martes, 5 de marzo de 2024

O SEÑORÍO DE CANDAME E OUTROS CONTOS DO LUGAR

  Estos días lemos na prensa e nas RR SS do concello que se vai iniciar a construción dunha nova rúa en Candame, unha vía que comunicará as rúas Torrente Ballester e República Arxentina. Pois ben, ao fío deste asunto, nas Crónicas de Arteixo desta semana aproveitamos a ocasión para falar precisamente de Candame e da historia deste lugar.

Como podedes imaxinar, a vila de Arteixo actual pouco ou nada ten que ver coa de antano, con aquel Arteixo dos tempos mozos dos nosos avós no que A Baiuca e Candame eran os lugares máis poboados da capital do municipio, que ía modificar a súa fisionomía, e de que xeito, a principios dos 60 a raíz da creación do Polígono Industrial de Sabón. 

Hai unha fotografía aérea, pertencente ao chamado voo americano, na que se aprecia perfectamente como eran estos dous lugares nos anos 50, pouco antes do inicio do boom da construción e da chegada do cemento. Dous lugares que tamén tiñan a súa rivalidade futboleira: o Penouqueira era o equipo da Baiuca e o Atlético de Arteixo de Candame.  

   Da Baiuca de antano aínda queda algún edificio da época da que estamos a falar. Pola contra, do vello Candame o único que queda son os recordos dos nosos maiores e acaso unha rúa, a chamada Camiño de Candame, que actualmente nos conduce dende a avenida de Fisterra ata a rúa Paio Gómez. 

 
Camiño de Candame

   Segundo o mestre Fernando Cabeza Quiles, é moi probable que a procedencia do topónimo Candame sexa un superlativo referido a un lugar outrora abundante en froumas de castiñeiros ou polas pequenas secas e abrancazadas caídas doutras árbores, que se empregaban nas casas como combustible vexetal ou para alumear. “O toponimo -apuntounos Fernando- parece paralelo ao de Lousame, superlativo de lousa, por un lugar abundante nelas, mentres que Candame, que parece ter o mesmo sufixo superlativo -ame, poderíao ser de candeas ou froumas secas de castiñeiro ou en poliñas secas”. Da mesma opinión é a admirada María Rozamontes Vázquez, que ademais, no volume II do libro Arteixo de onte a hoxe, tamén indica que “pode conter un xenitivo dun nome persoal CANDAMIUS, de orixe prelatina".
 
   Curiosamente, o topónimo Candame tamén se empregaba no pasado para nomear a un dos areais do noso litoral que, polas informacións que aparecen na obra Derrotero de las costas de España y de Portugal: desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña que Pedro Riudavets publicou en 1867, intuímos que se trata do actual Combouzas:  
 
   “En la punta ALTIÑA, que dista una milla escasa al SE. ¼ E. de la punta Este de Cayón, da principio el arenal de SORRIZO, nombre de una aldea allí inmediata. El arenal termina en la punta de SAN AMEDE, distante de la Altiña 6 cables, al rumbo del E. ¼ SE. Esta playa, aunque en limpia en la orilla, es sucia por fuera. Desde la punta de SAN AMEDE, va remontándose la costa para el NE. hasta las Cambosas, distante 1,5 milla escasa. Este trayecto es un compuesto de dos arenales, separados por la punta pedregosa llamada CANDAME. El arenal más occidental es el mayor, y se denomina de CHAMIN, nombre de una aldea que está tierra adentro: el otro es el de CANDAME. Uno más pequeño, nombrado de Gafa, está por la parte O. de la punta de Cambosas.”  
 
A Punta de Candame na carta náutica da Costa Septentrional de España. Folla III de J. Riudavets y Monjo (1896). Instituto Xeográfico Nacional
 
   ¿Tería este topónimo marítimo algunha relación co lugar arteixán de Candame? ¿A procedencia desta punta e areal de Candame sería outro xenitivo? ¿Adoptou algún fidalgo de tempos pretéritos este nome como apelido? Obter respostas vai ser tarefa ardua -por non dicir imposible- mais, con todo, queremos deixar enriba da mesa os nomes de Nuño Gómez de Candame (Nuño Gómez era nome de pila; na provincia de Toledo hai un municipio con esa denominación) e de Estevo Rodríguez de Candame.  
 
