venres, 26 de xaneiro de 2024

O ENTROIDO DE MONTEAGUDO

 Carnaval, de carne e levare. «Quitar a carne». O carnaval é época de excesos. De celebración. O culto ás carnes antes da Coresma. Celébrase en todos os países de tradición católica, aínda que en cada recuncho do planeta coas súas particularidades. Hai puntos en común como a carne e a época do ano, mais sobre todo hai diferenzas: rituais, nomes ou aceptación... En pouco se parecen os corpos esculturais de Río de Janeiro, ou de Tenerife, ás ácidas chirigotas de Cádiz ou ás formigas rabiosas de Laza. Mais todo é carnaval. Bueno, na realidade case todo, porque en Galicia é Entroido. 

  Galicia é un mundo aparte, un pequeno cosmos, e cada comarca, coas súas peculiaridades. Entroido ou Antroido, segundo a zona. Desde os urbanitas de instituto que visten unha funda azul da obra na que traballaba seu pai, unha careta e, armados con petardos de mecha gorda, alborotan as rúas parando os corazóns do persoal ou dalgún asustadizo can, ata o oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón (Lugo), que baixa da montaña para aterrorizar á veciñanza tras hibernar a gusto. Decídelle a un de Xinzo que o seu Entroido se parece ao de Verín. ¿É o mesmo un peliqueiro que un cigarrón? Existen puntos en común, como o culto á carne e ao viño en todas as celebracións. Pero moitas diferenzas.

   E en Arteixo? Nestas Crónicas de Arteixo xa contamos hai certo tempo algúns aspectos dos entroidos que se celebraban no pasado nas nosas parroquias cos seus respectivos mascaritos e mascaritas, choqueiros de varredoiro, touros, burros… aspectos e pinceladas que prometemos ampliar no futuro ao resto das freguesías arteixás. 

 

Mozas de Arteixo celebrando o Entroido nos anos 60

   Hoxe retomamos esta viaxe carnavalesca en Monteagudo, onde nos anos 40 seica xa se celebraba un dos entroidos máis importantes da bisbarra. Dada a súa grandeza e importancia, acudían xentes de Lendo, San Román, Sorrizo, Chamín ou mesmo de Armentón, caso de Juliana, Felisa, Generosa de Cotolo e o coxo, veciños do lugar da Perillona que se desprazaban ata Monteagudo nun carro tirado por un cabalo e adornado de mimosas.

    A semana anterior aos días de Entroido facíase a matanza e ao porco arrancábanselle os dentes máis grandes, para as entroidadas. Naqueles duros anos da posguerra, tempos de verdadeira necesidade, era cando máis e mellor se comía xa que o resto do ano, a meirande parte dos días, o único que había para levar á boca era caldo e broa. Polo que lle ten contado a señora Carmucha á súa neta Ana María Castro “polo Entroido, dabamosnos boas enchentas. Cacheira, grelos, filloas, buñuelos, chulas, guiso de tripas, rexóns, morcillas… Levábase a proba da matanza, algo que a min gustábame moito porque cando a levabas dábannos de comer ou algúns cartiños. Xa lle chamaban a "semana larpeira".

    Unha semana antes xa se escoitaban os cornos. Oíanse ao lonxe. Era o sinal, aínda que na realidade o Entroido empezaba co mes de febreiro, o día dous, o día que casan os paxariños... día das candeas: tíralle o burro polas cadeas; o día tres, día de San Bras: tíralle o burro por detrás. Desde o día dous xa se empezaban a botar as entroidadas. Unha moi utilizada era a de debuxar un burro de papel e pegarllo ao lombo a alguén sen que se decatase.

 

Imaxe antiga da igrexa de Monteagudo

    O domingo empezaba a diversión. Os outros días había que levantarse cedo e facer o traballo da casa. Dábanlle de comer aos animais, ían coller a herba e alí xa falaban do que farían pola tarde. Traballábase só pola mañán, pola tarde gardábase o día santo.

