas nosas apostas á
hora de comer mais, ao modesto entender de
quen escribe, o mellor
segue a ser deixarse levar polo boca a boca da xente local ou polos
consellos de familiares e amigos que estiveron antes que nós no
destino vacacional que temos en mente. No caso de Arteixo,
contamos cun bo número de negocios hostaleiros recomendables nos que
podedes saborear as mellores exquisiteces culinarias da bisbarra,
negocios sobre os que prometo falar máis polo miúdo algún día xa
que hoxe o protagonismo é para a Parrillada Cabanas que, con máis
de tres décadas de historia, ten máis que merecido o pequeno
homenaxe que lle facemos a continuación.
Situada
no lugar do Anide,
na parroquia de Larín, ao
carón da estrada AC-552 e fronte as instalacións do Centro Hípico
Casas Novas, a Parrillada
Cabanas abría as súas
portas o 12 de setembro de 1987, pouco despois de que os seus
propietarios, Ramón Cabanas Grela
e Carmen Riveiro Golán,
puxeran punto e final á súa estadía en Suíza,
a onde emigraran, como tantos outros miles de galegos e galegas,
nos primeiros anos da década dos setenta.
Ramón,
natural do Val de Barcia de Carral, e Carmen, veciña do lugar de
Santa Locaia, na parroquia arteixá de Loureda, coñecéranse
en Soandres na romaría de Santa Marta e ennoivaron pouco antes de
que ela emigrara, en 1971, ao cantón helvétivo de Xenebra para
traballar de gobernanta nun hotel.
Dous
anos máis tarde, no 73,
Ramón e Carmen casan e, logo de darse o “si quero”, fan a maleta
da emigración para gañarse a vida en
Xenebra, onde ela seguiría facendo uns pesiños como gobernanta de
varias casas e hoteis e el traballaría de cociñeiro.
Ramón xa tiña alí
familia: un irmán e a seu padriño. Precisamente un neto
deste, Ricardo Cabanas, andando no tempo convertiríase en futbolista
profesional e disputaría con Suíza o Mundial do 2006 celebrado en
Alemania.
No
74, un ano despois de casar, Ramón e Carmen serían pais do seu
primeiro fillo, de Alfredo, un meniño que quedaría a cargo dos seus
avós maternos de Santa Locaia mentres que a parella de emigrantes
seguía traballando no país helvético.
![]() |
| Alfredo e Cristina, os dous fillos de Ramón e Carmen, diante da parrillada (Cristina Cabanas) |
En
1977 nacía
en Xenebra Cristina, a segunda filla do matrimonio, que tamén
quedaría baixo a custodia
de seus avos maternos de Santa Locaia ata 1986, que foi cando Ramón
e Carmen viñeron
definitivamente de Suíza e investiron os seus aforros
comprando no lugar do Anide os terreos nos que non tardarían en
edificar o seu novo domicilio, edificio no que o 12 de setembro do
ano seguinte abrirían a parrillada da que estamos a falar.
Carmen
contounos recentemente que… “eliximos Larín porque a min
sempre me gustou moito esa zona. Eu non tiña carné de conducir, nin
coche. O Anide tiña boa comunicación. Para min era unha situación
cómoda. Era unha carretera que tiña bus cada pouco tempo e por iso
me gustaba a zona".
O
don de xentes de Ramón e Carmen, sumado á boa relación
calidade-prezo das súas carnes e peixes á grella, farían que desde
o día da inauguración o negocio fora vento en popa. O 60 25 03, o
número de teléfono da Cabanas, (actualmente é o 981 606687) botaba
fume a diario…
clientes
do Polígono de Sabón, representantes comerciais, turistas,
parellas, festas familiares, ceas de amigos...
-Ramón: quería reservar unha mesa para o sábado...
-Carmen:
quería facer a comuñón da nena para
tal día… -Ramón: pensamos en facer a cea de fin de tempada do equipo cando remate a liga...
Todo
ía a pedir de boca, e nunca mellor dito, ata 1998, que foi o ano no
que faleceu Ramón. Mais, como di a canción, a vida continúa e a
Carmen non lle quedou outra que tirar cara adiante!
Sería
aí, nesa altura, cando Cristina,
a filla máis
nova do matrimonio,
iría
collendo pouco a pouco as
rendas da
Parrillada Cabanas,
negocio ao
que lle foi dando dende aquel entón o seu toque persoal cun aire
renovado. E así, Cristina sería quen de converter o negocio no
local que é hoxe, nun dos mellores sitios da contorna en relación
calidade-prezo, local que é verdadeira referencia na bisbarra e
que ofrece un menú do día moi variado, cun churrasco de auténtico
vicio e, entre
outras especialidades da casa,
uns chipiróns e un bacallau que saben a gloria bendita!
Iso si, aviso aos comensais: se queredes xantar na Parrillada Cabanas, especialmente o fin de semana, ide con tempo, xa que o local está sempre ateigado de xente… por algo será!
martes, 29 de outubro de 2019
A RELACIÓN DO BALNEARIO DE ARTEIXO CO R.C.DEPORTIVO DA CORUÑA
Se
viaxamos na máquina do tempo e nos remontamos a tal día como hoxe 75
anos atrás, na Coruña, o capelán Ricardo Rodríguez Dopazo bendecía o
novo estadio de Riazor antes de disputarse o partido inaugural
Deportivo-Valencia, enfrontamento que remataría con derrota local por
2-3. De seguro que, naquel 29 de outubro de 1944, ningún dos seareiros
deportivistas pensaba que Riazor sería, co andar do tempo, testemuña dos
anos máis felices dos herculinos converténdose no SuperDépor e no
EuroDépor da Champións, tempos felices que oxalá volten algún día!