    Hai datos de que Fernando Vermúdez de Castro, encomendeiro perpetuo de Antealtares e de Cambre, en atención a que o abade Lopo Fernández e o prior Alonso Yanes e os seus monxes aforaron e deron a censo perpetuo a Nuño Gómez de Candame, xurado da Coruña, segundo consta por escritura de 17 de xuño de 1399, os cotos de Morás e de Arteixo, e que eles levaran en foro durante 85 anos, máis ou menos, despois de narrar as vicisitudes do foro, confírmano e aforan pola mesma cuantía e condicións a Estevo Rodríguez de Candame, descendente lexítimo do primeiro foreiro. 
 
   Fóra de todo tipo de conxecturas, o que si sabemos con certeza é que en Candame houbo unha importante casa señorial pertencente á estirpe dos Torreiro na que naceu en 1621 Pedro Vázquez Torreiro y Lugo, vedor e Contador Xeral do Exército e Reino de Galicia e, señor das casas de Freufe e Candame.
 
Imaxe do Candame actual

    Conta Carlos Martínez Barbeito na súa magna obra Torres, pazos y linajes de la provincia de A Coruña, que unha das casas señoriais da parroquia cambresa de San Paio de Brexo, tan poboada de pazos, é a chamada do Corgo, considerada como residencia secular da liñaxe dos Torreiro. Pois ben, segundo consta no expediente de ingreso na Orde Militar de Santiago correspondente a don Pedro Vázquez Torreiro, algunhas veces chamado Torrero por mor dunha non infrecuente castelanización de apelidos galegos, e que foi incoado en 1672, ponse en coñecemento que a rama troncal da liñaxe arranca de don Sancho Vázquez Varela, da casa de San Mamede do Salto e da súa muller dona Aldonza Torreiro.  
 
   Froito deste matrimonio foi don Juan Vázquez Torreiro, que naceu na casa de Freufe e casou con dona María de Loño, filla de don Jácome de Loño, e natural da casa de San Xoán de Lázaro. 
 
   Continúa a liña o seu primoxénito don Pedro Vázquez Torreiro, nado en 1590 coma seu pai na casa de Freufe, sita na comarca de Monterroso. Don Pedro, Señor das casas de Candame e de Freufe, contrae nupcias con dona Inés Pérez de Lugo y Somorrostro, que era filla de don Alonso Rodríguez de Lugo, morto a mans dos ingleses de Francis Drake e John Norris en 1589 durante o asalto e conseguinte defensa da Porta da Torre, na cidade da Coruña. Este don Alonso, que casara con Catalina de Berdeal y Loriga, (filla de don Sancho de Somorrostro, rico comerciante que testou na Coruña o 21 de marzo de 1584), era fillo de don Martín Alonso de Lugo e neto de don Pedro Fernández de Lugo, Rexedor Perpetuo da cidade das murallas da cal adoptara o seu apelido.  
 
  Do matrimonio de don Pedro e dona Inés foi froito outro don Pedro Vázquez Torreiro y Lugo, nado en Candame en 1621; don Antonio Vázquez de Somorrostro, que andando no tempo ía ser cura da parroquia de Sorrizo; don Santiago Pedro, Vedor da Armada de Flandes e Mar Océano; dona Manuela e dona Jacinta Pérez de Loriga.  
 
Imaxe do Candame actual

  Como xa dixemos anteriormente, este don Pedro Vázquez Torreiro y Lugo (1621-1679), foi señor das casas de Freufe e Candame e vedor e contador xeral do Exército e Reino de Galicia, emprego que lle debía reportar moi suculentos froitos, e do que se cadra saiu, sen prexuízo doutras achegas herdadas dos opulentos Somorrostros y Lorigas, a principal fonte de prosperidade da familia. 
 
   Don Pedro, o noso persoeiro de Candame, casou con dona Catalina de Lamas y Sotomayor e foron os seus fillos don Ignacio, dona Antonia, dona Catalina e don Ignacio Vázquez Torreiro y Sotomayor, que foi Sarxento Maior de Infantería e que casou con dona María Antonia Pardo Montenegro.  
 
