venres, 27 de abril de 2018

RAFAEL SOUTO, UN ARTEIXÁN NAS SEMIFINAIS DO MUNDIAL DE 1954

     De pai de Arteixo e nai de Carballo, que fixeran a maleta da emigración nos anos vinte do século pasado na procura das oportunidades que non tiñan na súa terra de nacemento, Rafael Ángel Souto Castro nace en Montevideo o 24 de outubro de 1930, tan só uns meses despois de que Uruguai conquistara, xogando coma país anfitrión, o primeiro Mundial da historia.

Rafael Souto no Atlético de Madrid
   Cando era un cativo de poucos anos, xa se apreciaba no noso protagonista que podía ter futuro no mundo do balón demostrando, en cada partido que xogaba nas rúas do seu barrio, que tiña unhas condicións innatas para a práctica do fútbol.  

     O bo facer do rapaz chegaría aos oídos dos técnicos do Nacional de Montevideo, que o ficharían para as súas categorías inferiores na segunda metade da década dos corenta. Rafael debutaría no primeiro equipo en 1952, ano no que forma dianteira con Jorge Enrico, Julio Pérez, Héctor Rial e Javier Ambroi e, saborea por primeira vez as meles do éxito ao proclamarse campión de Liga cun Nacional no que había outros dous fillos de galegos: José Emilio Santamaría e Héctor Ríal, que non tardarían en fichar no Real Madrid.
 
      As boas actuacións de Souto no seu equipo, onde habitualmente xogaba polas dúas bandas do ataque deixando un pulmón en cada partido coas súas chegadas á portería contraria, levaríano a vestir a elástica da selección charrúa na Copa América de 1953 celebrada en Lima.  

  Alí, en Perú, o arteixán-carballés xogaría tres dos seis partidos do campionato e Uruguai acabaría ocupando o terceiro posto do torneo con 7 puntos, a só un de Brasil e Paraguai, campión e subcampión respectivamente.

La Voz de Galicia, 25 de agosto de 1958
      Ao ano seguinte, en 1954, uns días despois de que Rocky Marciano revalidara por terceira vez o su título de campión mundial dos pesos pesados, Souto viaxa a Europa para disputar o Mundial de Suiza co combinado charrúa, combinado no que tamén figuraba outro fillo de arteixáns: Oscar Míguez, futbolista campión do mundo en 1950 do que xa vos teño falado en algunha que outra ocasión.

      Nos partidos da primeira ronda, ante Austria, Checoslovaquia e Escocia, Rafael Souto non disputaría nin un só minuto, o mesmo que lle acontecería no encontro de cuartos de final ante Inglaterra, no que os sudamericanos vencen aos británicos por 4-2. Sería no encontro de semifinais, ante Hungría, onde se produciría o seu debut, que viñera dado pola lesión de Julio Abbadie, mancado no partido anterior. Húngaros e uruguaios xogarían o que para moitos entendidos foi o mellor partido da historia dos mundiais, un partido que remataría 2-2 e que se resolvería na prórroga con dous goles de Kocsis para os europeos. Uruguai, sen a presencia de Souto nin de Míguez, despediríase do Mundial de 1954 perdendo 1-3 a final de consolación contra Austria.

Imaxe do Mundial de Suiza de 1954 na que o porteiro de Hungría, Gyula Grosics, golpea o balón baixo a presión de Rafael Souto

     Unhas semanas despois de finalizar o Mundial de Suiza, Rafael asinaría un contrato por dúas tempadas co Atlético de Madrid, mais no cadro colchoneiro tería unha actuación bastante gris, xogándo tan só catro partidos na campaña 1954/55, na que anota un gol na victoria por 4-1 que os madrileños consiguen ante o Alavés na 5ª xornada, e só un partido na 55/56, tempada na que acabaría xogando cedido no Elche.

     En 1957, volve ao Nacional de Montevideo e acada o título de Liga co equipo dos seus amores, no que permanece ata que recibe a chamada do R.C. Deportivo da Coruña, naquela hora en Segunda División, para xogar dúas campañas. Na primeira delas, a 58/59, formando parte da dianteira que integra con Polo, Vigo, Moll e Manchón, Souto anota catro goles nos dezaoito partidos que xoga coma titular, unha actuación que, aínda demostrando boa técnica e dominio do balón, sería discreta polo que só permanecería no cadro deportivista unha das dúas tempadas que tiña asinadas. Rafael, tralo seu efímero paso pola terra na que naceran seus pais, voltaría a Uruguai, onde xogaría algúns anos máis ata a súa retirada definitiva dos terreos de xogo.



venres, 20 de abril de 2018

ANTONIO SANJURJO, "O ALEMÁN" DO RAÑAL

     Nos primeiros anos da miña infancia o Home do Saco, o ser malvado que se adicaba a roubar nenos, era de quen botaban man a avoa Carme e mamá cando facía algunha que outra trasnada. Naqueles felices anos setenta, cada dous por tres ameazábanme con él. “Como te sigas portando mal vaite levar o Home do Saco”, dicíanme día si e día tamén tratando de asustarme para que lle puxera fin as miñas falcatruadas diarias. Mais pouco ou ningún medo me daba a min ese home, que seica andaba polas aldeas metendo nun enorme saco aos nenos máis rabudos que, polas trasnadas que se facían naquela hora, abofé debería ser ben grande! ¿Quen podía crer tal cousa? Nunca chegara aos meus oídos, e mira que sabía de moitos rapaces que fixeran travesuras moito máis grandes que as miñas, o nome dalgún neno que desaparecera no saco daquel temible e lendario ser. A ameaza caía polo seu propio peso!

