martes, 6 de febreiro de 2024

A TRADICIÓN ANTROIDEIRA DA PARROQUIA DE MORÁS


 
Portada da revista de coplas da comparsa "Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido"  (Familia Castro Añón)
 
 
"Di o noso Director,
que está marcando o compás,
que nas comparsas do Antroido
ninguén pode con Morás".
 
(Comparsa “Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, Moras, 1950)
 
   Velaí tedes unha das coplas que compuxeron nos anos 50 os letristas de Morás, parroquia onde a tradición antroideira foi, durante moitos anos, signo de identidade e marca propia do lugar. Morás era, sen ningún xénero de dúbidas, sinónimo de troula, de festa, de esmorga, de foliada e, por suposto, de Antroido, de Antroido con maiúsculas grazas a comparsas como “Os invencibles de Morás”, “Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, “Os da cacheira con filloas” ou, “Os Mariachis”.

“Aquí estamos os “Mariachis”
que vimos a saudar,
somos de Morás do Medio
non o podemos negar”.
 
(Comparsa “Os Mariachis”, Morás, 1960)
 
Morás do Medio, Uxes e posteriormente Souto, foron durante moito tempo os principais centros neurálxicos das celebracións carnavalescas, a onde tamén acudía a veciñanza dos outros lugares da parroquia, xentes da Insua, das Roxiñas, da Estación, do Martulo, da Xesteira, de Santa Icía, de Freán, de Canzobre… xentes que durante unhas horas esquecían as miserias da posguerra e botaban risas a esgalla coas coplas que os letristas da parroquia compoñían en cada Antroido!
 
“Ben saben que o noso pobo
que ten por nome Morás
moitos xa queren chamarlle
María Pita ou Garás”.

“Morás novo continente
da vida a moitos obreiros
e cartos aos labradores
e pon ricos aos tendeiros”.
 
(Comparsa “Os da Cacheira con filloas”, Morás, 1956)
 
    Un daqueles letristas era Cándido López Ferreño, máis coñecido polo alcume de “O Ghaiteiro de Morás”. Natural de Morás do Medio, Cándido empezou a tocar a gaita sendo moi cativo e, con tan só once anos, xa amenizaba as festas e os bailes que se organizaban na contorna. Mais o repertorio do “Ghaiteiro de Morás” non se quedaba só na gaita. Non, Cándido, emulando a outro gran referente do antroido arteixán, Ricardo “O Moucheiro de Meicende”, tamén cantaba e recitaba as coplas que compoñía el mesmo, espectáculo que realizaba enriba do taboado que se armaba no alpendre de turno.

   A Cándido non lle quedaban atrás, nin na composición das coplas nin no espectáculo, outros dous dos precursores da tradición antroideira da parroquia, ambos os dous veciños tamén de Morás do Medio. Falamos dos irmáns Castro: Jesús, máis coñecido por Chucho “O Cacheiro”, autor segundo algunhas fontes da primeira copla escrita na parroquia, e José Castro, avó dos amigos Manolo García Castro, referente na defensa do patrimonio do Concello de Culleredo, e Roberto Castro, pintor e libreiro co que tedes a oportunidade, se algún día pasades polo seu negocio, a Libraría Sisargas da Coruña, de facer unha alucinante viaxe no tempo coas mil e unha historias que garda na súa memoria!

    Polo que contan os netos de José, o seu avó era o encargado de ler o testamento. Era, por así dicilo, o “secretario palanca” de seu irmán Chucho, que facía de “cómico Serapio” naqueles antroidos que se celebraban en Morás nos anos cincuenta, nos que Cándido, “O Ghaiteiro de Morás”, exercía de “director de orquestra” e outros mozos da parroquia como Aurelio de Calvete, Juan de Mingos ou Urbano do Estanqueiro tamén aportaban o seu gran de area para continuar coa popular tradición antroideira do lugar.
 
"Os invencibles de Morás" estiveron presentes no Antroido de 1953 (Familia Castro Añón)
 
   Un home disfrazado de vello chepudo coa cara ciscada e a roupa esfarrapada, outro montado nun burro cun colar de flores e axóuxeres no pescozo… Son algúns dos recordos que a veciñanza máis vella da parroquia mestura, na súa memoria, con imaxes confusas de choqueiros e coas coplas coas que botaban risas a esgalla nos anos da súa infancia e xuventude, nas que non se salvaba nin o mellor veciño e que, na época da posguerra, eran controladas e censuradas, pois antes de recitalas en público había que obter a correspondente autorización da Garda Civil. Posteriormente, as coplas vendíanse pola parroquia e arredores.