   Fillo deste matrimonio foi Antonio Torreiro y Pardo Montenegro, Rexedor Perpetuo da cidade da Coruña, na cal tiñan os Torreiro sepultura propia adornada cun escudo que contiña unha espada, na capela maior da parroquia de San Nicolás, sepultura herdada dos seus ascendentes, os Doriga. Os Torreiro tiñan a súa casa na herculina rúa Real, esquina coa popular vía que aínda hoxe se chama rúa Torreiro, en recordo da significada familia de tal apelido. Así que xa sabedes, cando vaides de viños por esta zona non esquezades a relación que esta popular rúa coruñesa ten con Candame, lugar ao que retornamos da man de Antonio Torreiro y Pardo Montenegro, que supoñemos que é o mesmo que aparece no Catastro do Marqués de Ensenada de 1752 como propietario dun dos muíños que naquela altura había en Candame:  
 
  "(…) Otro de Manuel García y consortes al sitio de Candame muele seis meses al año, regulan su producto en cuarenta y cuatro reales: Otro de D. Antonio Torreiro al mismo sitio, regulan su producto en cuarenta y cuatro reales: Otros cinco en el mismo sitio: El uno de Euxenio de Boedo y consortes: Otro de Jacobo López Muñíz y los suyos: Otro de Francisco Rodríguez de Ulloa y consortes: Otro de la fábrica de Santa María del Campo de esta Ciudad: Otro del convento de Santo Domingo de la misma (...)"
 
   É probable que algúns destos muíños fosen os do Pedregal, os mesmos que foron inmortalizados nunha preciosa imaxe dos anos 50 por F. Álvarez. 

   Antonio Torreiro y Pardo Montenegro casou con dona Josefa Jacinta Caamaño e ambos os dous foron pais de don Pedro Ignacio Torreiro, Rexedor Perpetuo da Coruña e Capitán de Milicias da praza herculina e, esposo de dona Josefa Verea de Aguiar y Fandiño.  
 
   De don Pedro Ignacio e de dona Josefa naceu don Ramón Pelayo Torreiro y Verea de Aguiar que ía casar con dona Rita Josefa Varela y Varela de Caamaño. Segundo as informacións de Carlos Martínez Barbeito, de don Ramón Pelayo descende tamén Salvador Parga Torreiro (1838-1901), senador, catedrático de Dereito da Universidade de Santiago e un dos primeiros en reclamar o sufraxio feminino en España e Europa en 1870. De Salvador Parga descenden os Parga Pondal e os Puga Parga do pazo de Anzobre, os uns e os outros emparentados, por conseguinte, cos antigos donos de casa de Candame.  
 
FONTES:

ÁLVAREZ, MANUEL LUCAS (1999): El Archivo del Monasterio de San Martiño de Fóra o Pinario de Compostela, Ediciós do Castro.

MARTÍNEZ BARBEITO, CARLOS (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest.

RIUDAVETS Y TUDURY, PEDRO (1867): Derrotero de las costas de España y de Portugal: desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña.

ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA (2003): Arteixo de onte a hoxe, Volume II, Concello de Arteixo.

ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA (coord.) (2010): Catastro de Ensenada. Interrogatorio. Transcrición, Departamento de Turismo e Normalización Lingüística do Concello de Arteixo.

martes, 27 de febreiro de 2024

A INSCRICIÓN MEDIEVAL DA IGREXA DE ARMENTÓN

  Na parte exterior do muro absidal da igrexa parroquial de San Pedro de Armentón hai unha pedra que chama poderosamente a atención e que non pasa desapercibida para ninguén que visite o templo. 

  Imaxinanos que este pequeno tesouriño foi, con certeza, motivo de debate nos xantares e nos faladoiros que organizaba Manuel Mª Puga Parga, 'Picadillo' (1874-1918) no seu pazo de Anzobre, un dos centros neurálxicos da cultura galega da época.

   A pedra en cuestión ten unha inscrición, que aparece así:

 

  Non é difícil percibir que a pedra está invertida e que a posición correcta é esta:

 

   O prezado e admirado Francisco Antonio Vidal, o escritor que lle da nome á biblioteca de Froxel, xa ten falado nalgunha ocasión sobre a devandita inscrición no seu magnífico blogue “Os chanzos: viaxe dos fastos ós festexos” (https://oschanzos.blogspot.com/), un espazo rico e ameno de achegas de temática cultural galega que vos recomendamos visitar.

   Outra das persoas que estudou o gravado foi o profesor Montero Santalha, quen, no número XX da revista Nalgures, apunta que todo parece indicar que o que podemos ler na pedra é un fragmento dunha inscrición máis longa. Tamén comenta que é moi posible que o resto da inscrición se encontre en algunha outra pedra, aproveitada en calquera outro punto da igrexa e que probablemente inclúe a parte final dunha datación e o nome dun presbítero.

