martes, 25 de xuño de 2024

HISTORIA DO PEÑAROL DE LAÑAS (2ª parte)

  A retransmisión dos partidos de fútbol pola televisión xunto ao éxito dos torneos e partidos amigables que se facían no verán, cunha afluencia masiva de seareiros que xa quixeran ter moitos dos equipos que na actualidade disputan a Rexional Preferente ou mesmo a Terceira Federación, ían levar a varios clubs de Arteixo e da Laracha a solicitarlle, a principios da década dos 60, á Federación Galega de Fútbol a súa participación en competicións oficiais coa pretensión de ter unha Liga propia como xa tiñan dende 1940 os da Capital e tamén os das Mariñas. 

Imaxe do Campo do Atín que nos axuda a imaxinar como eran os primeiros campos de fútbol da zona

Equipo de Lañas na primeira metade da década dos 50 (Cortesía de Adriana Barreiro Díaz)

    As directivas das diferentes entidades da nosa zona querían que eses derbis que se xogaban nas festas do verán cunha acentuada rivalidade tivesen en xogo algo máis que un trofeo. É aí cando, a principios de 1961, baixo a tutela e impulso de Fernando Insua García, tamén coñecido polos alcumes de 'Finga' ou Gido’, decídese organizar un torneo ligueiro que se empezaría a disputar no verán dese mesmo ano. Con ese torneo estaba previsto que a Federación Galega avaliase o nivel deportivo e de instalacións dos clubs participantes para, deste xeito, saber cales cumprían os requisitos esixidos para entrar a formar parte dun futuro e hipotético campionato federado.

    Fernando Insua, que estaba farto do traballo de organizar partidos amigables e de buscar equipos para xogaren os trofeos das festas, saíra coa súa. Había tempo que pelexaba por un torneo longo para ver competir todos os domingos ao seu querido Atlético Arteixo, que fundara xunto ao seu amigo Eduardo Martínez (Eduardo de Martís) había xa doce anos. O bar de seus pais, o Insua, máis coñecido polo bar do Muiñeiro, fora o centro neurálxico das conversas mantidas cos representantes das outras entidades para falar da competición e establecer o regulamento do campionato que, grazas ao empeño de Fernando, botaba a andar o domingo 2 de xullo de 1961.

 

Imaxe dos anos 60 do bar do Muiñeiro de Arteixo (Cortesía da familia Insua García)

   Un total de oito equipos, Atlético Arteixo, Laracha, Oseiro, Paiosaco, Pastoriza, Relámpago da Catuxa, Sporting Meicende e o propio Peñarol de Lañas ían xogar aquel torneo, aquela especie de liga de peñas actual á que se denominou Torneo de Preparación e que verdadeiramente foi a antesala do fútbol federado en Arteixo e na Laracha. O Penouqueira, un dos históricos da zona, decidira non intervir nesta competición porque xa lle solicitara praza á Federación Galega para empezar a xogar na Liga das Mariñas, na que ía debutar o 7 de xaneiro de 1962. Tampouco o fixeran nin o Campanal de Loureda nin o Sporting Uxes, dous dos equipos que un ano máis tarde formarían parte do primeiro campionato federado da zona.

    O luns 3 de xullo de 1961, nas páxinas do semanario deportivo Riazor aparecía a seguinte información: “’Torneo-Preparación’ en Arteijo-Laracha. Dio comienzo en esta zona un torneo de Liga con el fin de hacer una competición oficial al concluir esta”. O soño de Fernando Insua facíase realidade co inicio do torneo entre as oito entidades participantes, unha competición que se ía desenvolver con moita expectación e numerosa afluencia de público en cada un dos partidos das catorce xornadas disputadas. O fútbol xogado xa foi outro canto. Os campos eran deficientes e de dimensións reducidas, o que supoñía a dificultade para realizar un xogo aceptable e que predominasen os roces e choques entre os xogadores, feitos que de cando en vez provocarían algunha que outra tangana

 

Formación do Peñarol  a principios dos 60

     As crónicas semanais deste torneo ligueiro de peñas, que eran escritas no semanario Riazor por Fernando Insua García baixo o pseudónimo de Finga1, eran agardadas con impaciencia en toda a bisbarra para coñecer o que acontecera en cada xornada. Sen sabelo, aqueles precursores do noso balompé máis próximo estaban sentando as bases do fútbol federado, uns aventureiros aos que, no caso do Peñarol, lles rendemos tributo a continuación facendo unha síntese daquel Torneo de Preparación, transcribindo as crónicas escritas por Finga e, tamén, recordando todos os resultados do cadro de Lañas durante as catorce xornadas xogadas dende xullo ata outubro de 1961.