Mentres
agardamos a que cheguen eses tempos, hoxe, coincidindo con este
75 aniversario de Riazor, nesta
modesta bitácora queremos lembrar a relación que o Balneario de
Arteixo tivo co R.C.Deportivo e, dalgún xeito, co propio estadio
coruñés.
Para
falar desta relación temos que facer unha nova viaxe no tempo, neste
caso ata os duros anos da Guerra Civil. Naquela hora, o fútbol
vivía un dilatado período de descanso forzoso. Na Coruña, as
actividades do R.C Deportivo reducíanse na maioría das ocasións a
organizar partidos benéficos en pro do auxilio social, Cruz
Vermella, hospitais, etc., mais con todo, e pese ás dificultades
propias de aquelas circunstancias, na tempada 1936/37 disputaríase
con todas as garantías dunha organización federativa o Campionato
Galego, en parte porque a totalidade da xeografía galega pasara de
contado ás mans dos fascistas.
Coa
Guerra no seu período máis enconado, como era lóxico, o noso
balompé decaería transitoriamente tanto na Coruña como nas outras
cidades e vilas galegas mais aínda así, coa maior parte dos
xogadores deportivistas na fronte, o R.C Deportivo atendería os seus
compromisos contando, iso sí, tan só con xogadores veteranos e con
novos valores da canteira coruñesa.
Nun
destos compromisos do equipo herculino produciríase un dos feitos
máis destacados da historia do fútbol galego: o debut, o 13 de
marzo de 1938, dun gardameta de tan só 14 anos, que en aparencia era
incapaz de soportar un balonazo. Aquel cativo non era outro que
Juanito Acuña, ao que todo o mundo coñecía co alcume de Xanetas,
un rapaz que
catro anos despois de debutar na meta deportivista, pasaría a
ser un Acuña corpulento e consagrado pola súa internacionalidade.
Co tempo, Acuña convertiríase no mellor porteiro da posguerra
defendendo a portería do equipo herculino durante 17 tempadas.
A
finais de 1939, o 3 de decembro, daba comezo a primeira Liga trala
Guerra. O Deportivo quedara encadrado xunto co Avilés, Oriamendi de
Baracaldo, Salamanca, Racing de Ferrol, Valladolid, Sporting de Xixón
e Torrelavega no Grupo 1º da Segunda División, unha categoría que
variara ostensiblemente por mor do estado no que quedara España
despois da Guerra Civil e, tamén, pola economía da maioría dos
clubes. Foi por iso polo que se implantaría un sistema de 5 grupos,
previo a unha reestructuración que volvería á situación anterior. O
sistema establecía que os cinco líderes de cada grupo xogasen
unha liguilla final, na que o campión ascendería directamente e o
segundo xogaríase o ascenso nunha promoción cun equipo de Primeira
División.
Aquela competición pasaría á historia por ser, con 40
clubes, a de maior participación de equipos en Segunda División. O
Deportivo, tras gañar todos os partidos de Riazor, quedaría campión
do seu grupo empatado a 22 puntos co segundo clasificado, o Racing de
Ferrol, polo que se disputaría o ascenso cos outros catros
respectivos líderes no chamado Torneo de Campeones de Segunda:
Real Sociedad, Cádiz, Levante e Murcia.
A
raíz deste devandito Torneo de Campeones de Segunda, o clube
deportivista optaría por apartar do mundanal ruído da cidade aos
seus fútbolistas e decide concentralos no Balneario de Arteixo
ante o temor e sospeita de que algúns deles levara unha vida
pouco ordenada, como así describían os medios da época en abril de
1940:
“Es
realmente lamentable -nos decía anteayer un conspícuo deportivista-
que haya habido necesidad de adoptar con nuestros jugadores esa
medida de previsión que los pondrá a cubierto, en lo que resta de
temporada, de peligrosas tentaciones. Algunos no se cuidan como están
obligados a hacerlo, pero la vergüenza de la reclusión como remedio
para un estado de cosas que ya estaba haciéndose intolerable y
perjudicial para el mayor rendimiento del conjunto, recae un poco
sobre la mayoría de los que lo integran aunque los aficionados sepan
concretamente quienes llevaban una vida ordenada y quienes olvidaban
las obligaciones y sacrificios a que tiene que someterse un
deportista”. (La Voz de Galicia,
11 de abril de 1940)
Era
a primeira vez que o recinto termal arteixán tiña hóspedes
deportivos. Ata aquel entón, la creme de la creme da
sociedade herculina como as familias Miranda, Puga, Santos, Bescansa,
Cuevas y Salorio, Obanza ou Molina foran algúns dos seus afamadaos
clientes.