  Naqueles duros anos da represión franquista, nos días do Antroido, que empezaba en Candeas e remataba coa queima do meco o Mércores de Cinza, a xente podía disfrazarse mais iso si, sempre coa cara descuberta, unha altura na que sabemos que durante certo tempo a veciñanza de Morás do Medio argallou máis de media ducia de comparsas. 
 
   O sábado era o día no que se facían as filloas e tamén o día no se preparaban os choqueiros que as pedían de porta en porta. Mais o día grande era o "Domingo de Carnaval". Pola mañá era unha obriga acudir ao Igrexario para continuar coa tradición da poxa da carne das ánimas, segundo a cal a xente de Morás levaba á igrexa cacheiras, bicos, e patas dianteiras da última matanza do porco, e tamén algunha cunca de barro con graxa derretida.

Igrexario de Morás
 
  A poxa propiamente dita principiaba no adro da igrexa á saída da misa, que era cando se lle ofrecía a carne aos parroquianos para que poxaran por ela. Logo, a persoa que máis ofrecía era a que levaba a peza de carne para a súa casa, quedando os cartos a beneficio das ánimas do purgatorio. En moitos casos, a persoa que levaba unha peza era despois a que máis poxaba por ela, o que habitualmente se facía por un ofrecemento. Por tal motivo, despois de poxar para as ánimas a veciñanza cedíalle a peza, por cortesía, a esta persoa ofrecida para que a levara de volta para a súa casa.

   Despois da poxa, era o turno para unha das poucas ocasións que había ao longo do ano para encher o estómago, e aí non faltaban as visitas dos familiares que ateigaban cada casa da parroquia e que se xuntaban ao redor da cacheira pregando por ser comida. E xa, despois do xantar, quen máis e quen menos, disfrazado ou non, saía das casas e armaba unha boa troula!
 
   Segundo Santiago Sande Mañana, non hai moito aínda quedaba xente na parroquia que recordaba como “O Cacheiro” se disfrazaba de cura portando un paraugas do que colgaban restas de allos; como “O Peisaqueiro”, vestido de vella, facía filloas enriba dun carro; e como Cándido, “O Ghaiteiro de Morás”, recitaba as súas coplas tanto en Uxes como en Morás do Medio.
 
Imaxe de 1953. En primeiro plano Cándido, “O Ghaiteiro de Morás”. Detrás, de esquerda a dereita, Leonardo Corral, fundador e membro dos “Cinco de Galicia”, a súa dona Marina Castro (casarían ese ano), Manolo Capelán co tambor e, co acordeón, Antonio Capelán. Detrás deles aparecen Domingo Gonzalez e Jesús Capelán (Asociación de Maiores A Baiuca)
 
  Tamén queda xente na parroquia que lembra como, de cando en vez, se unían a aqueles carnavais que se celebraban en Morás as comparsas chegadas de Feáns ou de Elviña. O polifacético Xurxo Souto dinos nos seus Contos da Coruña (Xerais, 2007) que en Elviña había dúas grandes comparsas: Calaveras e Rexumeiros. En 1954, "(...) estes últimos disfrazáronse de “Garda Moura de Franco” e baixaron, montados en burros, á conquista da Coruña. Á altura da Ponte da Pedra serían interceptados pola Garda Civil. Esa noite durmiron en comisaría, mais, aínda hoxe se mantén a gloria de tanto empeño (...)"
 
  Precisamente en Elviña, as mulleres da parroquia organizarían no Antroido de 1961 un partido de fútbol entre as solteiras e as casadas que conmocionaría a toda a bisbarra xa que os obreiros negáronse a traballar por ir velas. Dende aquela, o Martes de Carnaval é día festivo! Dous anos despois, no Antroido de 1963, emulando ás súas veciñas de Elviña, as mulleres de Uxes tamén xogarían un partido de fútbol entre as solteiras e casadas do lugar. Sen elas sabelo, estaban facendo historia xa que aquel foi o primeiro partido de fútbol feminino xogado no municipio de Arteixo.