RESULTADOS DO TORNEO DE PREPARACIÓN:

 

1ª VOLTA                                             


1ª Xornada (2.7.1961):                    

Peñarol Lañas-Laracha: 5-4             

2ª Xornada (9.7.1961):                   

Relámpago- Peñarol Lañas: 1-2      

3ª Xornada (16.7.1961):                 

Paiosaco-Peñarol Lañas: 3-0           

4ª Xornada (23.7.1961):                 

Pastoriza-Peñarol Lañas: 12-1         

5ª Xornada (30.7.1961):                

Sp. Meicende-Peñarol Lañas: 2-0      

6ª Xornada (6.8.1961):                 

Peñarol Lañas-Atl. Arteixo: 1-0         

7ª Xornada (13.8.1961):                 

Oseiro-Peñarol Lañas: 2-1              

 

2ª VOLTA

 

8ª Xornada (27.8.1961):

Laracha-Peñarol Lañas: 2-0 

9ª Xornada (3.9.1961): 

Peñarol Lañas- Relámpago: 2-2

10ª Xornada (10.9.1961):

Peñarol Lañas-Paiosaco: 1-3

11ª Xornada (17.9.1961):

Peñarol Lañas-Pastoriza: 1-3

12ª Xornada (24.9.1961):

Peñarol Lañas-Sp. Meicende: 3-3

13ª Xornada (1.10.1961):

Atl. Arteixo-Peñarol Lañas: 5-1

14ª Xornada (8.10.1961):

Peñarol Lañas-Oseiro: 2-3 (ata o minuto 67 )

 

Formación do Peñarol de Lañas a principios da década dos 60

CRÓNICAS DE FERNANDO INSUA GARCÍA, 'FINGA', NO SEMANARIO DEPORTIVO RIAZOR DOS PARTIDOS DO PEÑAROL:


XORNADA

LAÑAS-LARACHA: 5-4

En partido muy accidentado los locales ganaron por el mayor acierto en el tiro a gol. La primeral parte había terminado con 2-0 favorable a los de Laracha”.

FINGA

2ª XORNADA:

EN ARTEIJO

Terminó el partido con victoria forastera por 2-1; la primera parte había concluído con empate a un gol marcado el de los locales por Moncho y el forastero por José María V. A Continuación los visitantes marcaron un nuevo gol por mediación de Canceleiro.

RELÁMPAGO: Eliseo; Sito, Moreno, Corjo; Antonio, Rizo; Moncho, Raúl, Cruco, Mirás, Sexto.

PEÑAROL: Dubra; Sorodio, Alixandre, Alfredo V.; Boedo, Paxín; Oldán, Listero, José María V., Rico, Canceleiro”.

FINGA

3ª XORNADA:

EN PAYOSACO

Y ante gran concurrencia, ganaron los locales en un partido en que hubo muchas cosas y muy poco fútbol, que era lo que allí se intentaba practicar; el árbitro fue zarandeado por los jugadores visitantes, sin saber poner éste orden.

La primeira parte terminó 2-0; fueron los autores de los goles Cociñeiro (2) y Pedro.

PAYOSACO: Zamorita; Magín, Julio, Rique; Pepe, Agapito; Charo, Roberto, Cociñeiro, Pedro y Muiñeiro.

PEÑAROL: Dubra; Sorodio, Casete, Boedo; Alixandre, Viqueiras; Paxín, Rico, José María V., Rebolo y Canceleiro”.

FINGA

4ª XORNADA:

EN PASTORIZA

Terminó con fuerte paliza para los visitantes que dicho sea de paso, dieron una pobre impresión, viéndose perforada su meta hasta 12 veces. La primera parte ya tenían un resultado en contra de 8-0. La segunda parte actuaron sólo diez jugadores por los visitantes, debido a una lesión de su meta Canceleiro que fue sustituído por el defensa Sorodio. En esta segunda parte Reboredo lanzó fuera un penalty. Los goles fueron metidos por Rabuñal (4), Suevos (2), Reboredo, Viruco, Chago, Lolo y Boedo en propia meta. El de los visitantes fue marcado por José María V.

PASTORIZA: Pepiño; Lafuente, González, Patolo; Reboredo, Viruco; Suevos, Paco, Chago, Rabuñal y Lolo.

PEÑAROL: Canceleiro; Sorodio, Alixandre, Casete; Moncho, Boedo; Rico, Listero III, José Manuel V., Paxín y Oldán I”.

FINGA

5ª XORNADA:

EN MEICENDE

Se jugó un partido sin historia en el que ganaron los locales por 2-0 despues de haber concluído la primera parte sin moverse el marcador; los goles fueron conseguidos por Linito y Suárez a los 10 y 18 minutos.

MEICENDE: Vilas; Pena, Gelín, Hermida; Linito, Cuña; Pan, Gorecho, Figueroa, Suárez y Piña.

PEÑAROL: Cachelos; Feo, Alixandre, Paxín; Boedo, Fernando; Carballido, Rico, Listero, Oldán I y Canceleiro”.