Segundo
as investigacións do doutor Pedro María Rubio, sábese que cara
mediados do século XIX a propiedade do Balneario era compartida por
cinco particulares. Un deles era o banqueiro madrileño Angel Henry,
que chegara a Arteixo en 1853 e que, segundo apunta Rubio, fora quen
de abrir no seu establecemento “un salón de sociedad
decentemente adornado, con periódicos, juegos permitidos y un
piano”, convertendo ás
instalacións termais no epicentro da vida social da vila do Bolaños.
Ademais, Henry arranxara o local para fonda, amoblando as
habitacións, e tamén amañara unha gran horta para dedicala a
xardíns e a paseos, unha horta que case cen anos despois, e
retomando de novo o mundo do fútbol, convertiríase no terreo de
xogo do Penouqueira, o mesmo campo onde o R.C.
Deportivo da Coruña realizaría, naquela primavera de 1940, as
sesións preparatorias co fin de acadar o ascenso á Primeira
División.
Nos
seus trinta e tantos anos de existencia que contaba naquela hora o
cadro herculino, xamais estivera nunha situación tan especial e
trascendental para o seu porvir como a vivida naqueles días. Era,
como dicimos, a primeira vez que os branquiazuis se concentraban no
hotel do Balneario, que abrira as súas portas excepcionalmente para
acoller ao equipo deportivista, polo que tamén era a primeira vez
que a rapazada de Arteixo poidera ver a algúns dos seus ídolos a
carón das súas casas. Durante aqueles días, segundo declaraba o
centrocampista Cela diante dos xornalistas, non habería lugar para o
aburrimento. Levantábanse ás oito para almorzar ás nove e, ás
dez, saían arreando a escalar os montes da Penouqueira ou de Subico
cando non ían de paseo ata os areais de Alba, no Rañal, ou o de
Barrañán, para voltar ao recinto termal a unha da tarde para
xantar. Logo sesta de un par de horas e a tarde adestramentos no
campo do Balneario ata as sete. A continuación pequenos paseos pola
vila, cea, uns minutos de faladoiro ou de xogos de naipes e ás dez
na cama. Ese sería o réxime levado a cabo durante as concentracións
realizadas en Arteixo con motivo deste Torneo de Campeones de
Segunda, un torneo no que finalmente o R.C. Deportivo ocuparía o
segundo lugar, empatado a puntos co Murcia e o Cádiz, posto inútil
a efectos de ascenso automático que lle correspondía xa que, nunha
cacicada da Federación, o Oviedo tiña reservado un posto na
Primeira. Mais o Deportivo, ao quedar segundo nesta liguilla,
gañárase o dereito a xogar a promoción onde o Celta de Vigo, 10º
en Primeira División, sería o seu rival. O partido contra o cadro
olívico tería lugar no estadio de Chamartín de Madrid o 15 de maio
de 1940 e os herculinos, cun once formado por Acuña; Novo, Pedrito;
Cela, Antoñito, Quintas; Couso, Guimeráns, Pintos, Chacho e Chao,
perderían por 1-0 aquel choque fratricida que, por certo, fora o
primeiro partido que radiaba o popular locutor Enrique Mariñas, con
quen toda Galicia estivera pendente apaixoadamente da súa
tranmisión radiofónica. O Deportivo seguía un ano máis en Segunda
.
Un
mes despois, o 9 de xuño, na
Coruña
xogábase a primeira xornada do primeiro campionato
federado da Liga da Capital que,
ante a numerosa demanda de novos clubes para entrar nel, non tardaría
en estructurarse en Primeira e Segunda División. Paralelamente, pola
zona de Oleiros, Culleredo e Cambre reanudaríase
o Campeonato
das Aldeas
que,
en novembro deste 1940, pasaría a chamarse Campeonato
das Mariñas.
Nestos dous torneos federados iríanse formando algúns dos xogadores
que, nalgúns casos, acabarían fichando en clubes da Serie A
Rexional, como o Brigantium de Betanzos ou o Bergantiños de
Carballo. Outros, os menos, acabarían nutrindo ao Fabril e ao
Juvenil e, previo paso por estos dous filiais do R.C. Deportivo,
varios deles darían o salto ao primeiro equipo herculino que, ao
remate da tempada 1940/41, logo de vencer nunha angustiosa promoción
ao Murcia, vería realizada a súa aspiración de formar parte da
elite do balompé estatal ao acadar, por primeira vez na súa
historia, o tan
ansiado ascenso á
Primeira División.
Durante
as tempadas 41/42, 42/43 e 43/44, nas que o equipo deportivista é
respectivamente 4º, 9º e 12º na máxima categoría do fútbol
español, a veciñanza de Arteixo non tería a sorte, como acontecera
en 1940, de ver aos futbolistas branquiazuis na súa vila pois, as
poucas concentracións que os herculinos realizaran fora da Coruña durante aquel período, faríanas en Pontedeume e en
Guitiriz.
Mais
o Deportivo voltaría a concentrarse de novo no Balneario arteixán
na tempada 1944/45 cando xoga, na derradeira semana de outubro de
1944, o partido da 6ª xornada da Liga contra o Valencia,
enfrontamento do que famos ao inicio desta crónica co que se
inauguraría o novo estadio de Riazor, que se empezara a construir ao
pouco de rematar a Guerra Civil.