Imaxe do primeiro partido de fútbol feminino que se xogou en Uxes (La Voz de Galicia, 5 de marzo de 1963)
 
  Os "chascos", trolas, burradas, verbas ben argalladas para soltalas a algún veciño ou veciña. Un meco ben equipado, cunha espiga de millo e dous nabos, para gastarlle unha broma a alguén que era levado á casa con algún pretexto sospeitoso, onde a este persoa o agardaba o meco do antroido e, onde despois do correspondente susto, a persoa convidada volvía a morder o anzol comendo algunha que outra filloa con fíos ou bebendo café con sal a comer e beber. Novos partidos das mulleres. Novos ataques dos letristas da parroquia coas coplas que recitaban os Mércores de Cinza subidos ao garda-agullas da estación do tren ou nalgún carro de Morás do Medio. Escenificación de laconada con ingredientes tan apetecibles coma un rato morto…
 
    Así irían pasando os anos ata chegar a finais dos sesenta, altura na que o testamento e as coplas empezan a decaer, pois os letristas de antano non seguen coa tarefa que viñan desempeñando dende os tempos da súa infancia e xuventude. Con todo, nos anos setenta o Antroido aínda seguía tendo peso na parroquia: as comparsas de fóra continuaban a parar por Morás, e por aqueles días aínda se mantiñan os "chascos" e o de "botar o antroido".

   Ao pouco da morte de Franco daríanse os primeiros pasos para a recuperación da cultura tradicional e tamén a liberdade para retomar as tradicións dos carnavais. Sería aí, nos primeiros anos oitenta, cando un grupo de xente de Souto como Xosé Luis Mañana, Manolo de Rodríguez, Manolo de Amado, Nito, Fina de Amador, Ignacio e outras persoas da aldea pensaron que había que recuperar a tradición antroideira da parroquia e decidiron facer unha comparsa, "Os carnavalescos de Souto", que se empezarían a xuntar no baixo da casa de Xosé Luis para argallar as primeiras coplas e realizar os primeiros ensaios dos famosos enterros e testamentos do lugar que, andando no tempo, convertiríase nunha das festas tradicionais máis importantes do concello de Arteixo e da comarca. 
 
“Quédense con Dios señores,
que non lles pareza mal,
viva Souto e Morás
e todos en xeral.

Dámoslle grazas a todos
este ano oitenta e tres,
e que volvamos para o ano
saudalos outra ves”.
 
(Comparsa “Os carnavalescos de Souto, 1983)
 
  Naquela altura tamén xurdiría a Asociación Cultural Queiroa, que tería como primeiro presidente ao propio Xosé Luis Mañana e na que tamén se atopaban varios dos compoñentes da comparsa. Mentres que a A.C. Queiroa daba os seus primeiros pasos realizando actividades como a organización dunha "caravana de mulleres" seguindo o exemplo daquela famosa película do Oeste norteamericano, ou tamén o chamado "tren da alegría", a comparsa “Os carnavalescos de Souto” iríase consolidando non só no eido cultural senón tamén no comercial coa venda das coplas.

   Pouco a pouco, a comparsa foise desvencellando dalgún xeito da asociación e ata se fixeran intentos de “profesionalizala”. Naqueles anos oitenta os enterros e as leituras do testamento de Souto arrastraban a moita xente ao lugar porque tiñan moita “garra”. Nito e Ignacio adicábanse á caza e captura das cousas que pasaban durante o ano, tomando notas dos feitos que acontecían na parroquia ou mesmo do que se cocía nos plenos do Concello co obxetivo de preparar a súa sátira: o testamento. Mais este traballo era moi, moi sacrificado e pedía moita constancia. Os principais promotores da mesma, Nito e Ignacio, continuarían coa tradición durante uns anos, ata o antroido de 1994, que foi cando se fixo a última leitura do testamento do antroido en Souto. Tras case quince anos de duración, remataba a súa andaina e, con ela, a tradición antroideira da parroquia de Morás!
 
Moitos recordos desde Morás
lles manda o fulano,
que se Deus non cambia a sorte
xa os saúda pro ano.
 