  Na inscrición que está a vista na fachada posterior da igrexa de Armentón lemos:

xuiª. E9.P.tR

   Supoñendo que se trata dun pequeno fragmento dunha inscrición máis longa, non é absolutamente segura a súa interpretación en todo o seu alcance, mais segundo Montero Santalla podemos interpretala así:

[Era ...] XVIª. E[r]us presbyter

  Probablemente a inscrición facía referencia a construción da igrexa de Armentón, na época medieval. Nas nosas igrexas son abundantes as inscricións deste xénero referentes á fundación, construción ou reconstrución de edificios relixiosos. Normalmente indican a data e con frecuencia tamén o responsable ou promotor da obra.

  Polo feito de estar en latín, debemos supoñer que o gravado procede dos séculos X-XIII, cando aínda o latín era o idioma habitual da escrita (a pesar de non ser a lingua falada pola xente).

   É obvio que a pedra coa inscrición está recolocada fora do seu lugar orixinario e sería aproveitada dunha localización anterior na mesma igrexa, algo que acontecía con relativa frecuencia. Segundo o profesor Montero Santalha, cando se remodelaron moitos templos medievais de estilo románico, especialmente ao longo do século XVIII, as partes que se modificaron preferentemente foron a fachada, as portas laterais e as xanelas, co fin de realizar algunha ampliación do espazo, alargar as entradas e as xanelas para conseguir unha mellor iluminación e reforzar os muros da fachada para construir sobre ela unha torre para os sinos. Neses puntos remodelados era onde se encontraban preferentemente as inscricións relativas á orixe, construción ou inauguración da igrexa. 

 

Igrexa de Armentón

   As pedras falan, abofé!


FONTES:

Montero Santalha, José Martinho (2022): A inscrição medieval da igreja de Armentón. Revista Nalgures, tomo XX, pp. 347-353, https://www.estudioshistoricos.com/wp-content/uploads/2022/12/nalgures-xx.pdf

Vidal, Francisco Antonio (2013). «Unha curiosa relación entre Xúpiter e san Pedro en

Armentón», https://oschanzos.blogspot.com/2013/06/unha-relacion-entre-xupiter-e-san-pedro.html

Vidal, Francisco Antonio (2014). «Aves de luz e esperanza», https://oschanzos.blogspot.com/2014/01/aves-de-luz-e-esperanza.html

Vidal, Francisco Antonio (2014). «San Pedro de Armentón», https://oschanzos.blogspot.com/2014/06/san-pedro-de-armenton.html



martes, 20 de febreiro de 2024

A FAMILIA 'DEL ADALID' E A SÚA RELACIÓN COA PARROQUIA DE SORRIZO

  A familia Del Adalid conta con varios membros destacados ao longo da historia e algún deles, como veremos seguidamente, tivo certa relación coa parroquia de Sorrizo. O primeiro que cómpre resaltar é Marcial Francisco del Adalid de Rozas Ramírez de Arellano, verdadeiro creador da famosa dinastía de músicos da España do Romanticismo. Este persoeiro nace en 1755 na localidade rioxana de Nestares, no val de Cameros, onde pasa a súa xuventude ata que, a causa do progresivo declive dos cultivos do liño durante o último cuarto do século XVIII, a facenda familiar quedou en quebra. 

  Como tantos outros veciños da rexión, diríxese ao florecente porto da Coruña, dedicándose á industria navieira. Grazas ao desenvolvemento logrado no porto herculino coa intensa actividade comercial nas Indias, principalmente a finais do século XVIII, á vez que suministraba folla de tabaco á Fabrica de Tabacos da Palloza, tamén era distribuidor do papel timbrado do Estado nas sete provincias de Galicia. Nesa época, na que os seus barcos navegaban acotío por diante do litoral de Arteixo, tamén tece vínculos mercantís con Gran Bretaña. Adalid logra unha desafogada situación financieira e convértese nun ascendente político de ideoloxía liberal, feito que lle ía provocar non poucos sobresaltos durante os últimos anos do reinado de Carlos IV, durante a breve ocupación francesa e na época da Restauración fernandina.