Ata
daquela, tras os primeiros anos da praza de touros e do Corralón da
Gaiteira, o equipo deportivista xogara os seus partidos no vello
Riazor, inaugurado o 26 de maio de 1909 cun partido amigable contra o
Fortuna de Vigo. Naquel primeiro estadio, situado onde hoxe está o
colexio das Escravas, case a beira do mar, o Deportivo recibiría a
visita da selección de Uruguai (1924), eliminaría na Copa ao Real
Madrid (1932) e lograría o seu primeiro ascenso (1941), un recinto
no que collían 6.000 espectadores comodamente sentados e o dobre de
pé, e por riba, a amplitude dos terreos permitira que a actividade
non se limitase ao fútbol, polo que se fora convertendo no viveiro
das numerosas seccións que durante moito tempo tivera a entidade
deportivista. Ese vello Riazor acollería as evolucións dos Otero,
Ramón González, Chacho, Acuña e compañía durante trinta e cinco
anos ata que o novo Riazor, moi próximo ao anterior, abría as súas
portas con aquel partido de Liga Deportivo-Valencia principiando unha
nova era dentro do seno deportivista na que vería xogar sobre o seu
céspede, ata que se acometera a remodelación con motivo do
Mundial-82, á Orquesta Canaro da tempada 49/50 coa que os herculinos
quedarían subcampións de Liga, a Arsenio, Luis Suárez, Amancio,
Veloso…
![]() |
| Imaxe do estadio de Riazor pouco despois da súa inauguración en 1944 |
Con
motivo dese partido inaugural Deportivo-Valencia, o adestrador
deportivista daquela hora, Ramón Lafuente, decidira concentrar aos
seus pupilos no Balneario de Arteixo durante aquela derradeira semana
de outubro de 1944. Segundo as crónicas da época, nas que os
xornalistas herculinos empezaban a dar as súas queixas ante a
imposibilidade de comunicacarse telefonicamente co recinto termal,
as actividades dos futbolistas do Deportivo, a parte dos
adestramentos de rigor no campo do Balneario, foran principalmente
paseos alternos ata Barrañán e O Rañal e, nas horas de lecer,
lectura, mus e dominó. Tras
pasar toda a semana en Arteixo, o 29 de outubro chega o enfrontamento
co Valencia, o primeiro partido oficial do novo estadio, un recinto
que non estaba totalmente rematado, xa que aínda se ultimaba
a grada elevada sobre a preferencia, e que costara cinco millóns das
antigas pesetas. O promotor da obra fora o daquela alcalde da cidade
José Perez Ardá, que seguira os consellos de Ramón de Llano,
persoeiro que todos os días que saía do vello campo, miraba para o
fondal que estaba en fronte e pensaba: “Qué gran estadio se
podería construir aquí”.
Aquel
día, El Ideal Gallego titulaba: “Riazor es el único
estadio del mundo en el que todos los espectadores tienen derecho a
estar sentados”. A asistencia do público naquel primeiro
partido calcúlase nuns vinte mil seareiros e fai o saque da honra
Virgilio Rodriguez Rincón, único supervivinte do primeiro equipo
que tivera o Deportivo e que, casualmente, tamén fixera o saque da
honra cando fora inaugurado en 1909 o vello Riazor. Finalmente e tras
un disputadísmo partido, o resultado sería desfavorable para os
herculinos, que perderían por 2-3. O valencianista Hernández
pasaría á historia por marcar o primeiro tanto no novo Riazor e o
dianteiro centro local Paquirri sería o autor do primeiro gol
deportivista. Nos seguintes partidos como local confírmase o
“meigallo” do novo estadio: 1-2 co Barcelona; 1-1 co Castellón;
1-2 co Athletic de Bilbao; 2-2 co Sporting de Xixón. Os aficionados
comezan a botarlle as culpas da mala marcha do equipo ao novo e
flamante recinto deportivista. Dicíase, con razón, que as
localidades quedaban moi distantes, especialmente as populares “grada
de pé” e “Marathón”. O caso é que o Deportivo camiña en
picado cara a Segunda División.
Na
semana previa á disputa dun destes partidos, o do F.C. Barcelona, os
herculinos concentraríanse de novo no Balneario arteixán. Fora
durante os últimos días do mes de novembro de 1944, e unha vez mais
os xornalistas volvían a amosar o seu desencanto pola falla de
teléfono no hotel:
”Arteijo
no contesta. Los deportivistas concentrados en Arteijo guardan
absoluto mutismo, indicio de que la cura de reposo se desliza
sin novedad. A pocos kilómetros de La Coruña, están de nosotros
tan incomunicados como si se hallasen en la cúspide del Himalaya. No
cuenta Arteijo ni con un teléfono, por lo que nos encontramos en la
imposibilidad de dar al aficionado la impresión de última hora”
(El Ideal Gallego, 26
de novembro de 1944).
Esa
sería, naquel campionato ligueiro, a última vez que o Deportivo utilizaría as
instalacións dos Baños arteixáns como equipo de Primeira División
pois, finalmente, descendería ao remate desta tempada 44/45 á
Segunda, categoría na que só botaría unha tempada.
Mais
os arteixáns non tardarían moito tempo en ter unha nova
oportunidade para ver a futbolistas de primeira fila ao carón das
súas casas pois, en maio de 1945, con motivo da inauguración
oficial do estadio de Riazor, xógase na Coruña o partido amigable
España-Portugal e a selección española concentraríase no
Balneario arteixán durante os días previos a ese partido
internacional. Curiosamente, o recinto termal ía outra vez “collido
da man” do novo estadio da cidade herculina e, para historia, queda
o seu casual protagonismo nos dous partidos inaugurais do novo
Riazor, primeiro coa concentración do Deportivo naquel partido co
Valencia e agora coa estadía do once español na inauguración
oficial.