(Comparsa “Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, 1950)
 

  Ao ir minguando o espíritu entroideiro nas parroquias, dende hai xa bastantes anos o Entroido xa só se celebra na capital municipal, onde neste ano 2024 a temática será o cómic. Coincidindo co recente pasamento de Francisco Ibáñez, debuxante e guionista de cómics, coñecido por ser o pai dos populares personaxes Mortadelo e Filemón e de ser tamén o creador de series como 13 Rue del Percebe, Rompetechos, El botones Sacarino ou Pepe Gotera e Otilio, a Concellería de Cultura quixo render homenaxe a este xénero artístico e por ende, a todos, os personaxes que marcaron a nosa infancia dende os superheroes de Marvel ata Snoopy, Mafalda, Tintín, Astérix e Obélix, Zipi e Zape...

Aí tedes a programación do Entroido 2024:

 




FONTES:

-BLANCO REY, MANUEL. Alcaldes de Arteixo (1836-1998). Concello de Arteixo, 1998.
-SANDE MAÑANA, SANTIAGO. Boletín Informativo Municipal de Arteixo nº 48
-SOUTO, XURXO. Contos da Coruña. Xerais. Vigo, 2007.



venres, 26 de xaneiro de 2024

O ENTROIDO DE MONTEAGUDO

 Carnaval, de carne e levare. «Quitar a carne». O carnaval é época de excesos. De celebración. O culto ás carnes antes da Coresma. Celébrase en todos os países de tradición católica, aínda que en cada recuncho do planeta coas súas particularidades. Hai puntos en común como a carne e a época do ano, mais sobre todo hai diferenzas: rituais, nomes ou aceptación... En pouco se parecen os corpos esculturais de Río de Janeiro, ou de Tenerife, ás ácidas chirigotas de Cádiz ou ás formigas rabiosas de Laza. Mais todo é carnaval. Bueno, na realidade case todo, porque en Galicia é Entroido. 

  Galicia é un mundo aparte, un pequeno cosmos, e cada comarca, coas súas peculiaridades. Entroido ou Antroido, segundo a zona. Desde os urbanitas de instituto que visten unha funda azul da obra na que traballaba seu pai, unha careta e, armados con petardos de mecha gorda, alborotan as rúas parando os corazóns do persoal ou dalgún asustadizo can, ata o oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón (Lugo), que baixa da montaña para aterrorizar á veciñanza tras hibernar a gusto. Decídelle a un de Xinzo que o seu Entroido se parece ao de Verín. ¿É o mesmo un peliqueiro que un cigarrón? Existen puntos en común, como o culto á carne e ao viño en todas as celebracións. Pero moitas diferenzas.

   E en Arteixo? Nestas Crónicas de Arteixo xa contamos hai certo tempo algúns aspectos dos entroidos que se celebraban no pasado nas nosas parroquias cos seus respectivos mascaritos e mascaritas, choqueiros de varredoiro, touros, burros… aspectos e pinceladas que prometemos ampliar no futuro ao resto das freguesías arteixás. 

 

Mozas de Arteixo celebrando o Entroido nos anos 60

   Hoxe retomamos esta viaxe carnavalesca en Monteagudo, onde nos anos 40 seica xa se celebraba un dos entroidos máis importantes da bisbarra. Dada a súa grandeza e importancia, acudían xentes de Lendo, San Román, Sorrizo, Chamín ou mesmo de Armentón, caso de Juliana, Felisa, Generosa de Cotolo e o coxo, veciños do lugar da Perillona que se desprazaban ata Monteagudo nun carro tirado por un cabalo e adornado de mimosas.

    A semana anterior aos días de Entroido facíase a matanza e ao porco arrancábanselle os dentes máis grandes, para as entroidadas. Naqueles duros anos da posguerra, tempos de verdadeira necesidade, era cando máis e mellor se comía xa que o resto do ano, a meirande parte dos días, o único que había para levar á boca era caldo e broa. Polo que lle ten contado a señora Carmucha á súa neta Ana María Castro “polo Entroido, dabamosnos boas enchentas. Cacheira, grelos, filloas, buñuelos, chulas, guiso de tripas, rexóns, morcillas… Levábase a proba da matanza, algo que a min gustábame moito porque cando a levabas dábannos de comer ou algúns cartiños. Xa lle chamaban a "semana larpeira".