    O luns e o martes facíase baile na leira da Veiga, aínda que en ocasións tamén se facía nas leiras do Freixal. Era o mes de febreiro, facía frío e escollíanse sitios que fosen abrigosos. A señora Carmucha recordáballe á súa neta Ana que “eu vestíame de mascarita, poñía un vestido e colgáballe cintas de papel de cores. Non tiñamos cartos para comprar cousas e aproveitábamos o que había pola casa. No baile, que se facía con pandeiretas, tocábanse ghotas e muiñeiras. A mascarita bailaba co mascarito, que ía vestido cun traxe e na cabeza levaba un sombreiro de palla cuberto de cintas de papel. Os choqueiros ían vestidos con farrapos, as mulleres vestíanse de vellos e os homes de mulleres ou de vellas. O choqueiro tíñalle que roubar a mascarita ao mascarito. Cando este se daba conta se cadra xa íamos aló embaixo. Viña correndo para recuperarme… mira que corríamos! Cruzabamos a leira, saltabamos o esqueiro… cando nos pillaba voltabamos para o baile, e así todo o tempo”.

    En Monteagudo tamén había algún que se vestía de touro. Na casa do señor Manuel tiñan o esqueleto da cabeza dun touro con cornos. No Entroido collían esa cabeza dúas persoas, tapábanse con mantas e simulaban un touro de verdade. Para facer o corpo, un ía de pé e o outro medio encurvado, que remataba a festa derreado dos cadrís. De rabo poñían un pau cebro, con ramas de espiñas na punta cheas de bosta para que ninguén se metese con eles.

    Naqueles entroidos dos anos 40, a veciñanza de Monteagudo tamén ironizaba cos traballos que se pasaban nas minas de volframio. Ao parecer, algúns disfrazábanse de mineiros e outros de carabineiros. Os mineiros facían buratos na terra simulando lavar o mineral ata que chegaban os gardas para requisarlles o volframio extraído das minas, dando pé ao comezo da persecución!

    Naquela hora, se te convidaban a tomar café polo Entroido o máis lóxico era que cho serviran con sal, e se che rogaban con filloas se cadra tiñas a “sorte” de morder a que levaba fíos. Os fíos eran de cerro de liño. Cando se fiaba xa se reservaba algunha madeixa para as entroidadas. Ao botar o amoado na sartén, ou mesmo na pedra, engadíanse os fíos a estas filloas que se colocaban no prato, no medio das outras, agardando a persoa “afortunada” da entroidada. 

 

Filloas feitas pola señora Teresa

    Nos 50 e nos 60 o Entroido de Monteagudo ía continuar coa sona de antano. Arturo Varela, veciño de Armentón nado no Igrexario de Monteagudo recorda con especial cariño os traxes das mascaritas. Eran unha cousa digna de ver. Miña nai, María, era costureira, e facía estes traxes de papel, de papel duro que non sei onde o conseguía pero que termía das costuras. Eran papeis de cores que tamén se utilizaban en tiras longas para adornar os sombreiros dos mascaritos e das mascaritas. As mascaritas ían vestidas de xeito impecable… o que pasa é que moitas veces caían e rompían o vestido.”

   Hai quen recorda os traxes dos mascaritos con certo estilo militar e cun sombreiro bicudo con cintas e adornos en contraposición ao das mulleres, que era redondo, aínda que igual de adornado.

   Nos Entroidos que se celebraban en Monteagudo nos anos 50 e 60 había tres días de baile nos que tocaban músicos como José Luís, integrante das orquestras Sintonía e Os Satélites; Breixo, que estaba na Banda Municipal da Coruña; Lemos de Oseiro; Daniel Mallo; Castro, que seica tamén era fotógrafo; e mesmo acudían artistas como O Xestal, músico, humorista, e, sobre todo, «contador de contos» moi querido en Bergantiños e en toda Galicia, onde popularizou temas míticos como Apaga o candil ou a Foliada de Montemaior.

 

O Xestal

    Os músicos contratados botaban os tres días en Monteagudo. Durmían e comían na taberna de Socorro e Antonio. Cando viña O Xestal xa vos podedes imaxinar como eran aquelas xornadas entroideiras. “Co Xestal todo o mundo quería estar na taberna porque botaba dende pola mañán ata a noite contando nos contos… era moita comedia do Noso Señor”, recorda Arturo Varela.

    Mais as vidas e os hábitos da xente foron mudando paulatinamente e chegou un día no que se deixou de celebrar o Entroido en Monteagudo. Sirva este pequeno xesto, esta viaxe no tempo, para poñelo en valor e non esquecer a importancia que tivo no seu momento.