O
Deportivo continuaría utilizando o recinto termal ao longo dos anos
40. Posteriormente, despois dun longo período sen facelo, voltaría
a ser lugar de concentración na década dos 70 con Arsenio Iglesias
no banquillo, máis esta xa é outra historia da que falaremos polo
miúdo noutra ocasión!
martes, 15 de outubro de 2019
A TABERNA "O PIÑEIRO" DE CHAMÍN
Empezando
a subir a costa de Chamín do Medio, á man dereita da estrada que
conduce a Caión, para máis sinais, moi preto do cruce que vai para
Santaia e Monteagudo, tedes un dos mellores establecementos
hostaleiros de todo o municipio de Arteixo: o Café Bar “O
Piñeiro”, sitio tranquilo, de boas tapas e de boa atención,
abofé!
![]() |
| Imaxe do "Piñeiro" antigo |
Ao
entrar, atoparedes un fermoso local decorado con gusto. Unha ducia de
mesas que conxugan á perfección o pasado co presente, cada unha
delas rodeada de cadeiras de madeira de aspecto tradicional, convidan
ao descanso, á lectura dos xornais do día, á conversa e tamén,
especialmente na fin de semana, a botar a partida. Nas paredes colgan
varios fotos do equipo de fútbol do lugar. Tamén hai unha imaxe do
bar vello, que estaba uns metros máis adiante que o actual, ao carón
da estrada, unha imaxe que cada vez que a vexo faime viaxar á miña
xuventude, aos anos 90, tempos nos que paraba con frecuencia neste
establecemento. E tamén hai un reloxo antigo no que se parou o tempo
ás 17:40 horas dun día calquera dun ano incerto, un reloxo que
seica xa formaba parte do mobiliario da antiga taberna.
Se
es dos que te quedas na barra, mentres que che prepara un café o
amigo David, o actual propietario do negocio, escoitarás a súa nai
Dorita dende o seu “búnker” particular preparando o xantar para
a familia e algunha que outra tapa para o negocio que rexenta o seu
fillo dende que ela se xubilou. É probable que na barra atopes algún
cliente dos de toda a vida, dos que aínda lembran os tempos do vello
Piñeiro, unha taberna que se derrubou no ano 2000, pouco despois de
abrir o bar actual.
![]() |
| David e Dorita no "Piñeiro" de Chamín |
Como
todas as tabernas das de antes, o Piñeiro antigo, vendía un pouco
de todo. Aínda lembro as chapas descoloridas polo paso do tempo de
Coca Cola e de Fanta que había pegadas xunto á porta e, tamén, o
letreiro de Tabacalera coa súa insignia que estaba colgado na
fachada da casa e que indicaba que O Piñeiro era un establecemento
autorizado para a venda do tabaco. Alí, no banco de pedra que había
na entrada da taberna, boteille os meus primeiros Royal Crown na
compaña dos bos amigos de Chamín que aínda conservo. Como di o
prezado Moncho Vilar nun dos capítulos do seu libro “Un peixe no
parqué”… Quen cona fuma Royal Crown hoxe en día? Ti coñeces
alguén? Naqueles tempos era o que había e, cousas do destino,
quen escribe xa leva catorce anos sen fumar!
Mais
continuemos coa descrición do Piñeiro vello. Naqueles anos 90, o
paso do tempo xa se notaba ben na estrutura exterior do edificio. Nas
súas paredes de pedra, nas portas e nas ventás de madeira o paso
dos anos xa deixaran a súa pegada na vivenda na que que, de xeito
moi doado, un podía viaxar gratis no tempo para imaxinar como era a
vida dos nosos devanceiros. Se querías soñar como era a vida nas
tabernas de antes, O Piñeiro era un lugar ben axeitado para facelo
xa que no interior podías observar que o único que mudara co paso
das décadas fora o envoltorio dos productos que alí se vendían.
![]() |
| Imaxe do interior do "Piñeiro" antigo |
Outro
dos recordos que teño do vello Piñeiro é que non costaba moito
estirar a man e tocar o teito, que era de madeira e, nas súas vigas,
había cravadas puntas de aceiro que facían á vez de ganchos para
colgar chourizos, paquetes de sebo e outros artigos necesarios para a
vida cotidiá da veciñanza.
![]() |
| Ramón Varela e Jesusa Bermúdez |
O
Piñeiro fora, no seu momento, dos poucos lugares de Arteixo nos que
as innovacións pasaran de largo e poucos cambios houbera no local
dende que o abriran en 1934 Ramón Varela Paulos, natural do lugar do
Piñeiro (de aí o nome do negocio), parroquia de Monteagudo, e
Jesusa Bermúdez Ferreiro, que era natural de Gondreo, parroquia de
Sorrizo.
Ramón
e Jesusa, tiñan o seu domicilio na parte superior da taberna, lugar
no que virían ao mundo os tres fillos máis pequenos do matrimonio:
Chucho, Melindra e Dorita. Os dous maiores, María e Cresencia,
naceran no Piñeiro, na casa paterna de Ramón, lugar no que
habitaron ata que construiron a súa nova vivenda en Chamín do Medio
e abriron o establecemento do que estamos a falar pouco antes da
Guerra Civil.