     Mais a min, naquela década dos setenta, quen me daba verdadeiro pánico, e a avoa e mamá sabíano, era Antonio o alemán, que para todos os cativos do Rañal, a aldea na que me criei, era o noso particular Home do Saco! 

     Din que o medo nunca se esquece. No meu caso podo afirmalo con rotundidade porque aínda lembro, como se fora onte, a sensación que me producían os cangrexos, eses seres ermitáns de estraños ollos cos que tiña grandes pesadelos. Mais o medo que me causaba Antonio, Antonio o alemán, pouco ou nada tiña que ver co dos cangrexos. Non, él provocaba en min unha sensación de terror, de pánico… si, todo hai que dicilo, era un medo de cagarse polos pantalóns!

    

     Juan Antonio Sanjurjo Costa, ese era o seu nome completo, nacera no Rañal, a poucos metros da nosa casa, o 8 de abril de 1920 no seo dunha familia humilde que traballaba de sol a sol para ter algo que levar á boca. Seus pais non paraban de ter fillos e, con tantas bocas que alimentar, a vida naquel fogar non era doada. A infancia de Antonio Sanjurjo, coma a da inmensa maioría dos nenos de aquela hora, fora dura, moi dura, e máis aínda nun fogar con moitos cativos como era o seu. Supervivencia, sacrificio e traballo, convertiríanse na sinal de identidade de cada un dos Coireiros, o alcume da familia, que co tempo chegarían a ser once irmáns que se espallarían, a maioría deles, polo mundo adiante na procura dunha mellor vida.

      Antonio, con dezaseis anos recén cumpridos, alístase na "Legión" para loitar na Guerra Civil nas filas fascistas e de aí pasaría á División Azul, onde sería un dos 47.000 soldados que Franco enviara á fronte rusa para apoiar a Hítler, nun intre no que España mantiña a “neutralidade” na contenda mundial. Alí, en Leningrado, combatería contra os rusos na 250ª División de Infantería da Wehrmacht nazi pasando fame e moito frío, unhas vivenzas sobre as que contaba que tiña os seus propios recursos para “non pasalo mal de todo”. O frío combatíao bebendo moito, tanto que un día que lle gañara unha aposta a un capitán vasco bebera dúas botellas de coñac. Mais a friaxe non pasaba e nunha ocasión ata se lle conxelaran as mans de tanta neve que había!

Antonio, coa División Azul ("El franquismo en Galicia")
-Un oficial dixérame que metera as mans nela para quitar o frío. Eu non cría tal cousa, mais dera resultado!

     Sempre admitiu que fora a Rusia por intereses económicos máis que políticos. Segundo o seu testemuño… “aos soldados que participaban en avanzadillas pagábanlles moitos máis cartos que aos outros”, mais Antonio non quixera ir. Tiña claro que se fora alí non tardaría en morrer polo que… “ao igual que en calquera traballo adicábame a facer o que me mandaban sen rechistar”. O medo e o frío combatíaos con coñac, mais a fame xa era outro conto! Pasou tanta que, nunha ocasión, despois de comer graxa de máquina, buscaría refuxio na cociña partindo leña todo o día. “Era un traballo duro, mais pouco me importaba porque sempre tiña algo ao carón para meter na boca”.

     Dos rusos afirma que “eran xente coma nós” e que cos alemáns entendíase “con señas, coma os mudos”. Nin falla que lle facía porque ás veces era mellor non entender. As tropas nazis non tiñan reparo algún para fusilar a un dos seus se era necesario, como o día que Antonio presenciara como mataban friamente a un compañeiro por dispararse accidentalmente nunha man ao cargar a arma, erro que él nunca cometería:

-Non oh, eu era ben rápido. Desarmaba e armaba un fusil en quince segundos… e cos ollos pechados!

     Tras sete anos polo mundo adiante, combatendo en dúas guerras, pasando miserias, frío e fame, moita fame, no mes do Entroido de 1943 volta a Arteixo. Na casa xa o daban por morto. De feito, ata lle fixeran unha misa. Ao chegar ao Rañal, desorientado, tivo que ver primeiro o mar da praia de Alba para decatarse que estaba na casa, e, a partir daquel día, na aldea cambiaríanlle o alcume. Agora xa non era Antonio do Coireiro. Non, agora era Antonio o alemán , o alemán do Rañal.