FINGA


6ª XORNADA:

EN LAÑAS

Lo más destacado fue la lamentable actuación del árbitro; el partido fue muy complicado por la desafortunadísima actuación del mismo, que bien pudo acabar con la serenidad de todos. El partido fue muy disputado desde el principio al fin. La primera parte concluyó sin haberse movido el marcador. En la segunda y a los 34 minutos Viqueiras consigue el gol que significaría el triunfo para su equipo; el resto hasta el final es una constante lucha que no influye en el marcador. Cuando ya pasan tres minutos del tiempo reglamentario, el meta local incurre en penalty que el mentado árbitro ordena que se lance la falta desde fuera del área que se hace sin consecuencias, despues de fuertes discusiones. Terminó el partido con la mínima derrota forastera, que aunque “muertos”, aún continuarán “viviendo”. Por los locales destacaron Miaxo, Viqueiras, Boedo y la nobleza de Alixandre, y por los visitantes buena actuación de todo el equipo, con la sola excepción del extremo derecha. Como de la actuación del árbitro ya se dijo bastante, sólo quedan las alineaciones que a continuación se citan:

PEÑAROL: Miaxo; Álvarez, Alixandre, Casete; Rico, Viqueiras; Paxín, Listero, Boedo, Rebolo y AlfredoV.

ATLÉTICO: Ourense; Rey, Suso, Antonio; José, Gorrión; J. Insua, Esmorís, J. Riveiro, Monchiño y Benita III”.

FINGA

 

7ª XORNADA:

EN OSEIRO

En Oseiro se jugó un partido de poder a poder, que resolvió el equipo local por la mínima y apretada diferencia de 2-1. A los dos minutos marcaron los locales su primer gol en frío, por mediación de Villaverde. A los 20, José R. incurre en penalty, que lanzado por Manolito, lo echa fuera, llegándose al descanso con 1-0 a favor de los locales.

A continuación Villaverde marca de nuevo para los locales cuando van transcurridos 17 minutos de la segunda parte, y a los 25 Boedo en pugna con el meta local marca el visitante.

Por los locales destacaron Atán II, Calvo II, Calvo I y Zas. Por los visitantes Miaxo, Viqueiras, Rico y Rebolo. Bajo las órdenes del señor Souto los equipos alinearon así:

OSEIRO: Chucho; Adolfo, Calvo I, Souto; J. Zas, Calvo II; Manolito, Crego, Villaverde, Atán II y Tonio.

PEÑAROL: Miaxo; Álvarez, Alixandre, José R.; Rico, Viqueiras; Paxín, Listero, Moncho, Rebolo y Boedo”.

FINGA


8ª XORNADA:

EN LARACHA

La primera parte fue de empate a cero, y a continuación marcaron los locales por mediación de Lolo y Ricardo. Los visitantes alinearon con solo nueve jugadores, siendo las alineaciones así:

LARACHA: Zas; Crespo, García, Nogueira; Lolo, Gerardo; Tuset, Ramón, Ricardo, Velo y Eladio.

PEÑAROL: Miaxo; Álvarez, Alixandre, Paxín; Listero, Oldán II; Rico, Boedo y Rebolo.”

FINGA


9ª XORNADA:

Fernando Insua García, 'FINGA', non escribe ningunha crónica nesta xornada.

 

10ª XORNADA:

EN LAÑAS

Ganaron los visitantes por 3-1; el gol local fue marcado por Boedo, y los visitantes por Nando (2) y Cociñeiro.”


FINGA

11ª XORNADA:

EN LAÑAS

Terminó con merecida victoria visitante por 3-1. Por los visitantes marcaron Pepiño, Viruco y José Luis, y el de los locales fue marcado por Oldán. El Lañas presentó esta alineación:

LAÑAS: Canceleiro; Álvarez, Alixandre, Paxín; Listero III, Boedo; Ramón V.; Cedeira; José María V., Oldán I y Barreiro”.

FINGA

12ª XORNADA:

EN LAÑAS

Se jugó por la mañana el partido que resultó muy malo, con más coraje los locales y con más técnica los visitantes. En la primera parte terminaron igualados a un gol, marcados por Gorecho el visitante y Boedo el local a los 2 y 32 minutos.

A continuación se adelantaron los visitantes en el marcador con goles de Cuña y Figueroa a los dos y cinco minutos, acortando distancias Alixandre y Boedo a los seis y 25 minutos. Con aceptable arbitraje del señor Pardo, los equipos alinearon así:

LAÑAS: Miaxo; Álvarez, Alixandre, Paxín; Rico, Viqueiras; Ramón V., Recouso, Boedo, Rebolo y Oldán III.

MEICENDE: Balay I; Ricardo, Gelín, Suárez; Chandeira, Cuña; Piña, Vilas, Figueroa, Gorecho y Gago”.