![]() |
| Dorita en Caión na súa xuventude |
Jesusa
era quen atendía o establecemento, unha taberna que nos primeiros
anos viviría, coma as outras da contorna, tempos difíciles, tempos
da posguerra, tempos de medo nos que non se podía falar de case
nada, tempos de fame, de racionamento e de sacrificio, de moito
sacrificio, mais, con todo, nunca lles faltou clientela que lles dera
un peso a gañar, aínda que moitas veces… “leva o que
precises que cho fío, xa pagarás; moitas grazas señora Jesusa”.
Pola súa banda Ramón adicábase a traballar nas leiras da comarca
coa máquina de mallar da súa propiedade, pasando nalgunhas ocasións
semanas enteiras fóra do seu domicilio.
E
así irían pasando os corenta, os cincuenta e os sesenta, que foi
cando Dorita, a filla máis nova de Ramón e Jesusa empezou a levar o
peso da taberna, unha Dorita que non tardaría en casar con Telmo,
con quen tería catro fillos: os meus prezados amigos Javier, Sonia,
David e Inés.
A
vida seguiría sendo igual no vello Piñeiro ao longo dos setenta e
dos oitenta... bueno todo non. Xa non estaban Ramón e Jesusa, que
falecerían respectivamente en 1973 e 1984, ambos aos 77 anos de
idade.
Telmo tiña unha pequena empresa de construcción na cal empezarían a traballar os seus fillos Javier e David.
Nos 90 a
familia decidiu que xa era hora de darlle un cambio ás súas vidas e
facer unha nova vivenda… mais... xa se sabe… na casa do ferreiro
coitelo de pau… e a idea foise pospoñendo ata finais da década.
Finalmente abrirían o novo bar en decembro do 2000, días despois de
tirar o vello Piñeiro.
Telmo tiña unha pequena empresa de construcción na cal empezarían a traballar os seus fillos Javier e David.
![]() |
| Dorita con seus pais e Javier, o seu fillo maior |
Telmo
falecería no ano 2007 e David continuaría un ano coa empresa de
construcción, ata o 2009, que foi cando xa se puxo definitivamente
detrás da barra do Bar o Piñeiro.
David, terceira xeración do negocio, agarda por vós alí para conversar dos tempos de antes ou do que se tercie. Se paredes no seu establecemento, asegúrovos que habedes de pasar un rato agradable escoitando as historias do Chamín de antano e do Chamín de hoxe!
David, terceira xeración do negocio, agarda por vós alí para conversar dos tempos de antes ou do que se tercie. Se paredes no seu establecemento, asegúrovos que habedes de pasar un rato agradable escoitando as historias do Chamín de antano e do Chamín de hoxe!
sábado, 12 de outubro de 2019
A PARROQUIA DE SORRIZO NA "GEOGRAFÍA GENERAL DEL REINO"
Parroquia de San Pedro de Sorrizo, de entrada.- Son dos los
lugares que la componen: Iglesario y Lagoa, siendo el resto 10 grupos
inferiores. Está en la costa, al final de su ayuntamiento, en la que da
su nombre a un arenal que comienza en la punta Altiña, en la que desagua
un arroyuelo. El puertecito, que es de refugio para los pescadores,
hállase al O. del de Cayón (Laracha).
El terreno que ocupa, en la hondonada que forman los montes de Encontrada, Carballal y Ribeira, es variado y fértil. Se halla distante unos 20 kilómetros de la capital de la provincia, y en 88 edificios, 25 de un piso, 42 de dos y 11 albergues y chozas, viven 219 habitantes de hecho y 247 de derecho. Hay una escuela nacional. Está a unos 10 kilómetros de la casa ayuntamiento.
Fué matriz de Barrañán y vicariato de la Colegiata de la Coruña. Ahora es iglesia principal de Chamín. Los grupos menores se llaman Campo, Castelo, Cendemil, Cobadas, Eirís, Moucho, Pedregueira, Porto, Pousada y Seixo. Limita al N. con el Océano, al E. con Barrañán, al S. con Chamín y al O. con Cayón.
El terreno que ocupa, en la hondonada que forman los montes de Encontrada, Carballal y Ribeira, es variado y fértil. Se halla distante unos 20 kilómetros de la capital de la provincia, y en 88 edificios, 25 de un piso, 42 de dos y 11 albergues y chozas, viven 219 habitantes de hecho y 247 de derecho. Hay una escuela nacional. Está a unos 10 kilómetros de la casa ayuntamiento.