  Ao ir minguando o espíritu entroideiro nas parroquias, dende hai xa bastantes anos xa o Entroido xa só se celebra na capital municipal, onde neste ano 2024 a temática será o cómic. Coincidindo co recente pasamento de Francisco Ibáñez, debuxante e guionista de cómics, coñecido por ser o pai dos populares personaxes Mortadelo e Filemón e de ser tamén o creador de series como 13 Rue del Percebe, Rompetechos, El botones Sacarino ou Pepe Gotera e Otilio, a Concellería de Cultura quixo render homenaxe a este xénero artístico e por ende, a todos, os personaxes que marcaron a nosa infancia dende os superheroes de Marvel ata Snoopy, Mafalda, Tintín, Astérix e Obélix, Zipi e Zape...

Aí tedes a programación do Entroido 2024:

 




FONTES:

BALADO, FRAN (2014): Guía rápida del entroido en Galicia, La Voz de Galicia, 28 de febreiro.

CASTRO REGUEIRA, ANA MARÍA (1998): O Entroido de Monteagudo, Traballo gañador do premio de investigación sobre o entroido convocado polo Concello de Arteixo en 1998 e publicado no B.I.M. nº 49.

domingo, 21 de xaneiro de 2024

A PARROQUIA DE LARÍN NA DESCRICIÓN HISTÓRICA-XEOGRÁFICA PUBLICADA EN 'EL IDEAL GALLEGO' EN 1930

  Dende que abrimos estas Crónicas de Arteixo en setembro de 2014, fomos publicando ocasionalmente unha serie de interesantísimas descricións sobre as parroquias de Pastoriza, Lañas, Oseiro, Suevos, Chamín, Monteagudo, Loureda e Morás escritas nos anos 1620, 1752, 1826, 1850, 1928 e 1930. Posteriormente, faríamos o propio coa parroquia de Larín (xa vos adianto que a seguinte será Barrañán) cunha xeira que hoxe chega ao seu fin cun traballo realizado polo arcebispado de Santiago de Compostela que se publicou no xornal El Ideal Gallego entre 1928 e 1930.

Deseguido transcribimos o artigo sobre a parroquia de Larín publicado no devandito medio herculino o 23 de xaneiro de 1930:


ARZOBISPADO DE SANTIAGO

Descripción histórico-geográfica de sus feligresías

ARCIPRESTAZGO DE FARO

(PROVINCIA DE LA CORUÑA)

SAN ESTEBAN DE LARÍN

(Arteijo)


Feligresía de entrada: iglesario incompleto: matriz de Lestón (Laracha): carretera de Finisterre la que enlaza en su derecha, en Anide, con la carretera de Lañas a Armentón: presentación del marqués de Camarasa: dista 6 kilómetros de la Casa Ayuntamiento y 17 de la Coruña, capital del Juzgado y provincia.

Linda al N. con Armentón, al E. con Loureda, al S. con su anejo y al O. con Monteagudo.

Como está en los linderos del municipio testa con el de Laracha, al que pertenece parte de la aldea de Payo-Saco, en la parroquia de Lestón.

Terreno feraz con bastante arbolado, se halla entre montes bañado por varios regatos que van a engrosar el arroyo Castro.

En Campos hay en la carretera una buena fuente.

Clima sano y ventilado.

Cuenta con escuela nacional y algunos establecimientos de comercio.

Mirón en su aldea más crecida con 77 habitantes: las demás son: Bons, Casa-nova, Fraga, Groba de Abajo, Iglesario, Larín de Arriba, Orrente -molinos harineros-, Paradela, Payo-saco, Pedra, Rúa y Vigo y grupos menores.

Suman 113 sus viviendas, de ellas 50 de planta única y 63 de dos cuerpos, de ellas vacías dos por el destino que tienen: existen 56 albergues.

La aldea de Rúa tomó este nombre quizás de la vía romana que de Finisterre y Corcubión cruzaba por la costa de Baldayo y por Chamín, seguía a Arteijo y luego continuaba a “Farum” (Coruña), teniendo los puentes de Barrañán y Figueroa. El ilustre Cornide dió algunas inscripciones halladas en estos lugares.

domingo, 7 de xaneiro de 2024

A PARROQUIA DE LARÍN NA XEOGRAFÍA XERAL DO REINO PUBLICADA POR CARRÉ ALDAO EN 1928

   Nado na Coruña en 1859, Uxío Carré Aldao foi un libreiro e escritor en lingua galega e castelá. No ano 1891 faise cargo da libraría de Andrés Martínez Salazar e da imprenta de Domingo Puga, onde tiña lugar unha tertulia galeguista, coñecida como A Cova Céltica, da que Carré era o principal animador.