FINGA


13ª XORNADA:

EN ARTEIJO

Se jugó un mal partido con superioridad local. En la primera parte terminó con ventaja local de 2-1. Boedo marcó para los visitantes a los cinco minutos; suso de falta consigue el empate a los 14; a los 19 es expulsado Rico y a los 40 J. Insua marca el segundo en jugada de Monchiño.

A continuación marca Suso a los 15, 16 y 25 de faltas y penalty. A los 35 se anula incomprensiblemente el gol más bonito de la tarde, cuyo autor había sido Benita III.

Por los locales todos estuvieron bien. De los visitantes cabe destacar a Viqueiras, Rebolo y Alixandre. Con aceptable arbitraje de J. Cristobal, los equipos alinearon así:

LAÑAS: Canceleiro; Álvarez, Viqueiras, Armando; Rebolo, Alixandre; Listero, Rico, José María V., Boedo y Oldán II.

ATLÉTICO: Ourense; Rey, Suso, Antonio; José, Gorrión; Monchiño, E. Eduardo, J. Insua, J. Riveiro y Benita III”.

FINGA

 

14ª XORNADA:

EN LAÑAS-LARACHA

La primera parte terminó con empate a dos goles, marcados por Viqueiras y Moncho por los locales, y los visitantes por Patiño y Villaverde. A continuación los visitantes se adelantaron en el marcador con otro gol conseguido por Crego y cuando van transcurridos 22 minutos de la segunda parte el árbitro señor F.Pardo suspende el partido por falta de visibilidad.

Las alineaciones fueron estas:

LAÑAS: Gorecho; Álvarez, Miaxo José Ramón; Alixandre, Viqueiras; Moncho, Rico, José María V., Rebolo y Boedo.

OSEIRO: Chucho; Adolfo, Patiño, J. Zas; Calvo I, Guimarey; Villaverde, Crego, Souto, Atán II y Juan”.

FINGA

 

Última xornada do Torneo de Preparación (Semanario Riazor, 9 de outubro de 1961)

     O Peñarol rematou este Torneo de Preparación no último posto da táboa clasificatoria. Con todo, para o recordo quedan as victorias da primeira xornada diante do Laracha por 5-4 ou a acadada na sexta xornada da competición diante do Atlético Arteixo por 1-0.

(CONTINUARÁ...)

_____________

1 O pseudónimo Finga viña dado polas primeiras letras do nome e apelidos de Fernando INsua GArcía.

martes, 18 de xuño de 2024

HISTORIA DO PEÑAROL DE LAÑAS (1ª parte)

  Soa o vento e cantan os grilos nas noites de verán no Campo da Choca e no Sanín, os terreos de xogo nos que o Peñarol de Lañas ofreceu tantas tardes de gloria aos seus seareiros. Situado nas proximidades do Monte da Angra e do castro de Castelo, onde vive a lendaria galiña dos pitos de ouro, o da Choca leva anos invadido pola daniña Herba da Pampa. O de Sanín hoxe é unha leira agrícola. Localizámola non moi lonxe do suxestivo lugar das Arcas e ao carón do camiño do Igrexario e do rego Aión, onde aínda se manteñen en pé os muíños de Freire e o do Tendeiro. Jaime Traba, presidente da Asociación Recreativa Cultural e Deportiva Fontesvellas de Lañas, falounos da represa que había no de Freire e da praia que se formaba alí co areón que traía este regato que nace na Bidueira. “Na represa deste muíño bañábanse os nenos e os xogadores do Peñarol cando non había vestiarios”, recordaba Traba.

 Á dereita da parte superior da imaxe pódese observar o Campo da Choca (PNOA 2004-2007 https://mapas.xunta.gal/visores/basico/)
Panorámica actual do terreo onde estaba o campo de Sanín. Ao fondo vemos algunhas casas do lugar do Igrexario de Lañas

   O Campo da Choca e o de Sanín parecen estar definitivamente condenados ao silencio. Mais, na memoria de moitas e moitos veciños da parroquia, aínda resoan os berros de ánimo aos seus futbolistas, aos once valentes que cada domingo defendían a camiseta do seu querido Peñarol, un equipo que durante as doce tempadas que estivo federado foi un dos grandes animadores do Campionato de Liga da chamada Zona de Arteixo.

    Corrían os anos corenta do século pasado (unha época na que non poucos arteixáns gañaban o seu pan nas minas de volframio que se explotaban nos montes da bisbarra) cando os rapaces de Lañas empezaron ao xogar ao fútbol na parroquia. Segundo nos contou Jaime Traba, “o primeiro balón que veu para Lañas trouxoo da Coruña o señor Perfeuto de Torres e os rapaces xogaban na horta do Mangolo, en Preguín”.