    Unha semana antes xa se escoitaban os cornos. Oíanse ao lonxe. Era o sinal, aínda que na realidade o Entroido empezaba co mes de febreiro, o día dous, o día que casan os paxariños... día das candeas: tíralle o burro polas cadeas; o día tres, día de San Bras: tíralle o burro por detrás. Desde o día dous xa se empezaban a botar as entroidadas. Unha moi utilizada era a de debuxar un burro de papel e pegarllo ao lombo a alguén sen que se decatase.

 

Imaxe antiga da igrexa de Monteagudo

    O domingo empezaba a diversión. Os outros días había que levantarse cedo e facer o traballo da casa. Dábanlle de comer aos animais, ían coller a herba e alí xa falaban do que farían pola tarde. Traballábase só pola mañán, pola tarde gardábase o día santo.

    O luns e o martes facíase baile na leira da Veiga, aínda que en ocasións tamén se facía nas leiras do Freixal. Era o mes de febreiro, facía frío e escollíanse sitios que fosen abrigosos. A señora Carmucha recordáballe á súa neta Ana que “eu vestíame de mascarita, poñía un vestido e colgáballe cintas de papel de cores. Non tiñamos cartos para comprar cousas e aproveitábamos o que había pola casa. No baile, que se facía con pandeiretas, tocábanse ghotas e muiñeiras. A mascarita bailaba co mascarito, que ía vestido cun traxe e na cabeza levaba un sombreiro de palla cuberto de cintas de papel. Os choqueiros ían vestidos con farrapos, as mulleres vestíanse de vellos e os homes de mulleres ou de vellas. O choqueiro tíñalle que roubar a mascarita ao mascarito. Cando este se daba conta se cadra xa íamos aló embaixo. Viña correndo para recuperarme… mira que corríamos! Cruzabamos a leira, saltabamos o esqueiro… cando nos pillaba voltabamos para o baile, e así todo o tempo”.

    En Monteagudo tamén había algún que se vestía de touro. Na casa do señor Manuel tiñan o esqueleto da cabeza dun touro con cornos. No Entroido collían esa cabeza dúas persoas, tapábanse con mantas e simulaban un touro de verdade. Para facer o corpo, un ía de pé e o outro medio encurvado, que remataba a festa derreado dos cadrís. De rabo poñían un pau cebro, con ramas de espiñas na punta cheas de bosta para que ninguén se metese con eles.

    Naqueles entroidos dos anos 40, a veciñanza de Monteagudo tamén ironizaba cos traballos que se pasaban nas minas de volframio. Ao parecer, algúns disfrazábanse de mineiros e outros de carabineiros. Os mineiros facían buratos na terra simulando lavar o mineral ata que chegaban os gardas para requisarlles o volframio extraído das minas, dando pé ao comezo da persecución!

    Naquela hora, se te convidaban a tomar café polo Entroido o máis lóxico era que cho serviran con sal, e se che rogaban con filloas se cadra tiñas a “sorte” de morder a que levaba fíos. Os fíos eran de cerro de liño. Cando se fiaba xa se reservaba algunha madeixa para as entroidadas. Ao botar o amoado na sartén, ou mesmo na pedra, engadíanse os fíos a estas filloas que se colocaban no prato, no medio das outras, agardando a persoa “afortunada” da entroidada. 

 

Filloas feitas pola señora Teresa

    Nos 50 e nos 60 o Entroido de Monteagudo ía continuar coa sona de antano. Arturo Varela, veciño de Armentón nado no Igrexario de Monteagudo recorda con especial cariño os traxes das mascaritas. “Eran unha cousa digna de ver. Miña nai, María, era costureira, e facía estes traxes de papel, de papel duro que non sei onde o conseguía pero que termía das costuras. Eran papeis de cores que tamén se utilizaban en tiras longas para adornar os sombreiros dos mascaritos e das mascaritas. As mascaritas ían vestidas de xeito impecable… o que pasa é que moitas veces caían e rompían o vestido.”

   Hai quen recorda os traxes dos mascaritos con certo estilo militar e cun sombreiro bicudo con cintas e adornos en contraposición ao das mulleres, que era redondo, aínda que igual de adornado.

   Nos Entroidos que se celebraban en Monteagudo nos anos 50 e 60 había tres días de baile nos que tocaban músicos como José Luís, integrante das orquestras Sintonía e Os Satélites; Breixo, que estaba na Banda Municipal da Coruña; Lemos de Oseiro; Daniel Mallo; Castro, que seica tamén era fotógrafo; e mesmo acudían artistas como O Xestal, músico, humorista, e, sobre todo, «contador de contos» moi querido en Bergantiños e en toda Galicia, onde popularizou temas míticos como Apaga o candil ou a Foliada de Montemaior.