   Na súa imprenta ían aparecer gran parte dos libros dos autores galegos da época. Foi membro da Liga Galega (1897), de Solidaridade Galega (1907), da Real Academia da Historia, e tamén foi un dos fundadores da Real Academia Galega.

   Carré casou con Purificación Alvarellos Pena, con quen tivo 11 fillos, aos que lles ía inculcar as súas inclinacións literarias. Algún deles, Uxío, Leandro e Lois Carré Alvarellos serían escritores, así como as súas netas May Carré e María del Pilar Carré, que escribiron novela rosa.

   Algunha das súas obras foron Brétemas (1896); Raiolas (1898); Apuntes para la historia de la imprenta y el periodismo (1901); La literatura gallega en el siglo XIX (1903); Influencia de los catalanes en el progreso de la industria pesquera en Galicia (1904); Idioma y literatura de Galicia (1908); Guerra de la Independencia en Galicia. El Alzamiento contra los franceses (1908); Influencias de la literatura gallega en la castellana (1915); Contos de forxa (1919) ou, A terra chama (1925).

   En 1928, catro anos antes da súa morte, publica o tomo dedicado á provincia da Coruña da Geografía General del Reino de Galicia, unha auténtica xoia, unha obra sublime na que Carré dá un paseo polo máis profundo de cada un dos concellos coruñeses debullando a súa xeografía, historia, lendas, etnografía...

  Deseguido, aparece a información que Eugenio Carré Aldao escribiu sobre a parroquia de Larín na devandita obra:


Parroquia de San Estebo (Esteban) de Larín, de entrada.- Es matriz de Lestón (Laracha) y linda al N. con Armentón, al E. con Loureda, al S. con su anejo y al O. con Monteagudo. En los límites del ayuntamiento testa asimismo con el municipio de Laracha, partido de Carballo, siendo de esta feligresía parte de la aldea de Payo Saco, que también pertenece a la parroquia de Lestón.

Igrexa de Santo Estevo Estevo de Larín

Es terreno feraz, con bastante arbolado, y se halla situado entre montes, regándola varios manantiales que van a engrosar el arroyo Castro. La atraviesa la carretera de Finisterre, en la que enlaza por su derecha en Anide la que de Lañas va por Armentón. En Campos (Anide) hay en la carretera una buena fuente. Esta a 17 kilómetros de la Coruña y a 6 de la casa del ayuntamiento.

Sus aldeas son Fraga, Mirón, Orrente (molinos harineros), Paradela, Payo Saco, ésta en la carretera, Pedra, y los grupos menores de Bons, Casanova, Casas Novas, Coque, Groba, Iglesario, Larín de Enriba, Piñeiro, Rua y Vigo. Constan estas entidades de 170 viviendas, de las que 63 son de un piso, otras 63 de dos y el resto, 44, chozas o albergues, domicilio de 450 habitantes de hecho y 483 de derecho.

Existe una escuela nacional.

Es de clima sano y ventilado.

domingo, 31 de decembro de 2023

UN PASEO POLO ONTE E O HOXE DE ARTEIXO

  Na foto antiga podemos ver a pista de baile do Balneario nos primeiros anos 60 e, ao fondo, algunhas das casas do que hoxe é a Avenida de Fisterra (zona do edificio de Telefónica, El Gallo de Oro, Eroski...). Ese lugar é actualmente a Praza do Balneario.

                                         

sábado, 16 de decembro de 2023

"VAGALUME", ALGO MÁIS CA UNHA LIBRARÍA

  O pasado 30 de novembro Ofelia Ramos baixaba por última vez a persiana da súa “Librería Vagalume”. Co peche do negocio, quedaban atrás case corenta anos de inmellorable atención ao cliente e un feixe de recordos para varias xeracións de arteixáns, entre eles este humilde servidor que hoxe quere homenaxear, como non podía ser doutro xeito, a esta popular libraría.

 
Ofelia Ramos na súa Librería Vagalume pouco despois da súa inauguración (Cortesía familia Rodríguez Ramos)

   A “Vagalume” abrira as súas portas en 1985, nunha época na que os únicos establecementos deste tipo que había na capital municipal eran as dúas librarías de Amalucha (unha na Baiuca e outra na Avenida de Caión, que é a actual “Laydi”); a “Robi”, que tiña o local ao carón do que hoxe é “Reprint”; e a de Iglesias, que estaba na Avenida de Fisterra no mesmo local que actualmente ocupa Suso Peluqueros.