      A versión de familiares e veciños é que... “marchou tocado dunha ala e voltou moito peor, o mesmiño que vemos nas películas cando os americanos voltan de Vietnam”, afirma unha sobriña, trastorno psiquiátrico que o levaría a converterse o resto dos seus días nunha especie de Dr Jekyll e Mr. Hyde.

Antonio con algunhas veciñas do Rañal nos anos 70
     Na súa longa ausencia, a familia aumentara considerablemente. Agora con él eran once irmáns. Aos varóns, faríaos cómprices do seu mundo interior e das súas experiencias bélicas, formando con eles o seu pequeno exército ao que facía desfilar na horta da casa:
-aru, ush, aru, ush, aru, ush, marqueeen, marqueeen!
-paso lixeiro, paso lixeiro!
-aru, ush, aru, ush, aru, ush, marqueeen, marqueeen!

     O seu vocabulario deixaba presente, naqueles días, o seu pasado máis recente e así, se estaba no alpendre, dicía que estaba no bunker; se plantaba ou sachaba nas patacas, dicía que facía trincheiras; se tiña fame preguntaba se estaba o rancho feito; cando recollía nas cebolas, as que non valían apartabaas como se foran bombas de man… a casa do Coireiro, máis que ser unha casa de labradrores semellaba un verdadeiro cuartel das S.S.

     Os seus novos enemigos eran os cativos. Non os podía ver! Toleaba e poñíase dos nervios cando vía un grupo de tres ou catro nenos, aos que sempre lles soltaba algunha das súas barbaridades:

    -vides facer mal, condenados!
    -se tivera unha metralladora fusilábamos a todos!

    Tras soltar aquel veneno pola boca, corría e espantaba aos cativos con todo tipo de ameazas, como se para él de rusos se trataran. Primeiro sementaríalle o medo no corpo aos nenos nados nos corenta, é dicir, a meus tíos e aos da súa quinta. Logo, sucesivamente, faríao cos rapaces que viñeron ao mundo nos anos cincuenta, nos sesenta e nos setenta, a miña xeración. Corenta anos espantando nos nenos e a cousa non queda aí, porque ata pouco antes de morrer, camiño xa dos 100 invernos, seguía a meterlle medo aos cativos, entre eles os meus fillos David e Brais, que estaban ben vacinados contra ese mal.
 
Antonio na leira da súa casa nos anos 70
     Nada máis chegar de Rusia, o alemán do Rañal axudaba na casa coa tarefa dos coiros (de aí o alcume da familia), que vendían para a fabricación de solas de zapatos en Pedra Furada, pola zona de Monelos, a un tal don Agustín. Naquel lugar, e segundo nos contou en máis de unha ocasión:

   -Un día a pouco máis mato a un home. Pensei que me levaban preso. Déralle bolas de alcanfor, pensando que eran castañas, a un paisano que traballaba alí e non morreu de casualidade!

    Cando o negocio dos coiros chegara ao seu fin, o mar convértese na súa saída económica, collendo nas rochas do litoral do Rañal, polbos e percebes que vende na marisquería "El Gallo de Oro". Mais de cando en vez, cando aparecía en escena o Dr. Jekyll e Mr. Hyde, a captura non chegaba ao seu destino: empezaba a berrar coa familia, facía un burato na horta e enterraba todo!

     Antonio contaba, coas súas habituais esaxeracións, que a leira da casa daba "máis de 20 toneladas anuais de patacas de boísima calidade" grazas ao esterco que produciron os polbos que fora enterrando ao longo dos cabreos da súa vida!

      Mentres que os seus irmáns cativos non se foron facendo adultos, na casa non había quen lle parara os pés. Non tiña respecto por nada nin por ninguén. Mais, anos máis tarde, o conto cambiaría: sería algún dos irmáns quen faría desfilar a Antonio!

     Entre finais dos sesenta e principios dos setenta, gañaríase o pan como pinche da empresa encargada da construción do depósito de augas do Polígono Industrial de Sabón, o que está no Monte de San Tirso. Era a primeira vez que estaba asegurado e, ao remate desta obra, pasaría a traballar na chatarrería Santa Cruz, que sería o lugar onde Antonio se xubilaría.

Imaxe dos anos 70 de Antonio Sanjurjo
     Mais antes disto, antes de que principiara a desfrutar da súa xubilación, no Nadal de 1984 embarrancara no Rañal, por mor do forte temporal daqueles días, a plataforma Príncipe Bernardo, unha mole de aceiro de 110 metros de longo por 20 de alto que estaba sendo remolcada dende Holanda ata o Brasil. Unhas semanas despois de embarrancar, e logo de que a empresa propietaria comprobara a imposibilidade do seu refrotamento, a Santa Cruz empezaba o despece da plataforma. Antonio o alemán tiña, coma nos tempos da División Azul, unha nova misión: vixiar con uñas e dentes todas as noites que ninguén andivera por alí. Para tal cometido, o seu xefe leváralle un vello fúsil comido polo óxido e, entrando no papel e no mundo do alemán, dixéralle que lle pedira identificación a todo Cristo que se movera por alí. Dito e feito… aos pescadores que ían polas noites botar uns lances ao Carreiro, ou á zona da Bogueira, tenlles dado algún que outro susto co seu...