 

Imaxe actual da horta do Mangolo

    Nesa altura o Deportivo concentrábase con certa frecuencia no Balneario de Arteixo, recinto onde tamén estarían hospedados en maio de 1945 e en xuño 1947 os futbolistas da selección española e do Real Madrid por sendos partidos disputados en Riazor1. Se cadra, o feito de ver con frecuencia naquela época aos mellores xogadores da liga española tan cerca das súas casas puido axudar a que aqueles rapaces da parroquia decidiran que xa era hora de que Lañas tamén tivera o seu propio equipo de fútbol.

    O caso é que, aproximadamente sobre o ano 1945, Ramón de Mosende, Primitivo do Pazo e Fernando Guapito deciden fundar o Deportivo Juvenil de Lañas (bautizado igual que o Club Deportivo Juvenil, filial do Deportivo moi en auxe na época que mesmo chegaría a xogar na Segunda División na tempada 1954-55).

    A nova entidade de Lañas empeza a xogar os seus primeiros partidos nos torneos amigables que habitualmente se organizaban polas festas de verán ou mesmo nalgún día sinalado do inverno.

    O Campo da Choca foi o escenario dos primeiros enfrontamentos que o Deportivo Juvenil de Lañas disputou como locatario dun xeito máis ou menos oficioso. Hoxe chégase alí de xeito doado pola estrada que conduce ao repetidor de Barrañán, mais naqueles “tempos incestuosos”, como dicía o poeta Manuel María, os contendentes atravesaban a pé os carreiros do Monte da Angra, algún deles, seguramente, mirando ben polos arredores a ver se vía a popular galiña e aos seus pitiños de ouro.

 

Aspecto do Campo da Choca na actualidade

   Un dos primeiros partidos disputados neste campo foi o xogado o 1 de novembro de 1950 entre o cadro local e o Laracha, enfrontamento que ía rematar coma o rosario da aurora e que mesmo tivo certa repercusión na prensa herculina. O xornal La Voz de Galicia, cun titular no que anunciaba que “El Laracha gana, pero no hay trofeo”, informaba sobre este enfrontamento dicindo que ”con motivo de la festividad de Todos los Santos, se celebró en Lañas un partido amistoso de fútbol entre el equipo titular y el Laracha F.C.. Faltaban dos minutos para finalizar, y ganaba el Laracha por 2-1, cuando a causa de una discusión, se suspendió el partido, no efectuándose la entrega del trofeo en disputa al equipo vencedor, ya que el Lañas, que lo donaba, se negó a ello”2.

    Casualidades da vida, consultando a hemeroteca de El Ideal Gallego para documentar o libro 100 anos de futbol en Arteixo e A Laracha que publicamos no 2021, tivemos a sorte de atopar un tesouriño etnográfico titulado O equipo da Laracha nun especial dos anos oitenta, con sinatura de Manolo Negreira, dedicado ás festas da vila larachesa no que, a xeito de cuartetos, poñíase de manifesto con certa retranca o acontecido naquel partido xogado no Campo da Choca en 1950:

 

Laracha F.C

foi xogar a Lañas

pero de volver

non lle quedaron ganas.


Non vaiades pensar

que che foi por medo

pois o noso medo

sodes moi pequenos.

 

Mirade o que é xogar

cos da aldea

que perden a copa

e quedan con ela.


Perde o noso equipo,

tamén tivo xenio

despois xa lla daban

e non a quixeron.


E as trangalladas

acaban así,

que os de Laracha

non volven alí.


E os do salón

xa rabeaban coa xente

porque lles marchaban

pra casa de enfrente.


Tirade a orquesta

e o acordeón

que os da Laracha

non van ao Salón.


Bailade a Muiñeira

e bailade a Jota

e despois viredes

pola nosa copa.


Non teñen vergonza.

Non a conocen.

Xa o di o refrán,

o roubado non loce.


E de xogar copas

non quedan vezados

que pola primeira

van ben escalados.


No campo de Lañas

avergonza o dicir

que tivo que acudir

a Guardia Civil.


E eso os de Lañas

téñense por listos

van vir retratados

na caixa de mistos.


Para hoxe está ben,

deixalos en paz,

que o día primeiro

havos de acordar3.

    O Deportivo Juvenil de Lañas ía continuar xogando baixo esa denominación durante varios anos máis, ata que en 1956 Domingo Barreiro Barbeito (Domingo do Pazo), Luciano Naya 'O Listero' e Antonio 'da Casilla' decidiron cambiarlle o nome. Dende aquel momento o equipo pasou a chamarse Peñarol, un cambio que viñera dado pola enorme popularidade da que gozaba o seu homónimo sudamericano ou, se cadra, porque Domingo tiña familia en Montevideo: seu irmán Primitivo (Primitivo do Pazo), que segundo as informacións da súa filla Adriana Barreiro Díaz, emigrou a Uruguai en 1954.