   O señor Francisco Ramos e a súa dona, a señora Ofelia, eran os propietarios do baixo no que se instalou a “Vagalume”, un local que inicialmente estaba previsto que fose unha tenda de roupa feminina. Eran naturais de Lugo, o señor Francisco do lugar de San Mamede (parroquia de San Mamede da Torre, Taboada) e a señora Ofelia de Goimil (parroquia de Sucastro, Monterroso). Facía pouco que voltaran da emigración. Estiveran durante trinta anos en Venezuela, país no que nacera a súa filla Ofelia, e decidiran investir parte dos aforros de tantos anos de sacrificio en Arteixo.

    A finais dos anos setenta, nun verán que pasara na terra de seus pais, Ofelia Ramos coñece nunha verbena a Alberto Rodríguez, un mozo de Taboada que en setembro do 78 xa era mestre de 5º de EXB en Oza dos Ríos. O xove docente fai o servizo militar en 1979 e posteriormente, no curso 80/81, imparte clases na Silva (Cerceda).

    A parella casa en 1981, ano no que Alberto empeza a traballar (a partir de setembro) no CEIP de Galán, que se inaugurara nesa mesma época. Neste centro ía permanecer de xeito provisional durante tres cursos dando clase en terceiro ciclo de EXB de Ciencias, que era a súa especialidade, pero tamén de Galego e Educación Física. O feito de que Alberto fora docente no municipio puido ser factor determinante para que, finalmente, apostaran pola libraría e non pola tenda de moda feminina, como estaba previsto inicialmente.

   Entre finais de 1984 e principios de 1985, xusto no momento da inauguración do establecemento que hoxe homenaxeamos nestas Crónicas de Arteixo, pecha a libraría de Robi. Curiosamente, parte do mobiliario deste negocio, como o mostrador, ía acabar na “Vagalume” que foi como bautizou a súa libraría Ofelia Ramos porque “tiñamos claro que sería un nome galego; gustounos o seu significado e como soaba”, recordaba Ofelia.

 

Primeiros tempos da libraría. Podemos comprobar que aínda non estaba construído o edificio no que está Caramelandia (Familia Rodríguez Ramos)
Imaxe tomada ao pouco de abrir a libraría. Obsérvese que o baixo  da actual  tenda "Mira Home" aínda estaba sen reformar (Familia Rodríguez Ramos)

    Aqueles eran tempos nos que polo centro de Arteixo aínda había algún que outro descampado onde, nas noites de verán, escoitábanse cantar aos grilos e a veciñanza podía ver vagalumes.

 

Imaxe tomada dende o 2º piso do edificio no que está a Librería Vagalume. O descampado do primeiro plano corresponde á praza onde está a terraza da Cafetería Play (Familia Rodríguez Ramos)

   Nos primeiros anos do negocio, a “Vagalume” era algo máis ca unha libraría. O almacén e o propio local de atención á clientela fóronse convertendo nun espazo de xogos, de actividades, nunha pequena gardería na que varias xeracións de nenos e nenas de Arteixo foron medrando ao carón de Ofelia, neneira e agarimosa coa rapazada coma poucas persoas. Quen non recorda os escaparates navideños da Vagalume? Nunha ocasión os cativos que paraban habitualmente na libraría mesmo construíran, coa axuda de Ofelia, unha gran cidade con ducias de edificos e cun tren que daba a volta por todo o escaparate.

 

Primeiros tempos da libraría (Familia Rodríguez Ramos)

    Pouco antes de abrir a libraría, Alberto obtivera o primeiro destino definitivo en Coristanco, onde permanece dende setembro de 1984 ata xuño de 1991. Posteriormente fai a especialidade de Educación Física e consegue destino nun cole no que estivera anos antes: Galán. A pegada do seu paso por este colexio aínda perdura na actualidade. Susana Lebón contounos que “en Galán había un equipo de atletismo do que foron artífices Alberto e meu pai. Cunhas condicións precarias ganáronlle campionatos a coles relixiosos. Un dos éxitos de Galán foi o obtido polo fillo do dono de Monleón, que creo que conseguira un bronce nun campionato nacional.” 