   -alto, quen vai!
   -corpo a terra, corpo a terra!

     Antonio o alemán continuaba tendo a mente na fronte rusa, algo que faría o resto da súa vida!
    
Imaxe recente de Antonio
     Como si do doutor Jekyll e Mr Hyde se tratara, nos intres que estaba de boas, ás veces viña rindo para xunto dos cativos cando estábamos xogando preto da súa casa e soltábanos a frase coa que Gabi, Fofó, Miliki e Milikito, os paiasos da tele, principiaban o seu programa diario:

   -Como están ustedeeees?
   -beeeeen!, respostábanos nós.

    Pouco lle duraba a alegría, xa que uns minutos despois, era ben raro que non lle cambiara a cara, torcéndoselle o mirar, e, botando espuma e veneno pola boca dicíanos que nos ía fusilar a todos, rutina coa que a medida que fumos cumprindo anos, entenderíamos que Antonio facía o mesmiño que o can do conto, ese “can ladrador, pouco mordedor”. Mais así e todo, teño que recoñecer que moito medo me fixo pasar este homiño na miña infancia, medo do que hoxe me río ao lembrar como a avoa Carme e miña nai Amelia o utilizaban contra min cando facía algunha das miñas trasnadas. A ameaza do Home do Saco non lles dera resultado. A de Antonio, con aquela frase coa que sempre me berraban “vas ir durmir co alemán”, era outro conto. Para elas era santo remedio!


sábado, 7 de abril de 2018

AS PRIMEIRAS BICICLETAS DE ARTEIXO

     As bicicletas son na actualidade cada vez máis lixeiras e sofisticadas e ademais, o seu continuo uso está moi estendido en boa parte do planeta. Non se trata só dun xoguete para nenos ou dun vehículo deportivo. Non, abofé que non, xa que hoxe son moitas as cidades que teñen sistemas públicos de aluguer por horas e carrís bici para fomentar a súa utilización. Mais houbo un tempo no que non era tan doado velas polas grandes urbes ou vilas, chegando incluso a estar consideradas como unha novidade tecnolóxica pasaxeira.

     Por incrible que pareza hai xa 200 anos que o barón alemán Karl von Drais fabricou a que está considerada como a bicicleta pioneira, un modelo ao que lle chamaría “máquina corredora” (laufmaschine en alemán) e que a prensa bautizaría Draisine ou velocípedo. Von Drais construira en 1817 aquela bicicleta, que era de madeira e funcionaba empuxándose cos pés, co obxectivo de ofrecer un medio de transporte máis barato e fácil de manter que os cabalos. O modelo gañaría certa notoriedade, ata o punto de que o poeta John Keats falou deste invento como de “a nada do momento”, segundo aparece en The New York Times. Dúas décadas máis tarde, en 1839, o ferreiro escocés Kirkpatrick MacMillan inventaría (hai algúns historiadores que dubidan de que a invención se lle poida atribuir a MacMillan) a bicicleta a pedais, aínda que sería o inglés Thomas McCall o que empezaría a fabricar este novo invento en 1869. Nesa altura, neses anos 60 do século XIX, popularizaríase o modelo vendido como velocípedo, unha bicicleta que tiña o pedal na roda dianteira e que tamén era coñecida co nome de “bone shaker” (axitaosos) por mor do que acontecía cando se levaba polas rúas empedradas. Aínda que é probable que houbera modelos anteriores, o fabricante de carriños para bebés Pierre Lallement sería o primeiro en patentar a bicicleta a pedais. 
 
      En 1870 empezaríase a fabricar a bicicleta de roda alta, sendo un dos modelos máis coñecidos (e caros) a Ariel, de James Starley. Aínda que agora resulta estraño, estas bicicletas eran máis cómodas que as súas predecesoras, mais a súa popularidade foi limitada porque, segundo a web Ibike, “necesitaban un acróbata”. Trátase da primeira bici construida totalmente en metal, grazas aos avances da metalurxia á hora de fabricar pezas lixeiras e pequenas. Sinalar tamén que, por aqueles días, as rodas eran cada vez máis grandes dado o avance que proporcionaba cada pedalada. De feito, algúns modelos chegaban aos 40 quilómetros por hora, mais como a seguridade era un problema, tamén se fabricarían modelos con tres ou catro rodas.

Modelo da década de 1890
      A partir da década de 1880 xurdirían as chamadas “bicicletas de seguridade”, precisamente para afondar no risco de caídas dos modelos anteriores. A primeira que saiu ao mercado foi a Rover, obra do enxeñeiro J. K. Starkley, que eran unhas bicis xa moi parecidas ás actuais, con dúas rodas do mesmo tamaño e o cadro en forma de diamante. Ademais, en 1888, John Dunlop inventaría as rodas neumáticas, facendo máis cómodos os traxectos. E en 1889, o estadounidense Isaac R. Johnson patentaría unha primeira bicicleta plegable.