    Marcial Francisco del Adalid de Rozas Ramírez de Arellano, que estaba casado coa vasca Francisca Josefa Loredo y Lalisal, convértese no principal mecenas cultural (sobre todo musical) da súa cidade de adopción, onde foron moi coñecidos os seus seráns musicais nos que se interpretaba música das escolas alemá, vienesa, francesa e británica, como así o demostra a súa fabulosa biblioteca, conservada na Real Academia Galega. Así mesmo, favoreceu os contactos culturais entre A Coruña e Londres, cidade á que enviou ao seu fillo Francisco del Adalid, e a seu sobriño, Marcial de Torres Adalid, para que estudaran co famoso compositor e pedagogo Ignaz Moscheles, herdanza que recibiría o seu neto, o gran pianista romántico Marcial del Adalid y Gurrea.

    Ao morrer na Coruña en 1821, os seus fillos Juan Antonio e Francisco Pedro Bruno del Adalid y Loredo seguen cos negocios emprendidos polo proxenitor. Anos despois Juan Antonio, afamado liberal e membro da Milicia Nacional, matricúlase en 1830 no ramo de fabricantes de vidros con “La Provisión”, unha fábrica de vidro plano que funcionaba nos terreos da antiga provisión de pan do Orzán, comprada no seu día por seu pai. Foi a primeira fábrica de vidros da Coruña, da que sairían moitos dos cristais usados nas típicas galerías coruñesas. Traballaban nela uns 50 operarios –30 de procedencia estranxeira– e estaba situada nos terreos que hoxe ocupa o colexio e igrexa dos padres salesianos, no que naquel entón era coñecido como o Areal do Orzán. “La Provisión” desapareceu en 1845, tres anos antes de que morrera Juan Antonio na súa casa do Portazgo, na parroquia de Santa María de Rutis (Culleredo).

   Seu irmán Francisco (A Coruña, 1792–1855), home tamén netamente liberal, estaba casado con Josefa Eufemia Gurrea Carbonell (A Coruña, 1804 –1836), que era filla do tamén rioxano emigrado a A Coruña Francisco Gurrea Martínez. Os dous fillos maiores do matrimonio Adalid-Gurrea, Juan Francisco e Francisca María de la Ó, falecen con moi poucos anos de idade, antes de 1834. E pouco despois, o 30 de novembro 1836, tamén morrería moi xove, con tan só 32 anos, Josefa Gurrea, deixando orfos a Marcial, de 10 anos, a Francisca Venancia, duns 9 anos, e Josefa Fabriciana, duns 7 anos. Noutra traxedia familiar, ao pouco tempo tamén finarían as dúas cativas máis novas.

   Do desconsolado Francisco sabemos que tiña propiedades na parroquia de Sorrizo, aínda que descoñecemos se os terreos foran herdados por vía paterna ou se os comprara o propio Francisco. O caso é que, con motivo do reparto da contribución extraordinaria de Guerra, na acta municipal da sesión plenaria celebrada o 28 de xuño de 1841 en Arteixo, aparecen varios terratenentes forasteiros vencellados ao municipio arteixán: o Señor de Láncara e o conde de San Román con Oseiro; os herdeiros de Ramón del Río e Antonio Pardo con Suevos; Andrés Rojo e Juan Villardefrancos con Pastoriza; Antonio Loriga con Lañas; o Conde de Ximonde con Armentón e Monteagudo; José María Romay e Antonio Pardo Osorio con Loureda; e, por último, o nomeado Francisco del Adalid con Sorrizo.

   Ao tempo que levaba a actividade comercial e navieira que deixara seu pai, en 1843 Francisco ocupa o cargo de rexedor do Concello da Coruña, cidade na que faleceu en 1855.

    O único fillo que lle sobreviviu, Marcial Francisco Juan Bartolomé del Adalid y Gurrea, máis coñecido como Marcial del Adalid, ía recibir unha ampla formación cultural e artística, de xeito especial no eido musical no que se iniciara no ambiernte familiar e guiado polo organista da Colexiata da Coruña. A moi curta idade, Marcial xa interpreta obras dos compositores máis afamados, sempre en temas de calado romántico. Grazas a posición privilexiada da súa familia pode asistir a óperas, viaxar polo estranxeiro, acudir a concertos e coñecer a diversos autores persoalmente. En 1844 viaxa a París coa intención de estudar con Frédéric Chopin, soño que non puido cumprir. Trasládase a Londres, onde estuda desde 1844 ata 1849 con Ignaz Moschels, discípulo de Beethoven. Seu pai Francisco seguíalle permitindo estar desligado do negocio familiar e dedicarse por completo á súa actividade musical, recluíndose no Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros). Volve a París, onde parece ser que recibiu os consellos de Franz Liszt. 