 

O Xestal

    Os músicos contratados botaban os tres días en Monteagudo. Durmían e comían na taberna de Socorro e Antonio. Cando viña O Xestal xa vos podedes imaxinar como eran aquelas xornadas entroideiras. “Co Xestal todo o mundo quería estar na taberna porque botaba dende pola mañán ata a noite contando nos contos… era moita comedia do Noso Señor”, recorda Arturo Varela.

    Mais as vidas e os hábitos da xente foron mudando paulatinamente e chegou un día no que se deixou de celebrar o Entroido en Monteagudo. Sirva este pequeno xesto, esta viaxe no tempo, para poñelo en valor e non esquecer a importancia que tivo no seu momento.

  Ao ir minguando o espíritu entroideiro nas parroquias, dende hai xa bastantes anos xa o Entroido xa só se celebra na capital municipal, onde neste ano 2024 a temática será o cómic. Coincidindo co recente pasamento de Francisco Ibáñez, debuxante e guionista de cómics, coñecido por ser o pai dos populares personaxes Mortadelo e Filemón e de ser tamén o creador de series como 13 Rue del Percebe, Rompetechos, El botones Sacarino ou Pepe Gotera e Otilio, a Concellería de Cultura quixo render homenaxe a este xénero artístico e por ende, a todos, os personaxes que marcaron a nosa infancia dende os superheroes de Marvel ata Snoopy, Mafalda, Tintín, Astérix e Obélix, Zipi e Zape...

Aí tedes a programación do Entroido 2024:

 




FONTES:

BALADO, FRAN (2014): Guía rápida del entroido en Galicia, La Voz de Galicia, 28 de febreiro.

CASTRO REGUEIRA, ANA MARÍA (1998): O Entroido de Monteagudo, Traballo gañador do premio de investigación sobre o entroido convocado polo Concello de Arteixo en 1998 e publicado no B.I.M. nº 49.

domingo, 21 de xaneiro de 2024

A PARROQUIA DE LARÍN NA DESCRICIÓN HISTÓRICA-XEOGRÁFICA PUBLICADA EN 'EL IDEAL GALLEGO' EN 1930

  Dende que abrimos estas Crónicas de Arteixo en setembro de 2014, fomos publicando ocasionalmente unha serie de interesantísimas descricións sobre as parroquias de Pastoriza, Lañas, Oseiro, Suevos, Chamín, Monteagudo, Loureda e Morás escritas nos anos 1620, 1752, 1826, 1850, 1928 e 1930. Posteriormente, faríamos o propio coa parroquia de Larín (xa vos adianto que a seguinte será Barrañán) cunha xeira que hoxe chega ao seu fin cun traballo realizado polo arcebispado de Santiago de Compostela que se publicou no xornal El Ideal Gallego entre 1928 e 1930.

Deseguido transcribimos o artigo sobre a parroquia de Larín publicado no devandito medio herculino o 23 de xaneiro de 1930:


ARZOBISPADO DE SANTIAGO

Descripción histórico-geográfica de sus feligresías

ARCIPRESTAZGO DE FARO

(PROVINCIA DE LA CORUÑA)

SAN ESTEBAN DE LARÍN

(Arteijo)


Feligresía de entrada: iglesario incompleto: matriz de Lestón (Laracha): carretera de Finisterre la que enlaza en su derecha, en Anide, con la carretera de Lañas a Armentón: presentación del marqués de Camarasa: dista 6 kilómetros de la Casa Ayuntamiento y 17 de la Coruña, capital del Juzgado y provincia.

Linda al N. con Armentón, al E. con Loureda, al S. con su anejo y al O. con Monteagudo.

Como está en los linderos del municipio testa con el de Laracha, al que pertenece parte de la aldea de Payo-Saco, en la parroquia de Lestón.

Terreno feraz con bastante arbolado, se halla entre montes bañado por varios regatos que van a engrosar el arroyo Castro.

En Campos hay en la carretera una buena fuente.

Clima sano y ventilado.

Cuenta con escuela nacional y algunos establecimientos de comercio.