      Nos anos 90 deste século XIX do que estamos a falar, as bicicletas principiarían a fabricarse en masa e para as mulleres, que as utilizaban cada vez máis, convertiríanse en todo un símbolo de liberdade, unhas bicicletas que serían asociadas moitas veces aos movementos sufraxistas femininos. 

Modelo de 1898
     Nas crónicas da época da altura tamén aparecen recollidas varias novas sobre algún que outro accidente acontecido por aqueles días nos camiños de Arteixo, principalmente na costa de Oseiro, entre elas a publicada no xornal El Lucense: diario católico de la tarde que, na súa edición do 21 de xuño de 1897, cóntanos que ”(…) el Sr. D. Felipe Altadill salió anteayer mañana a las cinco montando una máquina Opel a recorrer la carretera. La desconocía en gran parte, y al llegar a Oseiro, media legua distante de Arteijo, se dejó ir cuesta abajo, por no apreciar bien la pronunciadísima pendiente que allí existe. Parece que hasta llevaba puestos los piés en el descanso. En el centro de la cuesta había parado un caballo y contra él fué a chocar la máquina. El Sr. Altadill fué lanzado a bastante distancia quedando sin sentido. La bicicleta quedó destrozada. Las dos ruedas se hicieron dos ochos, y casi se deshizo el cuadro. Unos aldeanos recogieron al señor Altadill y lo llevaron a una casa próxima, prestándole los primeros auxilios”.

Manuel María Puga, Picadillo
      Dicir quen foi a primeira persoa do municipio arteixán que tivo unha bicicleta podedes imaxinar que é misión imposible, mais o que non é rocambolesco é afirmar que unha das primeiras foi a de Manuel María Puga, Picadillo, un persoeiro que tamén deixaría latente a súa enorme curiosidade por todas as innovacións do seu tempo, converténdose nun apoixoado usuario de moitas delas como o automóbil, o gramófono ou a fotografía, afección grazas á cal ducias de veciños e veciñas de Arteixo poideron enviarlle aos seus parentes emigrados en América retratos feitos por el no Pazo de Anzobre. Co seu humor tan particular, Picadillo queixábase que os fabricantes de bicicletas non deseñaban modelos adecuados para persoas do seu peso, que nalgúns momentos da súa vida chegaría a ser de 270 quilos.

      E chegamos xa ao século XX, tempos novos nos que os automóbiles comezan a estenderse, principalmente a partir dos felices anos 20, feito que levaría a que os fabricantes de bicis se fixaran nun novo público: os nenos, con deseños cada vez máis ostentosos e chamativos, engadindo na década dos 50 elementos que en moitas ocasións lembraban a avións e a foguetes espaciais. Precisamente un neno arteixán de aqueles anos 50, Julio Mancebo, que xa hai uns anos que desfruta da súa merecida xubilación, contoume nunha ocasión que o Arteixo da súa infancia cambiaba notablemente coa chegada do verán, pois nesa época estival ...”viñan moitos rapaces e aumentaban as posibilidades de diversión, porque tiñan xoguetes que nós non tiñamos: patíns, bicicletas, balóns de coiro, raquetas de tenis... Case todos aprendimos a montar en bici a conta dos veraneantes, e tamén a patinar na pista do Balneario. Tamén recordo que no baixo do almacén de Manolito de Ayán que daba a corredoira de detrás da Fonte había un taller de bicicletas onde podías alugar por media hora ou máis, pero non había cartos para facelo. Por certo, o dono do taller chamábase Anselmo. O pobre non fixo moito negocio”. Julio Mancebo tamén lembraba que ...”os domingos tamén alugaban patíns no Balneario e por poucos cartos podías levar unhas cantas cuadas mentres tratabas de aprender a gardar o equilibrio. Os rapaces que viñan todos os anos eran, entre outros, Fernando e Carlos Arrojo, que tiñan vivenda na Baiuca; Waldo e Miki que alugaban a casa que estaba ao lado do Gallo de Oro; e os que paraban no hotel do Balneario: Juan José Baquero e a súa irmá Pili, Antonio, Argimiro, Luciano e Maricarmen Vázquez Guillén que xogaba con nós ao fútbol e lle chamabamos Kubala, Fernando "Lerenco", Escribano ou Ana Del Río, que era filla dos administradores do Balneario por aquel entón. Tamén viña sempre Juanechas que estaba na casa da súa avoa doña Brígida”.

Imaxe dos anos 50 do Balneario. A nena da bici é Ana del Río.
      Do mesmo xeito, o tamén arteixán Manuel Rodríguez Pan, veciño de Oseiro nado no Rañal en 1936 e tío de quen escribe, tamén afirma que naqueles anos 50 nos que empezou a gañarse a vida traballando como escaiolista ...”ía e viña todos os días andando da Coruña, e coma min moitos dos meus veciños. Daquela o soldo dun obreiro era de 103 pesetas á semana e non se podían gastar no trolebús porque senón os cartos non chegaban a nada. Había algún afortunado que tiña bicicleta, coma meu sogro, que cando lle subiron o soldo no seu traballo empezou a ir en bús e daquela eu herdei a súa bici. Anos despois xa comprei o meu primeiro coche”.