 

Marcial del Adalid Gurrea

   Marcial del Adalid era home de notable cultura literaria, e en moitas das súas obras cítanse a coñecidas figuras do Romanticismo, como José de Espronceda, Alphonse de Lamartine ou Lord Byron. Regresa a España e trala morte de seu pai en 1855 establécese en Madrid, dando a coñecer alí as súas obras, aínda que non logra alcanzar o soño que se propuxera de estrear en París a súa ópera Inese e Bianca, con libreto italiano de Achile de Lauzières (esta ópera estreouna modernamente a Universidade da Coruña o 21 de abril de 2007 en versión de concerto).

   Sobre o ano 1859 casa coa escritora coruñesa Francisca González Garrido, máis coñecida por Fanny Garrido ou polo pseudónimo "Eulalia de Liáns". Muller, segundo a época, de esplendorosa beleza, Fanny acompañaría ao seu marido en numerosos viaxes e organizaría concorridos seráns musicais na residencia do matrimonio, no Pazo de Liáns, cantando incluso os propios poemas que Marcial compoñía musicalmente. 

 

  Ao igual que acontecera con seu pai Francisco, o nome de Marcial del Adalid tamén aparece nas Actas do Concello de Arteixo, concretamente na sesión do 7 de marzo de 1872 na que consta o seguinte:

“Se dio lectura de otra instancia presentada por Don Marcial del Adalid y Gurrea de Santa Eulalia de Liáns en que manifiesta que careciendo de título de pertenencia de varias fincas que posee en el barrio de Sorrizo pide se certifique a su continuación de lo que resulte de los repartos de contribución territorial con objeto de inscribirlo en el Registro de la Propiedad y la corporación acordó se le expida recibiéndose antes prueba testifical.” 
Acta do Concello de Arteixo do 7 de marzo de 1872

   Nesa época Marcial vivía o que se cadra foi a etapa máis frutífera en canto á creación da súa obra, principalmente composta para piano e amosando influencia de Frédéric Chopin. Ademais, tamén se preocupa pola música galega, publicando en 1877 os primeiros cadernos da colección “Cantares viejos y nuevos de Galicia”, a súa obra de maior fama e que non se vería publicada na súa totalidade ata despois da súa morte, chegando a un total de vinte e seis cancións, quince delas orixinais e nove harmonizacións de melodías tradicionais. Vaia como exemplo, o acompañamento musical que fixo para a siguinte canción popular (a letra é coñecida por moitas persoas pero descoñecen quen compuxo a música):

Non te quero por bonita

Non te quero por bonita,
que xa sei que non o és,
quérote por moreniña
e pola lei que me tés.

N’aquela corredoiriña,
en aquel anoitecer,
o qu’entrambos nos xuramos
ti-lo sabes, eu tamén.

Miña vida está en teus ollos,
miña morte está tamén,
dame a vida ou dame a morte,
para min todo está ben.

   Marcial del Adalid foi, por tanto, o primeiro gran creador da melodía galega, que tivo a súa continuación en compositores como Pascual Veiga, José Castro González (“Chané”) ou Xosé Baldomir, o que supuxo unha aportación musical básica ao Rexurdimento.

 

Marcial del Adalid

   Porén, boa parte da obra do noso homenaxeado permanece inédita. A precaria saúde da que sempre gozou íalle reproducir unha antiga doenza hepática que abocou a que Marcial del Adalid morrera dun xeito prematuro no seu Pazo de Lóngora, recibindo sepultura no cemiterio de San Amaro da Coruña a finais de 1881.

   A herdeira de Marcial del Adalid e Fanny Garrido foi a súa única filla, a pintora María de los Dolores del Adalid y González Garrido, quen, sen descendencia, doou a biblioteca de seus pais á Real Academia Galega. As restantes propiedades, entre as que imaxinamos que tamén estarían os terreos de Sorrizo, foron legadas á congregación relixiosa dos Salesianos.