Mirón en su aldea más crecida con 77 habitantes: las demás son: Bons, Casa-nova, Fraga, Groba de Abajo, Iglesario, Larín de Arriba, Orrente -molinos harineros-, Paradela, Payo-saco, Pedra, Rúa y Vigo y grupos menores.

Suman 113 sus viviendas, de ellas 50 de planta única y 63 de dos cuerpos, de ellas vacías dos por el destino que tienen: existen 56 albergues.

La aldea de Rúa tomó este nombre quizás de la vía romana que de Finisterre y Corcubión cruzaba por la costa de Baldayo y por Chamín, seguía a Arteijo y luego continuaba a “Farum” (Coruña), teniendo los puentes de Barrañán y Figueroa. El ilustre Cornide dió algunas inscripciones halladas en estos lugares.

domingo, 7 de xaneiro de 2024

A PARROQUIA DE LARÍN NA XEOGRAFÍA XERAL DO REINO PUBLICADA POR CARRÉ ALDAO EN 1928

   Nado na Coruña en 1859, Uxío Carré Aldao foi un libreiro e escritor en lingua galega e castelá. No ano 1891 faise cargo da libraría de Andrés Martínez Salazar e da imprenta de Domingo Puga, onde tiña lugar unha tertulia galeguista, coñecida como A Cova Céltica, da que Carré era o principal animador.

   Na súa imprenta ían aparecer gran parte dos libros dos autores galegos da época. Foi membro da Liga Galega (1897), de Solidaridade Galega (1907), da Real Academia da Historia, e tamén foi un dos fundadores da Real Academia Galega.

   Carré casou con Purificación Alvarellos Pena, con quen tivo 11 fillos, aos que lles ía inculcar as súas inclinacións literarias. Algún deles, Uxío, Leandro e Lois Carré Alvarellos serían escritores, así como as súas netas May Carré e María del Pilar Carré, que escribiron novela rosa.

   Algunha das súas obras foron Brétemas (1896); Raiolas (1898); Apuntes para la historia de la imprenta y el periodismo (1901); La literatura gallega en el siglo XIX (1903); Influencia de los catalanes en el progreso de la industria pesquera en Galicia (1904); Idioma y literatura de Galicia (1908); Guerra de la Independencia en Galicia. El Alzamiento contra los franceses (1908); Influencias de la literatura gallega en la castellana (1915); Contos de forxa (1919) ou, A terra chama (1925).

   En 1928, catro anos antes da súa morte, publica o tomo dedicado á provincia da Coruña da Geografía General del Reino de Galicia, unha auténtica xoia, unha obra sublime na que Carré dá un paseo polo máis profundo de cada un dos concellos coruñeses debullando a súa xeografía, historia, lendas, etnografía...

  Deseguido, aparece a información que Eugenio Carré Aldao escribiu sobre a parroquia de Larín na devandita obra:


Parroquia de San Estebo (Esteban) de Larín, de entrada.- Es matriz de Lestón (Laracha) y linda al N. con Armentón, al E. con Loureda, al S. con su anejo y al O. con Monteagudo. En los límites del ayuntamiento testa asimismo con el municipio de Laracha, partido de Carballo, siendo de esta feligresía parte de la aldea de Payo Saco, que también pertenece a la parroquia de Lestón.

Igrexa de Santo Estevo Estevo de Larín

Es terreno feraz, con bastante arbolado, y se halla situado entre montes, regándola varios manantiales que van a engrosar el arroyo Castro. La atraviesa la carretera de Finisterre, en la que enlaza por su derecha en Anide la que de Lañas va por Armentón. En Campos (Anide) hay en la carretera una buena fuente. Esta a 17 kilómetros de la Coruña y a 6 de la casa del ayuntamiento.

Sus aldeas son Fraga, Mirón, Orrente (molinos harineros), Paradela, Payo Saco, ésta en la carretera, Pedra, y los grupos menores de Bons, Casanova, Casas Novas, Coque, Groba, Iglesario, Larín de Enriba, Piñeiro, Rua y Vigo. Constan estas entidades de 170 viviendas, de las que 63 son de un piso, otras 63 de dos y el resto, 44, chozas o albergues, domicilio de 450 habitantes de hecho y 483 de derecho.

Existe una escuela nacional.

Es de clima sano y ventilado.