Fué matriz de Barrañán y vicariato de la Colegiata de la Coruña. Ahora es iglesia principal de Chamín. Los grupos menores se llaman Campo, Castelo, Cendemil, Cobadas, Eirís, Moucho, Pedregueira, Porto, Pousada y Seixo. Limita al N. con el Océano, al E. con Barrañán, al S. con Chamín y al O. con Cayón.
xoves, 12 de setembro de 2019
A TRAXEDIA EN SORRIZO DA GAMELA "ROCÍO" EN 1998
Pouco
antes das seis da tarde do día 15 de decembro de 1998, Manuel Varela
Fraga, Isidro Subiela Arijón e Manuel Paulos Orgueira saían do porto de Sorrizo na súa pequena gamela "Rocío" para pescar, actividade que practicaban de xeito esporádico e afeccionado. Isidro,
de 63 anos, casado, arteixán de nacemento mais con domicilio na rúa
Vila de Negreira da Coruña, estaba de baixa após ser operado do bazo e
dedicaba o seu tempo de recuperación á pesca, do mesmo xeito que o facía
Manuel Paulos, de 56 anos, solteiro, tamén de Arteixo aínda que residía
no barrio coruñés de Eirís e que había apenas
un ano que era pensionista. Igualmente estaba no grupo Manuel Varela,
de 28 anos, solteiro, veciño do lugar do Moucho, na parroquia de
Sorrizo, un home que tiña secuelas físicas por mor dun accidente de
tráfico.
![]() |
| Porto de Sorrizo |
Dos
tres amigos, tan só Isidro sabía nadar. Manuel Paulos non sabía facelo,
a pesar de faenar durante toda a súa vida no Gran Sol, e a Manuel Varela impedíallo a súa incapacidade física.
Naquela tarde do 15 de decembro de 1998, a pesar das condicións metereolóxicas, nada
favorables para a pesca, con ventos de entre forza catro e cinco (uns
sesenta quilómetros por hora) e ondas de ata tres metros, os tres homes
saían, incomprensiblemente, a pescar, algo que segundo o testemuño de
algúns veciños e familiares xa fixeran noutras ocasións con peores
condicións climáticas. Para alén diso, na súa gamela non levaban
salvavidas nin equipamentos adecuados, cousa habitual naqueles tempos
neste tipo de pequenas embarcacións de pesca afeccionada.
Media hora despois de saír
do porto de Sorrizo tiña lugar a traxedia. Os tres pescadores
afeccionados caían no mar despois de que a "Rocío" fora envolvida por
unha rompente, o que provocaría o seu envorcamento. Un mariñeiro de Sorrizo comentaba como escoitara no porto a voz dun dos náufragos... "Estou convencido de que era o máis novo, que gritaba o nome de Manuel". Este veciño procurou axuda de inmediato para tratar de socorrelos... "tirámoslles cordas, mais non pudemos facer nada, o mar estaba moi bravo e de repente xa deixou de oírse a voz".
![]() |
| Litoral de Sorrizo |
Uns
instantes antes de naufragar, os tripulantes da gamela emitiran unha
chamada de socorro por radio, que sería atendida polo Centro de
Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra, un Centro que após
recibir o aviso, mobilizaría un helicóptero "Helimer" da Xunta, unha
lancha da Garda Civil do Mar e outra do porto coruñés, cooperando tamén nas tarefas a Policía Local e Protección
Civil de Arteixo. Pouco antes das oito da noite, o "Helimer" recuperaba
os tres cadáveres envolvidos nuns aparellos de pesca e, pouco despois,
trasladábaos ata o aeroporto de Alvedro, onde serían identificados polos
familiares.
O
xoves, 17 de decembro de 1998, perante unha gran multitude, o templo
parroquial de San Pedro de Sorrizo acollía ás catro da tarde o funeral
por Manuel Paulos e Manuel Varela, recibindo sepultura o primeiro no
cemiterio de Sorrizo, mentres que o segundo sería conducido ata a vila
de Caión, onde se inhumarían os seus restos mortais. Após esta
cerimonia, a maior parte dos asistentes trasladáronse á igrexa de Santaia, na parroquia de Chamín, onde tiña lugar a cerimonia fúnebre de Isidro Subiela.
xoves, 5 de setembro de 2019
A TABERNA "A BENITONA" DA LAGOA
Situada
na estrada que conduce a Caión, ao pé do monte do Castro e a poucos
metros do límite parroquial con Chamín, A Lagoa é unha aldea da
parroquia de Sorrizo que da nome á Escola Unitaria na cal aprenden
as primeiras letras os nenos e nenas de Chamín e Sorrizo dende 1919,
ano no que o Concello lle alugou a José López Barreiro a casa que
servía de local escolar naquela hora. Posteriormente, en 1926, o
propio Concello compraría por 10.000 pesetas da época o edificio no
que se asenta, dende aquel ano, a Escola Unitaria.
Se
pasades por alí, a poucos metros da devandita escola, hai unha casa
antiga que vos ha de chamar a atención polas tres grandes ventás
semicirculares da parte superior, xanelas que contan cos seus
respectivos balcóns protexidos por uns fermosos balaústres de
metal. O marrón descolorido polo paso do tempo, tinguido da
nostalxia de antano, destaca nas contras das dúas ventás da parte
inferior e na porta do edificio. Outro elemento digno de mención é
un letreiro circular de madeira que, no seu interior, ten un pequeno
barril, letreiro que conserva as letras do negocio que houbo alí no
pasado: Taberna A Benitona.
Non
podemos afirmar con exactitude o ano no que empezou a funcionar esta
taberna mais, polo que nos conta Manuel M.ª Puga, o popular
Picadillo, nunha das receitas culinarias da súa autoría, publicada
no xornal “El Noroeste” na sección “La Cocina Práctica”,
sabemos que na década dos anos dez do século pasado xa había
taberna na Lagoa. No seu artigo gastronómico, antes de explicar o
xeito de preparar o “Butter-brote”, Puga fai alusión dunha viaxe
que fixo en decembro de 1909 a Hamburgo coa finalizade de realizar
un réxime de adelgazamento nunha clínica da cidade alemá.