      Aqueles tempos nos que as bicicletas convivían con cabalos e burros que transportaban as colleitas que se vendían na Coruña, aqueles tempos nos que ter unha bici era case o mesmo que ter hoxe en día un coche, darían paso a outros tempos de certa mellora económica na que nos criamos moitos dos nenos e nenas de Arteixo que viñemos ao mundo nos anos 60 e nos 70, tempos nos que os nosos pais comprarían a nosa primeira bici na tenda de Cachaza na Coruña, como foi o meu caso, ou na de “Milmañas” como foi o caso de Fernando Barreiro, un arteixán nado en 1963 que recentemente lembraba que ...”podías encargar a bicicleta no taller de Milmañas. Se non recordo mal, penso que facía de intermediario. El traías do almacén de Cachaza na Coruña”.

      Anos despois abrirían en Arteixo “Motos Barbeito”, negocio no que tamén se vendían (e venden) bicicletas, e “Castro Amado”, un establecemento que estaba situado na Avenida de Fisterra, nese edificio de deseño triangular que está á man esquerda dirección a Carballo, e que vendería ducias de bicis durante bastante tempo, se cadra ata a chegada a Coruña das primeiras grandes superficies comerciais. Actualmente en Arteixo o mundo da bicicleta é cousa de UnionBike, que teñen o seu negocio en Vilarrodís (Rúa Carlos Maside nº 6), e de Artebike, que están no número 203 da Avenida de Fisterra da capital do municipio.


FONTES:

-RUBIO HANCOK, JAIME. Hace 200 años de la primera bicicleta: estos fueron los primeros modelos. El País. Verne. 19 de abril 2017.

venres, 23 de marzo de 2018

O CASTRO DE FIGUEIROA E A VÍA XX PER LOCA MARÍTIMA


Fabulación do castro de
Figueiroa da autoría de Roberto Castro
     
     Poucos lugares hai no concello de Arteixo que conten co pasado esplendoroso que ten a aldea de Figueiroa, terra de historia, de lendas e de recunchos nos que aínda se conservan innumerables pegadas que falan da importancia que no seu momento tiveron o castro; o Pazo dos Borrazas, antiga Casa do Concello e parada de postas; ou a Ponte dos Brozos e o Camiño Real Coruña-Fisterra, que segundo a profesora Elisa Ferreira Priegue neste treito ven a coincidir cun camiño medieval, o Camiño de Bergantiños, que viría dende Lendo (A Laracha) e pasaría por Figueiroa, un camiño que xa aparece documentado no século XIII nun percorrido realizado polo rei Alfonso IX por terras de Bergantiños, reconstruído polo historiador Parga Pondal.

Imaxe da Ponte dos Brozos. Ao fondo, Figueiroa
      A arqueóloga arteixá Puri Soto afirma que a persistencia desta vía ao longo do tempo permitiu establecer a hipótese plausible dunha orixe romana para a Ponte dos Brozos, pola existencia dunha calzada romana, a Via XX per loca marítima do Itinerario do Emperador Antonino, que era unha variante para dar saída á comarca bergantiñá, rica en ouro e estaño. A día de hoxe, algúns maiores do lugar aíndan falan da devandita vía lembrando o camiño empedrado que pasaba polo castro, que era o camiño real que viña da Pedreira. Sobre o castro e esta calzada romana, Eugenio Carré Aldao deixou algunhas pinceladas na súa Geografía del Reino de Galicia dicindo que:

      “De antiguos monumentos tan sólo cabe señalar, entre los de origen prehistórico, el castro y su dólmen o sepulcro, al mismo vecino, y los castros de Arteixo, Lañas y el de Figueiroa (Arteixo), contiguo a la costa.

      De los tiempos romanos quedan aún restos de la vía que por la costa, procedente de Baldayo (Carballo), venía por Chamín, seguía a Arteixo y luego continuaba a la Coruña, teniendo los puentes de Barrañán y Figueiroa. El historiador Cornide dió algunas inscripciones latinas halladas en estos lugares”.

      María Rozamontes conta no libro "Arteixo de onte a hoxe" que, baseándose nesta información, tentouse, en primeiro término, localizar os estudios realizados por Cornide con respecto á vía romana obxecto de estudio. O primeiro que se atopou foi o seu “Mapa corográfico de la Antigua Galicia” -Itinerario de Antonino con otras vías de cuio antiguo uso hai visibles señales e prudentes conjeturas-, realizado en 1790. Unha copia do mesmo atópase na Biblioteca do Real Consulado da Coruña, e no que, efectivamente, sinala unha vía fóra do Itinerario de Antonino, que cruza o Concello de Arteixo a cal vén do Portus Artabrorum, situándoo en Muros, pasando por Claudionerum, ubicado na parroquia de Zas, en terras de Bergantiños e onde se une con outra vía que desde Iria Flavia vai tamén ata A Coruña.