 

Alberto Rodríguez na Librería Vagalume ao pouco de abrir o negocio (Familia Rodríguez Ramos)

    Nos anos noventa Alberto e Ofelia ían ser pais de Alicia e de David, nados respectivamente en 1991 e en 1999. Mais non vaiades a pensar que o feito de ser nai acabou coa actividade dese almacén-gardaría, no que aínda se poden ver as raias coas que Ofelia marcaba os centímetros das medras da rapazada que a libreira protagonista desta crónica coidaba como unha nai. A súa filla Alicia, recorda que “os rapaciños digamos que preadolescentes ían por alí moitas veces a pasar a tarde, disfrazábanse, montaban alí as cousas para o Antroido; o almacén foi tremendo… ese almacén foi lugar de encontros, de xogos, un lugar de xuntanzas dos amigos”.

 

Á esquerda, a porta do almacén da libraría (Familia Rodríguez Ramos)
Foto tomada no almacén da libraría (Familia Rodríguez Ramos)

   E así foron pasando os anos… sobrevivindo no día a día… as chuches, as fotocopias, os xornais, os cromos… e logo, claro está, a época dos regalos de Nadal, de Reis, e o inicio do curso coa venda de libros e material escolar. O traballo nunca faltou e a sonrisa de Ofelia para os seus clientes tampouco, abofé.

    Non nos esquecemos do señor Francisco Ramos, o pai de Ofelia, que tiña algo de xenio, si, pero que foi un axudante incansable na libraría durante moitísimos anos. Tanto atendía aos clientes como axudaba a coidar dos netos. O señor Ramos pasouse moito tempo sendo compañeiro de batallas da súa filla e botaba alí o día para facerlle compaña. Alba Souto, que traballou durante varios anos na “Vagalume”, recorda con agarimo aqueles tempos. “As historias da emigración que contaba o señor Ramos encantábanme… e non esquezo o día que souben que xa era da súa confianza porque foi el quen me ensinou a facer fotocopias. E recordo a calma que traía a señora Ofelia, a muller do señor Ramos, que compensaba o torbellino do seu home”. Alba tompouco esquece “a mítica peregrinaxe de rapaces que viñan a comprar a revista Crono Motor para saber os percorridos dos Rallies de Galicia; había moita afección en Arteixo. E que dicir das colas que se facían en setembro para comprar os libros de texto, donde vías que os que viñeran como nenos no pasado agora estaban na librería como pais. E despois, os “corrillos” que se formaban entre os clientes que te poñían ao día da actualidade dos sucesos dos veciños e tamén moitas conversacións sobre política, cultura e recomendacións literarias.”

    Arteixo medraba a pasos axigantados. O asfalto e os edificios asentábanse nos lugares onde antano cantaban os grilos. A “Vagalume” era testemuño desa transformación urbanística... e tamén do crecemento de moita rapazada de Arteixo que, ano tras ano, seguía enchendo o almacén da libraría, onde pasaban as tardes facendo manualidades para montar, coma cada ano, o escaparate de Nadal ou preparaban os disfraces do Antroido.

 

Imaxe dos anos 90 tomada diante da Vagalume (Familia Rodríguez Ramos)
Imaxe dos anos 90 tomada diante da Vagalume (Familia Rodríguez Ramos)

    Despois de traballar durante cinco cursos en Galán, en setembro de 1996 Alberto consegue destino, xa só por Educación Física, no CEIP Ponte dos Brozos, onde permanece ata 2010, que fai cando pasou ao CEIP Arteixo, tamén por Educación Física. E así, nun abrir e pechar de ollos, xubílase cinco anos despois, no 2015.

    Aqueles cativos que ían, como se fose un verdadeiro centro cultural, á “Vagalume” a ler os tebeos, a facer quebracabezas, a xogar ao Monopoly ou ao Quien es quien... medraron… realizaron os seus estudos… nalgúns casos foron pais... pero iso si, non deixaron de ir á libraría onde tanto cariño recibiron naquel almacén nos que aínda se conservan as raias das súas medras. De feito, ata hai pouco, o devandito almacén continuaba sendo o centro de xuntanzas deste grupo de amigos.

   Dende a xubilación de Alberto, a Ofelia empezoulle a rondar pola cabeza a idea de xubilarse, especialmente desde que é avoa. Ese momento chegou o pasado 30 de novembro, día no que a “Librería Vagalume” baixou a persiana por última vez!

Disfruta desta nova etapa, Ofelia!