 

Escudo do Peñarol de Lañas

   Precisamente, certo tempo despois (sobre 1960), o propio Domingo ía emigrar á capital uruguaia, cidade na que continúa residindo aos seus 82 anos de idade. En Montevideo tamén vive Primitivo, que vai camiño dos  98 anos.

Domingo e seu irmán Primitivo en Montevideo en maio do 2024 (Cortesía de Adriana Barreiro Díaz)


(CONTINUARÁ...)

_____________

1 O 6 de maio de 1945, con motivo da inauguración oficial do estadio, xogouse en Riazor o partido España-Portugal (4-2). O 22 de xuño de 1947 disputouse en Riazor a final da Copa del Generalísimo (actual Copa do Rei) entre o Real Madrid e o Español, que rematou 2-0 a favor do cadro merengue.

2 Vid. La Voz de Galicia, 5 de novembro de 1950.

3 Vid. “O equipo da Laracha”. El Ideal Gallego, 15 de agosto de 1989. “Fiestas en Laracha”, páx. X.

martes, 11 de xuño de 2024

O NAUFRAXIO EN SORRIZO DA LANCHA 'VICTORIA' EN 1897

  Á unha da tarde do luns, 12 de abril de 1897, a lancha Victoria zarpaba do porto de Malpica cun cargamento de táboas de pino destinadas á fábrica de tabacos da Coruña, industria manufactureira que se puxera en marcha en 1808 e que naqueles últimos anos do século XIX alcanzaría o seu punto máis alto de emprego, con 4.000 operarias nos diferentes traballos de elaboración e funcionamento da tabacaleira, a cifra máis elevada da súa historia.

Trincado Villa de Cedeira construído en 1898, unha embarcación de carga de características semellantes ás que tiña a lancha Victoria (Bernardo Máiz & Enrique Freire (2009): As embarcacións tradicionais. Do arco ártabro a Ribadeo, Edicións Embora, Ferrol, páx, 103).

   Tripulaban a embarcación o seu patrón e propietario, José Martínez, e os mariñeiros José Torrente, veciño de Pontedeume; Miguel Leira e Manuel Leira, de San Salvador de Maniños (Concello de Fene); Juan Cierto, Juan Ríos, Ramón Vila, Evaristo Vila e José Fernández, estes dous últimos con domicilio na parroquia de San Martiño do Porto (Concello de Cabanas). Agás Miguel Leira, que contaba 52 anos, todos os demais eran mozos de 24 a 25 anos. Embarcaran tamén en Malpica con varios paxes de peixe, Dolores Garrido, Ramona Varela, Dolores Varela, Manuela Castiñeiras e Dolores Blanco, cinco mulleres que ían a cidade herculina a vender os seus produtos. Ramona e Dolores Varela eran irmás dun personaxe con sona na Malpica da época, o ilustre Ignacio Varela, tenor galego nado nesta vila mariñeira no ano 1864.1

 

Imaxe do tenor malpicán Ignacio Varela (Joaquín Martín de Sagarmínaga (2010): Mitos y Susurros. 50 años de lírica en España, Editorial Zumaque, Alcalá la Real, Jaén, páx. 135)

    Cando a Victoria zarpou do porto bergantiñán o tempo non era malo, mais ao pouco empezouse a notar un vento do nordés que non tardou en converterse en furacanado. Naqueles intres, cando navegaban por diante do litoral de Arteixo, caería ademais, unha boa treboada que cubriría o horizonte cunha densa cerrazón. A viaxe principiaba a ofrecer gran risco, polo que o patrón decide poñer rumbo a Caión para refuxiarse neste porto.

    De minuto en minuto o vento era máis ameazador e o mar ía enfurecendo de xeito extraordinario, embarcando a Victoria gran cantidade de salseiros a bordo con perigo inminente de afundirse. Tanto José Martínez como o resto dos tripulantes facían esforzos inauditos para arriar as escotas, mais o vento derrubaba sobre cuberta os mariñeiros. A confusión a bordo era inmensa, tan grande como os esforzos en van dos seus ocupantes para gobernar a embarcación á que, nun dos seus acentuados abaneos, acabaríaselle correndo a carga sobre o costado de estribor facéndoa afundir nas proximidades da enseada de Lourido. 

 

Enseada de Lourido

    Imposible describir o acontecido naqueles intres. Os nove mariñeiros e as cinco peixeiras de Malpica, que non tiveran tempo a darse conta do naufraxio xa que viaxaban no camarote do patrón, irían nun abrir e pechar de ollos ao fondo do mar. Medios de salvamento a bordo non había, só unha pequena chalana de cabida para tres persoas que remolcaba a lancha de José Martínez. Deuse o caso de que nun dos primeiros golpes de mar a embarcación auxiliar ceibouse da principal e, tralo naufraxio desta última, quedou flotando ao garete a unhas trinta ou corenta brazas de distancia da Victoria. Os mariñeiros que foran quen de saír á superficie empezarían a nadar cara o casco da lancha naufragada que, ao envorcar, quedara coa quilla ollando o ceo. Todos menos dous chegarían a termarse dela mentres se mantivo a flote.