Vista do castro de Figueiroa desde Loureda

      O historiador Manuel Murguía reflexionou abundantemente sobre o devandito Mapa Corográfico. Na súa Historia de Galicia, na páxina 606 do tomo II, o noso ilustre veciño de Oseiro di:

      “El exacto conocimiento de las vías romanas en Galicia, es tanto más dificil, cuanto, antes y después de Cornide, nadie ha emprendido su estudio, para lo cual se necesita no sólo recorrer el país, sino conocer a fondo la historia de las cuatro provincias gallegas. (…) Esto nos hizo conocer una verdad importante, cual es la de que, ni el itinerario de Antonino, puede darnos a conocer la red de caminos principales que cruzaban Galicia, ni las noticias que al presente se dispone, permiten rectificar con alguna fortuna el trazado que nos dio Cornide en su “Mapa Corográfico” obra que en efecto, cuanto más se estudia y maneja más se convence uno de lo acertado y concienzudo de aquel trabajo sin precio, a pesar de los ligeros lunares que en él pueden señalarse.

      Por el itinerario, sólo tenemos noticia de las cuatro principales vías, que si es cierto que atravesaban el país y lo encerraban de una manera estratégica y completa, dejaba, sin embargo, a un lado sobradas e importantes ciudades. De la “Vía Marítima” sobre todo, puede decirse, que caso que siguiese la dirección, que con toda razón se supone, no era marítima más que en el nombre; tan apartada iba de la costa (…) Puesto que desde Brandomil se interna tierra adentro para ir a Lugo, dejando a un lado y a sobradas distancias ciudades que, como Noela, Finisterre, Aras Sestianas, etc., tan notables eran por sus riquezas, por su importancia o por sus monumentos.

      Sin embargo, los preciosos puentes que todavía se encuentran ya en Brandomil, ya en Olveira, ya en Ponte Ceso, prueban tanto por su posición como por su magnificencia y grandeza (…) que desde Brigantim hasta la desembocadura del Anllóns iban rutas tal vez de segundo orden (...)”.


      A pesar da preocupación de Murguía, o interese pola determinación desta vía de trazado incerto entre marítimo e terrestre que cruzaría o concello de Arteixo foi practicamente nulo. Aínda así, con todas as dificultades habidas e por haber xa que carecemos de miliarios, excavacións arqueolóxicas ou epigrafía do entorno, o convecemento de que unha calzada romana atravesaba o municipio arteixán é absoluto grazas, en gran medida, a un inventario das inscricións romanas na provincia da Coruña realizado por Alvaro D´ors e Angel del Castillo.

      Seguindo sempre coas informacións que nos conta María Rozamontes en "Arteixo de onte a hoxe", no devandito inventario, publicado polo instituto Padre Sarmiento, aparece a referencia de unha inscrición, xa perdida cando realizaron o traballo, que había no “lugar de paso en Santiago de Arteixo, no soportal do corralón da casa de Baños, que foi derrubado no 1914”, e citan a Humber no seu tomo II, coa referencia CIL II 2563. Localizada a obra na biblioteca da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, lemos:

      “Lugar de Paso, feligrexía de Santiago de Arteixo, dúas leguas ao suroeste da Coruña, unha ao leste do porto de Caión, entre Caldas e Hospital, reperta a 1780, a 1790, servata no soportal do corralón das casas de Baños.

Sobreira ms. Matrit. 21, 114.

NUMEN
SACRUM
VN…
EX…
IVVEN
LIBENT
EVENDI”.


      En opinión do galego Isidoro Millán, un dos máximos especialistas en filoloxía latina, malia que a infructuosa búsqueda mermou a capacidade de análise, non hai lugar a dúbidas de que se trata dunha inscrición romana (aínda que non se pode precisar a época pola imposibilidade de estudiar os caracteres tipográficos). Posiblemente, como o EVENDI parece suxerir, trataríase dun agradecemento dun viaxeiro ás augas termais do lugar de Caldas; probablemente NUMEN estea incompleto, faltando a referencia ás augas termais.

       Tendo en conta que Hubner sacou a información desta inscrición dos estudios de Cornide, compréndese perfectamente que a elaboración da parte estudiada do Mapa Corográfico tivo unhas bases científicas moi sólidas aínda que, iso si, faltaba o exame detido do noso término municipal. 

Imaxe do popular elefante da igrexa de Lendo
      Grazas ao traballo de Salvador Parga Pondal, "Viaxe de Alfonso IX por terras de Bergantiños" (Boletín de la Real Academia Gallega, tomo XXVII, ano 1956), no que se reconstrúe o percorrido da viaxe que no verán de 1228 realizou Alfonso IX polas terras de Bergantiños, sabemos, segundo a información que proporciona Julio González, que o monarca, despois de chegar a Santiago procedente de Pontevedra, encamíñase a Treos, logo a Ponteceso, pasando polas torres de Cereixo, Xaviña, Soesto, Serantes, Torre Penela, Ponte Libián e polo Mosteiro de Cánduas, para dirixirse máis tarde ás torres de Goyanes, Lendo (A Laracha) e A Coruña. Xa que logo, ao sospeitar que este camiño medieval que pasaba por Lendo podía proporcionar algunha luz sobre a vía romana, que segundo se desprende do mapa de Fontán seguiría sendo a principal vía de comunicación que atrevesaba o concello arteixán, houbo que ir á devandita parroquia.