Acompañouno na viaxe, como “ayuda de cámara”, o arteixán
Baltasar Rega, máis coñecido polo alcume de Sarete, de quen
Picadillo escribe o seguinte no devandito artigo:
“(…)
Sary (traducción alemana algo libre de Sarete, que es el nombre con
que se conoce en Bergantiños a este sujeto) me acompañaba. Queda
demostrado que Sary tampoco es una besta brava. Y los dos, poseedores
de nuestros derechos civiles, dejábamos deslizar nuestra existencia
en el cuarto de un hospital de Hamburgo, paraje tan ameno como
podréis figuraros tratándose del cuarto de un hospital. Sary
recordaba allí sus marelos, sus plantaciones, su taberna de A Lagoa,
en donde los domingos celebraba el descanso dominical con sendas
tazas de vino del Ribeiro, y hacía profundas comparaciones entre
este bálsamo, verdadero néctar, y los vinos del Rhin, del Mosela y
de Burdeos, con los que le fastidiaban con harta frecuencia las
Schwestern o hermanas de la caridad, que no por protestantes dejaban
de ser hijas de papá Adán, y, por consiguiente, nuestras hermanas,
y tan caritativas como las hermanas católicas que tenemos aquí
(...)”.
Velaí
a tedes. A parte da información que nos ofrece o Catastro da
Ensenada de 1752, que conta que nesa época había en Sorrizo dúas
tabernas “que corren a cargo a de Juan de Cobas”, o
anterior artigo de Picadillo probablemente sexa a primeira referencia
escrita da taberna da Lagoa na que, con certeza, Baltasar Rega,
Sarete, contou ducias de contos da súa experiencia alemá ao longo
dos primeiros anos do pasado século XX, que é cando temos
constancia de que José López Barreiro, máis coñecido polo alcume
de “o Benitón”, abriu este negocio.
José
nacera en 1879 nun punto incerto da xeografía galega e casara con
Gumersinda García, que viñera ao mundo en Tordoia no ano 1884. Ao
ser o primoxénito da familia, “o Benitón” recibira a maior
parte da boa herdanza de seus pais e, cos cartos obtidos, decidiu
establecerse coa súa muller Sinda no municipio de Arteixo onde,
entre 1900 e 1910, abriron a taberna da que estamos a falar e
construiron a casa do lado que, como xa contamos anteriormente, lle
alugaría ao Concello en 1919 para converterse na primeira escola da
zona. Esa casa, situada entre a taberna e a escola unitaria, sería
anos máis tarde a vivenda do cura de Sorrizo e, na actualidade, é a
sede da Asociación de Veciños do lugar.
![]() |
| A Benitona nos anos 90 |
José
e Sinda tiñan o seu domicilio no piso superior da taberna, o dos
fermosos balaústres de metal, lugar no que virían ao mundo os nove
fillos do matrimonio: Jesusa, Manolo, Obdulia, Clarisa, Julia, Lola,
Mercedes, Eladio e Emilio. Segundo o testemuño da súa neta Fina,
filla de Clarisa, “o Benitón” era un ser extraordinario, un home
adiantado ao seu tempo que fundaría a liña Caión-Coruña, liña
que se realizaba en carruaxe e que anos máis tarde, despois de que
José López decidira vender os dereitos, pasaría ás mans da
empresa Transportes Martínez.
Nos
duros anos da posguerra, a taberna do Benitón era o lugar da zona onde se
distribuía o racionamento. Polo que nos contou a súa neta Fina,
“todo
o mundo quería
a meu avó
porque, naqueles
tempos difíciles, era
moi caritativo coa
veciñanza”, estima que aínda se mantén viva na memoria colectiva dos maiores de Chamín e de Sorrizo.
![]() |
| Panteón familiar onde descansan os restos de José López e da súa familia |
Aqueles
eran tempos nos que os homes entraban a tomar a copa e a xogar a
partida e as mulleres a comprar e, a ser posible, sen entrar xuntos.
E tamén eran os tempos nos que a tía Sinda e as súas fillas
decidiron abrir, ao carón da taberna, un salón de baile. Precisamente, o “Manco de Sorrizo”, o mesmo que montaba ano tras
ano a caseta de tiro nas festas da comarca, perdería un dos seus
brazos nas obras de construción do salón, que non tardaría en ser
popular polos bos bailes que se facían alí, aínda que ás veces se
interrumpía se algún simpático abría a porta do cortello dos
cochos, que non estaba moi lonxe da propia pista de baile.
E
así, coma quen
non quere a cousa, foron
pasando os anos, tempos
nos
que Obdulia abandonara o niño familiar e Mercedes casara con Pepe e,
tempos nos que o salón, ao
igual que os outros do municipio, iría perdendo fol ata
que pechou definitivamente. Naquela
altura,
non tardarían en abrir a Sala de Festas Eva de Arteixo e a Discoteca
Pazos da Laracha que, cada
fin de semana, ateigaban
os mozos e mozas dos sesenta, dos
setenta…
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)




