    Tamén aparecerían dúas das mulleres. Unha delas logrou asirse a unha táboa e un dos mariñeiros, procurando salvala, apresurouse a xuntar varios taboleiros para formar, como malamente puido, unha especie de balsa que amarrou cunha corda. A esta mesma balsa, pequena e insignificante, subiríase tamén José Fernández, outro dos tripulantes que non fora quen de poñerse a salvo na quilla da Victoria, mais a ondada iríaa separando e xa non se volvería a saber máis daqueles infelices, o mesmo que da maioría dos mariñeiros que permanecían asidos na quilla da lancha, que cando afundiu definitivamente desaparecerían con ela. Só se salvarían dous: o patrón José Martínez e o tripulante de Pontedeume, José Torrente.

    O patrón, que aínda divisaba a chalana, naqueles momentos de angustia nadaría vigorosamente ata alcanzala. Estaba sen remos e sen toletes. Meteuse dentro e pouco despois escoitou, moi próximos, berros desesperados. Afundíndose ás veces e saíndo outras á superficie, viu, non moi lonxe, unha das peixeiras de Malpica. Tratábase da rapaza de 18 anos Manuela Castiñeiras, que estaba apoiada nunha táboa. Subiu a moza a bordo axudado polo mariñeiro Torrente, que nadara ata aquel punto, e a continuación os tres náufragos deixáronse ir impulsados polo vento e as ondas. Pola dirección que levaban déronse de conta de que non tardarían en esnafrarse contra as rochas do litoral de Sorrizo. En vista disto tentaron dirixirse cara a Caión mais, cando querían poñer esa dirección na pequena chalana, era imposible xa que o mar rompía alí dun xeito impoñente. Terían que virar a sotavento e encamiñarse cara a enseada de Lourido, onde ao estar próximos a terra, como o arribo non era doado, Martínez lanzaríase unha vez máis a auga, para suxeitar a chalana e, entre él e o seu compañeiro Torrente, desembarcarían a Manuela Castiñeiras. 

 

Litoral de Sorrizo

    Os tres náufragos superviventes chegarían a pé a Caión, onde son auxiliados polas forzas de carabineiros e pola veciñanza, que os recollería nas súas casas. Pouco despois, coas primeiras luces do día, saen do porto caionés varias embarcacións comandadas polo patrón Martínez cara a costa de Arteixo, co obxecto de buscar máis superviventes. Á altura do Lourido fan todo tipo de operacións para atopar á Victoria e os corpos dos náufragos mais, despois de inspeccionar durante todo o día cada punto e cada palmo do litoral arteixán, os esforzos resultarían infructuosos.

    O que sí atoparon foi unha gran cantidade de madeira que a lancha transportaba para a fábrica de tabacos. José Martínez, cando andaba a procura da súa embarcación, chagaría ata o areal de Sabón, onde xa había dous carabineiros que foran a pé dende Caión. Segundo as crónicas da época, na praia había infinidade de persoas "(…) que se dedicaban, burlándose de los carabineros, imponiéndoseles por la superioridad numérica, a recoger la madera e irla apilando o cargando en carros".2

 

La Opinión de Pontevedra, 18 de abril de 1897

    Aquilo resultaba verdadeiramente escandaloso. Cando viron ao patrón, ou mellor dito, cando se enteraron que era un dos náufragos, asediárono a preguntas. Acerca do seu estado? Respecto ao número de víctimas? Nada diso. Preguntaban polos cartos que a lancha levaba; se estaban colocados nalgunha caixa; cal era o cargamento da embarcación; etc, etc. Martínez, "que es un mozo fornido y valiente"3, de seguro que de non estar tan rendido faría pagar cara alí, a algúns dos presentes, a súa falta de humanidade e cobiza.

   Mais nada puidera facer. Uns minutos despois daqueles lamentables feitos presentábanse en Sabón dous carabineiros máis, os do posto de Pastoriza, a quenes o patrón informou do que estaba pasando no areal. Unha vez souberon o que alí acontecía, os dous carabineiros de Pastoriza xunto aos outros dous de Caión, empezaron a arremeter contra os crebeiros arteixáns, feito que lles darían a estos máis ánimos para tratar de acometer a acción das escasas forzas da orde. Os carabineiros, véndose en apuros, dispararon varios tiros ao ar e, a continuación, detiveron os propietarios dos dous carros que estaban ateigados dos taboleiros que pretendían roubar.