      E efectivamente, segundo nos conta María Rozamontes en "Arteixo de onte a hoxe", alí informouse de que o camiño máis antigo que ía desde a Coruña a Bergantiños pasaba por Lendo, onde a súa igrexa parroquial, a igrexa do popular elefante, amosa certos indicios de ter existido unha antiga planta visigótica. Desde esta parroquia da Laracha, o camiño intérnase no concello de Arteixo polo monte da Estrela, estando enlousado por algúns tramos, con dirección ao Igrexario de Monteagudo. Ao saír desta parroquia o camiño vai cara o Igrexario de Santaia (Chamín), e neste traxecto encontrámonos, outra vez, con grandes trozos enlousados. O camiño segue polo val de Barrañán, lugares de Vioño e Sisalde, para subir ao castro de Castelo, na parroquia de Lañas, continuando polos lugares de Sisto e Baer, para pasar por Figueiroa antes de cruzar a ponte dos Brozos e a ponte de Oseiro, na actualidade baixo as augas do encoro do Rexedoiro, e dirixirse posteriormente á cidade da Coruña previo paso por Oseiro e Pastoriza.

Tramo enlousado en Monteagudo do Camiño Real
      A vinculación desta antiga vía co castro de Figueiroa é máis que evidente e, como dicíamos con anterioridade, aínda queda xente na aldea que lembra o camiño empedrado que pasaba polo asentamento castrexo, o cal podemos ver nas imaxes do coñecido como voo americano, tomadas nos anos 50 do século pasado por seis avións Beechcraft RC-45 con base en Xetafe (Madrid).

      Situado atendendo ao seu relevo a media ladeira dos montes de A Cabreira, entre A Pedreira e Figueiroa, na parroquia de Santiago de Arteixo, o castro de Figueiroa está case totalmente destruido por mor dos movementos de terras para labradío e das numerosas casas que se construiron no seu recinto nos últimos tempos. Na actualidade, presenta un aspecto moi deteriorado, conservándose só a metade occidental, na que aínda se aprecia a defensa que vai dende a parte oeste ata o norte, un parapeto con muralla de pedra cara o exterior que acada uns 3-4 metros de altura.

Imaxe do voo americano do castro de Figueiroa

      De forma oval e situado a uns 85 metros sobre o nivel do mar, o asentamento contaba cunhas medidas aproximadas duns 150 metros de NL-SO por uns 140 metros de NO-SL e, estaba defendido por unha muralla de terra e pedras e polo desnivel do terreo que miraba cara á enseada que forman os areais de Alba e Sabón, nunha posición de control tanto terrestre como marítimo que, de seguro, dada a importancia comercial do castro da Punta de Muros, descuberta a raíz das obras do Porto de Punta Langosteira, lle permitía aos seus poboadores ser testemuñas da navegación que había nesta parte do Oceáno Atlántico naqueles tempos remotos.

      Hoxe, a mesma xente da aldea que lembra o camiño empedrado que pasaba polo asentamento castrexo, tamén afirma que cando traballaban os terreos do lugar teñen aparecido restos de cerámica nas súas leiras. Unha destas fontes orais apunta que...”cando se facía a matanza do porco, enterrábanse as tripas no castro e, ao facer os buratos, teñen aparecido pedras de muíños e outros materiais que despois se lle levaban ao médico de Arteixo porque tiña moita afección por estas cousas”.

      Mais recentemente, a finais dos anos 90 do século pasado, cando aínda era estudante de historia, a arteixá e futura arqueóloga Monica Borrazás localizou a cerámica que aparece na fotografía e levouna tanto ao Museo Arqueolóxico como a Facultade de Historia, onde a vería Pepa Rey Castiñeira e a tamén arteixá Puri Soto, que daquela estaba de becaria coa anterior. O mérito de Mónica Borrazás é que posteriormente foi ela mesma quen restaurou eses materiais con Fernando Carrera na Escola de Restauración de Pontevedra, materiais que podedes ver na actualidade no Museo Arqueolóxico do castelo de San Antón da Coruña.




FONTES:

-
CARRÉ ALDAO, EUGENIO. Geografía del Reino de Galicia. Provincia de La Coruña. Tomo I. Barcelona, 1928.
-FERREIRA PRIEGUE, ELISA. Los caminos medievales de Galicia. Anexo 9 do Boletín Auriense. 1988, Ourense.
-PARDO, GUILLERMO. La mayoría de los castros del municipio se encuentran destruidos. La Voz de Galicia, 4 de decembro de 1981.
-ROZAMONTES, MARÍA. Arteixo de Onte a Hoxe. Concello de Arteixo, 1999.
-TROIANO, XOSÉ. patrimoniogalego.net