María de los Dolores del Adalid y González Garrido

FONTES:

Concello de Arteixo, Arquivo Municipal, plenos do 28 de xuño de 1841 (Caixa 1841 C-1) e do 7 de marzo de 1872 (Caixa1872 C-3)

Fernández Caamaño, J.M. (2016): Una saga familiar con historia, El Ideal Gallego, 25 de setembro.

Quirós Rosado, Roberto: Marcial Francisco del Adalid Ramírez de Arellano, Real academia de la Historia.

Touriñán Morandeira, Laura (2021): Marcial del Adalid (1826-1881): un capítulo único de nuestra Historia de la Música Española y Gallega. En Camiños do Coñecemento e Experiencia 2020. Santiago de Compostela: Campus na nube USC, 2021.

mércores, 14 de febreiro de 2024

O ENTROIDO DE LOUREDA

   Despois de recordar ao longo das últimas semanas como se celebraba o Entroido nas parroquias de Monteagudo e de Morás, hoxe, no día da Queima do Meco, continuamos coa nosa particular viaxe carnavalesca arteixá facendo parada en Loureda.

  Grazas ao marabilloso traballo que realizou na década dos anos 90 o admirado Víctor Iglesias, sabemos que a principios do século pasado o persoal con espíritu carnavalesco ía por toda Loureda repartindo o meco a base de coplas ben argalladas nas que non se salvaban nin os veciños máis respetados e queridos da freguesía. Un dos mozos, habitualmente de pouca escola e moita intelixencia, facía de cura e realizaba o responso tocando o corno (un corno de boi).

   Naquela hora había choqueiros borralleiros, que lles tiraban borralla aos que se rían deles e mascaritas e mascaritos que daban a nota máis colorida. Choqueiro era calquera. O mérito era facer de mascarito ou mascarita. Os mascaritos escollidos, que tiñan que ir a cara descuberta, eran os mozos máis altos e garridos de Loureda, e por suposto, os que mellor bailasen o suelto. Vestían o traxe típico do país, feito de estopa, co seu chalequiño branco e coa chambra de liño. O domingo de Entroido os mascaritos ían co seu traxe un pouco máis adornado do normal. Levaban unha banda vermella que lles cruzaba o peito, e mesmo había quen adornaba a súa monteira cun arado e unha grade pequeniños de madeira.

    As mascaritas vestían un refaixo de baeta colorada, con moito vuelo, e de cintura para arriba ían moi apretadiñas. Na cabeza levaban un sombreiro adornado con flores de papel e cintas de cores que preparaban con antelación durante varios días.

  Chegado o domingo de Entroido, saían todos coma en procesión levando un ramo e dúas cestas adornadas con roscas e figos que os "miróns" roubaban e os choqueiros se encargaban de recuperar.

  Xa no campo da "diversión", coa música das pandeiretas e do gaiteiro de turno, as parellas de mascaritos bailaban ata que un ousado agarraba e marchaba coa moza, que era reprendida polo mascarito no medio das risas e burlas da concurrencia.

  Os animais da parroquia de Loureda daquel tempo tampouco se libraban das entroidadas e non era inusual ver aos cans e aos carneiros cun xugo arando sen permiso as leiras dos veciños. Ou os burros con pantalóns, facendo as súas necesidades! 

 

   Non nos esquecemos dos bailes que se facían polo Entroido nos tres salóns cos que chegou a contar a parroquia. O salón do Castellano estaba en Quintán, no corazón do Val de Loureda, pegadiño á escola de Don Bartolo, nun lugar con moita vida naqueles tempos; o salón de Catoira, en Regocheo, a onde baixaba moita rapazada da Laracha e Cerceda; e o de Rumbo, no Foxo, un local ao que despois de tantos anos aínda se lle len as letras vermellas que hai enriba da porta: SALÓN DE BAILE.

 

Entrada do Salón de Rumbo

Imaxe actual do Salón de Rumbo

  Ao ir minguando o espíritu entroideiro nas parroquias do concello, dende hai xa bastantes anos as comparsas e as carrozas xa só desfilan na capital municipal, onde hoxe, mércores 14 de febreiro, remata oficialmente o Entroido do 2024 coa Queima do Meco. A comitiva sairá sobre as 19:30 h. da Praza do Balneario e realizará un percorrido polas rúas centrais de Arteixo antes de chegar ao Anfiteatro, que é o lugar onde Carmen Blanco oficiará o enterro do Entroido e a Queima do Meco.