    Tras este lamentable incidente, o patrón e o mariñeiro dirixiríanse á Coruña e a moza Manuela Castiñeiras regresaría dende Caión a Malpica. José Torrente era a cuarta vez que naufragaba e que, por sorte para él, lograba salvarse. Martínez sería atendido na cidade herculina na casa do seu parente Ramón Casal, onde estaría durante varios días recuperándose do abatemento da traxedia na que faleceran sete mariñeiros e catro pasaxeiras; un patrón que tiña na lancha, gardados nun saquiño, 288 pesos que se cadra aínda permanecen nas profundidades oceánicas desta parte do Atlántico. Martínez tamén levaba un xiro dunhas mil pesetas endosado por D. Santiago Cachón á orde de D. Santiago Cabanillas, da Coruña.

    Unhas semanas despois do naufraxio a prensa galega da emigración informaba que “(…) por ahora no se tiene noticia alguna acerca de los náufragos de la lancha 'Victoria', de Malpica, ni aparecieron los cadáveres de las víctimas. Las pasajeras Dolores y Ramona Varela, que han perecido, eran hermanas del aplaudido tenor Ignacio Varela”.4

_________

1 Ignacio Varela chegara a actuar en 1894 nas celebracións pola coroación do último dos zares, Nicolás II de Rusia. Coa súa muller, a tamén cantante Bibiana Pérez, viaxou ata San Petesburgo para interpretar Os pescadores de perlas, a ópera de Georges Bizet, no Teatro Imperial. Ao ano seguinte, “o noso Plácido Domingo”, volvería facer historia para o canto galego ao estrear en La Scala de Milán a ópera de Enrique VIII e con posterioridade, nos mellores anos da súa carreira artística, tamén actuaría en Roma con La Traviata, ao lado dunha das figuras da época, a soprano Gemma Bellincioni. Nado en Malpica no ano 1864 e fillo dunha humilde familia de mariñeiros, tras emigrar a Cuba, Ignacio Varela voltaría a Galicia, onde casa coa soprano Bibiana Pérez e, ao deixar a súa carreira musical no ano 1901, o matrimonio funda na Coruña unha escola de canto pola que pasarían algunhas intérpretes ilustres como a soprano coruñesa María Luísa Nache, que chegaría a interpretar Medea de Cherubini en La Scala de Milán xunto á célebre María Callas. Ignacio Varela, que falecería en 1923, investira gran parte das ganancias como tenor na súa vila natal, ao montar unha fábrica de salgadura de peixe. Ademais, tamén tiña en propiedade dous pesqueiros, La Conchita e Arturo.

2 Vid. La Opinión: diario de Pontevedra, 18 de abril de 1897, páx. 3.

3 Cfr. Ibidem

4 Vid. El Eco de Galicia , Buenos Aires, 20 de maio de 1897, páx. 6.

martes, 4 de xuño de 2024

O MONUMENTO AO 'VOYEUR'

   Un dos grandes reclamos turísticos do Arteixo actual, sobre todo para os imstagramers, é o Monumento ao Voyeur, tamén coñecido coloquialmente como 'Mirón' ou 'Vixiador.'

 

(Foto de Xabier Maceiras)

   Situado enriba do chamado Pichón da Bogueira, entre A Bogueira (zona de abundancia de bogas, un tipo de peixe) e o pequeno areal da Ermida, leva instalado nese lugar dende o ano 2006, dende que se construíu o Paseo Marítimo que une Sabón con Barrañán.

 

(Foto de Xabier Maceiras)

   É obra do escultor madrileño Enrique Saavedra Chicheri, artista con obra salpicada por todo o mundo (Los Ángeles, Nova York, Girona, Madrid…)

 

(Fotos de Xabier Maceiras)

   Cun peso de 3.500 quilos e unha lonxitude de 14,5 metros, trátase dunha escultura dun enorme anteollo elaborada en aceiro tipo corten, que ten unha lixeira mestura de cobre para proporcionarlle un efecto de óxido que impide que sufra as agresións do medio ambiente.

 

(Foto de Xabier Maceiras)

   Enrique Saavedra confesou no seu momento que, con esta obra, quixo rirse de algo que está mal visto como o de ser un mirón. A verdade é que todos e todas o somos en menor ou maior grado, ¿non?

   Ademais, Saavedra quixo transmitirlle ao público que, podendo mirar todo o que temos arredor, en ocasións só nos fixamos nun puntiño, como o ollo do Monumento ao Voyeur, e perdemos de vista todo o resto.

 

(Foto de Xabier Maceiras)

   En definitiva, é un monumento ao mirón e un monumento para que o mirón probe da súa propia medicina: a persoa que suba á silla estará condenada a ser mirada pola xente que nese momento camiñe polo paseo.

 

(Foto de Xabier Maceiras)

   Na realidade, se vos fixades, o anteollo é unha especie de frecha enorme que sinala ao mirón. Mais o significado fundamental da obra é o que lle queira dar cada persoa que se deteña a contemplala. Xa contaredes!

   Ata a vindeira semana!